Dinosaur Jr.
Dinosaur Jr. é unha banda estadounidense de rock alternativo formada en Amherst, Massachusetts no ano 1985. O seu son, tipicamente melódico, caracterízase tamén por guitarras saturadas con ruído e distorsión, e frecuentemente salpicado polos solos do seu líder e guitarrista J Mascis; e foi moi influente no movemento do rock alternativo doas anos 90.
Orixe | Amherst, Massachusetts, Estados Unidos |
---|---|
Período | 1985 - 1997 2005 - presente |
Xénero(s) | rock alternativo |
Selo(s) discográfico(s) | Joyful Noise, Homestead, SST, Blanco y Negro, Sire, Merge, Fat Possum, PIAS, Jagjaguwar, Blast First, Au Go Go, Cherry Red |
Membros | J Mascis Lou Barlow Emmet Murph |
Antigos membros | Mike Johnson George Berz |
Na rede | |
http://www.dinosaurjr.com | |
A banda separouse en 1997 e volveríase a reunir no ano 2005. O guitarrista J Mascis, o baixista Lou Barlow e o batería Murph foron os seus fundadores e son os actuais membros, aínda que Mascis é o único que estivo en toda a súa traxectoria.
Historia
editarFormación
editarMascis e Barlow tocaban xuntos, na batería e na guitarra respectivamente, na banda de hardcore punk Deep Wound, formada en 1982 mentres asistían ao instituto no oeste de Massachusetts.[1] Despois do instituto comezaron a explorar música máis lenta pero aínda agresiva, como a de Black Sabbath, The Replacements e Neil Young. O amigo da universidade de Mascis Gerard Cosloy ensinoulle bandas de pop con influencias psicodélicas como Dream Syndicate, que Mascis á súa vez amosou a Barlow. Barlow explicou, "Amábamos o speed metal... e encantábannos as cousas parvas".[2]
J Mascis formou Dinosaur Jr. (inicilamente sen o "Jr." no nome) en 1983 en Amherst, Massachusetts, xunto co seu amigo Lou Barlow. Mascis inicialmente tocaba a batería en Dinosaur, pero fíxose cargo da guitarra cando Emmet Murph entrou no grupo. Nos seguintes dous anos, a banda conquistou un pequeno público na súa cidade, e en 1985 o trío lanzou o seu primeiro álbum, Dinosaur, polo selo discográfico independente Homestead. O disco e os concertos arrasadores de Dinosaur comezaron a chamar a atención, e a banda vía como o seu público aumentaba constantemente. A finais de 1986, unha banda hippie chamada Dinosaur (que incluía membros de Jefferson Airplane) procesou á banda, que acabou mudando o nome para Dinosaur Jr.
En 1987, Dinosaur Jr. asinou un contrato coa influente discográfica independente SST e lanzou o álbum You're Living All Over Me, que foi toda unha sensación no underground. A principios de 1988, lanzaron o influente sinxelo "Freak Scene", unha canción que capturaba e reflectía o espírito do underground estadounidense post-punk da época. "Freak Scene" converteuse nun hit nas college radios, o que abriu o camiño para un novo e aclamado álbum, Bug, lanzado aínda en 1988. A pesar de que a popularidade de Dinosaur Jr. continuaba en aumento, comezaron a xurdir tensións entre os seus integrantes, principalmente entre Mascis e Barlow, que apenas se falaban. En 1989, Mascis díxolle a Barlow que Dinosaur Jr. acabara; pero ao día seguinte el "re-formou" a banda, desta vez sen Barlow, que acabou formando a banda Sebadoh, e xerando unha rivalidade de anos entre os dous.
Marcha de Barlow
editarSen Barlow, Dinosaur Jr. tivo varios baixistas temporais, inclusive Van Conner de Screaming Trees, que entrou na banda invitado por Mascis para tocar nalgúns concertos. En 1989 o grupo tivo outro hit coa versión "Just Like Heaven" de The Cure, e no ano seguinte asinaron coa Sire Records (unha subsidiaria da Warner). Despois de "Just Like Heaven", Mascis seguiu un tempo como produtor, traballando nun álbum de Buffalo Tom e colaborando con amigos como Don Fleming (no proxecto Velvet Monkeys) e integrantes de Sonic Youth, antes de gravar o seguinte disco de Dinosaur Jr., Green Mind, o primeiro disco da banda para unha grande discográfica, que foi lanzado en 1991 e foi gravado case totalmente por Mascis que tocou todos os instrumentos (coa excepción da batería a cargo de Murph). O estilo variado e ecléctico do disco foi recibido con frialdade pola crítica e polos circuítos alternativos. Antes da xira de Green Mind, Mike Johnson converteuse no baixista da banda. Na xira, a banda abreconcertos foi Nirvana, que co éxito de Nevermind enseguida eclipsou a Dinosaur Jr. na xira.
Era o momento do estoupido do rock alternativo, pero en vez de aproveitarse dese feito en busca do éxito, Dinosaur Jr. lanzou un EP, Whatever's Cool With Me, a principios de 1992 e desapareceu para gravar o seu seguinte álbum.
Where You Been foi lanzado en 1993, e foi beneficiado polo boom da música alternativa e acabou converténdose no primeiro disco de Dinosaur Jr. en aparecer na lista da Billboard, chegando ao número 50, con vendas un pouco inferiores a 500.000 copias. "Start Choppin'", o principal sinxelo do álbum foi un hit moderado nas listas de rock nos Estados Unidos. Na época do lanzamento de Where You Been todas as publicacións e artigos de prensa referíanse a J Mascis como un dos principais nomes do rock alternativo e foi un momento de grande prestixio na carreira de Dinosaur Jr.
Aínda en 1993, a banda participou na terceira edición do festival Lollapalooza. Durante o festival, ocorreron novos conflitos internos, desta vez envolvendo a Mascis e ao batería Murph. Durante as gravacións do seguinte disco Without a Sound, Mascis tocou todas as partes de batería. Máis tarde, pouco antes do disco estar listo, Mascis despediu a Murph da banda e este acabou ingresando en The Lemonheads).
Dinosaur Jr. lanzou o disco Without a Sound en 1994, que repetiu o éxito do seu predecesor grazas ao hit "Feel The Pain" (que tiña un videoclip bastante innovador, dirixido por Spike Jonze, e que amosaba a Mascis xogando ao golf polas rúas de Nova York).
Porén a crítica estivo bastante dividida co álbum, con algúns críticos argumentando que Dinosaur Jr. xa non estaba en boa forma. A principios de 1995, Mascis comezou unha xira acustica só, e un deses concertos acabou sendo o seu primeiro rexistro en solitario, Martin & Me, lanzado en 1996.
Despois de contribuír con algúns temas (inspiradas no estilo de Brian Wilson dos Beach Boys) para a banda sonora da película Grace of My Heart en 1996, Mascis comezou a traballar só no seguinte álbum de Dinosaur Jr., sen a presenza do baixista Mike Johnson, que seguiu a súa carreira en solitario (á parte das súas participacións nos álbums de Mark Lanegan). Dinosaur Jr. e o seu único integrante lanzou o disco Hand It Over en 1997, que foi considerado o mellor traballo de Mascis dos últimos anos. Porén o disco non tiña ningún hit e acabou sendo ignorado polo grande público. Pouco tempo despois, Mascis anunciou o fin de Dinosaur Jr.
Mascis volveu á actividade no ano 2000 co seu segundo traballo en solitario, acompañado dunha banda bautizada como The Fogs, que consistía en Kevin Shields (My Bloody Valentine) e Bob Pollard (Guided by Voices). O disco chamouse More Light, foi lanzado polo selo independente Ultimato, e a súa sonoridade era semellante ao do último disco de Dinosaur Jr. J Mascis e The Fog fixeron unha xira por Estados Unidos, no que estiveron acompañados polo baixista Mike Watt.
Reunión
editarEn 2004 Mascis conseguiu os dereitos dos tres primeiros álbums de Dinosaur Jr. que tiña a discográfica SST, e acordou a súa reedición a través do selo Merge Records a principios do 2005. Posteriormente, nese mesmo ano, Mascis e Barlow compartiron escenario nun concerto solidario en apoio ao autismo organizado pola nai de Barlow en Northampton, Massachusetts, tocando como Deep Wound despois de que Mascis e Sebadoh rematasen os seus concertos.[3]
As reedicións coincidiron co anuncio de que a formación orixinal (Mascis, Barlow e Murph) reuniríase para unha xira. A banda estivo de xira ata o 2006.
No ano 2007 os membros orixinais de Dinosaur Jr. editaron Beyond a través do selo Fat Possum Records, o seu primeiro álbum con material novo coma trío dende o Bug, de 1988. No mes de febreiro do 2009 a banda asinou un contrato co selo independente Jagjaguwar. A súa primeira edición coa nova discográfica titulouse Farm e apareceu o 23 de xuño dese ano.
Discografía
editarÁlbums
editarÁlbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Dinosaur | 1986 | Homestead Records |
You're Living All Over Me | 1987 | SST |
Bug | 1988 | SST |
Green Mind | 1991 | Sire Records |
Where You Been | 1993 | Sire Records |
Without a Sound | 1994 | Sire Records |
Hand It Over | 1997 | Sire Records |
Beyond | 2007 | Fat Possum Records |
Farm | 2009 | Jagjaguwar |
I Bet on Sky | 2012 | Jagjaguwar |
Give a Glimpse of What Yer Not | 2016 | Jagjaguwar |
Sweep It Into Space | 2021 | Jagjaguwar |
Recompilatorios
editarNotas
editar- ↑ "Dinosaur Jr.: Rediscovering the Gnarl". Spin. 2012-10-04. Arquivado dende o orixinal o 26 de decembro de 2021. Consultado o 2019-11-30.
- ↑ Azerrad (2001), p. 350
- ↑ Anderman, Joan (2005-07-15). "Dinosaur Jr. is happy to be no longer extinct". Boston.com. Consultado o 2019-05-10.
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Dinosaur Jr. |
Ligazóns externas
editar- Páxina oficial da banda (en inglés)
- Páxina sobre o rock dos 90 (en portugués)