Idade de Bronce en Galicia

Os primeiros metais e a cerámica campaniforme chegaron a Galiza procedentes de Portugal hai uns 4 000 anos, durante o Calcolítico ou Idade do Cobre.

Idade de Bronce en Galicia

Casco de Leiro.
Historia Historia de Galicia
Cronoloxía Cronoloxía de Galicia
Categoría Historia de Galicia
Prehistoria
Prehistoria de Galicia
Megalitismo en Galicia
Idade de Bronce en Galicia
Idade de Bronce atlántico
Idade de Ferro en Galicia
Cultura castrexa
Relacionados
Historia Prehistoria da Península Ibérica

Na Idade de Bronce (1800-700 a.C.), a metalurxia comezou a evidenciar cambios tanto na forma coma na técnica coa aparición do bronce. A base económica foi a agricultura e a gandería e mailo aproveitamento dos recursos mariños; aínda que a metalurxia do bronce debeu xogar un importante papel, mesmo no crecemento dos intercambios destes bens coa Europa atlántica e co Mediterráneo peninsular.

Son numerosas as pezas de ourivaría que conservamos: pulseiras, diademas, brazaletes,etc., o que evidencia a xerarquización desta sociedade. Pola súa cantidade e calidade destaca o tesouro de Caldas de Reis (Caldas de Reis), hoxe no Museo Provincial de Pontevedra, así como o casco de Leiro (Leiro, Rianxo), no Museo Arqueolóxico do Castelo de Santo Antón, na Coruña.

A importancia da guerra para esta sociedade vén marcada polo numeroso armamento metálico atopado: puñais, machadas, punta de lanza ou espadas. Os lugares nos que apareceron os restos de maior importancia son Leiro, O Hío (Cangas) e Roufeiro (Nocelo da Pena, Sarreaus).

Da Idade de Bronce consérvase unha gran cantidade de gravados en penedos ao aire libre, denominados petróglifos. Aparece a finais desta época a Cultura castrexa.

Etapas

editar

Bronce inicial

editar

Etapa que vai do 1800 ó 1500 a.C., na que predomina o cobre de tradición campaniforme sobre o bronce. Aparecen novas armas como o puñal de lingüeta e as puntas tipo Palmela.

Bronce medio

editar

Esta etapa esténdese do ano 1500 até o 1200 a.C., e presenta continuidade co Bronce inicial, aínda que con mudanzas importantes, coma a mudanza do ritual funerario (como mostra o feito de desapareceren os vestixios de enterramentos). É nesta etapa cando se xeneraliza a aliaxe cobre/estaño, cunha proporción de estaño do 10 %, sendo este un carácter de gran constancia.

Bronce final

editar

Vai do 1200 até o 700 a.C. Nesta etapa prodúcense significativos trocos na produción metalúrxica. A área galaica inicia unha nova xeira de intensificación económica, empregando unha tecnoloxía máis avanzada. Acontece a engalaxe definitiva da metalurxia do bronce, e prodúcese a introdución do chumbo nas aliaxes e o desenvolvemento de relacións entre os distintos focos atlánticos, ligados comercial e culturalmente (koiné atlántica). Aínda así, a meirande parte dos obxectos de metal son de produción local, aínda que inspirados en modelos foráneos, debido ás relacións culturais e comerciais xa nomeadas.

O avance económico non se debeu só á produción metalúrxica, senón que tamén a agricultura exerceu un notable papel coa introdución de novos tipos de cultivo e unha intensificación da actividade no agro.

Socialmente albíscase unha xerarquización, unha meirande especialización e un incremento da importancia da relación co mundo bélico e de prestixio.

A maioría de achados do Bronce final de Galiza sitúanse ao norte e oeste do río Miño e, aínda que en menor proporción, nas cuncas do Limia, do Támega e do Sil. Desta época son a espada de Mouruás e a espada de Forcas.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar