Un seareiro[1] é unha persoa afeccionada a un determinado deporte, á que lle gusta ir animar aos partidos ou competicións deportivas a algún equipo ou deportista. Normalmente, o seareiro é afeccionado a un só club deportivo ou deportista en concreto e acode con frecuencia ás competicións oficiais ou amigábeis nas que participa, a miúdo vestido cunhas cores representativas e realizando danzas e cánticos. A súa paixón na defensa do seu equipo ou deportista pode ir desde a simple afección até o radicalismo propio dun fan. Algúns seareiros poden unirse en peñas ou grupos afíns para se organizaren e cantar as mesmas cancións e berros, facer murais, facer viaxes longas etc.

Seareiros do Celta de Vigo.
No fútbol, o obxectivo fundamental dos afeccionados é animar ao seu equipo durante o encontro.

Seareiros en Galiza

editar

O fenómeno dos seareiros xerouse fundamentalmente arredor do deporte máis estendido no país, o fútbol, se ben tamén é doado encontrar grupos de seareiros entre os seguidores doutros deportes coma o balonmán ou o baloncesto. Os grupos máis numerosos de seareiros cóntanse entre os seguidores dos dous principais clubs de fútbol de Galiza: o Celta e mais o Deportivo.

  • Os seareiros do Celta en conxunto son coñecidos coma celtiñas, celtistas, celestes, se ben o grupo de seareiros organizados máis coñecido e importante son os Celtarras.
  • Por parte do Deportivo a súa afección é coñecida coma herculina, os branquiazuis, deportivistas, mais o principal grupo organizado que ten é o dos Riazor Blues.

Alén dos seareiros de equipos en concreto tamén están os seguidores da Selección Galega que son coñecidos coma os Irmandiños e cuxo principal grupo organizado son os Siareiros Galegos. Os seguidores da selección galega comezaron xa a aparecer coas primeiras reivindicacións dunha selección galega de fútbol, mais a oficialización dunha selección galega foi un grande impulso para os seguidores desta selección.

Seareiros no mundo

editar

O fenómeno dos seareiros está estendido por todo o mundo se ben adopta diferentes características segundo os diferentes lugares onde se desenvolve. É moi habitual que os seareiros se adscriban a unha ideoloxía política máis ou menos extremista (aínda que en moitos casos non pasan dunha simple escenificación e non dunha ideoloxización consciente) e, nalgúns casos, da adopción dunhas actitudes violentas.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para seareiro.