Real Club Coruña
O Real Club Coruña foi un club de fútbol galego da cidade da Coruña, activo entre 1901 e 1919.[1] Foi o primeiro club de fútbol da Coruña e tralo nacemento do Deportivo da Coruña mantivo unha feroz rivalidade con este pola hexemonía do fútbol na cidade.
Nome | Real Club Coruña | |
---|---|---|
Alcume(s) | Aurinegros, coruñistas | |
Fundación | 1904 | |
Desaparición | 1919 | |
Estadio | Campo de Monelos Oza, A Coruña, Galicia | |
|
Foi o segundo club futbolístico de España en conseguir o título de "Real", despois de que Afonso XIII aceptase a presidencia de honra en 1908,[2] e chegou a ser o club de fútbol con máis socios de España, por diante do FC Barcelona. Nos seus inicios xogaba na praza de touros herculina e no Corralón da Gaiteira, ata que en 1909 estreou o seu propio recinto, o campo de Monelos, situado por aquel entón no veciño concello de Oza, que foi anexionado ó da Coruña en 1912.
Historia
editarOrixes do fútbol na Coruña (1894-1901)
editarO primeiro partido de fútbol celebrado na Coruña do que se ten constancia tivo lugar o 28 de febreiro de 1894 no Corralón da Gaiteira, onde se enfrontaron membros do British Lawn Tennis Club con membros do Sporting Club coruñés.[3][4] Entre as filas do Sporting atopábase o coruñés de ascendencia británica Juan Long, que sería o primeiro gran deportistas da cidade, proclamándose en 1897 campión galego de ciclismo e que exercería anos máis tarde como primeiro capitán do Deportivo da Coruña.[5] Sábese que ese mesmo mes disputáronse dous partidos máis, pero nos seguintes anos a prensa deixou de prestar atención á práctica deste deporte, polo que apenas existe información ao respecto.
Fundación e primeiros pasos (1901-1904)
editarEn 1901 o estudante vilagarcián José María Abalo fundou o primeiro club de fútbol da cidade coruñesa, o The Corunna Foot Ball Club, xunto a varios amigos, algúns deles compañeiros seus na Escola Superior de Comercio e asiduos como el da Cova Céltica.[6] O novo club disputou o primeiro partido da súa historia o 19 de febreiro de 1902 na praza de touros da cidade, na que xogou durante os seus inicios. Con todo, segundo o comerciante, árbitro e crítico deportivo Manuel Monteagudo, contemporáneo e testemuña dos primeiros pasos do club, aquel foi só un encontro de proba, sendo o primeiro partido formal o que se xogou unha semana despois e no que participaron 23 xogadores.[7][8]
Primeiro rival (1904)
editarO club continuou xogando partidos entre membros do propio equipo durante os seguintes dous anos, ata que encontrou un rival en marzo de 1904. No mes anterior e preto do Cabo Vilán, un forte temporal causara danos no Diligent, un buque a vapor inglés, salvándose os seus tripulantes grazas aos botes salvavidas que conduciron ata a praia do Trece, en Camariñas. A continuación o remolcador alemán Newa evitou o naufraxio do buque inglés e levouno ata augas da Coruña, onde unha imprudencia ocasionou un novo incidente, afundíndose o vapor entre o Parrote e o Peirao de Ferro.[9]
Mentres os tripulantes do barco inglés esperaban unha solución, organizouse un partido de fútbol entre os mariños e os membros do Corunna, fixándose o encontro para o domingo 6 de marzo na praza de touros, aínda que finalmente a choiva obrigou a adialo ata o domingo 13.[10] O once local estaba formado por Salvador Fojón na portería, Gabriel Nieto e Fernando Martínez Morás na defensa, Mariano Paz, José Vázquez e Enrique Blas Pita no medio do campo e Enrique Gerbolés, Arturo Senra, José María Abalo, Uxío Carré Alvarellos e Juan Sáenz na dianteira.[7] Arbitrou o partido Manuel Monteagudo, coa axuda de Ángel del Castillo e Leandro Carré Alvarellos.[7] Abalo foi o autor do primeiro gol, a continuación empatou Hein e Sáenz adiantou de novo ao equipo coruñés, antes de que dous goles de Chater lle desen a vitoria ao conxunto inglés por 2-3.[11] Ambos equipos volveron enfrontarse unha semana despois, con vitoria inglesa por 2-5, e xogaron un terceiro partido ese mesmo mes, conseguindo finalmente a vitoria o bando galego por 2-1.[12]
Máis partidos e constitución oficial (1905-1906)
editarEn 1905 o club celebrou 12 partidos entre os seus membros, xogando habitualmente un equipo azul contra outro vermello. Neses encontros consta a presenza como xogador e goleador de Virgilio, futura primeira estrela do fútbol coruñés.[13][8] En 1905 fundouse o segundo club de fútbol da cidade, o Club Deportivo María Pita, vencellado tamén á Escola Superior de Comercio.[14]
O 1 de outubro de 1906, constitúese oficialmente o club, co nome de Club Coruña Sociedad Deportiva e con sede no número 14 da rúa da Amargura. Nos seus estatutos detallábase que contaba con dúas seccións, a de fútbol e a de ciclismo.[15]
Inicio da rivalidade co Deportivo (1906-1908)
editarA finais de 1906, o Coruña interveu nun feito destacado da historia deportiva da cidade. Moitos dos integrantes do Coruña frecuentaban a Sala de Armas Calvet, o principal centro deportivo da cidade, no cal se ofrecía un variado número de disciplinas deportivas baixo a dirección de Federico Fernández-Amor Calvet. Segundo corroboran varias fontes, un grupo de alumnos que practicaban outras disciplinas deportivas desafiaron aos futbolistas do Coruña a dous partidos de fútbol que se xogaron o 8 e o 9 de decembro de 1906 no Corralón da Gaiteira.[16]
O resultado do primeiro encontro foi sorprendentemente favorábel para os atletas, que se impuxeron cun 2-1, con dous goles de Virgilio (agora nas filas do Deportivo) e Manuel Álvarez, mentres que o segundo partido rematou sen goles.[17] O afervoamento desatado pola vitoria da Sala Calvet fixo que os alumnos fosen máis alén e fundasen o seu propio club, o Club Deportivo da Sala Calvet, que logo mudaría o seu nome polo de Real Club Deportivo da Coruña, e que mantería unha gran rivalidade co Coruña durante os seus primeiros anos de vida.
En agosto de 1907, con motivo das festas de María Pita, organizouse na cidade un torneo de fútbol no que se puxo en xogo unha copa doada polas deputacións galegas, así como medallas de ouro e prata para o primeiro e segundo clasificados. Con todo, as normas do torneo, denominado Campionato de Galicia e Asturias (para se diferenciar do Campionato de Galicia que organizaba o Vigo FC), indicaban que só podía participar unha sociedade por cada pobo, polo que se tivo que disputar previamente unha eliminatoria entre os dous clubs coruñeses inscritos, o Coruña e o Deportivo da Sala Calvet.[18]
No primeiro partido da serie eliminatoria, disputado o 21 de xullo de 1907 no Corralón da Gaiteira, o capitán Julio Sáenz adiantou ao equipo "coruñista", pero o Deportivo deulle a volta ao marcador cun gol de Virgilio e outro en propia meta do porteiro do Coruña, Rouco.[19] Catro días despois no mesmo escenario disputouse o segundo encontro, ante uns 3.000 espectadores, saíndo vitorioso de novo o Deportivo por 5-1.[18] A grande atención que xeraron estes encontros fixeron que nos seguintes meses se crearan numerosos clubs de fútbol na Coruña, entre eles o Comercio, o Hércules, o Sporting ou Los Luises.[20]
En 1908 o María Pita organizou un torneo cuadrangular no que participou ese club xunto ao Coruña e dous equipos do Deportivo, sendo esta a primeira competición local de fútbol na historia da Coruña. En febreiro, o Coruña logrou a primeira vitoria da súa historia sobre o Deportivo, por 4-1, e finalmente acabou gañando o torneo.[21] En xullo volveuse disputar a previa do Campionato de Galicia e Asturias, desta vez con cinco equipos da cidade: Coruña, Deportivo, María Pita, The Widovers e Alltheweek. O triunfo final volveu ser para o Deportivo, que goleou de novo ao Coruña por 5-1 ante unha gran concorrencia de público no Corralón.[22]
En setembro de 1908 o María Pita volveu organizar un "concurso provincial de fútbol", que consistiu nun triangular entre o propio club, o Coruña e o Deportivo, poñéndose en xogo once medallas de prata. Tralas derrotas do anfitrión contra o Coruña (3-0) e o Deportivo (5-1), o torneo decidiuse nun novo man a man entre deportivistas e coruñistas. O partido decisivo disputouse o 27 de setembro, sendo a vitoria para o equipo da rúa da Galera por 3-1.[23]
Título de Real e novo campo (1908-1910)
editarO 18 de decembro de 1908, o club recibe do rei Alfonso XIII o título honorífico de "Real", pasando a denominarse Real Club Coruña, sendo o segundo club español con esta distinción, despois do Real Club Fortuna vigués.[23] O 9 de maio de 1909, o Real Club Coruña inaugurou o seu novo terreo de xogo, o campo de Monelos, situado no veciño concello de Oza.[24] O club convidado para a inauguración foi o Vigo FC, que goleou aos locais por 1-7, evidenciando a enorme superioridade que os clubs vigueses mantiñan sobre os coruñeses naquel entón.[25]
A seguinte competición na que participou o club foi a Copa Gabino Bugallal, organizada polo Deportivo coa intención de funcionar como un campionato provincial. Inscribíronse cinco clubs, todos coruñeses: o Coruña, o Deportivo, o María Pita, o Galicia Foot-ball Club e o España. O Coruña goleou nos seus dous primeiros encontros (5-1 ao España e 5-0 ao Galicia), colocándose como líder xunto ao Deportivo, ao que se enfrontou o 4 de xullo. A vitoria foi para o equipo da Sala Calvet por 2-0, con goles de Virgilio e Manuel Álvarez, pero o torneo nunca chegou a finalizarse.[26]
Coruña e Deportivo víronse as caras de novo só unha semana despois, contendendo por primeira vez no campo de Monelos, nunha eliminatoria da Copa Compostelá. O equipo local conseguiu a vitoria neste partido de ida por 2-0, pero caeu por 4-1 na volta, nun violento partido disputado no campo de Riazor.[27] O encontro, no que Manuel Álvarez anotou un triplete, acabou cun expulsado por cada bando e coa rotura de clavícula de Ancos. Dous días despois debía disputarse un partido de desempate, pero o Coruña decidiu non presentarse e non volver a xogar contra o Deportivo ata que se calmasen os ánimos das afeccións rivais.[28]
Tras renunciar a disputar a terceira edición do Campionato de Galicia e Asturias, o 9 de agosto o Coruña recibiu a visita do campión do torneo, o Fortuna de Vigo, xogando ambos un amigable no campo de Monelos a beneficio dos feridos da Guerra de Melilla. O conxunto vigués goleou ao coruñés por 1-7.[29]
Unha cidade dividida en dúas (1910-1915)
editarA comezos de 1910, o presidente do Real Club Coruña, Franco Caballero, propúxolle ao do Deportivo, José Longueira, a disputa dun triplo enfrontamento benéfico para selar as paces, e tras un rexeitamento inicial, a súa proposta foi aceptada.[30] O acordo propiciou nove enfrontamentos entre ambos clubs en sete meses, multiplicando a rivalidade entre eles e convertendo o 1910 no ano da popularización do fútbol na Coruña.[31]
Tras renunciar a participar na Copa do Rei de 1910, debido ao cisma entre os clubs españois e ás ameazas da Federación Galega que prometeu represalias a quen participase no torneo organizado polo Club Ciclista de San Sebastián, no que o Coruña estaba inicialmente inscrito, o 20 de marzo disputouse o primeiro derbi amigable entre os dous principais clubs da Coruña.[32] Nun ateigado Campo de Monelos e con presenza das forzas de seguridade, o Coruña despregou un equipo no que destacaba a novidade de Quincho Yarza, futbolista vigués tres veces campión da Copa do Rei co Madrid FC. A pesar da boa actuación do equipo coruñista e do porteiro Guardado, o Coruña saíu derrotado, por mor dun solitario gol de Virgilio.[32] No segundo partido, disputado en Riazor e co exdeportivista Alex H. White como reforzo coruñista, a vitoria foi para o Coruña con idéntico resultado (0-1), grazas a un gol de José Álvarez, pero o Deportivo saíu vitorioso no terceiro e definitivo encontro da serie, cun contundente 4-0 en Riazor.[33]
En xuño do mesmo ano, o Coruña conseguiu derrotar por 4-0 ao Pontevedra Sporting, formando naquel encontro o equipo coruñista co gardameta Eduardo Guardado, os defensas Juan Long e Joaquín Pérez, os medios Enrique Iribarren, Julián López e Pepe Pérez Pombo, e os dianteiros Quincho Yarza, Joaquín Caruncho, Alex H. White, Gumersindo Varela e Carlos Monasterio.[34] A continuación asoballou ao Español de Madrid, inflixíndolle dúas duras goleadas en Monelos por 9-0 e 6-0.[35] Pouco despois, o club coruñés organizou un torneo co nome de Concurso Español de Foot-ball (ao que tamén denominaron Copa do Rei), no que inicialmente se contaba coa participación de varios e importantes clubs españois, pero que finalmente se reduciu a tres equipos: o Coruña, o Fortuna de Vigo e o Victoria de Ferrol, formado este último por traballadores ingleses da Sociedad Española de Construcción Naval. O torneo decidiuse nun man a man entre o Coruña e o Vigo, no que saíu gañador o equipo visitante. Neste partido, o Coruña xogou por primeira vez cun equipamento de raias negras e amarelas, cores cos que quedaría asociado para a posteridade.[36]
A finais de xullo o Deportivo e o Coruña contenderon en Monelos na eliminatoria previa da Copa Compostelá, gañando o club local por 1-0, cun gol de Yarza, que xunto a Eloy, foi sacado a ombreiros pola afección coruñista. A continuación o equipo viaxou a Santiago de Compostela para enfrontarse ao Fortuna de Vigo na final de Santa Isabel. O partido rematou sen goles e a intensa choiva impediu a disputa dunha prórroga, polo que a resolución do torneo se adiou para agosto, pero de novo un temporal de choiva e vento deixou o terreo de xogo impracticable, polo que a organización acordou que ese ano non habería campión, senón dous finalistas.[37]
Tamén en agosto deu inicio o Campionato de Galicia e Asturias, no que participaron por primeira vez clubs asturianos. Pero antes debía dilucidarse cal sería o representante coruñés na competición, para o que se disputou un novo encontro entre Coruña e Deportivo, que rematou con empate a dous goles.[38] Xogouse entón un partido de desempate, no que o Coruña conseguiu a vitoria por 3-0, con dous tantos de Yarza e un de Caruncho.[39][40] Xa na fase final do campionato, disputado no Parque de Riazor, o Coruña derrotou no primeiro encontro ao Ferrol FC por 3-0 e no segundo ao Círculo Industrial y de Sport de Avilés, no que foi o primeiro partido entre un club galego e un asturiano, proclamándose así campión do certame.[41]
En setembro de 1910 tomou o mando unha nova directiva, presidida por Laureano Martínez Brañas, quen fora o segundo presidente do Deportivo. Ademais, pasou a ocupar un cargo de vocal o xogador Juan Long, antigo capitán do Deportivo. Ámbolos dous clubs inscribíronse por primeira vez ese ano no Campionato de Galicia que viña organizando en Vigo o Vigo FC. Disputaron antes a eliminatoria previa para decidir o representante coruñés no torneo, que sería o que antes chegase ás dúas vitorias. No primeiro encontro, disputado o 9 de outubro, saíu triunfante o Coruña, cun gol de Sindo, mentres que unha semana despois, nun tenso e violento partido, non se pasou do empate (1-1). Finalmente, o 30 de outubro xogouse en Riazor un terceiro encontro, no que o Coruña aliñou a Guardado, Prego, Bermúdez, Iribarrren, White, Martínez, Monasterio, Joaquín Caruncho, Sindo, Enrique Caruncho e Eloy. Nun partido de novo duro e violento, a vitoria foi para o conxunto de Monelos, grazas a un solitario gol de Monasterio.[42]
Nesta altura, o fútbol era xa un fenómeno de masas na Coruña e a rivalidade entre os dous principais clubs da cidade volvérase encarnizada. Os coruñeses dividíanse entre deportivistas e coruñistas, chegando a darse casos no que seareiros dun club non acudían a negocios rexentados por seareiros do rival.[43] O enfrontamento tiña tamén un certo cariz de loita de clases, ao ser o Coruña o club preferido polas elites da cidade e o Deportivo o máis popular entre a clase traballadora.[43] Dos nove encontros disputados entre ambos ese ano, o Coruña conseguiu cinco vitorias e dous empates, sufrindo só dúas derrotas, polo que recuperou o status de club máis forte da cidade.
En febreiro de 1911 o conxunto coruñés enfrontouse a un equipo formado por mariñeiros ingleses dos cruceiros lixeiros Liverpool e Gloucester, que viñan de derrotar a varios clubs da provincia de Pontevedra, e conseguiu un empate a dous goles.[44] Ese mesmo ano convidou ao Irún Sporting Club a dous partidos que se disputaron en Monelos, sendo este o primeiro club vasco en xogar na Coruña, e pouco despois fixo o propio co Espanyol de Barcelona, co que disputou catro encontros consecutivos. Os partidos contra o equipo irundarra acabaron ambos en derrota coruñesa, pero o club local conseguiu vencer no cuarto e derradeiro partido contra o Espanyol, último subcampión da Copa de España e que contaba nas súas filas con xogadores como Gibson ou o futuro actor Félix de Pomés.[45] A vitoria do club galego, que xogou reforzado con tres futbolistas ingleses (W. Broad, J. Broad e Humbpreys), foi todo un acontecemento futbolístico na cidade e eclipsou nos medios de comunicación a disputa da Copa Gabino Bugallal, a competición organizada polo Deportivo da Coruña.[45]
No verán de 1911, o Rel Club Coruña volveu organizar a súa "Copa do Rei", que se iniciou en xuño coa disputa das eliminatorias locais, que deron paso en xullo á fase final. Tralas renuncias de varios clubs, nesta fase final contenderon só tres equipos: Coruña, Pontevedra Sporting e Racing Club de Irún. O Coruña gañou por 4-1 ao conxunto pontevedrés no primeiro encontro e goleou por 4-0 ao Racing Club, conquistando o torneo nun dos días máis memorables da historia do club.[46]
Despois de varios meses sen xogar, o Real Club Coruña retomou a actividade en xuño de 1912, disputando tres partidos contra o Benfica portugués no campo de Monelos.[47] Con cinco ingleses no once, o equipo coruñés conseguiu a vitoria no primeiro partido por 2-0, caeu derrotado pola mínima no seguinte e volveu gañar 2-0 no último enfrontamento, con dous goles de Dick.[48][49] Uns días despois, o Madrid FC, futuro Real Madrid, visitou por primeira vez A Coruña para xogar contra o club do Cantón Grande, gañando o seu primeiro partido por 1-2. Con todo, dous días despois, o Coruña goleou ao catro veces campión de España por 4-0.[50] Ese intenso mes de xuño pechouse con outros catro partidos contra o Espanyol de Barcelona, que concluíron cunha vitoria para cada equipo e dous empates.[48]
Durante os seguintes meses, o equipo coruñés continuou disputando amigables contra clubs como a Real Sociedad Gimnástica Española,[51] o Pontevedra Sporting ou o Celita coruñés. A estas alturas, o Real Club Coruña era o club de fútbol con máis socios de España (700), por riba do FC Barcelona (531).[52]
En xaneiro de 1913, despois de máis de dous anos sen enfrontarse, os presidentes do Coruña e do Deportivo (Laureano Martínez e José Longueira), aceptaron a proposta do chamado "Grupo de Amigos" de retomar os duelos entre os dous principais clubs da cidade coa disputa da "Copa Coruña-Deportivo".[53] Así, o 26 de xaneiro xogaron en Monelos o primeiro dos encontros, formando o conxunto coruñista con Dequidt, Justo, Prego, Bermúdez, Pombo, Martínez, Castro, Caruncho, López, Roura e Pita.[54] Nun encontro no que reinou a cordialidade, a vitoria levouna o Deportivo por 1-3.[55] O segundo partido acabou en empate, polo que a copa foi para o conxunto deportivista.[56] Volvéronse enfrontarse de novo entre marzo e abril, nunha serie de partidos benéficos a favor da asociación O Neno Descalzo. O segundo deles suspendeuse durante 20 minutos por unha discusión entre os xogadores debido á anulación dun gol por fóra de xogo, e tralo partido houbo liortas entre ambas afeccións nos arredores do campo e tamén nos Cantóns.[57] O terceiro e definitivo partido non chegou a xogarse debido ás esixencia do Coruña, que para evitar incidentes pediu entre outras cousas que o encontro se disputase cunha asistencia ao campo limitada a certas autoridades e familiares dos futbolistas, condicións que non foron aceptadas pola asociación benéfica, dando esta como gañador ao Deportivo.[58]
A continuación o Coruña xogou amigables contra outros clubs coruñeses, ferroláns e composteláns, e en maio o seu capitán, José Pérez Pombo, foi un dos homes elixidos por Ángel Berraondo para formar parte dunha primitiva selección española, no primeiro encontro da súa historia. Así, xogou contra a selección francesa no campo de Amute, en Hondarribia, formando no centro do campo titular xunto a Enrique Figueroa e Bonifacio Echeverría.[59][60] Nese mesmo 1913, no medio dun cisma federativo, o Coruña inscribiuse na Real Unión Española de Clubs de Football (RUECF) e participou na eliminatoria previa á Copa de España que organizaba esta institución, pero caeu ante o Pontevedra Sporting.[61] Pechou o ano despois dunha viaxe en decembro por Cataluña, onde se enfrontou ao FC Espanya de Barcelona.[62]
No verán de 1914, despois de un ano e medio sen enfrontarse, os xogadores do Deportivo da Coruña, cansos da inacción dos seus propios directivos, pactaron pola súa conta co Real Club Coruña a disputa de dous partidos amigables. Desautorizados pola xunta presidida por Rogelio Fernández Conde,[63] os futbolistas fixeron caso omiso e o 30 de agosto disputaron no campo de Monelos o primeiro dos encontros, resultando vencedor o Real Club Coruña por 2-0, con goles de Parra e Caruncho.[64][65] Unha semana despois xogouse o segundo partido, tamén con vitoria coruñesistas, por 4-0.[66] Cara a finais de outubro de 1914, os xogadores do Deportivo da Coruña constituíronse como un novo club, co nome de Deportivo FC Auténtico.[67] Esta escisión do Deportivo retomaría durante os seguintes catro anos os duelos co Real Club Coruña, que escasearan durante os anos precedentes.
Debut no Campionato de Galicia (1914-1916)
editarEn novembro de 1914 deu inicio a segunda edición do Campionato de Galicia organizado pola Federación Galega de Fútbol. Despois de que na primeira edición participasen só o Fortuna de Vigo e o Vigo Sporting, para esta segunda tempada os participantes foron tres, coa inscrición do club coruñés.[68] Trala disputa dos seus tres primeiros partidos, o Coruña lideraba a clasificación, despois de vencer aos dous clubs vigueses en Monelos e de perder só ante o Vigo Sporting no campo de Coia.
Na última xornada o equipo desprazouse ao campo de Bouzas, onde se enfrontou ao Fortuna. Cunha discutida actuación arbitral de Arturo Álvarez, os vigueses adiantáronse con dous goles, ata que mediada a segunda parte, o árbitro sinalou un penalti contra o Coruña nunha acción de Emilio Caruncho.[69] Os coruñistas, en desacordo co colexiado, abandonaron o terreo de xogo e posteriormente o club foi descualificado da competición.[70] Isto provocou protestas ante a Federación Galega e a RFEF, asembleas extraordinarias e finalmente a dimisión da directiva da Federación Galega, despois de que a RFEF lle dese a razón ao club coruñés.[71]
Na seguinte tempada o campionato ía ser disputado polo Real Club Coruña, o Deportivo Auténtico e o Fortuna de Vigo, pero este último foi sancionado e inhabilitado por teren xogado varios dos futbolistas un encontro en Portugal sen notiificalo á Federación Galega. O Coruña e o Deportivo Auténtico acabaron por retirarse tamén da competición e formaron a Unión Galega de Clubs xunto co Vigo Sporting,[72] organizando un campionato propio no que tomaron parte os tres clubs desconformes coa Federación.[73] Este Campionato da Unión foi coñecido tamén como o campionato de honra e foi gañado polo equipo vigués.
En maio de 1916, o Real Club Coruña organizou a primeira edición dos Xogos Olímpicos de Monelos,[74] que consistiron nunha serie de nove probas de atletismo (sendo esta a primeira competición de atletismo disputada en Galicia) e unha de tiro de corda, coa participación de catro clubs coruñeses (Real Club Coruña, Deportivo Auténtico, Fabril e Oza-Coruña), tres vigueses (Vigo Sporting, Fortuna e Sports Germania) e un madrileño (Gimnástica Española).[75]
Decaemento e desaparición (1917-1919)
editarDurante os seguintes anos o Coruña disputou sen moito éxito o Campionato de Galicia, sendo incapaz de gañar ao Deportivo Auténtico nin máis tarde ao Deportivo unificado, aínda que logrou algunha vitoria de mérito como un 4-2 sobre o Fortuna.[76] Unhas semanas despois disputouse en Monelos o derradeiro derbi entre deportivistas e coruñistas, partido para o que o conxunto aurinegro formou con Nemesio, Cordero, Rey, Norberto, Bonifacio, Navarro, Pepe Torres, Ramón González, Luis Torrado, Balseiro e Julio Torrado.[77] A vitoria foi para o Deportivo por 3-2.
O Real Club Coruña non foi capaz de se adaptar ó semiprofesionalismo que comezaba a proliferar na segunda metade da década de 1910 e acabou desaparecendo en 1919 pola falta de interese e a marcha de xogadores.[78] Dous anos despois naceu o Emden FC, equipo que en 1930 mudou a súa denominación por Club Coruña, ao considerarse herdeiro do desaparecido Real Club Coruña. Participou no Campionato de Galicia e en 1942 chegou a disputar unha fase de ascenso á Segunda División, despois da cal o club acabou tamén desaparecendo.[79]
Palmarés
editar- Subcampión do Campionato de Galicia (1): 1910-11.
Galería de imaxes
editar-
Equipo do Real Club Coruña.
Notas
editar- ↑ La Futbolteca (ed.). "Historia del RC Deportivo de La Coruña" (en castelán).
- ↑ CIHEFE (ed.). "El archivo general de palacio y el fútbol español: los clubs" (en castelán).
- ↑ Ventureira 2022, pp. 30-31.
- ↑ "Nova". El Anunciador (en castelán). 2 de marzo de 1894. p. 3. Consultado o 22 de novembro de 2024.
- ↑ Ventureira 2022, pp. 31-32.
- ↑ Ventureira 2022, p. 37.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 Ventureira 2022, p. 34.
- ↑ 8,0 8,1 Henry (25 de xuño de 1949). "El fútbol en La Coruña data de 1901". La Noche (en castelán) (8769). p. 6. Consultado o 22 de novembro de 2024.
- ↑ Ventureira 2022, p. 36.
- ↑ "De sol a sol". La Voz de Galicia (en castelán). 8 de marzo de 1904. p. 8.
- ↑ "El match de foot-ball". La Voz de Galicia (en castelán). 16 de marzo de 1904. p. 2.
- ↑ Ventureira 2022, pp. 37-38.
- ↑ Ventureira 2022, p. 42.
- ↑ Ventureira 2022, p. 43.
- ↑ Ventureira 2022, p. 50.
- ↑ Ventureira 2022, pp. 50-51.
- ↑ Ventureira 2022, pp. 51-52.
- ↑ 18,0 18,1 Ventureira 2022, p. 64.
- ↑ "La prueba del domingo". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de xullo de 1907. p. 1.
- ↑ Ventureira 2022, p. 69.
- ↑ Ventureira 2022, p. 76.
- ↑ "De sport". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de xullo de 1908. p. 1.
- ↑ 23,0 23,1 Ventureira 2022, p. 81.
- ↑ "Notas de sport". El Eco de Galicia (en castelán) (820). 9 de maio de 1909. p. 1. Consultado o 23 de novembro de 2024.
- ↑ Ventureira 2022, p. 87.
- ↑ Ventureira 2022, pp. 89-90.
- ↑ Ventureira 2022, p. 91.
- ↑ Ventureira 2022, p. 90.
- ↑ Ventureira 2022, p. 92.
- ↑ Ventureira 2022, p. 102.
- ↑ Ventureira 2022, p. 100.
- ↑ 32,0 32,1 Ventureira 2022, p. 103.
- ↑ Ventureira 2022, p. 104.
- ↑ "El fútbol en La Coruña hace 20 años". El Balón (en castelán). 16 de xuño de 1930. p. 6. Consultado o 16 de setembro de 2021.
- ↑ "De sport". El Correo de Galicia (en castelán). 27 de xuño de 1910. p. 2. Consultado o 29 de novembro de 2024.
- ↑ Ventureira 2022, p. 113.
- ↑ Ventureira 2022, pp. 113-114.
- ↑ "Partido de foot-ball". El Noroeste (en castelán) (5375). 6 de agosto de 1910. p. 1. Consultado o 13 de xaneiro de 2025.
- ↑ Ventureira 2022, p. 114.
- ↑ "Partido de foot-ball". El Noroeste (en castelán) (5375). 6 de agosto de 1910. p. 1. Consultado o 13 de xaneiro de 2025.
- ↑ Ventureira 2022, p. 115.
- ↑ Ventureira 2022, pp. 118-119.
- ↑ 43,0 43,1 Ventureira 2022, pp. 115-117.
- ↑ "Partidos de football y de rugby". El Eco de Galicia (en castelán). 14 de febreiro de 1911. p. 1. Consultado o 2 de decembro de 2024.
- ↑ 45,0 45,1 Ventureira 2022, pp. 137-138.
- ↑ Ventureira 2022, pp. 140-141.
- ↑ "Match internacional". Diario de Galicia (en castelán) (1050). 31 de maio de 1912. p. 1. Consultado o 3 de decembro de 2024.
- ↑ 48,0 48,1 Ventureira 2022, pp. 154-155.
- ↑ "De sport". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de xuño de 1912. p. 1.
- ↑ "De Sport". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de xuño de 1912. p. 1.
- ↑ "De Sport". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de xullo de 1912. p. 1.
- ↑ Barba, Alejandro (1912). Foot Ball, Basse Ball y Lawn Tennis (en castelán). Soler. pp. 91–112.
- ↑ "El Coruña y Deportivo". El Eco de Galicia (en castelán) (1968). 14 de xaneiro de 1913. p. 1. Consultado o 3 de decembro de 2024.
- ↑ "Coruña-Deportivo". El Eco de Galicia (en castelán) (1979). 26 de xaneiro de 1913. p. 1. Consultado o 3 de decembro de 2024.
- ↑ "Coruña -- Deportivo". El Eco de Galicia (en castelán) (1980). 28 de xaneiro de 1913. p. 1. Consultado o 3 de decembro de 2024.
- ↑ "De Sport". El Diario de Pontevedra (en castelán) (8634). 14 de febreiro de 1913. p. 2. Consultado o 3 de decembro de 2024.
- ↑ "Para el Niño Descalzo". La Voz de Galicia (en castelán). 7 de abril de 1913. pp. 1–2.
- ↑ "Notas de sport". El Eco de Galicia (en castelán) (2047). 13 de abril de 1913. p. 1. Consultado o 4 de decembro de 2024.
- ↑ "De Sport". El Diario de Pontevedra (en castelán) (8710). 17 de maio de 1913. p. 1. Consultado o 4 de decembro de 2024.
- ↑ Arrechea, Fernando (1 de marzo de 2021). "25 de mayo de 1913. El primer partido de la Selección Española de Fútbol.". Cuadernos de Fútbol (en castelán) (129). ISSN 1989-6379. Consultado o 4 de decembro de 2024.
- ↑ "De Sport". El Diario de Pontevedra (en castelán) (8751). 7 de xullo de 1913. p. 2. Consultado o 4 de decembro de 2024.
- ↑ "Notas de sport". El Eco de Galicia (en castelán) (2279). 8 de decembro de 1913. p. 2. Consultado o 4 de decembro de 2024.
- ↑ "De sport". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de agosto de 1914. p. 3.
- ↑ "De sport". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de agosto de 1914. p. 2.
- ↑ "Notas de sport". El Eco de Galicia (en castelán) (2535). 31 de agosto de 1914. p. 2. Consultado o 12 de novembro de 2021.
- ↑ "De sport". La Voz de Galicia (en castelán). 7 de setembro de 1914. p. 2.
- ↑ "De sport". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de outubro de 1914. p. 3.
- ↑ "Sección de Noticias". La Correspondencia Gallega (en castelán) (7454). 23 de outubro de 1914. p. 3. Consultado o 13 de decembro de 2024.
- ↑ "De Vigo". La Voz de Galicia (en castelán). 1 de febreiro de 1915. p. 1.
- ↑ "Notas de sport". El Noroeste (en castelán) (9869). 4 de febreiro de 1915. p. 1. Consultado o 13 de decembro de 2024.
- ↑ "Notas de Sport". El Eco de Galicia (en castelán) (2760). 10 de abril de 1915. p. 2. Consultado o 13 de decembro de 2024.
- ↑ "Fútbol". Heraldo deportivo (en castelán) (34). 25 de abril de 1916. p. 2. Consultado o 13 de decembro de 2024.
- ↑ "Notas de sport". El Noroeste (en castelán) (9624). 1 de decembro de 1915. p. 2. Consultado o 13 de decembro de 2024.
- ↑ "Juegos olímpicos". El Correo Gallego (en castelán) (12669). 26 de abril de 1916. p. 1. Consultado o 14 de decembro de 2024.
- ↑ Novo, Lois (10 de decembro de 2024). "Monelos, la guarida del caduco rival donde germinó el atletismo". DxT Campeón (en castelán). Consultado o 14 de decembro de 2024.
- ↑ "Notas deportivas". El Ideal Gallego (en castelán) (639). 25 de febreiro de 1919. p. 4. Consultado o 14 de decembro de 2024.
- ↑ "Notas deportivas". El Ideal Gallego (en castelán) (657). 18 de marzo de 1919. p. 1. Consultado o 14 de decembro de 2024.
- ↑ "Historia y actualidad deportiva de Galicia". La Noche nº 8.791 (en castelán). 25 de xullo de 1949. p. 7.
- ↑ "El Emden cambia de nombre". El Ideal Gallego (en castelán) (3708). 17 de xuño de 1930. p. 1. Consultado o 17 de decembro de 2024.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Ventureira, Rubén (2022). De la Sala Calvet al título olvidado [Da Sala Calvet ao título esquecido] (en castelán). A Coruña: Fundación Real Club Deportivo de La Coruña SAD. ISBN 978-84-09-46119-6.