Feito (afirmación)

declaración que é consistente coa realidade ou que pode ser probada con evidencia
(Redirección desde «Feito xurídico»)

Un feito é algo que ocorre no mundo real.[1] Por exemplo, "Esta frase contén palabras." é un feito lingüístico e "O Sol é unha estrela." é un feito astronómico. Ademais, "Abraham Lincoln foi o 16º presidente dos Estados Unidos." e "Abraham Lincoln foi asasinado." son ambos feitos da historia. Falando en xeral, os feitos son independentes das crenzas.

A comprobación usual para a afirmación dun feito é a verificabilidade, é dicir, se pode demostrarse que corresponde a unha experiencia. Para comprobar os feitos utilízanse a miúdo traballos de referencia estándar. Os feitos científicos son verificados por observacións coidadosas repetibles ou medidos por experimentos ou outros medios.

Etimoloxía e uso editar

A palabra "feito" deriva do latín factum. No uso común significa 'algo que pasou ou tivo lugar' ou 'acción ou efecto de causar algo'[2] Tamén significa "acción ou acto que se fai ou se fixo", "fazaña heroica" ou "cousa que se produce ou que se produciu", e, en filosofía, "estado das cousas no que a súa propia existencia fai verdadeira a proposición".[3]

O termo feito tamén indica 'materia baixo discusión' considerada verdadeira ou correcta, que pode salientar un punto ou probar un asunto discutido;.[4][5]

Feito pode indicar tamén os descubrimentos derivados dun proceso de avaliación, incluíndo a revisión de testemuños, a observación directa ou doutro tipo; distinguible das materias que son inferencias ou especulacións.[6][7]

Os feitos poden ser comprobados por razoamento, experimentos, experiencias persoais ou poden ser argumentos de autoridades. Roger Bacon escribiu: "Se noutras ciencias deberíamos chegar á certeza sen dúbidas e á verdade sen erros, correspóndenos a nós situar os fundamentos do coñecemento nas matemáticas."[8]

En filosofía editar

En filosofía, o concepto feito é considerado en epistemoloxía e ontoloxía. As cuestións da obxectividade e verdade están estreitamente asociadas coa cuestión do feito. Un "feito" pode definirse como algo que é o caso, é dicir, un estado do caso.[9][10]

Os feitos poden ser entendidos como información que fai verdadeira unha frase verdadeira.[11] Feito pode tamén entenderse como aquelas cousas ás cales se refire unha frase verdadeira. A afirmación "Xúpiter é o maior planeta do sistema solar" é aproximadamente o feito Xúpiter é o maior planeta do sistema solar.[12]

Correspondencia e o argumento da fonda editar

A versión de Pascal Engel da teoría da verdade da correspondencia explica que o que fai unha frase verdadeira é que corresponde a un feito.[13] Esta teoría presupón a existencia dun mundo obxectivo.

O argumento da fonda afirma demostrar que todos as afirmacións verdadeiras representan a mesma cousa, o verdadeiro valor da verdade. Se este argumento se sostén e os feitos son tomados por ser o que a afirmación representa, entón chegamos á conclusión contraintuitiva de que só hai un feito, a verdade.[14]

Feitos compostos editar

Calquera afirmación verdadeira non trivial sobre a realidade é necesariamente unha abstracción composta dun complexo de obxectos e propiedades ou relacións.[15] Por exemplo, o feito descrito pola afirmación verdadeira "París é a capital de Francia" implica que existe o lugar París, que existe o lugar Francia, existen cousas como cidades capitais, e que Francia ten un goberno, que o goberno de Francia ten o poder de definir a súa capital e que o goberno de Francia elixiu que París sexa a capital, que existe unha cousa como un lugar ou un goberno, etc. A exactitude verificable de todas estas asercións, feitos en si mesmos, pode coincidir para crear o feito de que París é a capital de Francia.

Porén, xorden dificultades ao intentar identificar as partes constituíntes de feitos negativos, modais ou disxuntivos.[16]

Distinción feito–valor editar

Os filósofos morais desde David Hume debateron se os valores son obxectivos e, por tanto, factuais. En A Treatise of Human Nature (Tratado da natureza humana) Hume sinala que non hai un modo obvio de que unha serie de afirmacións sobre o que debería ser o caso se poidan derivar dunha serie de afirmacións do que é o caso. Aqueles que insisten en que hai un abismo lóxico entre feitos e valores, din que é unha falacia intentar derivar valores de feitos, incluído G. E. Moore, que chamou intentar facer iso falacia naturalista.

Distinción factual–contrafactual editar

A factualidade (o que ocorre) pode tamén ser contrastado coa contrafactualidade: o que podería ter ocorrido, pero non ocorreu. Un condicional contrafactual ou condicional subxuntivo é unha afirmación condicional (ou "se-entón") que indica o que sería o caso se os eventos tivesen sido outros que os que realmente foron. Por exemplo, "Se Alexandre Magno tivese vivido, o seu imperio tería sido máis grande que o de Roma." Isto contrasta cun condicional indicativo, que indica o que é (de feito) o caso se o seu antecedente é (de feito) verdadeiro, por exemplo, "Se bebes isto, farache sentir mellor."

Tales frases son importantes en lóxica modal, especialmente desde o desenvolvemento de semántica do mundo posible.

En matemáticas editar

En matemáticas, un feito é unha afirmación (chamada teorema) que pode ser probada por un argumento lóxico a partir de certos axiomas e definicións.

En ciencia editar

Na ciencia, un feito é unha observación coidadosa repetible ou medida (por experimentación ou outros medios), tamén chamada evidencia empírica. Os feitos son fundamentais para construír unha teoría científica. Varias formas de observación e medida conducen a cuestións fundamentais sobre o método científico e o alcance e validez do razoamento científico.

No sentido máis básico, un feito científico é unha observación obxectiva e verificable, en contraste coa hipótese ou teoría, que pretende explicar ou interpretar os feitos.[17]

Varios eruditos presentaron refinamentos significativos a esta formulación básica. Os científicos son coidadosos ao distinguir entre: 1) estado do caso no mundo externo e 2) asercións de feitos que poden ser considerados relevantes na análise científica. O termo é usado en ambos os sentidos na ciencia filosófica.[18]

Os eruditos e investigadores clínicos tanto en ciencias sociais coma naturais escribiron sobre numerosas cuestións e teorías que se orixinan no intento de aclarar a natureza fundamental do feito científico.[19] Asuntos pertinentes que xorden desta investigación son:

  • o proceso polo cal o "feito establecido" se converte en recoñecido e aceptado como tal;[20]
  • se ou en que medida o "feito" e a explicación teórica" poden ser considerados verdadeiramente independentes e separables un do outro;[21][22]
  • en que medida os "feitos" están influídos polo simple acto de observación;[22] e
  • en que medida as conclusións factuais están influenciadas pola historia e o consenso, en lugar de por unha metodoloxía estritamente sistemática.[23]

Consistente con esta idea de holismo de confirmación, algúns eruditos afirman que o "feito" está necesariamente "cargado de teoría" nalgún grao. Thomas Kuhn sinala que saber que feitos medir e como medilos require o uso doutras teorías. Por exemplo, a idade dos fósiles está baseada na datación radiométrica, que se xustifica razoando que o decaemento radioactivo segue un proceso de Poisson e non un proceso de Bernoulli. Similarmente, Percy Williams Bridgman adopta a posición metodolóxica denominada operacionalismo, que afirma que todas as observacións non só están influenciadas, senón que están necesariamente definidas, polos medios e asuncións utilizadas para medilas.

O método científico editar

Ademais da investigación fundamental sobre a natureza do feito científico, hai que facer tamén consideracións prácticas e sociais sobre como se investiga o feito, e como se establece e substancia por medio da axeitada aplicación do método científico.[24] Os feitos científicos crese xeralmente que son independentes do observador: non importa quen realice o experimento científico, todos os observadores estarán de acordo no resultado.[25] Ademais destas consideracións, hai medidas sociais e institucionais, como a revisión por pares e a acreditación, que pretenden promover unha exactitude factual (entre outros intereses) no estudo científico.[26]

En historia editar

Véxase tamén: Historiografía.

Un cliché retórico común di a "Historia é escrita polos que gañan". Esta frase suxire pero non examina o uso dos feitos na historia escrita.

E. H. Carr no seu volume de 1961 What is History? (Que é a Historia?) argumenta que os nesgos inherentes á recolección de feitos fai que a verdade obxectiva de calquera perspectiva histórica sexa algo idealista e imposible. Os feitos son, "como peixes no océano", dos cales só podemos pescar casualmente uns poucos, polo que soamente son unha indicación do que que hai baixo a superficie. Mesmo usando unha rede de arrastre non poderiamos saber con seguridade todo o que podería vivir baixo a superficie do océano. Mesmo se non descartamos ningún dos feitos (ou peixes) presentados, sempre faltaría a maioría; o lugar onde facemos a nosa pesca, os métodos utilizados, o tempo climatolóxico e mesmo a sorte xogan un papel vital no que ao final capturaremos. Ademais, a composición da historia está feita inevitablemente de compilacións de moitos nesgos diferentes á hora de buscar os feitos, todos eles compostos co paso do tempo. Carr conclúe que para que un historiador intente un método máis obxectivo, debe aceptarse que a Historia só pode a aspirar a unha conversación do presente co pasado, e a que o método que cada un utiliza para reunir os feitos debería ser abertamente examinado. A verdade e os feitos históricos cambian, por tanto, co tempo, e reflicten só o consenso actual (se o hai).

No dereito editar

Véxase tamén: Proba (dereito).

No dicionario DiGalego defínese feito en relación co dereito como "caso sobre o que se litiga ou que é motivo dunha causa." Feito xurídico defínese como "acontecemento natural ou humano capaz de producir efectos xurídicos." Feito probado defínese como "feito que como tal se declara nunha sentenza dos tribunais de instancia e que serve de base para as apreciacións xurídicas en casación."[3]

Na maioría das xurisdicións legais o concepto xeral e a análise dos feitos reflicte principios fundamentais de xurisprudencia e apóiase en estándares ben establecidos.[27][28] [29][30][31]

Outro uso do termo feito é para referirse a asuntos suxeitos a investigación polas autoridades oficiais para establecer se se perpetrou un crime e establecer a culpabilidade.[32]

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Notas editar

  1. Bunge, M. (2003), Philosophical dictionary. Amherst, NY: Prometheus Books, p. 104.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para feito.
  3. 3,0 3,1 Definición de feito no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  4. "Fact" (6c). OED_2d_Ed_1989
  5. (Ver tamén "Matter" (2,6). Compact_OED)
  6. "Fact" (6a). OED_2d_Ed_1989
  7. "Fact" (8). OED_2d_Ed_1989
  8. Roger Bacon, translated by Robert Burke Opus Majus, Book I, Chapter 2.
  9. Stanford Encyclopaedia of Philosophy. States of Affairs
  10. Ver Wittgenstein, Tractatus Logico-Philosophicus, Proposición 2: Que é o caso . Un feito - é a existencia de estados do caso.
  11. "Un feito é, tradicionalmente, o corelato no mundo dunha proposición verdadeira, un estado do caso cuxa obtención fai esa proposición verdadeira." – Fact no The Oxford Companion to Philosophy
  12. Alex Oliver, Fact, en Craig, Edward (2005). Shorter Routledge Encyclopedia of Philosophy. Routledge, Oxford. ISBN 0-415-32495-5. 
  13. Engel, Pascal (2002). Truth. McGill-Queen's Press- MQUP. ISBN 0-7735-2462-2. 
  14. O argumento preséntase en moitos sitios, pero ver por exemplo Davidson, Truth and Meaning, in Davidson, Donald (1984). Truth and Interpretation. Clarendon Press, Oxford. ISBN 0-19-824617-X. 
  15. "Os feitos posúen unha estrutura interna, e son complexos de obxectos e propiedades ou relacións", Oxford Companion to Philosophy
  16. Fact, en The Oxford Companion to Philosophy, Ted Honderich, editor. (Oxford, 1995) ISBN 0-19-866132-0
  17. Gower, Barry (1997). Scientific Method: A Historical and Philosophical Introduction. Routledge. ISBN 0-415-12282-1. 
  18. Ravetz, Jerome Raymond (1996). Scientific Knowledge and Its Social Problems. Transaction Publishers. ISBN 1-56000-851-2. 
  19. (Gower 1996)
  20. (ver por exemplo, Ravetz, p. 182 fn. 1)
  21. Ravetz, p. 185
  22. 22,0 22,1 Gower, p. 138
  23. Gower, p. 7
  24. Ravetz p. 181 et. seq. (Chapter Six: "Facts and their evolution")
  25. Cassell, Eric J. The Nature of Suffering and the Goals of Medicine Oxford University Press. Retrieved 16 May 2007.
  26. (Ravetz 1996)
  27. Estrich, Willis Albert (1952). American Jurisprudence: A Comprehensive Text Statement of American Case Law. Lawyers Co-operative Publishing Company. 
  28. Elkouri, Frank (2003). How Arbitration Works. BNA Books. ISBN 1-57018-335-X. p. 305
  29. Bishin, William R. (1972). Law Language and Ethics: An Introduction to Law and Legal Method. Foundation Press. Original from the University of Michigan Digitized 24 March 2006. p. 277
  30. The Yale Law Journal: Volume 7. Yale Law Journal Co. 1898. 
  31. Per Lord Shaw of Dunfermline, Clarke v. Edinburgh and District Tramways Co., 1919 S.C.(H.L.) 35, at p 36.
  32. Bennett, Wayne W. (2003). Criminal Investigation. Thomson Wadsworth. ISBN 0-534-61524-4. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar

  • Entrada Facts na Stanford Encyclopedia of Philosophy