Historia dos animais

texto sobre bioloxía de Aristóteles

Historia dos animais (en grego Τῶν περὶ τὰ ζῷα ἱστοριῶν, Ton peri ta zoia historion, "Investigacións sobre os animais"; en latín Historia animālium, "Historia dos animais") é un dos principais textos de bioloxía do filósofo da Grecia Antiga Aristóteles, que estudara na Academia platónica de Atenas. Foi escrito no século IV a. C.. Aristóteles morreu no 322 a. C.

Historia animalium et al., Constantinopla, século XII (Biblioteca Medicea Laurenziana, pluteo 87.4)

O libro é considerado xeralmente un traballo pioneiro de zooloxía. Aristóteles estrutura o texto explicando que está investigando o que (os feitos existentes sobre os animais) antes de establecer o por que (as causas destas características). Deste modo, o libro é un intento de aplicar a filosofía a parte do mundo natural. Ao longo da obra, Aristóteles busca identificar as diferenzas, tanto entre individuos coma entre grupos. Un grupo establécese cando se observa que todos os seus membros teñen o mesmo conxunto de características distinguibles; por exemplo, que todas as aves teñen plumas, ás e peteiros. Esta relación entre as aves e as súas características e é recoñecida como un universal.

A Historia dos animais contén moitas observacións presenciais exactas, en especial da bioloxía mariña arredor da illa de Lesbos, como a de que os polbos tiñan a capacidade de cambiar de cor e un tentáculo que transfire esperma, ou que as crías do tiburón Mustelus canis crecían dentro do corpo da nai, ou que o macho do siluro de río Silurus aristotelis garda os ovos unha vez que a femia se vai. Algunhas destas foron consideradas durante longo tempo fantasiosas antes de ser redescubertas no século XIX. Aristóteles foi acusado de cometer erros, pero algúns son malas interpretacións do seu texto, e outras podían estar baseadas en xenuínas observacións. Porén, fixo un uso pouco crítico de evidencias achegadas por outras persoas, como viaxeiros e apicultores.

A Historia dos animais tivo unha poderosa influencia en zooloxía durante uns dous mil anos. Continuou sendo a fonte primaria de coñecemento ata que no século XVI os zoólogos, como Conrad Gessner, todos eles influídos por Aristóteles, escribiron os seus estudos sobre esta materia. O propio Gessner escribiu unha obra de cinco volumes titulada tamén Historia animalium, que non se debe confundir coa obra de Aristóteles.

Contexto editar

 
Aristóteles pasou moitos anos na Academia platónica de Atenas. Mosaico, do século I de Pompeia.

Aristóteles (384–322 a. C.) estudou na Academia platónica de Atenas, permanecendo alí durante uns 17 anos. Igual que Platón, na súa filosofía buscaba os universais, pero, a diferenza de Platón sostiña as súas opinións con observacións detalladas, especialmente da historia natural da illa de Lesbos e a vida mariña na enseada da illa en Pyrrha. Este estudo fixo que fose o primeiro historiador natural cuxa obra sobreviviu. Non se volveu facer ningún outro traballo detallado de zooloxía ata o século XVI, polo que Aristóteles seguiu sendo moi influente nese campo durante uns dous mil anos. Os seus escritos sobre zooloxía forman unha cuarta parte das súas obras que sobreviviron.[1] O discípulo de Aristóteles Teofrasto escribiu posteriormente un libro similar sobre botánica titulado Historia Plantarum (ou Περὶ φυτῶν ἱστορία, Peri phyton historia, "Investigacións sobre as plantas").[2]

O libro editar

Introdución editar

Na Historia dos animais, Aristóteles pretende investigar os feitos existentes (en grego "hoti", 'que'), antes de establecer as causas (en grego "dioti", 'por que').[1][3] O ibro é así unha defensa do seu método de investigar zooloxía. Aristóteles investiga catro tipos de diferenzas entre os animais: as diferenzas en partes determinadas do corpo (Libros I ao IV); diferenzas nos modos de vida e tipos de actividade (Libros V, VI, VII e IX); e diferenzas en caracteres específicos (Libro VIII).[1]

Para ilustrar o método filosófico, consideremos unha agrupación de moitos tipos de animais, as 'aves': todos os membros deste grupo posúen as mesmas características distintivas: plumas, ás, peteiros, e dúas patas óseas. Isto é un exemplo dun universal: se algo é unha ave, terá plumas e ás; se algo ten plumas e ás, isto tamén implica que é unha ave, así que o razoamento aquí é bidireccional. Por outra parte, algúns animais que teñen sangue vermello teñen pulmóns; outros animais de sangue vermello (como os peixes) teñen branquias. Isto implica, no razoamento de Aristóteles, que se algo ten pulmóns, ten sangue vermello; pero Aristóteles é coidadoso en non implicar que todas os animais de sangue vermello teñen pulmóns, polo que o razoamento aquí non é bidireccional.[1]

Contidos editar

Libro I. A agrupación dos animais e as partes do corpo humano. Aristóteles describe as partes das que está feito o corpo humano, como o cranio, cerebro, face, ollos, orellas, nariz, lingua, tórax, barriga, corazón, vísceras, xenitais e extremidades.

Libro II. As diferentes partes dos animais de sangue vermello. Aristóteles escribe sobre as extremidades, os dentes dos cans, cabalos, homes e elefantes; a lingua do elefante; e os animais como os simios, crocodilos, camaleóns, aves, especialmente o Jynx, peixes e serpes.

Libro III. Os órganos internos, incluíndo o sistema xerativo, veas, tendóns, ósos etc. Trata do sangue, medula ósea, leite, incluíndo callo e queixo e o seme.

Libro IV. Animais sen sangue (invertebrados): cefalópodos, crustáceos etc. No capítulo 8, describe os órganos dos sentidos dos animais. No capítulo 10 trata do que é durmir e de se os peixes dormen.

Libros V e VI. Reprodución, espontánea e sexual de invertebrados mariños, aves, cuadrúpedes, serpes, peixes, e artrópodos terrestres, como as avespas parasitas Ichneumon, abellas, avespas, formigas, escorpións, arañas e saltóns.

Libro VII. A reprodución do home, incluíndo a puberdade, a concepción, o embarazo, a lactación, o embrión, o parto, o leite e as enfermidades infantís.

Libro VIII. O carácter e hábitos dos animais, alimento, migración, saúde, doenzas dos animais como os parasitos das abellas, e a influencia do clima.

Libro IX. Comportamento social dos animais; os signos de intelixencia dos animais como as ovellas e aves.

Nalgunhas versións inclúese un Libro X, que trata sobre as causas da esterilidade nas mulleres, pero considérase xeralmente que non pertence a Aristóteles. No prefacio da tradución feita por D'Arcy Wentworth Thompson denomínao "espurio sen discusión".[4]

Observacións editar

A Historia dos animais contén un gran número de observacións feitas directamente polo autor, especialmente en bioloxía mariña, en forte contraste coa "zooloxía simbólica" de Platón. O estilo de Aristóteles e a precisión poden apreciarse na pasaxe onde se discute o comportamento e a anatomía dos cefalópodos, mencionando o seu uso da da tinta par escapar dos predadores, a camuflaxe, e a sinalización. O seguinte fragmento procede da tradución de D'Arcy Thompson:[5]

 
Aristóteles observou que o polbo pode cambiar de cor cando o perturban.
Entre os moluscos o choco é o máis astuto, e é a única especie que emprega o seu líquido escuro para ocultarse e tamén porque ten medo: o polbo e a lura fan a descarga só por medo. Estas criaturas nunca descargan o pigmento na súa totalidade; e despois da descarga o pigmento acumúlase outra vez. A sepia, como se dixo, a miúdo usa o seu pigmento de cor para ocultarse; colócase diante do pigmento e despois retírase detrás del; tamén caza cos longos tentáculos non só pequenos peixes, senón por veces incluso múxoles. O polbo é unha criatura estúpida, pois achégase a unha man humana que se meta na auga; mais é limpo e aforrador nos seus hábitos: é dicir, almacena provisións no seu niño, e, despois de comer todo o que é comestible, expulsa as cunchas e exoesqueletos de cangrexos e moluscos, e os esqueletos de pequenos peixes. Busca as súas presas cambiando de cor para volverse igual que as pedras que o rodean; tamén fai o mesmo cando está alarmado."[5]

As súas observacións foron case todas exactas, segundo o filósofo Anthony Preus, aínda que Mario Vegetti argumenta que ás veces Aristóteles deixaba que a teoría anubrase as observacións.[6]

 
Aristóteles deixou escrito que o embrión do tiburón Mustelus canis estaba unido por unha corda de tecido a un tipo de placenta, o saco vitelino. Na imaxe móstrase outra especie, pero cun embrión similar.

Algunhas das observacións de Aristóteles non foron tomadas en serio pola ciencia ata que foron redescubertas independentemente no século XIX. Por exemplo, sinalou que o polbo macho ten un hectocótilo, que é un tentáculo especial que almacena esperma e que o transfire ao corpo da femia; ás veces despréndese durante o apareamento.[7] Este relato foi descartado como fantasioso ata que o naturalista francés Georges Cuvier o describiu na súa obra de 1817 Le Règne Animal (O reino animal).[8]

D'Arcy Thompson traduciu o importante pasaxe do Libro IV.1 sobre o brazo hectocótilo do polbo da seguinte maneira: "En todos os casos os seus pés están dotados de ventosas. O polbo, por certo, usa os seus tentáculos como pés e mans ; e cos dous que se encontran sobre a boca arrastra a comida, e o último dos seus tentáculos emprégao no acto da copulación; e este último, por certo, é extremadamente agudo, é excepcional por ter unha cor abrancazada, e o seu extremo está bifurcado; é dicir, ten algo adicional no raque, e por raque enténdese a superficie suave ou bordo do brazo no lado máis afastado das ventosas."

Aristóteles tamén se decatou que a cría do tiburón Mustelus canis crece dentro do corpo da súa nai unido por unha corda de tecido a algo similar a unha placenta (o saco vitelino). Isto foi confirmado en 1842 polo zoólogo alemán Johannes Peter Müller.[8] Aristóteles notou tamén que macho do siluro de río Silurus aristotelis, que el chamou o glanis coidaba das súas crías cando a femia as abandonaba despois de parilas; o macho garda os ovos durante 40 ou 50 días, espantando os pequenos peixes que ameazan os ovos, e facendo un ruído como un murmurio. O zoólogo suízoamericano Louis Agassiz descubriu que este relato era correcto en 1890.[9]

Os métodos de observación de Aristóteles incluían a disección (a obra complementaria perdida de Aristóteles As diseccións, contiña ilustracións das mesmas[10]), polo que el observaba a anatomía directamente, aínda que as interpretacións das funcións das estruturas que observou estaban suxeitas a erro. Igual que outros autores clásicos, como Plinio o Vello, Aristóteles tamén recolleu evidencias de viaxeiros e persoas con coñecementos especializados, como pescadores e apicultores, sen facer moitos esforzos en corroboralas.[11]

Erros aparentes editar

 
efemerópteros como Hexagenia camiñan a catro patas, como dixo Aristóteles.

O texto contén algunhas afirmacións que parecen erros. Aristóteles afirmaba que as femias de calquera especie teñen un número de dentes menor que os machos. Esta afirmación aparentemente falsable doadamente hai unha pequena posibilidade de que fose unha observación xenuína, se como suxire Robert Mayhew[12] as mulleres daquela época tiñan unha dieta peor que a dos homes; pero a afirmación, improbable en humanos, non é certa noutras especies tampouco. Así, Philippa Lang sostén que Aristóteles puido ter sido empírico, pero era bastante menos esixente en canto á observación, "porque non esperaba que a natureza estivese errada".[11]

Noutros casos os erros puideron ter sido atribuídos erradamente a Aristóteles.[13] Katrin Weigmann escribiu "A afirmación [de Aristóteles] de que as moscas teñen catro patas foi repetida en textos de historia natural durante máis de dous mil anos malia que con simplemente contalas se tería probado outra cousa."[14] Porén, o historiador e filósofo da bioloxía John S. Wilkins sinalou que Aristóteles non dixo "todas as moscas teñen catro patas"; el escribiu sobre un determinado animal, o ephemeron ou efémera, que "se move con catro patas e catro ás: e, podo observala ao pasar, esta criatura é excepcional non só en canto á breve duración da súa existencia, do cal recibe o seu nome, senón tamén porque aínda que é un cuadrúpede ten ás tamén." As efémeras como Hexagenia, camiñan de feito a catro patas, xa que o par de patas anterior (do total de seis) non está ben adaptado para andar, polo que Wilkins conclúe que Aristóteles estaba no certo. Os machos de Hexagenia usan o par de patas anterior para agarar a femia durante o apareamento, e as outras catro para camiñar.[13]

Traducións editar

 
Páxina dunha tradución árabe medieval, Kitāb al-Hayawān de Al-Jahiz.

Fíxose unha tradución ao árabe que comprende os tratados 1 ao 10 do Kitāb al-Hayawān (O libro dos animais). Era coñecida polo filósofo árabe Al-Kindī (d. 850) e comentado por Avicena entre outros. Foi á súa vez traducido ao Latín, xunto con comentarios de Ibn Rushd (Averroes) sobre el, por Michael Scot a inicios do século XIII.[15]

Algunhas das traducións a linguas europeas modernas foron as que seguen. As traducións ao inglés fíxoas Richard Cresswell en 1862[16] e o zoólogo D'Arcy Wentworth Thompson en 1910.[17] Unha tradución ao francés fíxoa Jules Barthélemy-Saint-Hilaire en 1883.[18] Outra tradución ao francés fíxoa J. Tricot en 1957, seguindo a interpretación de D'Arcy Thompson.[19] Unha tradución ao alemán dos Libros I ao VIII feita por Anton Karsch, empezou en 1866.[20] Unha tradución dos dez libros ao alemán fíxoa Paul Gohlke en 1949.[21]

Influencia editar

O anatomista comparativo Richard Owen dixo en 1837 que "a ciencia zoolóxica naceu dos traballos de [Aristóteles], podemos case dicir, como Minerva desde a cabeza de Xúpiter, nun estado de nobre e espléndida madurez".[22]

Ben Waggoner do Museo de Paleontoloxía da Universidade de California escribiu que

Aínda que os traballos de Aristóteles de zooloxía non carecían de erros, foi a grande síntese biolóxica do seu tempo, e seguiu sendo a autoridade última durante moitos séculos despois da súa morte. As súas observacións sobre a anatomía do polbo, choco, crustáceos e moitos outros invertebrados mariños son salientablemente exactas, e só puideron terse feito por medio de experiencias de primeira man de disección. Aristóteles describiu o desenvolvemento embriolóxico do polo; distinguiu as baleas e golfiños dos peixes; describiu os estómagos con cámaras dos ruminantes e a organización social das abellas; deuse conta que algúns tiburóns parían crías vivas. Os seus libros de animais están cheos de tales observacións, algunhas das cales non foron confirmadas ata moitos séculos despois.[23]

Walter Pagel comenta que Aristóteles "influenciou perceptiblemente" os fundadores da moderna zooloxía, como o suízo Conrad Gessner coa súa obra de 1551–1558 Historiae animalium, o italiano Ulisse Aldrovandi (1522–1605), o francés Guillaume Rondelet (1507–1566), e o holandés Volcher Coiter (1534–1576), mentres que os seus métodos de ver series temporais e facer uso da anatomía comparada axudou ao inglés William Harvey na súa obra de 1651 sobre embrioloxía.[24]

O libro de 2014 de Armand Marie Leroi The Lagoon: How Aristotle Invented Science e o documental da BBC Aristotle's Lagoon puxeron os escritos biolóxicos de Aristóteles en contexto, incluíndo a Historia doa animais, e propuxeron unha interpretación das súas teorías biolóxicas.[25][26]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Lennox, James (27 July 2011). "Aristotle's Biology". Stanford Encyclopedia of Philosophy. Stanford University. Consultado o 28 November 2014. 
  2. French, Roger (1994). Ancient Natural History: Histories of Nature. Routledge. pp. 92–99. ISBN 0-415-11545-0. 
  3. History of Animals, I, 6.
  4. Thompson, 1910, páxina iv
  5. 5,0 5,1 Aristotle (c. 350 BC). Historia Animalium. IX, 621b-622a. Cited in Borrelli, Luciana; Gherardi, Francesca; Fiorito, Graziano (2006). A catalogue of body patterning in Cephalopoda. Firenze University Press. ISBN 978-88-8453-377-7. Abstract Arquivado 06 de febreiro de 2018 en Wayback Machine.
  6. Campbell, Gordon Lindsay (2014). The Oxford Handbook of Animals in Classical Thought and Life. Oxford University Press. p. 517. ISBN 978-0-19-103515-9. 
  7. Aristotle, Book IV.I (D'Arcy Thompson, page 524)
  8. 8,0 8,1 Allaby, Michael (2010). Animals: From Mythology to Zoology. Infobase Publishing. pp. 34–. ISBN 978-0-8160-6101-3. 
  9. Leroi, Armand Marie (2014). The Lagoon: How Aristotle Invented Science. Bloomsbury. pp. 69–. ISBN 978-1-4088-3620-0. 
  10. Haworth, Alan (2011). Understanding the Political Philosophers: From Ancient to Modern Times. Taylor & Francis. pp. 37–40. ISBN 978-1-135-19896-1. 
  11. 11,0 11,1 Lang, Philippa (2015). Science: Antiquity and its Legacy. I.B.Tauris. pp. 60–63. ISBN 978-0-85773-955-1. 
  12. Mayhew, Robert (2004). The Female in Aristotle's Biology. University Of Chicago Press. pp. Chapter 5. ISBN 978-0-226-51200-6. 
  13. 13,0 13,1 Wilkins, John S. (16 September 2008). "Aristotle on the mayfly". Evolving Thoughts. Consultado o 16 October 2016. 
  14. Weigmann, Katrin (2005). "The Consequence of Errors". EMBO Reports 6: 306–309. doi:10.1038/sj.embor.7400389. Arquivado dende o orixinal o 16 de novembro de 2018. Consultado o 02 de marzo de 2018. A crenza de Aristóteles de que o cerebro é un órgano de arrefriamento do sangue non estaba baseada definitivamente en nada que os científicos de hoxe consideren unha proba. Tamén pensaba que nos humanos, cabras e porcos, os machos teñen máis dentes que as femias, unha noción bastante fácil de corrixir. A súa afirmación de que as moscas teñen catro patas foi repetida en textos de historia natural durante máis de mil anos a pesar de que unha simple conta probaría outra cousa. 
  15. Scott, T. C.; Marketos, P. (November 2014). "Michael Scot". University of St Andrews. Arquivado dende o orixinal o 12 de maio de 2017. Consultado o 22 October 2016. 
  16. Cresswell, Richard (1862). A History of Animals. Henry G. Bohn. 
  17. Thompson, D'Arcy Wentworth (1910). A History of Animals. Clarendon Press. 
  18. Barthélemy-Saint Hilaire, Jules (1883). Histoire des Animaux D'Aristote. Librairie Hachette. 
  19. Tricot, J. (1957). Histoire des Animaux. J. Vrin. 
  20. Karsch, Anton (1866). Natur-geschichte der Thiere. Krais & Hoffmann. 
  21. Gohlke, Paul Hermann Edward (1949). VIII: Tierkunde. Die Lehrschriften (Ferdinand Schöning). 
  22. Owen, Richard (1992). Sloan, Phillip Reid, ed. The Hunterian Lectures in Comparative Anatomy (May and June 1837). Chicago: University of Chicago Press. p. 91. 
  23. Waggoner, Ben (9 June 1996). "Aristotle (384-322 B.C.E.)". University of California Museum of Paleontology. Arquivado dende o orixinal o 20 de novembro de 2016. Consultado o 27 November 2014. 
  24. Walter Pagel (1967). William Harvey's Biological Ideas: Selected Aspects and Historical Background. Karger Medical and Scientific Publishers. p. 335. ISBN 978-3-8055-0962-6. 
  25. Leroi, Armand Marie (2014). The Lagoon: How Aristotle Invented Science. Viking. ISBN 978-0-670-02674-6. 
  26. Leroi, Armand Marie (presenter) (11 June 2013). "Aristotle's Lagoon". BBC. Consultado o 11 November 2016. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar