Batalla de Vilaza

batalla da Guerra de Restauración Portuguesa

A batalla de Vilaza foi unha batalla no marco da Guerra de Restauración Portuguesa en Vilaza (Monterrei) en 1642 que enfrontou ao exército galego dirixido por Martín de Redín, capitán xeneral de Galicia, contra o exército portugués de Rodrigo de Figueiredo.[1] A superioridade numérica deulle a vitoria decisiva ao bando galego.

Batalla de Vilaza
Data: 1642
Lugar: Vilaza (Monterrei)
Conflito: Guerra de Restauración Portuguesa
Resultado: Vitoria galega
Combatentes
Reino de Galicia Reino de Portugal
Comandantes
Martín de Redín Francisco Pereira
Rodrigo de Figueiredo
Forzas en combate
8000 infantes
2000 cabalos
3000 cabalaría e infantaría
Efectos
Mortes: ? Mortes: 500 mortos
250 prisioneiros

Contexto editar

Nos primeiros meses da guerra a fronte galega estivo inactiva. Neste tempo os portugueses repararon e habilitaron a súas fortalezas, abandonadas dende a Idade Media. O gobernador de Entre Douro e Miño, Gastón Coutiño, fortificou as prazas de Valença do Miño e Vila Nova de Cerveira.[1]

Galicia asumiu completamente a reorganización do exército nesta fronte, o goberno central, sempre receoso de recoñecer facultades e competencias ás rexións, nunca tivo reparo en darlle o maior número de cargas e sacrificios. O exército que operou na fronteira portuguesa nos primeiros anos de guerra foi exclusivamente galego, composto por milicias recrutadas en Galicia.[1]

En realidade, tanto en Galicia coma en Portugal, improvisouse un exército, composto máis de milicias que de soldados profesionais. En 1641, ao comezar as operacións militares, Francisco de Andía Irarrazábal y Zárate, o marqués de Valparaíso, gobernador e capitán xeneral de Galicia, formou oito terzos con soldados das milicias, con cabos e oficiais. Estes soldados serviron ata 1644 no exército de Tui, ademais de 4000 soldados en Monterrei, que levantou o conde de Aiara.[1][2]

Batalla editar

 
Martín de Redín

Un exército portugués entrou dende Chaves con 3000 soldados e cabalaría. Na batalla tomaron parte un exército real de 8000 infantes e 2000 cabalos, sen axuda forasteira. Por entón era capitán xeneral de Galicia o prior de Navarra, Martín de Redín, Grande Mestre da Orde de Malta.[1][2]

Rodrigo de Figueiredo entrou en Galicia con 15 000 homes, milicianos máis amigos de saqueos que de combates, que se dispersaron case na súa totalidade cando percibiron o perigo ao que se expuñan ao socorrer as tropas de Francisco de Pereira, as cales resistían nun monte cerca de Verín. As tropas que chegaron pereceron no campo de batalla.[3][1]

O exército galego desfixo rapidamente as filas portuguesas, quedando mortos 500 e facendo 250 prisioneiros, que foron repartidos nos castelos e cárceres do reino.[1]

Consecuencias editar

O gobernador e capitán xeneral de Galicia, Martín de Redín, que levaba un ano no cargo, a pesar desta vitoria foi a primeira vítima da perda de Salvaterra de Miño, pois o goberno español destituíno do seu cargo. No canto de nomear un novo capitán xeneral, o goberno español encomendou a tarefa de recuperar Salvaterra ao ausente arcebispo de Compostela, Agustín Spínola.[1]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 González López, Emilio (1973). El águila caída: Galicia en los reinados de Felipe IV y Carlos II (en castelán). Editorial Galaxia. ISBN 9788471541666. 
  2. 2,0 2,1 Vicetto, Benito. Historia de Galicia VII. pp. 62, 100. 
  3. de Lemos Faria e Castro, Damião (1804). Historia Geral de Portugal. XVIII. p. 225.