Teofrasto
Teofrasto (en grego: Θεόφραστος, Theóphrastos), Ereso, nado en Lesbos ca. -371 e finado en Atenas ca. -287 a.C.[1] foi un filósofo da Antiga Grecia.
Teofrasto de Ereso | |
Nome orixinal | (grc) Θεόφραστος Ἐρέσιος |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | c. 371 a. C. Eresos, Grecia |
Morte | 287 a. C. (83/84 anos) Atenas, Grecia |
Educación | Escola peripatética |
Actividade | |
Campo de traballo | Botánica |
Ocupación | botánico, filósofo, físico, escritor |
Período de tempo | Período helenístico |
Movemento | Escola peripatética |
Profesores | Aristóteles e Platón |
Alumnos | Estratão de Lâmpsaco (pt) , Bión de Borístenes, Camaleão (pt) , Neleu de Escépsis (pt) , Timagoras of Gela (en) , Praxiphanes (en) , Menandro, Demetrio de Falero e Metrocles de Maroneia (pt) |
Obra | |
Obras destacables
| |
Abreviación dun autor en botánica | Theophr. |
Descrito pola fonte | Nordisk familjebok Biblioteca dixital BEIC 1870 Dictionary of Greek and Roman Biography and Mythology (en) |
Marchou a Atenas a aínda mozo, e inicialmente estudou na Escola de Platón. Despois da morte deste relacionouse con Aristóteles. O seu nome real era Tirtamo, pero coñécese polo alcume Teofrasto, que lle puxo Aristóteles —segundo se di— para indicar a sinxeleza e beleza das súas disertacións.[2]
Aristóteles legou a Teofrasto os seus escritos, e designouno como seu sucesor no Liceo, do que foi director desde o -322 ao 288 a. C. Considérase a Teofrasto como o fundador da botánica en tanto que estudou as plantas en si mesmas, e non polas súas utilidades. E foi reputado como naturalista, ou aínda como alquimista. Segundo o químico alemán Lippmann, o médico e matemático grego do século V a. C. Hipócrates e Teofrasto foron os primeiros en describir a técnica do baño maría.[3]
Teofrasto presidiu a escola peripatética durante 36 anos, nos que a escola floreceu grandemente. Tras a súa morte, os atenienses honrárono cun funeral público.
Vida
editarDespois de recibir a súa primeira introdución á filosofía en Lesbos por parte dun tal Leucipo ou Alcipo, foi a Atenas onde foi un membro do círculo platónico. Despois da morte de Platón, vinculouse con Aristóteles e con toda probabilidade o acompañou a Estaxira.
A íntima amizade de Teofrasto con Calístenes de Olinto, o alumno e compañeiro de Alexandre Magno, a mención feita no seu testamento duna terra da súa propiedade en Estaxira e os repetidos apuntamentos da cidade e dos seus museos na Historia das Plantas son feitos que conducen a esta conclusión.
Aristóteles nomeouno no seu testamento como titor dos seus fillos, legándolle a súa biblioteca e os orixinais dos seus traballos, e designándoo como o seu sucesor no Liceo coa súa propia separación a Calcis. Eudemo de Rodas tamén fai alusións a esta situación e dise que Aristóxeno estaba resentido por esta decisión de Aristóteles.
Teofrasto presidiu a escola peripatética durante trinta e cinco anos e morreu en ca. 287 a. C. Baixo a súa dirección, a escola floreceu admirablemente —houbo un tempo no que tiña máis de 2.000 estudantes— e á súa morte legoulle a súa casa con xardín e columnatas como lugar permanente de ensino.
Menandro estivo entre os seus alumnos. A súa popularidade púxose de manifesto no respecto que lle profesaban Filipo, Casandro e Ptolemeo e pola desestimación total dun cargo de irrelixiosidade interposto contra el.
Foi honrado cun funeral público, e "a totalidade da poboación de Atenas honrouno grandemente, seguindo o cortexo fúnebre até a tumba", segundo relata Dióxenes Laercio.
Obra
editarNas listaxes dos antigos se estenden as súas actividades en todos os campos do coñecemento do seu tempo. Os seus escritos difiren probabelmente pouco do tratamento aristotélico dos mesmos temas, aínda que con detalles suplementarios.
Influíu no seu tempo como un gran divulgador da ciencia. O máis importante dos seus escritos son dous voluminosos tratados botánicos:
- De Historia Plantarum (Historia das plantas), en nove libros (orixinalmente dez).
- De Causis Plantarum (Sobre as causas das plantas), en seis libros (orixinalmente oito).
Estes tratados constitúen a máis importante contribución á ciencia botánica de toda a antigüidade até o Renacemento.
Tamén chegaron a nós fragmentos doutra parte da súa obra, como unha Historia da física, un tratado Sobre as pedras, un traballo Sobre as sensacións (De sensibus) e un sobre metafísica Airoptai, que probabelmente formou parte dun tratado sistemático. Algúns fragmentos científicos máis pequenos recompiláronse nas edicións de J. G. Schneider (1818-21) e F. Wimmer (1842-62) e na de peto Analecta Theophrastea.
A obra Caracteres, traducida ao galego por Iria Pedreira e publicada en 2017 por Rinoceronte Editora,[4] merece unha mención á parte. O traballo consiste nun breve, vigoroso e mordaz esbozo dos tipos morais, que contén unha invalorábel descrición da vida do seu tempo. Trátase, en definitiva, do primeiro intento escrito dunha sistemática de caracteres. O libro está considerado por algúns especialistas como un traballo independente; outros, inclínanse por soster que son bosquexos que escribiu de tanto en vez e que foron recompilados e editados despois da súa morte; outros son da opinión de que Caracteres formaba parte dun traballo sistemático máis amplo, pero o estilo do libro contradí esta opinión.
Teofrasto tivo moitos imitadores desta maneira de escribir, notabelmente Hall (1608), Sir Thomas Overbury (1614-16), Bishop Earle (1628) e Jean de La Bruyère (1688), quen incluso traduciu Caracteres.
Notas
editar- ↑ Tiziano Dorandi, capítulo 2: "Chronology", en Algra et al. (1999): The Cambridge History of Hellenistic Philosophy, páxs. 52-53. Cambridge: Cambrigdge Univ. Press.
- ↑ Das voces gregas θεός, theós, 'deus', e φραστήρ, phrastér, 'lustrador, iluminador').
- ↑ Edmund von Lippmann: "Zur Geschichte des Wasserbades", en Abhandlungen und Vortäge zur Geschichte der Naturwissenschaft (2 Vols.) 1906-1913, páx. 62.
- ↑ "«LA CONDICIÓN HUMANA SIGUE HACIENDO GALA DE UNA GRAN IMPERICIA ÉTICA Y POR ESO ES PERTINENTE RECUPERAR A TEOFRASTO, TAMBIÉN EN GALLEGO». Entrevista a Iria Pedreira Sanjurjo - Mundos antiguos digitales" (en castelán). 2021-07-25. Consultado o 2023-04-07.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Teofrasto |
Bibliografía
editarA Galipedia ten un portal sobre: Grecia antiga |
- Teofrasto (1988): Historia de las plantas. Madrid: Editorial Gredos. ISBN 978-84-249-1271-0
- Teofrasto (2017): Caracteres. Rinoceronte Editora ISBN 978-84-92866-90-8 Tradución ao galego de Iria Pedreira Sanjurjo.
- Alcifrón (1988): Caracteres / Cartas de pescadores, campesinos, parásitos y cortesanas. Madrid: Editorial Gredos. ISBN 978-84-249-1298-7
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- The Oblivion of Being after Aristotle: Theophrastus' Metaphysics (en inglés).
- Peripatetic Logic: The Work of Eudemus of Rhodes and Theophrastus of Eresus Arquivado 14 de agosto de 2011 en Wayback Machine. (en inglés).
- Theophrastus "On Stones" Arquivado 16 de marzo de 2010 en Wayback Machine. (en inglés), texto íntegro, tradución ao inglés e comentarios.