Batalla de Deorham

(Redirección desde «Batalla de Dyrham»)

A batalla de Deorham (ou Dyrham) foi un encontro militar decisivo entre os saxóns occidentais e os britanos occidentais en 577. A batalla, que se saldou cunha gran vitoria para as forzas de Wessex dirixidas por Ceawlin e o seu fillo, Cuthwine, levou á captura das cidades britanas de Glevum (Gloucester), Corinium Dobunnorum (Cirencester) e Aquae Sulis (Bath). Tamén provocou a separación cultural e étnica permanente entre Dumnonia (Devon e Cornualla) e Gales.

Batalla de Deorham
Data 577
Lugar Hinton Hill cerca de Dyrham, South Gloucestershire, Inglaterra
Resultado Vitoria de Wessex
Líderes
Ceawlin,
Cuthwine
Conmail,
Condidan,
Farinmail

A Crónica anglosaxoa é a fonte única que menciona a batalla. A pesar de que dá poucos detalles, descríbea como un enfrontamento importante. A localización de Deorham é Hinton Hill preto de Dyrham en South Gloucestershire.

Relato editar

A entrada da Crónica anglosaxoa para 577 rexistra que aquel ano Ceawlin de Wessex e o seu fillo novo Cuthwine loitaron contra os britanos occidentais "no sitio que é chamado Deorham". Considérase xeralmente que se trata de Dyrham no actual South Gloucestershire, nas pendentes dos Cotswolds a escasa distancia ao norte de Bath. Os saxóns occidentais tiveron o seu día, e tres reis britanos, cuxos nomes se dan como Conmail,  Condidan e Farinmail, morreron. Por mor da batalla, os saxóns tomaron tres cidades importantes, Glevum, Corinium Dobunnorum e Aquae Sulis, representando Gloucestershire e Worcestershire ao leste do Severn, e unha parte pequena de Somerset[1].

Estratexia e tácticas editar

O val do Severn foi sempre unha das chaves militares de Gran Bretaña, e algunhas das batallas máis decisivas da conquista saxoa tiñan por obxecto o seu control. En 577 Ceawlin avanzou polo val do Támese a través das Cotswolds para capturar a área e romper o poder dos britanos no curso baixo do Severn[2][3].

Algúns historiadores (como Welbore St Clair Baddeley en 1929) concluíu que os saxóns puideron lanzar un ataque sorpresa e capturar o forte situado en Hinton Hill Camp que controlaba o Val do Avon e interrompeu as comunicacións entre as cidades britano romanas de Bath e Gloucester e Cirencester[4][5]. Unha vez os saxóns ocuparon o sitio (e comezaron a reforzaren as estruturas defensivas do lugar, que databan da Idade de Ferro) os britanos víronse obrigados a unírsense e a lanzaren un ataque conxunto para os expulsar. O seu intento fracasou e os tres reis britanos pereceron (están nomeados como Commagil de Gloucester, Condidan de Cirencester e Farinmagil de Bath). As súas forzas foron empuxadas ao norte do río Severn e ao sur de Bath onde comezaron a construción do foxo coñecido como Wansdyke, nun desesperado intento por evitar perder máis terreo.

O historiador militar Alfred Burne, empregando a súa teoría de 'Probabilidade Militar Inherente' optou por unha explicación máis sinxela[6]. Desde o seu punto de vista Ceawlin avanzaba metodicamente cara ao Severn e as forzas britanas concentráronse para paralo. Burne suxire que formaron ao longo de dúas leves cristas ao longo do camiño que bordeaba o Bosque de Braden, con Hinton Hill Camp ás súas costas como almacén– unha posición similar á adoptada na batalla de Beranburh en 556. Burne sinala que se o ataque saxón rompía a primeira liña britana até a segunda crista, outra retirada deixaría os seus flancos abertos ante un ataque outeiro abaixo. A súa teoría é que os saxóns romperon as liñas britanas e conseguiron rodear ao principal corpo cos tres reis preto do forte, o que explicaría por que ningún deles foi quen de fuxir.

Resultado editar

A batalla supuxo un golpe demoledor militar, cultural e económico para os britano-romanos porque perderon as cidades de Corinium, capital provincial no período romano (Cirencester); Glevum, un antigo campamento da lexión (Gloucester); e Aquae Sulis, un famoso balneario e centro relixioso pagán (Bath). A investigación arqueolóxica descubriu que moitas das vilas na era posromana estaban aínda ocupadas, o que suxire que a zona estaba controlada por britanos sofisticados e relativamente acomodados. Aínda así, foron finalmente abandonadas ou destruídas a medida que o territorio foi conquistado por Wessex.

Algúns académicos cren que a batalla marcou tamén o comezo da separación entre os idiomas galés e córnico. Os saxóns xermano-parlantes controlaban agora o terreo entre os pobos celtas do suroeste inglés e os que se situaban en Gales e as Midlands, cuxo territorio sería conquistado polos anglos de Mercia no século VIII[7][8]. Outros sinalan que o contacto por mar era aínda posíbel sen especial complicación, e de feito unha xenealoxía galesa deixa constancia de que descendentes dos reis de Pengwern fundaron unha dinastía en Glastonbury o século VII.

Notas editar

  1. The Anglo-Saxon Chronicle, 577 Arquivado 05 de abril de 2006 en Wayback Machine..
  2. Morris, pp. 5–6, 255–6.
  3. Myres, pp. 162–3, 168.
  4. The Modern Antiquarian
  5. The importance given the towns more likely reflects ninth and tenth-century polities, of the time the Chronicle was given its present form, than the de-urbanised sixth century; Simon T. Loseby, "Power and towns in Late Roman Britain and early Anglo-Saxon England" in Gisela Ripoll and Josep M. Gurt, eds., Sedes regiae (ann. 400–800), (Barcelona, 2000), esp. pp 329f (on-line text)
  6. Burne, pp. 16–21.
  7. Morris, pp. 5–6.
  8. Finberg, pp. 22–3.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar