Pedanio Dioscórides (en latín Pedanius Dioscorides, en grego antigo Πεδάνιος Διοσκορίδης Pedánios Dioskorídēs), naceu contra o ano 40 en Anazarbus, Cilicia, Asia Menor e morreu contra o ano 90.

Dioscórides
Nacementoc. 40
Lugar de nacementoAnazarbo
Falecementoc. 90
NacionalidadeRoma Antiga
Ocupaciónmédico, botánico, farmacéutico e farmacólogo
editar datos en Wikidata ]
Representación de Dioscórides.

Foi un médico, farmacólogo e botánico grego, cuxa obra De Materia Medica alcanzou unha ampla difusión, converténdose no principal manual de farmacopea durante toda a Idade Media e o Renacemento.

Biografía editar

Pouco se sabe da súa vida. Practicou a medicina en Roma na época dos emperadores Claudio I e Nerón. Segundo a propia testemuña que figura na carta que serve de prólogo á súa obra, foi cirurxián militar no exército romano, co que tivo a oportunidade de viaxar en busca de substancias medicinais por todo o mundo coñecido.[1]

A súa obra: De Materia Medica editar

Entre os anos 50 e 70[2] Dioscórides escribiu, en cinco volumes, a súa magna obra Περὶ ὕλης ἰατρικῆς Perì hýles iatrikês (Sobre a materia da medicina) máis coñecida posteriormente polo nome da súa tradución latina De Materia Medica, precursora da moderna farmacopea.[3]

No texto describe unhas 600 plantas medicinais, incluíndo a mandrágora, uns 90 minerais e ao redor de 30 substancias de orixe animal.[4] A diferenza doutras obras clásicas, este libro tivo unha enorme difusión na Idade Media tanto no seu orixinal grego como en outras linguas, tales como o latín e o árabe.[5]

 
Tradución árabe de De Materia Medica de Dioscórides. Cumin & dill. c. 1334. Museo Británico de Londres.

O códice máis antigo que se conserva da obra data de comezos do século VI, e foi copiado para uso da patricia romana Anicia Juliana, filla do emperador Anicio Olibrio. Este manuscrito ten un total de 491 folios, e case 400 ilustracións a páxina completa. En 1569 foi adquirido polo emperador Maximiliano I, conservándose na Biblioteca Nacional de Austria (Österreichische Nationalbibliothek). É coñecido como Codex Vindobonensis Med. Gr. 1. (Vindobona é o nome latino de Viena) ou, simplemente, como o "Dioscórides de Viena".[6]

A obra foi traducida por primeira vez ao árabe no século IX, no Bagdad abasí.

No século seguinte, o emperador bizantino Constantino Porfiroxéneta enviou o libro como presente ao califa cordobés Abderramán III un exemplar en grego, que foi traducido ao árabe por un monxe chamado Nicolás, coa axuda do xudeu Hasdai ibn Shaprut.[7]

Imprimiuse por primeira vez, en latín, en 1478, en Colle (Toscana) por Pedro Paduano. A primeira edición ibérica de Dioscórides foi a castelá de Andrés Laguna (1511 - 1559), feita a partir da de Jean de Ruelle, titulada Pedacio Dioscorides... Materia medicinal (Antuerpen, 1555).[8]

Notas editar

  1. Borzelleca, Joseph F. e Lane, Richard W. "The Art, the Science, and the Seduction of Toxicology: an Evolutionary Development". En Hayes, Andrew Wallace (2001): Principles and Methods of Toxicology. 4th ed. Philadelphia : Taylor & Francis. ISBN 1-56032-814-2.
  2. Forbes, Andrew; Henley, Daniel e Henley, David (2013): "Pedanius Dioscorides" en Health and Well Being: A Medieval Guide. Chiang Mai: Cognoscenti Books.
  3. Greek Medicine. Dioscorides: Early Pharmacology National Institutes of Health, USA. 16 September 2002. (en inglés) Consultada o 15/07/13.
  4. Krebs, Robert E. e Krebs, Carolyn A. (2003): Groundbreaking Scientific Experiments, Inventions, and Discoveries of the Ancient World. Greenwood Publishing Group. pp. 75-76.
  5. Algúns detalles sobre manuscritos meievais de De Materia Medica en Ibidis press Arquivado 24 de setembro de 2014 en Wayback Machine..
  6. Selin, Helaine (2008): Encyclopaedia of the History of Science, Technology, and Medicine in Non-Western Cultures. Springer. p. 1077.
  7. García Sánchez, Expiración, ed.(1990): Ciencias de la naturaleza en al-Andalus: textos y estudios. I, Volume 1 Madrid: CSIC. ISBN 84-00-07027-5.
  8. Dubler, César E. (1952/59): La 'Materia Medica' de Dioscórides. Transmisión medieval y renacentista. 6 vols. Barcelona.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Dioscórides / Pseudo Dioscórides (1998): Plantas y remedios medicinales. Obra completa. Madrid: Editorial Gredos ISBN 978-84-249-1957-3
  • Dubler, César E. (1952/59: La 'Materia Medica' de Dioscórides. Transmisión medieval y renacentista. 6 vols. Barcelona.
  • Font Quer, P. (2001): Plantas medicinales. El Dioscórides renovado. Barcelona: Adiciones Península. 3ª ed. (A primeira edición é do ano 1961. Barcelona: Editorial Labor.)
  • Pedacio Dioscórides Anazarbeo (1555): Acerca de la materia medicinal y de los venenos mortiferos. Edición dixitalizada. Biblioteca Digital Hispánica. Identificador dixital [1] Arquivado 13 de abril de 2020 en Wayback Machine.
  • Riddle, J. M. (1985): Dioscorides on Pharmacy and Medicine. Austin: University of Texas Press.
  • Riddle, J. M.: Dictionary of Scientific Biography. Vol. 4, páxs. 119-123.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar