Estela de Mazarelas

estela romana atopada en Rodeiro, Oza-Cesuras

A estela de Mazarelas é unha estela romana atopada na parroquia de Rodeiro, no concello de Oza-Cesuras. A estela é salientable pola inscrición latina do seu rexistro inferior e a figura humana esquemática do seu piso superior.

Estela de Mazarelas

Tipo Estela romana
Características
Lonxitude 600 mm
Anchura 150 mm
Altura 1600 mm
Materiais Granito
Descuberta
Localización Rodeiro, Oza-Cesuras, Galicia Galicia
Conservación
Localización Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de Santo Antón

É tamén coñecida como estela de Primiano, polo nome da persoa a quen foi consagrada.

Contexto arqueolóxico e conservación

editar

A estela foi atopada por un labrego, José Sánchez Mirás, nunha leira do lugar de Mazarelas, da parroquia de Rodeiro. Este labrego vendeulla en abril de 1973 a un taberneiro de Ordes radicado en Basauri, quen a usou para decorar o seu bar. En xuño dese mesmo ano depositouse no Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña. Unha reprodución consérvase no Museo das Mariñas de Betanzos.

Segundo lle indicou ao arqueólogo Luís Monteagudo o protagonista do achado, a peza partiuse máis ou menos pola metade ao sacala da terra. Estaba xa partida polo rexistro inferior, sen que puidese recuperarse da terra a parte que contiña a última ringleira da inscrición.

O labrego tamén relatou que atopara a peza xunto de dúas pequenas lousas con restos de cinzas e pedras que poderían ser bases para columnas. O labrego referiu ter sacado gran cantidade de pedras da leira, o que levou a Monteagudo a supoñer que a estela podería formar parte dun pequeno templo funerario dentro dunha necrópole de época imperial.

Inscrición

editar
 
Vista en oblicuo da Estela de Mazarelas.

A inscrición consta de cinco ringleiras, aínda que a última non se pode máis que intuír. Segundo a lectura de Monteagudo, a inscrición reza:

D(iis) M(anibus) S(acrum) / Primiano / Vitales an(norum) / LXXV. Tetulu(m) / [filius patri carissimo fecit].

O propio Monteagudo ofrece a seguinte tradución:

Consagrado aos deuses manes. / A Primiano, / fillo de Vitalis, / de setenta e cinco anos. A lápida / [fíxolla o seu queridísimo fillo.]

Comparando a caligrafía da inscrición coa doutros epígrafes achados en Galiza, en especial miliarios para os que hai unha datación certa, Monteagudo propón unha cronoloxía tardoimperial. Na súa opinión, a peza non sería anterior ao 250 nin posterior ao 400.

Descrición

editar

Realizada en granito, a estela ten un grande tamaño. A altura do conservado supera os 160 centímetros, de maneira que a peza enteira podería superar os 2 metros. A anchura chega case aos 60 centímetros. O grosor é de máis de 15 centímetros na parte superior e de algo menos de 10 na inferior.

Como é habitual nas estelas, ten forma rectangular, co lado superior facendo case un semicírculo. Desbástase unicamente a cara frontal. Esta cara divídese en tres rexistros de tamaño parecido. A parte inferior ocúpase coa inscrición latina. A parte intermedia está ocupada por un cadrado cruzado con dúas aspas, que dan lugar a catro cuadrantes simétricos, en forma de triángulos equiláteros. No cuadrante superior e inferior destácase unha roseta hexapétala de gran tamaño flanqueada por dous botóns decorados con círculos concéntricos. No cuadrante esquerdo e dereito aparecen de novo estes botóns flanqueando outro igual, pero de moito maior tamaño.

No piso superior aparece a figura esquemática dun home. Distínguese a cabeza redondeada, o pescozo, un cadrado que representa o corpo e as pernas. No rostro, sendo esquemático, trázanse con decisión as cellas, os ollos, un nariz en forma de U e a boca. A expresión é difícil de interpretar, pero podería ser de beatitude. O cadrado debería representar o corpo vestido, quizais togado e cuberto cunha capa, a xulgar polos desbastes que cruzan en diagonal o cadrado, como querendo representar os brazos.

O home está rodeado por seis botóns (tres a cada lado). Cinco deles están decorados con rosetas hexapétalas, outro cun círculo e un punto. Preséntase debaixo dun arco de medio punto apoiado en dúas columnas con capiteis e bases moi marcadas. Así mesmo, a súa cabeza sitúase á altura da clave de bóveda do arco imaxinario que conforman os seis botóns decorativos que rodean a súa figura.

Linguaxe artística e interpretación

editar

A técnica de escultura é a dobre plano, é dicir, o fondo ten unha altura uniforme e sobre el resaltan as figuras, todas a idéntica altura. A diferenza doutras estelas, como a de Crecente, que imitan na técnica e na iconografía a tradición clásica, tanto a técnica a dobre pano como os motivos decorativos e o deseño esquemático da figura remiten á plástica indíxena.

Como sucede con outras estelas romanas, cabe supoñer que Primiano, co seu nome romanizado, fose un membro destacado da comunidade local. Monteagudo formula tamén a hipótese de que os motivos decorativos sexan representacións dos astros. Nunha síntese dos misterios orientais e das crenzas indíxenas, representarían o paraíso sideral onde habitan as almas dos defuntos.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar