Edward Hopper
Edward Hopper, nado en Nyack o 22 de xullo de 1882 e finado en Nova York o 15 de maio de 1967, foi un famoso pintor estadounidense, célebre sobre todo polos seus retratos da soidade na vida norteamericana contemporánea.
Traxectoria editar
Os Comezos editar
Nado en Nyack, unha pequena cidade á beira do río Hudson no seo dunha familia culta e burguesa, de orixe inglesa e holandesa. No 1900 Hopper entra na New York School of Art. Nese instituto coincidirá con outros futuros protagonistas da arte americana de principios dos anos 1950: Guy Pène du Bois, Rockwell Kent, Eugene Speicher e George Bellows.
Con todo, os contactos que resultarán fundamentais para a súa formación e para o seu desenvolvemento como pintor serán tres dos profesores da escola: William Merrit Chase, que lle animou a estudar e a copiar o que vía nos museos; Kenneth H. Miller, que lle educou no gusto por unha pintura nítida e limpa, organizada nunha composición espacial ordenada; Robert Henri, que contribuíu a liberar a arte da época do peso das normas académicas, ofrecendo dese xeito un exemplo activo ó xove Hopper.
Tras consegui-lo seu título, Hopper obtivo o seu primeiro traballo como ilustrador publicitario na C. Phillips & Company.
As viaxes ó estranxeiro editar
En 1906 viaxa a Europa por primeira vez, visitando París, onde experimentará cunha linguaxe formal próximo ó dos impresionistas, a súa segunda viaxe 1907 a Londres, Berlín e Bruxelas.
O estilo persoal e inconfundible de Hopper, formado por eleccións expresivas precisas, emerxe e fórmase en 1909, cando decide regresar a París durante seis meses, pintando en Saint-Gemain e Fontainebleau.
A súa pintura caracterízase por un peculiar e rebuscado xogo entre as luces e as sombras, pola descrición dos interiores, que aprende con Degas e que perfecciona na súa terceira e última viaxe ó estranxeiro, a París e a España, en 1910 e polo tema central da soidade.
Mentres en Europa consolidábase o fauvismo, o cubismo e a arte abstracta, Hopper séntese máis atraído por Manet, Pissarro, Monet, Sisley, Courbet, Daumier, Toulouse-Lautrec e por un pintor español anterior a tódolos anteriores: Goya.
O regreso ós Estados Unidos editar
De regreso definitivo ós Estados Unidos, onde xa non sairá, Hopper abandona as nostalxias europeas que lle influíran ata entón e comeza a elaborar temas unidos á vida cotiá norteamericana, modelando o seu estilo á vida cotiá. Entre os temas que aborda hai sobre todo representacións de imaxes urbanas de Nova York e dos cantís e praias da próxima Nova Inglaterra.
No 1918 convértese nun dos primeiros integrantes do Whitney Studio Club, ó centro para os artistas independentes da época máis dinámica.
Entre 1915 e 1923 abandona temporalmente a pintura, adicándose a novas formas expresivas como o gravado, empregando a punta seca e a augaforte, cos que obterá numerosos premios e recoñecementos, incluso algún da prestixiosa National Academy.
O éxito editar
O éxito conseguido cunha exposición de acuarelas (1923) e outra de lenzos (1924) fan de Hopper o autor de referencia dos realistas que pintaban escenas americanas.
A súa evocadora vocación artística evoluciona cara a un forte realismo, que resulta ser a síntese da visión figurativa unida ó sentimento poético que Hopper percibe no seus obxectos.
Imaxes urbanas ou rurais, inmersas no silencio, nun espazo real e metafísico á vez, que comunica ó espectador un sentimento de alonxamento do tema e do ambiente no que está inmerso bastante forte. Hopper conseguiu isto por medio dunha esmerada composición xeométrica do lenzo, por un sofisticado xogo de luces, frías, cortantes e intencionadamente "artificiais", e por unha extraordinaria síntese dos detalles. A escena aparece case sempre deserta; no seus cadros case nunca se atopan máis dunha figura humana, e cando hai máis dun o que destaca é a alienación dos temas e a imposibilidade de comunicación resultante, que agudiza a soidade. Un exemplo deste tipo de obras é Nighthawks.
En 1933 o Museo de Arte Moderna de Nova York consagrou a primeira retrospectiva, e o Whitney Museum a segunda, no 1950.
Hopper morre o 15 de maio de 1967 no seu estudio neoiorquino, preto do Washington Square.
Véxase tamén editar
Ligazóns externas editar
- Edward Hopper at the National Gallery of Art Arquivado 30 de setembro de 2007 en Wayback Machine.
- Edward Hopper e o ocaso do sono americano | Na Heterogenese Revista de Artes Visuais
- An Edward Hopper ScrapbookSmithsonian American Art MuseumArquivado 04 de marzo de 2005 en Wayback Machine.
- Artinthepicture.com: Edward Hopper | Breve introdución á vida de Hopper
- Hopper no WebMuseum