Ermida da Nosa Señora da Lanzada

construción relixiosa na Lanzada, Sanxenxo

A ermida da Nosa Señora da Lanzada é unha pequena capela situada na parroquia de Noalla, en Sanxenxo, construída no século XII en estilo románico tardío. Aséntase sobre o extremo máis occidental dunha punta que se introduce no mar, nas inmediacións dos restos dunha fortaleza medieval, coñecida como a torre da Lanzada e á beira do castro da Lanzada.

Ermida da Nosa Señora da Lanzada
Vista da ermida
PaísEspaña
LocalizaciónNoalla (Sanxenxo)
Coordenadas42°25′47″N 8°52′40″O / 42.429833333333, -8.8776833333333Coordenadas: 42°25′47″N 8°52′40″O / 42.429833333333, -8.8776833333333
DioceseArquidiocese de Santiago de Compostela
Estiloarquitectura románica
editar datos en Wikidata ]

Orixe editar

 
Restos da torre da Lanzada.

O lugar, antes illa e hoxe península, estivo habitado dende tempos remotos, testemuño disto son os innumerábeis restos achados tanto no antigo poboado castrexo coma na necrópole que se atopa nas inmediacións con numerosos restos romanos. No lugar atopábase presuntamente un faro fenicio ou quizais romano.

Frei Martín Sarmiento supuxo, erroneamente, que se trataba da antiga cidade de Lambriaca que citara o xeógrafo Pomponio Mela:

"El que hubiere leído a Mela, cuando da noticia de la ciudad de Lambriaca, conjeturará que en ninguna parte cuadra mejor su antiguo sitio que en la mismísima ría de Noalla y Salinas, mirando hacia el cabo de Nuestra Seóra de la Lanzada y a su mar bravísimo... En este país como en el de La Lanzada, ha descubierto el mar diferentes sepulcros de piedra muy antiguos, huesos, calaveras etc. Por lo que sería útil que algún curioso hiciese despacio en aquel territorio algunas observaciones y averiguaciones por si se descubrían ruinas de la antigua ciudad de Lambriaca, que pone Mela".
(Martín Sarmiento: Viaje a Galicia de 1745, px. 129)

A capela románica construíuse sobre os restos doutra igrexa máis antiga ligada á fortaleza construída no século X para defender, xunto as Torres de Oeste en Catoira e as de Cambados, as terras de Santiago de Compostela dos invasores viquingos e normandos.

A fortaleza foi máis adiante escenario de batallas entre Dona Urraca e o arcebispo Diego Xelmírez até que no século XIII foi destruída polos árabes. Posteriormente foi reconstruída máis robustamente. Xa no século XV foi seriamente danada polas revoltas Irmandiñas. Por fin no século XVI ficou definitivamente abandonada. Actualmente só se conserva os restos dunha das torres e mais a ermida.

Características arquitectónicas editar

A fachada principal é moi sinxela e os únicos adornos son un pequeno falso arco apuntado ou de descarga no lintel da porta e un rosetón. Na fachada posterior áchase a ábsida, de forma semicircular e con catro columnas embutidas. As fachadas laterais son tamén moi sinxelas, salientando os canzorros do beirado. Nunha delas existe unha segunda entrada cun arco de medio punto. A cumieira remátase con cruces gregas.

A planta é rectangular, cunha soa nave en dous treitos separados por un arco sobre piares. Unha bóveda lixeiramente apuntada forma a cuberta da nave maior. No interior salienta o retablo barroco onde se atopa a imaxe da Virxe da Lanzada.

A Lanzada na cultura popular galega editar

Lendas editar

Coma moitos outros castros cristianizados, a capela atópase no lugar onde seguramente un deus pagán fora venerado, moi posibelmente relacionado coa fertilidade [Cómpre referencia].

Así, a capela relaciónase dende a antigüidade co rito da fecundidade do baño das nove ondas na praia da Lanzada. Na última fin de semana de agosto celébrase a romaría da Virxe da Lanzada. Na noite do sábado acoden mulleres que desexan acabar coa súa infertilidade, para iso deben someterse ao baño das nove ondas á media noite. No amencer teñen que ir á ermida e varrer o chan para desfacer todo tipo de meigallos e males de ollo e, a seguir, realizar a ofrenda á Virxe. Trala misa faise a procesión. Tamén é común que o baño sexa na noite de San Xoán e non só para obter fertilidade senón para curar doentes e incluso animais.

Existe outra lenda de fecundidade que consiste en pór ofrendas florais no chamado leito da Virxe, unha rocha que se atopa na rompente da ermida. Antigas lendas aseguran a existencia de túneles que comunicaban a costa coas illas Ons.

Os mariñeiros tamén solicitan os favores da Virxe para os protexer dos perigos do mar, e mostra disto eran os exvotos en xeito de maquetas de barcos que había no interior da capela, e que foron retirados trala restauración da mesma en 2019.

A Virxe da Lanzada na literatura popular editar

  • Indo polo mar abaixo/ o vento rachoume a vela./ Miña Virxe da Lanzada/ dame pano para ela [1].
  • Madre de Dios da Lanzada,/ madre de Dios lanzadeira,/ éntrache o sol pola porta,/ sáleche pola vidreira [2]
  • Miña Virxe da Lanzada/ bota castañas abaixo,/ anque non teño mantelo/ collereinas no refaixo.
  • Nosa Virxe da Lanzada/ que altiña que se foi pór,/ dalle o aire, dalle o vento,/ dalle o mar polo arredor [3].

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 14. No texto: dáme.
  2. Fermín Bouza-Brey: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II], 183. No texto: pol-a.
  3. Fermín Bouza-Brey: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II], 185. No texto: pôr, pol-a.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar