Califato de Córdoba
O califato de Córdoba foi un estado musulmán andalusí proclamado por Abd al-Rahman III en 929. O califato puxo fin ao emirato independente instaurado por Abd al-Rahman I en 756 e perdurou oficialmente ata o ano 1031, en que foi abolido dando lugar á fragmentación do Estado omeia en multitude de reinos coñecidos como taifas.
O califato de Córdoba foi a época de máximo esplendor político, cultural e comercial do Al-Andalus.
Apoxeo do califato
editarOs reinados de Abd al-Rahman III (929-961) e o seu fillo Alhakén II (961-976) constitúen o período de apoxeo do califato omeia, no que se consolida o aparello estatal cordobés.
Para afianzar o aparello estatal os soberanos recorreron a oficiais fieis á dinastía omeia, o cal configurou unha aristocracia palatina de fata'ls (escravos e libertos de orixe europea), que foi progresivamente aumentando o seu poder civil e militar, suplantando así á aristocracia de orixe árabe. No exército incrementouse especialmente a presenza de continxentes bérberes, debido á intensa política califal no Magreb. Abderramán III someteu aos señores feudais, os cales pagaban tributos ou servían no exército, contribuíndo ao control fiscal do califato.
As empresas militares consolidaron o prestixio dos omeias fóra do Al-Andalus e estaban orientadas a garantir a seguridade das rutas comerciais. A política exterior canalizouse en tres direccións: os reinos cristiáns do norte peninsular, o Norte de África e o Mediterráneo.
Relacións cos reinos cristiáns
editarDurante os primeiros anos do califato, a alianza do rei leonés Ramiro II con Navarra e o conde Fernán González ocasionaron o desastre do exército califal na batalla de Simancas. Pero á morte de Ramiro II, Córdoba puido desenvolver unha política de intervención e arbitraxe nas querelas internas de leoneses, casteláns e navarros, enviando frecuentemente continxentes armados para controlar aos reinos cristiáns. A influencia do califato sobre os reinos cristiáns do norte chegou a ser tal que entre 951 e 961, os reinos de León, Navarra e Castela e o condado de Barcelona rendíanlle tributo.
As relacións diplomáticas foron intensas. A Córdoba chegaron embaixadores do conde de Barcelona Borrell, de Sancho Garcés II de Navarra, de Elvira Ramírez de León, de García Fernández de Castela e o conde Fernando Ansúrez entre outros. Estas relacións non estiveron faltas de enfrontamentos bélicos, como o cerco de Gormaz de 975, onde un exército de cristiáns enfrontouse ao xeneral Galib.
Califas de Córdoba
editar- Abd al-Rahman III (929-961)
- Alhakén II (961-976)
- Hisham II (976-1000 e 1010-1013)
- Muhammad II (1009)
- Sulaiman al-Mustain (1009 e 1013-1016)
- Alí ben Hamud al-Nasir (1016-1018)
- Abd al-Rahman IV (1018)
- Al-Qasim al-Mamun (1018-1021 e 1023)
- Yahya al-Muhtal (1021-1023 e 1025-1026)
- Abd al-Rahman V (1023-1024)
- Muhammad III (1024-1025)
- Hisham III (1027-1031)
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Califato de Córdoba |
Bibliografía
editar- Levi-Provençal, E., España musulmana hasta la caída del califato de Córdoba (711-1031), Madrid 1957.
- Sánchez Albornoz, C., La España musulmana según los autores islamitas y cristianos medievales, Barcelona 1946.
- Torres Balbás, L., Ciudades hispanomusulmanas, Madrid.
- Vernet, J., La cultura hispano árabe en Oriente y Occidente, Barcelona 1978.
- Eisenberg, Daniel, Propuestas teorico-metodológicas para el estudio de la literatura hispanica medieval, ed. Lillian van der Walde. Cidade de México: Universidade Nacional Autónoma de México-Universidade Autónoma Metropolitana, 2003, pp. 511–520.