Apicultura
A apicultura é unha actividade agropecuaria que consiste na cría e explotación de abellas domésticas. En Europa a abella máis empregada é a do xénero Apis, normalmente Apis mellifera, con diferentes subespecies ou variantes rexionais. A cría e explotación de melipónidos (abellas sen aguillón produtoras de mel) que se dá nas rexións tropicais e subtropicais denomínase meliponicultura.
Historia da apicultura
editarNas pinturas rupestres do mesolítico presentes na Cova da Araña, en Bicorp, hai escenas da recolección do mel. Aínda que é difícil a súa datación, calcúlase que estas pinturas poderían ter entre 7000 e 8000 anos de antigüidade. No Mesolítico (hai entre 12 000 e 7000 anos), o ser humano comezou a apañar o mel de colmeas silvestres e no Neolítico aprendeu a controlar os enxames.
Existen datos históricos que sinalan a existencia de prácticas apícolas antes da época dos exipcios, os cales trasladaban as súas colmeas en embarcacións ao longo do río Nilo. Hai papiros de hai 4400 anos que recollen esta práctica.
A Deusa grega Artemisa, despois Diana para os romanos, era representada nas moedas[1] co cuño dunha abella, arredor do ano 480 aC. Na Tracia tamén foi moi común o cuño de moedas cunha abella. Os romanos, tamén practicaron a apicultura, herdaron as prácticas helénicas e fixeron delas un obxecto de culto. Os poetas xeórxicos dedicaron obras á descrición dos instintos, das costumes e da intelixencia das abellas e á súa explotación racional.
Ata o descubrimento de América o único edulcorante coñecido era o mel. O inicio do cultivo da cana de azucre e a remolacha azucreira fixo recuar a apicultura sensiblemente. Con todo a súa práctica non se interrompeu en ningún momento.
A técnica apícola
editarAs técnicas apícolas teñen como obxectivo prestarlles ás colonias de abellas os coidados necesarios para que poidan producir un excedente daqueles produtos que son capaces de elaborar. O apicultor colleita estes produtos para satisfacer as necesidades que ten deles ou para comercializalos. Un beneficio indirecto do pecoreo das abellas corresponde á polinización que realizan estes insectos e que é imprescindible para a agricultura.[2]
As colonias de abellas poden provir da enxamia (natural ou forzada) doutra colonia, do transvasamento dunha colonia ou colmea rústica, ou da instalación dun núcleo ou paquete de abellas proporcionado por outro apicultor.
A apicultura moderna comeza a fins do século XIX, cando se comeza a acadar un alto grado de desenvolvemento grazas aos traballos de estudosos como Georges de Layens, Lorenzo Langstroth, Charles Dadant, Charles Paix Debeauvoys, Samuel Wagner, Karl Kehrle, Julius Hoffman, Moses Quinby, Arturo Wulfrath Brockhoff, François Huber, Jan Dzierzon, Jean Henri Fabre, Gilbert M. Doolittle, Francesco De Hruschka, Jean Mehring, Amos Ives Root, Everett Franklin Phillips, Smith, Clarence L. Farrar, Karl R. von Frisch, Konrad Lorenz, Nikolaas Tinbergen, Harry Arthur Dade, Arturo Wulfrath B., Elton James Dyce e August Freiherr von Berlepsch. A invención da colmea de cadros móbiles permite preservar os panais durante a esmelga. O uso de follas de cera estampada e de extractores mecánicos liberou as abellas do traballo de producir cera, reservándoas para a produción case exclusiva do mel. O mellor coñecemento do seu organismo axudou a previr as súas doenzas e a seleccionar a localización dos apiarios segundo as características da flora do lugar.
O traballo do apicultor tense que adaptar ás variacións da actividade das abellas co paso das estacións. O traballo de primavera e verán é na colmea, posibilitando ás abellas un pecoreo correcto e modificando as colmeas para que o espazo de almacenamento non pouquee. Durante o inverno ou estación de receso o traballo consiste no mantemento do material apícola, na prevención das pragas e na planificación do traballo primaveral.[3]
A colmea é un elemento artificial que acolle a unha colonia de abellas. Normalmente consta dun caixón de madeira composto de pezas móbiles que se poden retirar para ampliala ou para facer a esmelga. As partes fundamentais dunha colmea son o piso, a cámara de cría, as alzas melarias, os cadros móbiles e o teito.
Existen distintos tipos de colmeas, que difiren principalmente nas súas medidas. As diferenzas fundamentais veñen dadas pola súa utilización sedentaria ou transhumante. As colmeas máis utilizadas actualmente en España son as Langstroth para as sedentarias e as Layens para as transhumantes.
As ferramentas necesarias para a práctica da apicultura son:
- Afumador
- Pinza ou panca para manexo de cadros
- Cepillo para desabellar
- Traxe de apicultura
- Extractor do mel
- Fundidor de cera
- Reixa excluidora de abellas mestras
- Cera estampada
- Trampa cazapole
Produtos da apicultura
editarAs abellas producen unha serie de produtos dos que o ser humano é quen de tirar partido. Pola súa cantidade e o seu uso alimentario o principal é o mel. Actualmente o seu maior consumidor é a industria de repostería. A cera foi usada historicamente para fabricar candís ou candeas empregadas para a iluminación ou no culto relixioso. Déuselle tamén outros usos, como a impermeabilización e tratamento de madeiras, cordas, coiros, teas etc. Actualmente a cera practicamente foi substituída polos derivados do petróleo. O seu principal consumidor é a propia industria apícola, aínda que o seu uso na industria cosmética é crecente para a preparación de cremas e pomadas.
O pole consómese en estado natural como complemento dietético. A xelea real emprégase como remedio preventivo para estados carenciais. O própole ten efectos beneficiosos sobre as doenzas do aparato respiratorio e a apitoxina axuda ao tratamento da reuma e as doenzas das articulacións.[4]
Notas
editar- ↑ Biolé, F. J. (2011): "Numismática de Apis mellifera". Córdoba: Cooperativa Eléctrica Las Perdices.
- ↑ Layens, G. De; Bonner, G. Curso completo de apicultura (cultivo de las abejas). El colmenero español. Barcelona, 1904. Ed. facsímile Ed. Maxtor. Valladolid, 2008.
- ↑ Jean-Prost, P. Apicultura : conocimiento de la abeja. Manejo de la colmena. Mundi-Prensa. Madrid, 2007.
- ↑ Bradbear, N. La apicultura y los medios de vida sostenibles. Volumen 1 de Apicultura y los medios de vida sostenibles, Folleto de la FAO sobre diversificación. Food & Agriculture Org., 2005
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Apicultura |
Ligazóns externas
editar- Biblioteca Dixital de Cultura Apícola
- Aula apícola con interesantes textos e fotografías xestionada por un apicultor profesional de Azuqueca de Henares (Alcarria - Guadalaxara) Arquivado 13 de abril de 2003 en Wayback Machine..
- InfoBee
- Xornal gratuíto de distribución Mundial
- 11 xornalistas apícolas de todo o mundo informan da actualidade de cada continente