Reino dos Hwicce

(Redirección desde «Hwicce»)

Hwicce foi un reino tribal da Inglaterra anglosaxoa. Segundo a Crónica anglosaxoa, o reino foi creado en 577, tras a batalla de Deorham. Despois de 628, o reino converteuse en vasalo de Mercia por mor da batalla de Cirencester.

Modelo:Xeografía políticaReino dos Hwicce
Hƿicce (ang) Editar o valor en Wikidata
Imaxe

Localización
Editar o valor en Wikidata
CapitalWorcester (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Poboación
Relixiónpaganismo anglo-saxão (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Datos históricos
Precedido por
Creación577 Editar o valor en Wikidata
Disolucióndécada de 780 Editar o valor en Wikidata
Sucedido porMercia Editar o valor en Wikidata

O Tribal Hidage valorou a Hwicce en 7000 hides, o que implicaría unha economía de tamaño similar á dos reinos de Essex e Sussex.

As fronteiras exactas do reino permanecen incertas, aínda que probabelmente coincidisen coas da antiga diocese de Worcester, fundada en 679–80 e cuxos primeiros bispos utilizaron o título de Episcopus Hwicciorum "bispo dos Hwicce". O reino, por tanto, incluiría Worcestershire excepto o extremo noroccidental, Gloucestershire excepto o Bosque de Dean, a metade suroccidental de Warwickshire, os arredores de Bath, ao norte do Avon e pequenas partes de Herefordshire, Shropshire, Staffordshire e o noroeste de Wiltshire[1][2].

A etimoloxía do nome Hwicce "os hwiccianos" é incerta. Pode ser un plural para "os hwiccianos", ou quizais provén dun nome de clan.

Unha etimoloxía provén do nome común hwicce "arca, baúl", en referencia á aparencia do territorio como un val plano bordeado polos Montes Cotswold e os outeiros Malvern[3]. Outra posibilidade podería ser que derivase dun nome concreto, "as xentes dun home chamado Hwicce", pero non hai rexistro dese nome[4][5]. Eilert Ekwall conectou o nome, baseándose na lingüística, co dos Gewisse, os antecesores dos Saxóns Occidentais[6]. Smith suxeriu que este nome tribal tiña unha orixe pexorativa, co significado de "os covardes", relacionado con quake, nórdico antigo hvikari "covarde". É tamén probábel que "Hwicce" denominase ás tribos nativas que vivían a beiras do río Severn, no actual Worcester, que se dedicaban a fabricar cestos a partir dos xuncos. A palabra moderna 'wicker', que se cre ten orixe escandinava, describe o tipo de cestos fabricados por estes antigos poboadores.

Stephen Yeates (2008, 2009) interpretou o nome co significado de "caldeiro; vasilla sacra" e relacionou a forma do Val de Gloucester e o culto rexional britano a unha deusa cun caldeiro ou marmita, identificada cunha Mater Dobunna, supostamente asociada con lendas relacionadas co Santo Graal[7].

O topónimo Hwicce pervive en Wychwood en Oxfordshire, Whichford en Warwickshire, Wichenford, Wychbury Hill e Droitwich en Worcestershire.

Historia

editar

O territorio dos Hwicce debeu de corresponder ao da antiga civitas romana dos Dobunni[8]. A zona parece permanecer amplamente britana durante o primeiro século despois do fin da Britania romana, pero os enterramentos e topónimos pagáns na zona nororiental suxiren un crecente fluxo anglo desde o Avon e poida que outras rutas; pode que recibisen tributo dos líderes britanos[9][10].

Segundo a Crónica Anglosaxoa, en 577 tivo lugar unha batalla en Dyrham na que os Gewisse (saxóns occidentais) dirixidos por Ceawlin mataron a tres reis britanos e capturaron Gloucester, Cirencester e Bath. A ocupación saxoa da zona non durou moito e concluíu posibelmente en 584, data da batalla de Fethanleag, segundo a Crónica, na que Cutha morreu e Ceawlin regresou enfadado á súa casa, e con seguridade en 603 cando, segundo Beda, San Agostiño asistiu a unha reunión de bispos galeses "no Carballo de San Agostíño, na fronteira entre os Hwicce e os Saxóns occidentais".

Os anglos reforzaron a súa influencia na zona en 628 cando, segundo a Crónica, os Saxóns Occidentais se enfrontaron con Penda de Mercia en Cirencester e despois chegaron a acordos. Evidentemente, Penda vencera, pero posibelmente negociou acordos cos líderes locais, xa que o territorio ocupado non pasou a formar parte de Mercia, senón que se converteu en aliado ou vasalo de Hwicce.

O territorio dos Hwicce incluía varios grupos tribais diferenciados, como os Husmerae, os Stoppingas e os Weorgoran[11].

Posibelmente, os primeiros reis foron dous irmáns, Eanhere e Eanfrith. Beda sinala que a raíña Eafe "fora bautizada no seu propio país, o reino dos Hwicce. Era filla de Eanfrith, irmán de Eanhere, ambos os dous eran cristiáns, como o era o seu pobo"[12]. De aquí deducimos que Eanfrith e Eanhere eran de familia real e que o seu era un reino cristián.

É máis probábel que os Hwicce fosen convertidos ao cristianismo por misioneiros celtas que pola Misión gregoriana enviada por Gregorio I, xa que Beda estaba ben informada desta última e non menciona en ningún momento a evanxelización dos Hwicce[13]. Aínda que a toponimia nos mostra un importante asentamento anglosaxón, a limitada expansión de enterramentos pagáns, así como dous nomes de lugares con eccles que identifican sen dúbida as igrexas romano-britanas, suxiren que o Cristianismo sobreviviu ao influxo anglosaxón. Hai tamén posíbeis enterramentos cristiáns baixo a catedral de Worcester e a igrexa de Santa María de Lode en Gloucester[14]. Isto parece indicar que os visitantes anglosaxóns foron asimilados pola igrexa existente. A dinastía gobernante dos Hwicce foron posibelmente figuras clave neste proceso. Quizais naceron de matrimonios mixtos entre as principais familias anglas e britanas.

Por unha complexa cadea de razoamentos, podemos deducir que Eanhere contraeu matrimonio con Osthryth, filla de Oswiu de Northumbria, coa que tivo fillos chamados Osric, Oswald e Oshere. Osthryth é lembrada por ser a esposa de Aethelred de Mercia. Un matrimonio anterior con Eanhere axudaría a explicar por que Osric e Oswald son descritos como nepotes — habitualmente "sobriños" pero aquí posibelmente co significado de "fillastros" de Aethelred[15].

Osric estaba ansioso por conseguir un bispo propio para os Hwicce, pero Oshere conseguiu a creación da catedral de Worcester en 679-680[16] . Presumiblemente, Osric morrera naquela época. Tatfrid de Whitby foi nomeado primeiro bispo dos Hwicce pero faleceu antes da súa ordenación, e foi substituído por Bosel[17]. Un cronista de Worcester do século XII comenta que a cidade foi elixida como sede episcopal porque era a capital dos Hwicce[18].

Oshere foi sucedido polos seus fillos Æthelheard, Æthelweard e Æthelric. A comezos do reinado de Offa, atopámonos o reino gobernado por tres irmáns chamados Eanberht, Uhtred e Aldred, os dous últimos dos cales vivirían até o 780. Á súa morte, o título de rei parece ser abandonado. O seu sucesor Æthelmund, que morreu nunha campaña contra Wessex en 802 aparece descrito unicamente como conde.

O territorio permaneceu en mans de Mercia até a caída do reino. Xunto co resto da Inglaterra merciana, someteuse a Alfredo o Grande entre 877 e 883, durante o goberno do conde Aethelred de Mercia, posibelmente orixinario de Hwicce.

Reis de Hwicce

editar

Non se conserva ningunha lista contemporánea de reis, así que a seguinte lista foi compilada por historiadores a partir de varias fontes[19]. Algúns reis parecen gobernar de forma conxunta en parte ou durante todo o seu reinado. Isto dá lugar a certa redundancia nas datas.

Nome Data Notas
628 O reino é conquistado por Penda de Mercia.
Eanhere mediados do século VII
Eanfrith mediados do século VII Irmán de Eanhere.
Osric activo na década de 670 Enterrado na catedral de Gloucester.
Oshere activo na década de 690 Irmán de Osric. Morreu antes de 716.
Æthelheard activo en 709 Fillo de Oshere. Emitiu diplomas con Æthelweard.
Æthelweard activo en 709 Fillo de Oshere.
Æthelric activo en 736 Fillo de Oshere.
Eanberht activo na década de 750 Sen rexistros despois de 759.
Uhtred activo entre 750-779
Ealdred activo entre 750-778
Década de 780 Asimilación dos Hwicce por Mercia.

Ealdormen dos Hwicce

editar
Véxase tamén: Ealdorman.
Nome Data Notas
Æthelmund c. 796-802 Falecido en batalla en 802.[20]
?Æthelric fl. 804 Fillo de Æthelmund. No seu testamento de 804 pide ser enterrado en Deerhurst.[1] Arquivado 02 de febreiro de 2017 en Wayback Machine.
Leofwine d.c.1023 Pai de Leofric, conde de Mercia
Odda de Deerhurst m.1056 Construíu a capela de Odda en Deerhurst pola alma do seu irmánÆlfric. Foi enterrado en Pershore. A área da súa xurisdición posiblemente non incluía Hwicce.[21][22][23]
  1. Della Hooke, The Kingdom of the Hwicce (1985), pp.12-13
  2. Stephen Yeates, The Tribe of Witches (2008), pp.1-8
  3. J. Insley, "Hwicce" in: Hoops (ed.) Reallexikon der germanischen Altertumskunde, vol. 15, Walter de Gruyter, 2000, ISBN 978-3-11-016649-1, p. 295.
  4. William Henry Duignan, Notes on Staffordshire place names, 1902.
  5. A. H. Smith, 'The Hwicce', in Medieval and Linguistic Studies in Honour of F. P. Magoun (1965), 56-65.
  6. Eilert Ekwall, The Concise Oxford Dictionary of English Place-Names (Oxford Clarendon Press, reprinted 1991)[cómpre nº de páxina]
  7. Stephen J. Yeates, The Tribe of Witches: The religion of the Dobunni and Hwicce, Oxbow Books (2008). Stephen Yeates, A Dreaming for the Witches (2009).[Verificar credibilidade]
  8. J. Manco, Dobunni to Hwicce, Bath History, vol. 7 (1998).
  9. D.Hooke, The Anglo-Saxon Landscape: The Kingdom of the Hwicce (Manchester, 1985), pp.8–10; Sims-Williams, 'St Wilfred and two charters dated AD 676 and 680', Journal of Ecclesiastical History, Vol. 39, part 2 (1988), p.169.
  10. N.Higham, The English Conquest: Gildas and Britain in the fifth century (Manchester, 1994), chaps. 2, 5.
  11. David P. Kirby, The earliest English Kings (Routledge, 1990, 2000)
  12. Bede, The Ecclesiastical History of the English People ed. J.McClure and R.Collins (Oxford, 1994), p.193.
  13. J. Manco, Saxon Bath: The Legacy of Rome and the Saxon Rebirth, Bath History, vol. 7 (1998).
  14. C. Thomas, Christianity in Roman Britain to AD 500 (1981), pp.253–71; Hooke, p.10; C. Heighway, 'Saxon Gloucester' in J. Haslam ed., Anglo-Saxon Towns in Southern England (Chichester, 1984), p.375.
  15. John Leland, Collectanea, vol. 1, p. 240.
  16. Charter S 51, MS Cambridge, Corpus Christi College, 111, pp. 59-60 (s. xii2)S51 Arquivado 27 de setembro de 2022 en Wayback Machine.
  17. Bede, The Eccesiastical History of the English People, ed. J. McClure and R. Collins (1994), p. 212; Chronicle of John of Worcester ed. and trans. R.R. Darlington, J. Bray and P. McGurk (Oxford 1995), 136–8.
  18. "The Chronicle of Florence of Worcester" in The Church Historians of England ed. and trans. J. Stevenson, vol. 2, p.379.
  19. The Blackwell Encyclopedia of Anglo-Saxon England, ed. M. Lapidge (Blackwell 1999), 507.
  20. Crónica anglosajona.
  21. Inscrición da capela: "Conde Odda construíu esta Sala Real e dedicouna en honor da Sagrada Trindade polo alma do seu irmán Aelfric, que deixou o seu corpo neste lugar. O bispo Ealdred consagrouno o segundo dos idus de Abril no décimo cuarto ano do reino de Eduardo, rei dos ingleses."
  22. Victoria County History of Worcestershire, Vol.2, p.128.
  23. See Earl Odda