Abrir o menú principal

Dischord Records

(Redirixido desde "Dischord")

Dischord Records é un selo discográfico independente con base en Washington, D.C., especializado en música punk rock da escena musical da zona. O selo é propiedade de Ian MacKaye e Jeff Nelson, que fundaron Dischord en 1980 para editar o EP Minor Disturbance de The Teen Idles. A etiqueta destaca por ter mantido a súa estrita ética "faino ti mesmo", producindo todos os álbums eles mesmos e vendéndoos a prezos baratos sen a axuda de grandes distribuidoras. Dischord continua editando gravacións de bandas de Washington D.C., e documentando e apoiando a súa escena musical.

Dischord Records
Fundado en1980
FundadorIan MacKaye e Jeff Nelson
Estadoactiva
DistribuidorasSouthern Records
Xénero(s)punk rock, post-hardcore, hardcore punk
OrixeEstados Unidos Flag of the United States.svg
LocalizaciónWashington, DC
http://www.dischord.com

Dischord é un dos máis famosos selos discográficos independentes, xunto con Alternative Tentacles, SST Records e Touch & Go Records. Os seus primeiros lanzamentos estaban relativamente ben producidos en comparación con outras gravacións punk rock da época, e os traballos de Minor Threat son un bo exemplo diso.

HistoriaEditar

Despois de que a finais do verán de 1980 a banda Teen Idles se separase, os seus membros decidiron gravar un disco cos cartos aforrados tras os seus 35 concertos. Sabendo que ningunha discográfica editaría o seu traballo sabendo que o grupo xa non existía decidiron facelo eles mesmos. Un amigo, dono dunha tenda de discos, posuía un selo propio, Limp, e explicoulles a dous dos membros da banda, Ian MacKaye e Jeff Nelson, as bases para editar un disco. Tras estas leccións e despois de pensar un nome nacería Dischord Records. En decembro dese ano sería lanzado o EP Minor Disturbance de Teen Idles, a primeira referencia do seu catálogo.

No momento da súa fundación existía unha grande actividade na escena hardcore punk de Washington D.C., e o selo foi unha peza moi importante na súa popularización. Ao pouco tempo Ian e Jeff formarían o grupo Minor Threat e o roadie de Teen Idles, Henry Rollins, montaría S.O.A., que editaría o EP No Policy converténdose así na segunda referencia de Dischord Records a principios de 1981. Cos cartos gañados pola publicación dos seus dous primeiros EPs, o selo comezou a lanzar sinxelos de Minor Threat e das tamén acabadas de formar Government Issue e Youth Brigade cara finais de ano.

En outubro de 1981 a sede do selo trasladouse a Arlington, Virginia, a unha casa que foi bautizada como "Dischord House". Nathan Strejcek, vocalista de Teen Idles non se mudaría ao novo local, e aos poucos a súa participación na discográfica foi sendo menor. Como todos os encargados do selo entaban involucrados en distintas bandas, o soto da casa converteuse nun local de ensaio, e a consecuencia diso tamén sería un lugar de encontro importante da comunidade punk da zona.

En xaneiro de 1983 Dischord lanzou o seu primeiro vinilo de 12", un recompilatorio titulado Flex Your Head composto por 32 temas de 11 bandas de Washington D.C. Cara mediados dese ano o selo xa negociara a edición de traballos de Faith, Void, Scream e Marginal Man, ademais do EP de Monor Threst Out of Step, pero estaba pasando por problemas económicos. Cando dentro da discográfica barallaban os posibles pasos a seguir para sair das dificultades polas que atravesaban apareceu John Loder, dono dos Southern Studios de Londres.

Loder ofreceuse a lanzar o EP Out of Step en Europa, e como aquí a fabricación de álbums era máis barata e a súa compañía podía pagalos a crédito (Dischord adoitaba a facelo contra-reembolso) ofreceuse tamén a axudalos a distribuílo polos Estados Unidos. Nese momento a demanda de discos era moito maior do que os donos da Dischord agardaban, e no selo non tiñan os cartos suficientes para fabricalos, polo que aceptaron o ofrecemento de Loder. Así naceu a asociación con Southern, que dura ata o día de hoxe.

No peor momento dos seus problemas económicos debido á cuestión da distribución, a meirande parte das bandas orixinais da discográfica separáranse ou abandonaran Dischord. Houbo un momento de calma creativa, e o selo alonxouse da escena de Washington D.C., a cal, a medida que medraba, ía desarticulándose e volvéndose máis violenta.

Cara 1985 unha nova fornada de bandas comezou a aparecer, entre elas estaban Rites of Spring, Soulside, Gray Matter, Beefeater, Mission Impossible, Fire Party, Dag Nasty e Embrace, que acabarían todas asinando con Dischord Records.

BandasEditar

Bandas como Minor Threat, Government Issue, The Faith, Void, Iron Cross, Embrace, Rites of Spring, Nation of Ulysses, Scream, Gray Matter, Jawbox, Marginal Man, Shudder to Think, Dag Nasty, Lungfish e Fugazi editaron traballos con Dischord.

Entre as incorporacións do selo de finais dos anos 90 e dos anos 2000 están Q and Not U, Beauty Pill, Antelope, Faraquet, Black Eyes, The Aquarium, Title Tracks, Edie Sedgwick e Andalusians. Moitos destes artistas, entre os que destacan Q and Not U e Black Eyes, son influentes bandas post-hardcore.

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar