Deportivo Auténtico

club de fútbol galego

O Deportivo FC Auténtico foi un club de fútbol da cidade da Coruña, de curta existencia. Xurdiu en 1914 como unha escisión do Deportivo da Coruña levada a cabo polos xogadores do club, despois de que a directiva lles prohibise disputar partidos contra o Real Club Coruña, co que mantiñan unha gran rivalidade. Competiu en dúas edicións do Campionato de Galicia, e estivo activo ata 1918, cando chegou a un acordo co Deportivo para volverse integrar neste.

Deportivo Auténtico
NomeDeportivo FC Auténtico
Fundación1914
Desaparición1918
EstadioCampo de Riazor
Inauguración1909

Historia editar

Nacemento editar

O Deportivo da Coruña mantivo dende a súa fundación unha gran rivalidade contra o outro gran equipo da cidade, o Real Club Coruña. Os partidos entre os dous equipos acababan moitas veces con incidentes entre as súas respectivas afeccións, polo que a directiva do Deportivo decidiu non volver xogar contra o Coruña, facéndoo en vez diso, contra outros equipos coruñeses, vigueses e ferroláns. Tras un tempo sen enfrontarse, en 1914 os futbolistas do Deportivo, descontentos coa situación, pactaron un par de partidos amigables contra o Coruña, sendo desautorizados pola directiva presidida por Rogelio Fernández Conde.[1] Os xogadores fixeron caso omiso e o 30 de agosto disputaron no campo de Monelos o primeiro dos encontros, resultando vencedor o Real Club Coruña por 2-0, con goles de Parra e Caruncho.[2][3] Unha semana despois xogouse o segundo partido, tamén con vitoria coruñesistas, por 4-0.[4]

Cara a finais de outubro de 1914, os xogadores do Deportivo da Coruña constituíronse como un novo club, co nome de Deportivo FC Auténtico, e con Carlos González de Ancos como o seu primeiro presidente.[5]

Nos seguintes anos editar

A pesar das adversidades, como as derrotas iniciais ou o suicidio pouco despois dun dos seus futbolistas, Antonio Catoira,[6] o novo club competiu moi activamente durante os seguintes anos, xogando de branco e azul e disputando os seus partidos como local no campo de Riazor, mentres que o Deportivo da Coruña, sen xogadores, permaneceu inactivo. Na tempada 1916/17 o Deportivo Auténtico disputou por primeira vez o Campionato de Galicia. A finais de 1917 tomou posesión unha nova xunta directiva, con Virgilio Rodríguez como novo presidente.[7]

Na seguinte edición do Campionato de Galicia, o Deportivo Auténtico quedou encadrado no grupo norte xunto co Real Club Coruña. O partido de ida en Riazor acabou con empate a dous goles, mentres que na volta en Monelos, o Deportivo logrou a vitoria por 2-0 nun partido con varias liortas de xogadores e seareiros.[8] Deste xeito, clasificouse para a final, onde se enfrontou ao Fortuna de Vigo. No partido de ida en Riazor, o Fortuna adiantouse rapidamente con dous goles de Cambón e Porto, pero o Deportivo Auténtico empatou no segundo tempo con tantos de Ricardo Álvarez e Barreiro.[9] O partido de volta en Bouzas acabou cun 3-0 para os vigueses, que con esta vitoria lograron o pase á Copa do Rei.[10]

Reunificación editar

A mediados de agosto de 1918, as directivas do Deportivo Auténtico e do Deportivo da Coruña, chegaron a un acordo para se uniren de novo, conservando como nome o do club orixinal.[11] A unión logrouse en boa parte grazas a Virgilio Rodríguez, que pouco despois converteuse no novo presidente do club.[12] O Real Club Coruña desapareceu pouco despois e o Deportivo da Coruña dominou o fútbol coruñés durante o seguinte século.

Notas editar

  1. "De sport". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de agosto de 2014. p. 3. 
  2. "De sport". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de agosto de 2014. p. 2. 
  3. "Notas de sport". El Eco de Galicia (en castelán) (2535). 31 de agosto de 1914. p. 2. Consultado o 12 de novembro de 2021. 
  4. "De sport". La Voz de Galicia (en castelán). 7 de setembro de 2014. p. 2. 
  5. "De sport". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de outubro de 2014. p. 3. 
  6. "El suicidio de anteayer". La Voz de Galicia (en castelán). 6 de febreiro de 2015. p. 2. 
  7. "Elección de directivas". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de decembro de 1917. p. 1. 
  8. "Notas deportivas". El Ideal Gallego (en castelán) (342). 18 de marzo de 1918. p. 2. Consultado o 11 de novembro de 2021. 
  9. "Fortuna-Deportivo". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de marzo de 1918. p. 1. 
  10. "Fortuna-Deportivo". El Diario de Pontevedra (en castelán) (10194). 1 de abril de 1918. p. 2. Consultado o 11 de novembro de 2021. 
  11. "Notas deportivas". El Ideal Gallego (en castelán) (486). 18 de agosto de 1918. p. 2. Consultado o 11 de novembro de 2021. 
  12. "Restaurado un cadro de Lloréns de 1911 que representa por primeira vez as cores do Deportivo con Virgilio como protagonista". Deportivo da Coruña. 26 de decembro de 2018. Consultado o 11 de novembro de 2021. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar