Abrir o menú principal
Recinto das ruínas do tribunal da Heliea. Stoa de Átalo ao fondo. Ágora de Atenas.

A Heliea (grego antigo Ήλιαία Hēliáia) era o tribunal supremo da antiga Atenas. En xeral, sostense que o nome do tribunal provén do verbo ἡλιάζομαι hēliádsomai do grego antigo, que significa celebrar sesión. Outra versión é que o tribunal recibe o seu nome do feito que as audiencias se levaban a cabo no exterior, baixo o sol (ἥλιος hēlios)[n. 1]. A Heliea tamén era chamada gran ekklesía. Inicialmente, este era o nome do lugar onde se realizaban as audiencias, pero despois esta denominación estendeuse até incluír tamén ao tribunal[1].

Os xuíces eran chamados heliastas (ἡλιασταί hēliastái) ou dikastas (δικασταί ὀμωμοκότες = 'xuíces xurados', é dicir, 'os xurados'). Os procesos de xulgar eran chamados ἡλιάζομαι (δικάζω dikádsõ).

A Heliea era un tribunal popular composto por 6000 cidadáns, maiores de 30 anos e repartidos en dez clases de 500 cidadáns (1000 quedaban en reserva) sorteados cada ano para ser heliastas. A acusación era sempre, en ausencia do equivalente aos nosos «ministerios públicos», unha iniciativa persoal dun cidadán. En caso de condena, recibían unha parte da multa, como indemnización e recompensa dos seus esforzos pola xustiza, polo cal algúns cidadáns facían da delación o seu oficio. Eran os sicofantas. A pesar dos mecanismos que limitaban as desviacións deste sistema, isto contribuía a dividir a cidade e servía de argumento ao partido aristocrático contra o novo réxime. Por un complicado sistema e segundo o asunto, designábase por sorteo (baixo control dun maxistrado instrutor) un número pequeno ou grande de heliastas para cada proceso. Así, a título de exemplo, para un proceso privado, reuníanse 201 xuíces normalmente, 401 excepcionalmente. Para os procesos públicos, eran 501, 1001, ou 1501 xuíces. O labor de xulgar era difícil xa que non había un código de procedemento, nin código penal, ofrecendo así unha gran liberdade de interpretación das leis (por outra banda de cantidade reducida).

Os veredictos eran sen apelación e inmediatamente executábeis, onde se comprende o importante papel político que os tribunais da Heliea tiveron. Tiñan lugar duascentas reunións anuais, cada unha baixo a presidencia dun maxistrado que non tomaba parte na votación. O tribunal dos éfetas (51 membros) foi o que acaparou as prerrogativas do Areópago, podía reunirse en catro sitios diferentes segundo os tipos de asuntos:

Fichas de voto utilizadas polos xurados da Heliea, Museo da Ágora de Atenas.
  • No Pritaneo, xulgaban todo o que puidera carrexar a morte de homes (obxectos, animais).
  • No Paladio, xulgaban as mortes involuntarias, aos metecos e os escravos.
  • No Delfinio, xulgaban a lexítima defensa.
  • Nunha praia xulgaban aos exiliados que coñeceran unha morte no seu exilio. O acusado estaba sobre unha embarcación.

Índice

Institución e composición da HelieaEditar

Non está claro se a Heliea foi instituída por Clístenes ou por Solón, pero parece que este último iniciou unha función da Asemblea para representar a un tribunal de recursos[2][3]. O mesmo Aristóteles afirma noutra obra súa que os tribunais son un elemento democrático na constitución de Solón[4].

O tribunal tiña 6000 membros, elixidos anualmente por sorteo  entre os cidadáns homes de máis de 30 anos sen débedas co Tesouro ou non privados dos seus dereitos, concretamente privados dos seus dereitos civís mediante o castigo humillante da atimía (ἀτιμία)[5][6][7]. Aqueles que sufrían de defectos intelectuais ou corporais tamén eran exceptuados, se as súas eivas lles impedían apercibir os procedementos. Se unha persoa descualificada participaba nun xurado, a información que era presentada contra el o conducía ante a Heliea. Se era condenado, o tribunal podía imporlle o castigo ou multa que merecese. Se o castigo era unha multa, o infractor era levado a prisión ata que pagase a débeda anterior pola que o denunciaran, e a que ademais lle impuxese o tribunal.

Nomeamento do xuradoEditar

 
Cleroterion, máquina de sorteo dos xurados, Museo da Ágora de Atenas.

O cargo público de heliasta non era obrigatorio, pero os cidadáns que desexaban exercer estes servizos debían presentar unha petición. Os heliastas percibían un salario anual[8]. E, así, os xurados eran renumerados por cada día de emprego cun óbolo e máis tarde, tras a morte de Cleón en -425 con tres óbolos, nominalmente 3 dracmas antigas. Segundo Aristóteles, «Pericles foi o primeiro que deu unha retribución aos tribunais, para facer fronte á popularidade de Cimón pola súa riqueza»[9].

Os 6000 eran sacados das dez tribos (cada tribo ofrecía 600 membros) e eran divididos en cámaras de 600 xurados, 500 ou 501 eran membros regulares e o resto constituía un xurado alternativo. En caso excepcional, o tribunal podía constituírse en sesións plenarias. Ás veces as cámaras estaban compostas de 201 a 401 membros ou de 1001 a 1501 membros[11]. Despois da elección, os heliastas tiñan que facer xurar unha vez ao ano[10].

Despois do acto de xurar, cada xuíz recibía unha taboíña de madeira de buxo, co seu propio nome, o do seu pai e o do seu demo inscritos nesta, e unha letra do alfabeto, até a kappa[11] e os xurados de cada tribo eran divididos en seccións, aproximadamente nunha cantidade igual a cada letra.

A expresión por tribos (κατὰ φυλὰς katà phylás) non quere dicir que cada tribunal era asignado a unha tribo diferente, senón que representantes de todas as tribos estaban en cada tribunal[12]. En -390, a asignación diaria non era por tribos, senón por «divisións heliásticas» ou «seccións»[13].

As dez seccións (μέρη mérē), distinguidas coas letras do alfabeto grego desde o Α até o Κ, non coincidían coas dez tribos, senón que cada sección tiña aproximadamente un número igual de xuíces de todas as tribos. As taboíñas que se conservan proban que membros de diferentes tribos pertencían á mesma sección.

Aristóteles di sobre os tribunais:

Os tribunais teñen dez entradas,[14]unha para cada tribo, e cen caixas (kibōtia),[15] dez para cada tribo, e vinte aparatos para sorteo (cleroterion), dous para cada tribo, e cen caixas, dez para cada tribo, e outras tantas caixas nas que se botan as taboíñas dos xuíces a quen toque en sorte, e dous cántaros. E en cada entrada colócanse tantos bastóns como xuíces hai, e bótanse nun cántaro tantas landras de bronce como bastóns hai. Nas landras están inscritas as letras do alfabeto a partir da undécima, ou sexa o Λ (lambda), tantas cantos tribunais haxan de formarse.[16]

A primeira serie de caixas eran cen, dez por cada tribo, porque os xuíces de cada tribo estaban divididos en dez seccións nas que estaban distribuídos todos eles.

Con respecto ás taboíñas (πινάκια pinákia), en cada tribo, as que levaban os nomes dos xuíces coa sección A colocábanse na primeira caixa (κιβώτιον kibōtion); as de sección B na segunda, e sucesivamente as dez seccións.

Segundo os xuíces requiridos, sacábase un número igual de taboíñas, por sorteo, do conxunto das cen caixas. Así, cada taboíña sacada tiña asignada por sorteo un tribunal. A continuación, todas as taboíñas colocábanse na segunda serie de caixas. Todas as taboíñas de xuíces asignadas a un determinado tribunal eran colocadas na caixa que levaba a letra correspondente a ese tribunal[17].

Os bastóns eran o distintivo do cargo de xuíz. Estaban marcados coa mesmo cor que o lintel da porta do tribunal asignado ao xuíz. O xuíz entregábao ao entrar ao tribunal e recibía unha tésera ou contrasinal oficial (sýmbolon) a cambio. A tésera servía para reclamar o pago do trióbolo (moeda de tres óbolos)[18].

As landras, chamadas βάλανοι bálanoi, eran unhas bólas de bronce, que tiñan a letra do tribunal inscrita, e depositábanse nun cántaro: tantas landras como bastóns había[19].

XurisdiciónEditar

Na súa orixe, a xurisdición da Heliea foi limitada a xulgar aos arcontes e, probabelmente, algunhas outras acusacións similares contra os titulares de cargos públicos. Foi cando Efialtes e Pericles provocaron unha solución obrigatoria a través da ekklesía, privando ao Areópago, o centro do conservadurismo, da maioría dos casos que xulgaba, que a Heliea empezou a xulgar case todos os casos civís e penais. O Areópago mantivo a súa competencia só para os crimes, homicidios e incendios provocados, mentres que os arcontes podían impor algunhas multas menores. Digno de ser mencionado é que a xurisdición da Heliea incluía tamén litixios, que involucraban a cidadáns atenienses doutras cidades (clerucos) e a outras cidades, as aliadas, (ou tributarias), é dicir, as que por forza ou de bo grado formaban parte da liga de Delos; estaban pois todo suxeitos a unhas leis, que poderiamos cualificar de internacionais. Concretamente, a Heliea funcionaba como un tribunal competente en litixios de leis públicas, privadas, penais e leis privadas internacionais[n. 3][20][21][22].

Ao ter atribucións sobre a chamada grafé paranomon, a Heliea substituíu ao Areópago na execución e o control legal das decisións da Ekklesía (Asemblea ateniense). Até as reformas de Efialtes de Atenas, o Areópago tivo a obrigación de gardar as leis e ter vixiados a maioría dos principais asuntos estatais[23].

ProcedementoEditar

A Heliea exercía durante todos os días laborábeis, excepto os tres últimos días de cada mes e os días en que a Ekklesía estaba en sesión. As cámaras situábanse no exterior, posto que non existía un edificio específico onde aloxarse. Con todo, o lugar onde se realizaba a audiencia estaba rodeado de sebes, detrás dos cales se situaba o público[24]. En detalle, o procedemento legal era como segue:

O hēgemõn (ἡγεμών)[n. 4] do tribunal era o responsábel de reunir os preitos e queixas. Tras realizar unha investigación preliminar, tiña que citar aos litigantes e testemuñas para comparecer ante o xurado. A mañá da audiencia, o hēgemõn botaría a sortes en que cámara se efectuaría o xuízo e o lugar onde se reuniría o xurado. Despois da formación do xurado, o hēgemõn debía fornecer as conclusións da súa investigación preliminar, anunciando e definindo o litixio sobre o cal decidiría o tribunal. A continuación, comezaba a audiencia do demandante, o defendido e as testemuñas. Os propios litigantes eran quen expuñan os seus argumentos, sen o apoio legal dun avogado[n. 5], intercambiando monólogos acoutados por un tempo establecido por unha clepsidra (reloxo de auga). Durante un xuízo público, cada litigante tiña tres horas para dar o seu discurso, mentres que en xuízos privados contaban con moito menos tempo (aínda que é estes últimos casos a proporción dependía da suma de diñeiro en xogo). Así, os casos xudiciais convertéronse nunha loita vehemente de sensacións, posto que os xurados non constituían un pequeno grupo de cidadáns maduros, como no caso do Concello de Areópago, que só se interesaba na correcta aplicación da lei. Ademais, ante as Cámaras da Heliea cada cidadán debía converterse nun eficaz orador e actuar unicamente no seu carácter como cidadán, para así protexer os seus intereses e forzar os seus puntos de vista[25].

As decisións tomábanse votando logo dunha deliberación para a cal non existía un prazo determinado. No entanto, nada evitaba que os xurados falasen informalmente entre eles durante o proceso de votación e podían expresar a berros a súa desaprobación ou incredulidade respecto do dito polos litigantes. Isto podería ter algún papel na construción dun consenso. A votación era pública e transparente. Cada heliasta recibía dous votos: un «inocente» e un «culpábel». Logo, o heraldo (κήρυξ kēryks) debía, primeiro, preguntar aos heliastas se desexaban presentar algunha obxección acerca das testemuñas e, despois, debía dicirlles que debían colocar os seus votos en dúas ánforas distintas, unha de cobre (para os votos válidos) e outra de madeira (os votos refugados). A votación era secreta (cada xurado debía tapar cos seus dedos o voto para que ninguén vise en cal ánfora o botaba) e verificábase introducindo na urna de bronce unha ficha perforada se o voto era culpábel, ou unha maciza, se o voto era inocente, descartando a ficha sobrante na urna de madeira[26]. Durante os casos civís, o proceso de votación era diferente, xa que as ánforas eran tantas como as partes litigantes.

Despois do reconto de votos, o heraldo anunciaba o resultado final. En caso de empate no número de votos, o defendido era absolto por consideralo baixo o favor do «voto de Atenea».

SentenzasEditar

Os heliastas podían impor multas (en casos civís e penais) ou «sentenzas corporais» (só en casos penais). As multas da Heliea eran maiores que as impostas polos arcontes. As «sentenzas corporais» lato sensu incluían a morte, o encarceramento (para cidadáns que non fosen atenienses), a atimia (en ocasións, acompañada por confiscación de bens) e o exilio (ἀειφυγία aeiphyguía).

Xuízos famosos ante a HelieaEditar

Xuízo de SócratesEditar

Sócrates foi acusado de impiedade por Meleto, Anito e Licón. O seu xuízo tivo lugar en -399 e o xurado fundou a súa culpabilidade con 280 votos fronte a 220[27]. A súa sentenza a morte foi decidida en segunda votación, o que mesmo foi peor para o filósofo. No entanto, Sócrates non perdeu a calma e, aínda que durante o xuízo el podería propor ao xurado o seu autoexilio, non o fixo, posto que a vida fóra da súa querida cidade xa non tería sentido para el.

Xuízo de PericlesEditar

Segundo Plutarco, Pericles enfrontouse a dúas serias acusacións[28]. A primeira xusto antes do estalido da guerra do Peloponeso e a segunda durante o primeiro ano da guerra, cando foi condenado a unha multa, o importe da cal era quince ou cincuenta talentos. Antes da guerra unha moción de Dracóntides, segundo a cal Pericles debía depositar as súas contas do diñeiro público aos prítanes e os xuíces para que puidesen decidir sobre o seu caso con votacións sobre o altar dos deuses da acrópole. Esta cláusula da proposición foi, con todo, emendada coa moción de que o caso fose xulgado ante mil cincocentos xurados pola vía ordinaria, se se quería chamalo a xuízo por desfalco e suborno, ou malversación.

Equilibrio e competencias entre a Ekklesía e a HelieaEditar

Ao cabo do tempo os tribunais da Heliea podían controlar á Ekklesía (Asemblea do pobo ateniense). En efecto, en -416 foi introducido o procedemento da graphē parà nomōn (grego ἡ γραφὴ παρὰ νόμων) (acusación a unha lei) para substituír á práctica do ostracismo, utilizado por última vez o ano precedente. Iso permitía a non importa que cidadán facer examinar por un tribunal da Heliea toda lei que fora votada pola Ekklesia ou en curso de proposición pola Ekklesia. Se o tribunal xulgaba a lei ou a proposición de lei contraria ás leis xerais da cidade, non soamente era anulada senón que o seu autor e o epístata que dirixía os debates no momento da súa adopción (ou proposición) estaban suxeitos a graves sancións, chegando até a atimía. Se o tribunal era apelado para xulgar unha lei en curso de proposición e que a declarou compatíbel coa Constitución, iso entrañaba a súa adopción sen reexamen pola Ekklesía. A graphē parà nomōn ofrecía pois á Heliea un papel maior que o de mero consello constitucional, papel antes exercido polo Areópago. A Heliea converteuse ao cabo do tempo nun colexislador, compartindo o poder lexislativo coa Bulé e a Ekklesía. O resultado foi que a partir de -355 as loitas políticas non tiñan xa lugar na Pnyx, senón nos tribunais.

NotasEditar

  1. Sol = ἥλιος más el verbo ἡλιοῦσθαι (voz pasiva) = disfrutar del sol.
  1. The Helios
  2. Aristóteles, Constitución dos atenienses, 9.1
  3. Archaic Times to the End of the Peloponnesian War, Cambridge University Press, páx. 209
  4. Aristóteles, Política 1273b41.
  5. Aristóteles, Constitución dos atenienses, 63.1
  6. Pólux VIII 122 e Demóstenes, Contra Timócrates 133, confirman a mesma idade.
  7. Aristóteles, Constitución dos atenienses, 63.3
  8. Aristófanes, Avespas, 662
  9. Aristóteles, Constitución dos atenienses, 27,3-4
  10. Andócides, Discursos, 1,17 e Mogens Herman Hansen, The Athenian Ecclesia: A Collection of Articles 1983-1989, páx. 260
  11. Demóstenes, Sobre a Coroa, 210
  12. Sandys, J. E., Aristotle's Constitution of Athens, 1893, p. 249; reimpresión, 1973.
  13. Aristófanes, Asemblearias 628-9.
  14. As entradas separadas das distintas facilitaban a entrada e saída, e o detectar a usurpación do nome dun xuíz.
  15. Kibōtia «caixa pequena» (cf. Aristófanes, Pluto 711.
  16. Aristóteles, Constitución dos atenienses 63.1-2.
  17. Cf. Aristóteles, Constitución dos atenienses 63,4.
  18. Aristóteles, Constitución dos atenienses 65,1 e 2; 69,2.
  19. Aristóteles, Constitución dos atenienses 63,2.
  20. de Queronea Plutarco, Pericles 9
  21. Aristóteles, Política, 1274a
  22. Demóstenes, Sobre a Coroa, 133
  23. Aristóteles, Constitución dos atenienses, 8. 1
  24. Demóstenes, Sobre a Coroa, 196
  25. Stephen Usher, The Orations in Ancient Attica en The Orations in the Modern Educational Systems, páx. 184
  26. R.K Sinclair, Democracy and Participation in Athens, páx. 20
  27. Comentarios sobre Sócrates, Apoloxía.
  28. Plutarco, Pericles, 32.1 e 35.1

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Fontes primariasEditar

  • Andócides, Discursos. Consulte o texto en Programa Perseus (en inglés).
  • Aristófanes, As nespras. Consulte o texto en Wikisource (en español).
  • Aristóteles, Constitución dos atenienses. Consulte o texto en Constitution (en inglés).
  • Aristóteles, Política. Consulte o texto en Wikisource (en español).
  • Demóstenes, Sobre a coroa. Consulte o texto en the Crown Wikisource (en inglés).
  • Plutarco, Pericles. Consulte o texto en Wikisource (en español).

Fontes secundariasEditar

  • Cambridge University Press, Archaic Times to the End of the Peloponnesian War, 1983.
  • Encyclopaedic Dictionary The Helios, artigo Heliaia (en grego).
  • Mogens Herman Hansen, The Athenian Ecclesia: A Collection of Articles 1983-1989, 1989.
  • Konstantinos Paparrigopoulos, History of the Hellenic Nation, volume Ab (en grego).
  • R.K Sinclair, Democracy and Participation in Athens, 1991.
  • Georg Friedrich Schömann, A Dissertation on the Assemblies of the Athenians, Cambridge, 1838.
  • Stephen Usher, The Orations in Ancient Attica en The Orations in the Modern Educational Systems, 1984 (traducido ao grego).
  • «Athens, Heliaia (Building)». "Athens, Heliaia (Building)".  (en inglés). 

Outros artigosEditar