Fender Jazzmaster
A Fender Jazzmaster é unha guitarra eléctrica fabricada por Fender introducida no ano 1958 e deseñada como un instrumento máis caro que a Fender Stratocaster, que á súa vez fora creada como un produto máis caro que a Telecaster. Como o seu nome indica, inicialmente destinouse ao mercado dos guitarristas de jazz pero a principios dos 60 era usado principalmente por músicos de surf rock, e máis recentemente por guitarristas de indie rock. Acostuma confundirse frecuentemente coa Fender Jaguar que ten unha forma semellante pero unha tonalidade distinta.
Características
editarO seu corpo torneado foi deseñado para que fose cómoda de tocar co guitarrista sentado, como prefiren facelo moitos artistas de jazz. Ten unha escala de 25 polgadas e media, cun interruptor para cambiar entre son rítmico ou solista con controis de volume e ton independentes, e un trémolo frotante cun sistema de bloqueo, que foron as claves para a personalidade da Jazzmaster. O bloqueo do trémolo pode ser activado manualmente para manter a guitarra afinada se unha das cordas rompe. A Jazzmaster tamén posúe unha panca de trémolo máis longa do normal.
O seu corpo é máis longo que o doutros modelos de Fender, polo que precisa unha funda maior. A Jazzmaster ten un tipo único de pastillas "soapbar" que son distintas a calquera modelo de bobinado sinxelo. Esas pastillas adoitan a confundirse coas P90 de Gibson, que teñen unha forma semellante pero son máis pequenas. A bobina está enrolada de forma cha e ancha, ao contrario do normal en Fender, con bobinas altas e delgadas. Isto dálle un ton máis cálido sen perder a claridade característica das bobinas sinxelas. A Jazzmaster ten un ton máis suave e máis jazzeiro que a Stratocaster, aínda que non foi ben acollida polos músicos de jazz. No seu lugar, os guitarristas de rock usaron o instrumento, especialmente no surf rock. The Ventures e The Fireballs foron destacados usuarios da Jazzmaster. A guitarra tamén formou parte da escena Indorock, co guitarrista Andy Tielman creando un modelo de 10 cordas da Jazzmaster, facendo os buratos necesarios cun cravo quente para furar o caravilleiro. Isto marcou o inicio dunha longa tradición de modificacións caseiras das Jazzmaster durante as seguintes décadas, destacando os modelos modificados polos guitarristas de Sonic Youth.
Influencia
editarA intención de Fender era a de crear coa Jazzmaster unha alternativa de corpo sólido á guitarras tipo archop que eran comúns entre os guitarristas de jazz. Como pasara coa Telecaster e a Stratocaster noutros xéneros musicais, Fender agardaba iniciar unha revolución nas guitarras de jazz, a expensas do seu rival Gibson. Finalmente a Jazzmaster nunca chegou a ser popular entre o seu público obxectivo, así como a Telecaster foi adoptada entre algúns populares guitarristas de jazz.
As Jazzmasters tiveron máis éxito nas florecentes escenas californianas de surf rock e rock instrumental de finais dos 50 e principios dos 60. A sede de Fender estaba situada no sur de California, e o propio Leo Fender solicitou activamente a axuda de músicos locais para que o orientasen no deseño da continuación da Jazzmaster, a Jaguar.
As Jazzmasters, xunto coas Jaguars e as súas imitacións, pasaron de moda entre os guitarrista dos anos 70 debido sobre todo á súa "anticuada" aparencia e ás súas características sonoras. O son do rock desa década tendía cara a un ton máis groso que daban as pastillas tipo humbucker e cun bo grao de sustain, polo que os guitarristas utilizaban máis a Gibson Les Paul e as súas copias. O curto sutain da Jazzmaster e o seu ton cálido non a favoreceu nesa época. Fender continuou ofrecendo a Jazzmaster como parte da súa liña de instrumentos ata 1980, porén, moitos coleccionistas cren que a produción real rematou sobre 1976, sendo as guitarras vendidas despois dese ano instrumentos que non conseguiran vender. Debido a que a Jazzmastes se considerou unha guitarra pouco desexada, os novos músicos puideron mercar este modelo a moi bos prezos, conseguindo guitarras de alta calidade por poucos cartos.
Xusto cando Fender suspendeu a produción da Jazzmaster, Tom Verlaine de Television e Elvis Costello comezaron a darlle á guitarra o seu status de instrumento de culto. Polo tanto, posteriormente foi adoptada pola escena estadounidense do indie rock. Sonic Youth son coñecidos pola cantidade de Jazzmasters que acumularon a partir de 1985, mentres as guitarras aínda eran asumibles, e tamén polos traballos de personalización que realizan nestes instrumentos. Sonic Youth tamén foron famosos por usar unha terceira ponte nas súas guitarras para obter tons como os de campás de igrexa. Co aumento da visibilidade das vellas Jazzmasters, e os prezos ao alza das Telecasters e Stratocasters de colección nos anos 90, as Jazzmasters comezaron a gañar valor. Os roubos de vellas Jazzmasters de Sonic Youth (que perdeu 9 destas guitarras en 1999), Dinosaur Jr e The Raveonettes en anos recentes dan unha idea desta revalorización.
Nos últimos anos moitos músicos adoptaron este modelo, como Robert Smith de The Cure, que posúe dúas ás que bautizou como Black Torty e White Torty ou J Mascis de Dinosaur Jr do que Fender lanzou un modelo co seu nome. A Jazzmaster ten moitos seguidores en xéneros como o shoegaze e o dream pop, onde se valora o seu zunido e os sons que dá a ponte deseñada por Leo Fender. Kevin Shields de My Bloody Valentine úsaa como guitarra principal, e a súa compañeira Bilinda Butcher tamén a usa xunto coa Jaguar. Ira Kaplan de Yo La Tengo tamén a utiliza xunto con outros vellos modelos de Fender. Nels Cline de Wilco tamén é un recoñecido usuario da Jazzmaster ao igual que Stephen Malkmus, antigo membro de Pavement. J Mascis, Nels Cline, Tom Verlaine, Thurston Moore e Lee Ranaldo actuaron no "Jazzmaster 50th Anniversary Concert" en Nova York o 12 de setembro do 2008.
Signature editions
editarEn xullo do ano 2007 Fender lanzou o modelo personalizado J Mascis, na honra do líder de Dinosaur Jr. Este modelo é o mesmo que os modelos anteriores de Jazzmaster pero cunha ponte Adjust-o-matic (o equivalente de fender ao Tune-o-matic de Gibson), e cun infrecuente acabado púrpura brillante. Este é na actualidade o único modelo de Jazzmaster en produción co caravilleiro da mesma cor que o corpo.
En abril do 2008 apareceu o modelo Elvis Costello Jazzmaster, unha réplica fiel da 1960s Jazzmaster usada por Elvis Costello no seu álbum de estrea de 1977, My Aim is True. Esta guitarra conta cun acabado veteado de nogueira sólido nun corpo de abeneiro e unha ponte trémolo modificada para conseguir o característico son de Costello de "película de espías".
En xuño do ano 2009 Fender anunciou os modelos Lee Ranaldo e Thurston Moore, en honra aos guitarristas de Sonic Youth. Estas guitarras foron lanzadas o 1 de xullo do 2009. Estas edicións foron simplificadas e contan só cun regulador de volume e un interruptor para cambiar de pastilla e teñen un caravilleiro negro. A diferenza entre elas está nas pastillas, a ponte, na cor e no lugar de colocación do regulador de volume. O instrumento de Ranaldo ten un acabado azul e conta con dúas pastillas Fender Wide Range coa ponte dunha Mustang, realizada segundo as especificacións do propio Ranaldo. A versión de Moore ten un acabado en verde, con dúa pastillas sinxelas Seymour Duncan Antiquity II Jazzmaster e unha ponte Tune-o-matic.