George Tucker

político estadounidense

George Tucker, nado o 20 de agosto de 1775 na illa de Saint George (Bermudas) e falecido no condado de Albemarle (Virxinia), o 10 de abril de 1861, foi un político e escritor estadounidense.

George Tucker
Prof. George Tucker.jpg
Nacemento20 de agosto de 1775
 Bermudas
Falecemento10 de abril de 1861
 Condado de Albemarle
SoterradoUniversity of Virginia Cemetery and Columbarium
NacionalidadeEstados Unidos de América
Alma máterThe College of William and Mary
Ocupaciónpolítico, economista, avogado, historiador, novelista, catedrático de universidade, escritor, biógrafo e escritor de ciencia ficción
CónxuxeMaria Ball Carter
FillosEliza Lewis Carter Tucker
Signature of George Tucker.jpeg
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

FormaciónEditar

Nado nunha familia de comerciantes das Bermudas, que daquela era unha colonia británica, ao pouco de nacer trasladouse á cidade de Hamilton, onde comezou a estudar na escola os primeiros anos. Ao rematar esa formación básica trasladouse de novo a Saint George, onde comezou a recibir clases particulares de filosofía e moral, dadas por un avogado, e en 1792 entrou como pasante no bufete de George Bascomb. Á morte deste, en 1795 (ano tamén da morte da súa nai) rexeita a opción de quedar el co despacho de avogados e múdase aos Estados Unidos.

Alí vivían xa dous dos seus parentes, que ocupaban posicións de prestixio na sociedade norteamericana: St. George Tucker, terratenente e profesor de dereito no William and Mary College (unha das universidades fundacionais das colonias americanas) e Thomas Tudor Tucker, médico e congresista por Carolina do Sur. Tucker consegue financiamento de St. George Tucker e comeza a estudar dereito na súa universidade, en Williamsburg, onde durante os anos seguintes se dedicou sobre todo á vida social[1]. Licenciouse en 1796, e ao ano seguinte casou con Mary Byrd Farley, unha rica herdeira con numerosas propiedades.

Débedas e carreira políticaEditar

Decidido a vivir das rendas da muller, foi nesa época cando coñece a Thomas Jefferson, daquela presidente dos Estados Unidos. Pero en 1799 falece a súa muller, e as súas perspectivas escurecen. Os preitos coas cuñadas non lle permitían aproveitar economicamente as terras que a muller lle deixara en herdo na Illa Antiga e nos estados de Carolina do Norte e Virxinia, de maneira que en 1800 se traslada a Richmond, a capital de Virxinia, coa intención de gañar a vida como avogado. A pesar de contar con boas referencias familiares, o seu traballo como avogado resultou en fracaso, e acudiu recorrentemente a empréstitos dos seus parentes ricos[2]. Mentres, casaba de novo en 1802 con Maria Ball Carter, que aínda que non era tan rica como a primeira muller, tiña mellores contactos nos círculos políticos, onde Tucker puxera a proa. Nove meses despois nace o seu primeiro fillo, e ao ano seguinte, en 1803 a súa primeira filla. Nese último ano ademais, realizou unha operación económica consistente en quedar co diñeiro dos premios destinados a unha lotería dunha sociedade de beneficencia local. Xulgado por esa cuestión, tivo que aboar as débedas finalmente en 1819, dezaseis anos despois.

A carestía da vida e a súa falta de ingreso levárono en 1806 a mudarse a vivir á granxa dos sogros, no condado de Frederick (Virxinia). Alí puido recuperarse financeiramente e ter dúas fillas máis. En 1808 mudáronse para o condado de Pittsylvania, pero mantendo a mesma vida de donos de plantacións, ao que se engadiu a volta á carreira da avogacía. Neses anos nacéranlle ademais os seus quinto e sexto fillos. En 1813 tenta conseguir un escano no Congreso de Virxinia, e perde, e recunca ao ano seguinte, e perde de novo. Pero en 1814 unha nova paixón esperta nel: o Port Folio, un xornal de Filadelfia, comeza a publicarlle unha serie de artigos de carácter político, e en 1815 resulta elixido para o Congreso dos Estados Unidos polo distrito de Lynchburg.

A súa carreira política en Washington levouno de novo á boa vida e ás apostas[3], ao que houbo que sumarlle un período de grandes estreitezas económicas da súa familia política, que tamén o afectaron a el. En 1816 mórrelle o seu fillo máis novo, con só tres anos, e en 1818 a filla maior, con catorce. Pero a peor nova será a morte da muller en 1823, como consecuencia dun embarazo que fora desaconsellado polos médicos. Durante os seus anos no Congreso actuou respaldando as posturas do bando jeffersoniano, e saíu reelixido por dúas veces máis para o posto. En 1824, e logo de non recibir a embaixada que desexaba, debe abandonar a carreira política, polo que acepta a oferta dun posto de profesor na Universidade de Virxinia.

A UniversidadeEditar

Os anos que pasará como profesor universitario serán non só os máis produtivos dende o punto de vista literario, senón tamén económico, pois deixará atrás as súas débedas para sempre. Múdase a vivir ao campus, en Charlottesville, e despois de pedirlle de casar a varias mulleres en 1828 contrae matrimonio por terceira vez, neste caso con Louisa A. Thompson, unha viúva de Baltimore. En 1829 o seu fillo Daniel é ingresado nun psiquiátrico, onde falecerá nove anos máis tarde. Na universidade, Tucker dá inicialmente clases de filosofía moral, pero axiña lle engadirá retórica e literatura, co que completar o seu salario. Ademais, foi escollido decano en dúas ocasións, no curso 1825-26 e 1831-32.

Tucker, que comezara a súa carreira no extremo máis liberal e democrático, foi evolucionando cara a posicións moito máis conservadoras, e acabou por defender non só o voto só para propietarios de terras (el, que todas as súas fincas procedían das herdanzas das súas mulleres) e a escravitude. En 1839 realizou a súa única viaxe a Europa, e botou ao redor de tres meses fundamentalmente en Londres e tamén noutras cidades inglesas, visitando persoeiros do mundo da economía e en xeral da alta sociedade. En 1845, con setenta anos, deixou a universidade e tamén Virxinia.

Os últimos anos da súa vida botounos en Filadelfia, relacionándose cos círculos científicos do norte, incorporándose a distintas sociedades científicas, pero ao mesmo tempo viaxando todos os veráns ao sur, de onde proviñan as rendas económicas das que vivía. Con todo, os seus investimentos movéranse cara a sectores máis dinámicos, como os camiños de ferro, o transporte marítimo ou a propiedade inmobiliaria en Chicago. En 1858 enviúva por terceira vez. Tres anos máis tarde, en xaneiro de 1861, mentres está en Mobile (Alabama) vendo como cargan un barco con algodón, sóltase unha paca e vaille bater na cabeza[4]. Como consecuencia do golpe levarano para a casa dunha das fillas, no estado de Virxinia, onde falecerá tres meses despois. Está soterrado no cemiterio da Universidade de Virxinia.

ObraEditar

O crítico Robert C. McLean establece catro períodos na produción literaria de Tucker[5]:

  1. Ata 1813 cobre unha etapa de formación, onde escribe versos satíricos e pequenas colaboracións en xornais.
  2. Entre 1814 e 1824 pretende que a literatura sexa un medio de vida, e neste tempo dá ao prelo a súa obra máis destacada, The Valley of Shenandoah.
  3. Durante os vinte anos que bota na universidade, de 1825 a 1841, escribe diversas historias, algunha novela inédita e a súa sátira máis coñecida A Voyage to the Moon.
  4. A partir de 1841, Tucker deixará a ficción e dedicarase unicamente á escrita de ensaios económicos e políticos.

A sátira e a moralEditar

Durante a primeira parte da súa vida, o interese literario de Tucker será sobre todo a crítica de costumes, que adoptará diversos xéneros, pero fundamentalmente dous: a poesía e as cartas, breves ensaios de tema moral, onde a miúdo debatía cuestións científicas e políticas. A culminación deste xénero satírico e epistolar será Letters from Virginia, unha obra que Tucker publicou anonimamente e onde xunta o tópico do manuscrito achado co do estranxeiro para criticar duramente os comportamentos dos habitantes de Virxinia. Destaca nesta obra sobre todo unha agre crítica á política de Thomas Jefferson, así como a algunha das súas ideas sobre a democracia ou sobre a inferioridade da raza negra, o que, tendo en conta o poder de Jefferson e a axuda que lle prestou a Tucker ao longo da súa vida, podería explicar o anonimato da obra. Con todo, se ben algúns especialistas como J. Dorfman[6] e R. C. McLean[7] dan por segura a autoría de Tucker, hai outros autores, como J. Bernard[8], que a negan.

A obra máis importante da súa carreira[9] escríbea no ao no 1824, cando dá ao prelo The Valley of Shenandoah. É a única obra de ficción que publica directamente co seu nome, e é o seu intento máis elaborado de vivir como escritor. É unha novela costumista e sentimental que se centra na vida da familia Graysons, da Virxinia, e no seu devalar económico produto dunha mala política matrimonial e de xestión das terras.

A súa última obra de ficción publicada foi A Voyage to the Moon, unha novela onde mestura a ciencia ficción coa sátira ao estilo de Jonathan Swift. Nela mestura a viaxe de dous homes á lúa co comentario sobre diversas teorías filosóficas e económicas, que xa abordara, ou que faría no futuro, na súa obra ensaística e nos seus artigos. Tamén inclúe unha noveliña de carácter sentimental na parte final da obra. Foi a súa obra máis exitosa dende o punto de vista de público e ganancias, con máis de mil exemplares vendidos na primeira edición, e cunhas ganancias iniciais de 100 dólares[10].

Lista de obras principaisEditar

  • 1801. Letter to a Member of the General Assembly of Virginia, on the Subject of the Late Conspiracy of Slaves, with a Proposal for Their Colonization. Publicada anonimamente en Baltimore, pero recoñecida por Tucker como da súa autoría[5].
  • 1803. Letter to the British Spy, publicada no xornal Argus, de Richmond, en resposta ás dúas Letters of the British Spy, de William Wirt.
  • 1804. On the Illusions of Fancy, publicada anonimamente na obra colectiva The Rainbow. First Series, e identificada por Hubbell [11].
  • 1804. On Luxury, publicada anonimamente na obra colectiva The Rainbow. First Series, e identificada por Hubbell [11].
  • 1806. A Letter from Hickory Cornhill, Esq., to His Friend in the Country, publicada no xornal Enquirer de Richmond, o 9 de xaneiro de 1806.
  • 1811. Two Letters to Dr. Cecil, publicadas primeiro no xornal Enquirer de Richmond, e logo como libro dentro da obra colectiva The Old Bachelor, asinada por William Wirt (1814).
  • 1811. A Letter to a Member of the General Assembly of North Carolina on the Navigation of the Roanoke and Its Branches, Richmond.
  • 1814. Thoughts of a Hermit, doce ensaios publicados ao longo de 1814 e 1815 polo xornal de Filadelfia Port Folio.
  • 1816. Letters from Virginia, translated from the French, publicadas anonimamente.
  • 1822. Essays on Various Subjects of Taste, Morals and National Policy.
  • 1824. To the Freeholders of the Counties of Campbell, Pittsylvania.
  • 1824. The Valley of Shenandoah, or Memoirs of the Graysons.
  • 1827. A Voyage to the Moon: With Some Account of the Manners and Customs, Science and Philosophy of the People of Morosofia and Other Lunarians.
  • 1837. The Laws of Wages, Profits and Rends Investigated.
  • 1837. The Life of Thomas Jefferson.
  • 1837. Public Discourse on the Literature of the United States.
  • 1839. Theory of Money and Banks Investigated.
  • 1842. Essay on Cause and Effect.
  • 1843. Progress of the United States in Population and Wealth in Fifty Years.
  • 1843. Public Discourse on the Dangers Most Threatening to the United States.
  • 1845. Memoir of the Life and Character of John P. Emmet.
  • 1850. An Essay on Cause and Effect: Being an Examination of Hume's Doctrine, that We Can Perceive No Necessary Connexion Between Them.
  • 1856-1858. A History of the United States from Their Colonization to the End of the Twenty-Sixth Congress, in 1841.
  • 1860. Political Economy for the People.
  • 1860. Essays, Moral and Metaphysical.

NotasEditar

  1. TUCKER, George, Autobiography, inédita, citada en McLEAN, Robert Colin, George Tucker. Moral Philosopher and Man of Letters, University of North Carolina Press, 1961, páx. 7
  2. McLEAN, Robert Colin, George Tucker. Moral Philosopher and Man of Letters, University of North Carolina Press, 1961, páx. 13
  3. McLEAN, Robert Colin, George Tucker. Moral Philosopher and Man of Letters, University of North Carolina Press, 1961, páx. 22
  4. McLEAN, Robert Colin, George Tucker. Moral Philosopher and Man of Letters, University of North Carolina Press, 1961, páx. 46
  5. 5,0 5,1 McLEAN, Robert Colin, George Tucker. Moral Philosopher and Man of Letters, University of North Carolina Press, 1961, páx. 52
  6. DORFMAN, Joseph, The Economic Mind in American Civilization, 1606-1865, New York:Viking Press, 1946, vol. II, citado en McLEAN, Robert Colin, George Tucker. Moral Philosopher and Man of Letters, University of North Carolina Press, 1961, páx. 65
  7. McLEAN, Robert Colin, George Tucker. Moral Philosopher and Man of Letters, University of North Carolina Press, 1961, páxs. 65-71
  8. BERNARD, Jessie, "George Tucker: Liberal Southern Social Scientist", en Social Forces, XXV (1946-47), páx. 134, citado en McLEAN, Robert Colin, George Tucker. Moral Philosopher and Man of Letters, University of North Carolina Press, 1961, páx. 65
  9. McLEAN, Robert Colin, George Tucker. Moral Philosopher and Man of Letters, University of North Carolina Press, 1961, páx. 75
  10. McLEAN, Robert Colin, George Tucker. Moral Philosopher and Man of Letters, University of North Carolina Press, 1961, páx. 90
  11. 11,0 11,1 HUBBELL, Jay B., William Wirt and the Familiar Essay in Virginia, WMQ, 2ª serie, XXIII, 1943, citada en McLEAN, Robert Colin, George Tucker. Moral Philosopher and Man of Letters, University of North Carolina Press, 1961, páx. 55