Epístata
O epístata (grego ἐπιστάτης, epistátēs, «o que está situado por enriba», de ἐφίστημι / ephístēmi, «situar») é, orixinalmente, un maxistrado da Antiga Grecia, cuxas atribucións e designación varían dunha cidade a outra. Literalmente, sería traducíbel por «o que vixía » ou mellor, «supervisor».
Atenas democrática
editarNa Atenas democrática é un dos 500 buleutas dunha das 10 pritanías, elixido por sorteo, cuxo cargo non dura máis que un día completo. Está encargado de gardar o Tholos (edificio ou sede dos prítanes), de velar polo selo do Estado, e as chaves do Metroon (os arquivos públicos). Cando a Bulé (Consello dos Cincocentos) ou a Ekklesía (Asemblea do pobo) son convocadas polos outros prítanes, nomea aos nove proedros, cidadáns non prítanes encargados de contabilizar os votos, e un segundo epístata co que dirixe a sesión.
Mediante o procedemento da grafē parà nómōn (grego antigo: ἡ γραφὴ παρὰ νόμων), se unha lei era xulgada contraria ás normas da pole, o autor desa lei e o epístata que dirixira a sesión en que se adoptou, podían ser gravemente condenados. Así pois, o epístata era moralmente responsábel das leis que se adoptaban durante o seu curto mandato. A súa función, aínda que esencialmente honorífica, era indispensábel para o bo funcionamento das institucións democráticas.
Macedonia
editarNas cidades de Macedonia, atópase tamén un maxistrado chamado epístata.
Segundo a historiografía tradicional, este epístata é só un funcionario nomeado polo rei en certas cidades para representar a súa autoridade e facer aplicar as súas decisións.
O exame das fontes epigráficas dispoñíbeis sobre estes personaxes permite mostrar que están presentes en todas as cidades; que son naturais das cidades onde ofician e non son pois estranxeiros, pertencen, de feito, ás grandes familias; o seu nome é utilizado como fórmula de datación, o que demostra que son unha maxistratura epónima anual.
En Berea e Anfípole, o seu título completo é ἐπιστατὴς τῶν ἀρχόντων epistatēs tōn arkhontōn (epístata dos arcontes), o que indica que é o maxistrado xefe da cidade, o presidente do consello e da asemblea.
A uniformidade desta maxistratura a través de todas as cidades de Macedonia, de orixes, por tanto, moi diversas, indica que se trata dunha institución imposta polo rei para organizar todas as cidades da mesma maneira e dispor de interlocutores equivalentes. Os reis tratan directamente cos epístatas das cidades, e non co pobo na asemblea. Os epístatas son os responsábeis da aplicación das decisións reais: a diferenza dos maxistrados das cidades clásicas, non son responsábeis só ante a asemblea dos cidadáns.
A cuestión de saber se o epístata é nomeado polo rei ou elixido pola comunidade cívica non está contrastada: parece máis probábel que a elección fose por designación.
Ao final da época antigónida, os epístatas desaparecen: son substituídos en cada cidade por dous politarcas. O carácter colexial desta nova maxistratura mostra que é máis democrática que a do epístata.
Siria tolemaica
editarNas cidades da Siria tolemaica, é un comisario real, encargado sobre todo dos templos de Xerusalén e de Gazirim. Este termo atópase tamén baixo o dominio seléucida no momento das guerras cos Macabeos.
Tamén se acha en Rodas, na Perea.