Riazor Blues

grupo ultra de seareiros do Real Club Deportivo da Coruña

Os Riazor Blues son un grupo ultra de seareiros do Real Club Deportivo da Coruña, que se fundou no 1987.

Historia e ideoloxía editar

Os Riazor Blues fundáronse en 1987 nunha viaxe a Vigo para se enfrontar nun partido de fútbol o Deportivo co Celta. Semella que nesta viaxe, un xornalista de La Voz de Galicia denominou ao grupo de persoas que se desprazaban en tren a ver este partido de liga de Segunda División como Riazor Blues; de aí viría o nome do grupo que nese momento se estaba a formar. Por aquel entón o Deportivo estaba en Segunda División e o seu estadio carecía dun grupo forte de seareiros, para alén dalgunhas agrupacións pequenas como Barrio Sésamo.

Os Riazor Blues aparecen tipificados como grupo ultra no libro Radiografía dos grupos ultras en acontecementos deportivos, publicado polo Ministerio del Interior. Segundo o informe, este grupo está formado por 1.000 simpatizantes, entre os que hai “un apreciable grupo de red skins”. A corrente principal do grupo é antifascista, o que carrexou numerosos altercados con grupos ultras de ideoloxía de extrema dereita. Numerosos tamén foron os altercados cos seareiros do Celta de Vigo e do Compostela. A peña conta con diferentes grupos denominados seccións, as máis destacables son: ChoRBitos, Mobsters RCD, Los Suaves, Old Faces.

Incidentes editar

O membro do grupo ultra Riazor Blues e dirixente da sección Los Suaves, Gabriel Rodríguez Pérez, foi responsabilizado do asasinato de Manuel Ríos,[1] quen supostamente recriminara ao primeiro por unha malleira colectiva contra un afeccionado da SD Compostela. Debido a este incidente o grupo ultra decidiu autodisolverse,[2][3] aínda que non moito tempo despois decidiu volver á actividade.[4][5] O único acusado do asasinato de Manuel Ríos foi declarado inocente e absolto de tódolos cargos.[6]

 
Homenaxe a Jimmy no estadio de Riazor.

O 30 de novembro de 2014 integrantes dos Riazor Blues protagonizaron unha batalla campal de 160 persoas contra os hinchas do Frente Atlético, horas antes do enfrontamento dos branquiazuis co Atlético de Madrid. Após varias investigacións, a policía concluíu que non se tratou dunha quedada preparada, polo que a hipótese da emboscada por parte dos seareiros atléticos é a posible causa do altercado. Do lado do Frente Atlético participaron membros ultras do Sporting de Xixón. O resultado foi un seguidor dos Riazor Blues asasinado, Francisco Javier Romero Taboada "Jimmy", pai de dous fillos. Ademais, houbo máis dunha ducia de feridos e 20 detidos.[7][8]

Despois do asasinato de Jimmy, membros de Celtarras (seareiros radicais do Celta de Vigo) achegáronse ata A Coruña como mostra de solidariedade cos Riazor Blues e mesmo algúns deles chegaron a pernoctar nas casas de membros do grupo coruñés. Celtarras tamén participou asinando oficialmente o comunicado que, xunto á sinatura doutros grupos radicais de esquerda, condenaba o asasinato de Javier Romero Taboada.

Amizades editar

Os Riazor Blues están irmandados cos Biris Norte, grupo ultra de seareiros do Sevilla Fútbol Club.[9] Tamén están irmandados cos Bukaneros, peña ultra do Rayo Vallecano de Madrid e co Kolectivo Sur, peña ultra do Xerez CD.[10] Os Biris Norte e o Kolectivo Sur tamén están irmandados entre eles.

Consignas editar

Os Riazor Blues autodefínense como "pacíficos" e antifeixistas, corazón da curva e alma da Corunha.

Notas editar

  1. "Un aficionado del Dépor declara que el acusado de la muerte de Manuel Ríos fue condenado por agredirle anteriormente" Arquivado 22 de marzo de 2008 en Wayback Machine. nova en www.lexureditorial.com (en castelán).
  2. "Riazor Blues anuncia su disolución por el trágico suceso de Santiago", artigo en La Voz de Galicia, 9 de outubro de 2003.
  3. "Comunicado Oficial". Arquivado dende o orixinal o 20 de decembro de 2003. Consultado o 20 de decembro de 2003. 
  4. "Hoy se refundarán los disueltos Riazor Blues", artigo en As, 6 de abril de 2004 (en castelán)
  5. "La ciudad ondea sus colores", artigo en La Voz de Galicia, 2 de maio de 2004 (en castelán)
  6. "Absuelto el joven acusado de matar a un seguidor del Dépor", artigo en Ideal de Granada, 23 de marzo de 2006 (en castelán)
  7. "Muere un ultra del Deportivo tras una pelea con radicales del Atlético", artigo en El País, 30 de novembro de 2014 (en castelán).
  8. "Jimmy, un membro dos Riazor Blues que deixa dous fillos orfos de pai", artigo en La Voz de Galicia, 30 de novembro de 2014.
  9. "Irmandamento Biris-Riazor". Arquivado dende o orixinal o 15 de xullo de 2012. Consultado o 15 de xullo de 2012. 
  10. "Kolectivo Sur e Riazor Blues selan a súa amizade na visita do Depor a Chapín". Arquivado dende o orixinal o 14 de xaneiro de 2010. Consultado o 27 de abril de 2010. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar