Deontoloxía profesional xornalística

A deontoloxía profesional xornalística é un conxunto de códigos éticos[1] aprobados por medios, sindicatos e asociacións de xornalistas que inciden na actividade xornalística para se autorregularen. Está formada por un conxunto de principios éticos e boas prácticas que, en determinadas circunstancias, se senten como obrigatorias. Tamén desenvolven esta función reguladora entre outros, o dereito e a moral. Concretamente, podería dicirse que é o conxunto de normas específicas da profesión que regulan a conciencia profesional dun informador. Están baseadas en dous principios básicos: a responsabilidade social e a veracidade informadora. Ademais, esixen do profesional unha continua reciclaxe e autoperfeccionamento profesional, sen esquecer que debe aspirar sempre na función informadora ao desexábel como mellor.

Outra definición ofrécea José María Desantes Guanter, quen escribe no seu libro, “El autocontrol de la información”, que deontoloxía

É un conxunto sistemático de normas mínimas que un grupo profesional determinado estabelece e reflicte unha concepción ética común maioritaria dos seus membros. É como unha obxectivación dos distintos conceptos ético-profesionais subxectivos, que estarán máis ou menos de acordo co seu contorno social. Para que teña vixencia non pode opoñerse ás concepcións éticas individuais.

Características editar

Existen polémicas e controversias en torno á idea de se o xornalismo é ou non unha profesión. Hai quen sostén que se trata dun oficio. Esta discusión estivo sempre presente e na actualidade, coa intrusión de moitas persoas alleas ao xornalismo e sen unha titulación propia, avivouse. Pero, a efectos teóricos esta discusión é irrelevante.

Cesar Coca, Doutor en xornalismo pola universidade do País Vasco e licenciado en Ciencias da Información e en Ciencias políticas e Socioloxía, asume que a implantación de códigos éticos nos medios de comunicación españois é un fenómeno recente e aínda non son moitos os que os teñen. Nos seus aspectos básicos, gardan un notábel parecido con outros en vigor en todo Occidente, ao regular todo o relativo á intimidade, á honra, ás relacións coas fontes e á incompatibilidade dalgunhas actividades coa función informativa. Non obstante, quedan notábeis lagoas en canto a quen está encargado de facer cumprir eses códigos así como a sanción para quen os vulnere. Tamén hai sensíbeis diferenzas nalgúns aspectos concretos se se comparan os relativos aos medios escritos cos dos medios audiovisuais.

Orixe e evolución histórica editar

Jeremy Bentham foi o primeiro que enunciou o termo deontoloxía na súa obra, publicada trala súa morte, Deontoloxía ou ciencia da Moral. Nunha orixe, a deontoloxía era unha teoría ética con gran peso utilitarista, na que se tentaba racionalizar un código moral, recollendo unha explicación práctica como orientación. Emmanuel Derieux adaptou o concepto de deontoloxía ao ámbito profesional. Afirmou que grazas a ela, a ética profesional adquire un recoñecemento público. Así, pouco a pouco a deontoloxía pasou ao ámbito profesional, ata que M. Simon en 1845 publicou Ciencia dos deberes profesionais do médico. No ámbito xornalístico a deontoloxía profesional cobrará forza a principios do século XX, e estabelecerase definitivamente trala segunda guerra mundial. Ao longo deste século experimentouse unha proliferación dos códigos deontolóxicos. Isto débese a diversos motivos, como a crecente especialización laboral, produto da progresiva integración dos mercados e, talvez máis relevante, ao avance das tecnoloxías.

A regulación da actividade xornalística desde o punto de vista deontolóxico aumentou a súa importancia a raíz da instauración das democracias liberais: O chamado cuarto poder enténdese como un instrumento de control sobre os abusos de poder, de forma que a cidadanía, obteña información imparcial a través dos medios. Os medios de comunicación eran pois, imprescindíbeis para poder garantir a liberdade e o control nestas democracias.

Historicamente, o papel desenvolvido pola prensa a partir do século XIX era máis que manifesto. Este foi o detonante para que algúns autores, sobre todo nos Estados Unidos, empezasen a observar o papel que a prensa tivera ao longo dos séculos XIX e XX, e máis concretamente, durante as dúas guerras mundiais. Os diversos estudos demostraron que a prensa se desviara notabelmente da súa función primordial: informar. Isto fixo que se preguntase cara a onde se desviara a calidade da información desde o XIX en adiante. O dereito a recibir información e a facilitar información é un dereito incluído na Declaración de Dereitos Humanos asinada na Independencia de América, a revolución Francesa e as revolucións burguesas de 1848.

O código deontolóxico aplicado ao ámbito da comunicación é, entón, un fenómeno da Modernidade. Nestes inicios, estes xa coñecían uns principios básicos de veracidade e exactitude que implicaban certo compromiso profesional coa actividade. O xurdimento do concepto de código deontolóxico xornalístico como tal radicou nun período no que a inexistencia dunha identidade profesional que estabelecese unhas normas do xogo e a ausencia duns valores comúns, eran os trazos máis característicos. Desta maneira, tómase conciencia da relevancia do papel desempeñado polos medios e da súa capacidade de influencia no desenvolvemento dos acontecementos, así como da necesidade de regulamentar as súas competencias co fin de obrigar os profesionais a asumiren a súa responsabilidade. A isto contribúen acontecementos como o proceso descolonizador ou a guerra fría, nos que os códigos comezan a ser usados a favor das potencias. Prodúcese un uso político dos códigos que desembocará na perda de significado destes e a súa conseguinte revisión e substitución. Esta etapa supón, ademais, unha ameaza para a liberdade de expresión.

O Informe Hutchins editar

Artigo principal: Informe Hutchins.

No ano 1942, o responsábel da revista Time, Henry Luce, consciente da desviación que sufrira o xornalismo, reflexiona sobre a realización dun estudo e un informe centrado na situación dos medios de comunicación nese momento. Para a elaboración deste traballo pediu a colaboración do reitor da Universidade de Chicago, Robert Hutchins, quen, rodeado de expertos en Ciencias Sociais, plasmou as súas conclusións n'Unha prensa libre e responsábel (1947). Neste traballo expón a situación da prensa nos EEUU e propón solucións para aqueles puntos criticábeis. Un dos puntos máis destacados centrábase na necesaria intervención gobernamental para solucionar os problemas que se enumeraban no traballo. A prensa rexeitou o informe e foi este punto o que maior rexeitamento suscitou na prensa norteamericana.

No ano 1902 Pullitzer, consciente dos malos rumbos que estaba seguindo o xornalismo, creou a Escola de Xornalismo da Universidade de Columbia en Nova York. O obxectivo desta escola era o seguinte:

  • Elevar a calidade xornalística.
  • Estabelecer parámetros de comportamento.
  • Dignificar a profesión.
  • Mellorar as relacións coa sociedade.

En certo modo era elevar a profesión xornalística ao rango universitario e lograr así un enfoque máis profesional. O informe Hutchins deu lugar a unha teoría, a unha doutrina: teoría da responsabilidade Social da Prensa. Configuración teórica dunha primeira doutrina onde se reflicte a enorme influencia da prensa para dirixir a opinión pública a favor dos dirixentes do medio.

O Informe McBride editar

Artigo principal: Informe McBride.

A revolta do informe Hutchins prolongouse moitísimo tempo. Aínda así, en 1979, a UNESCO, consciente desta situación desigual na que a información estaba controlada polas grandes empresas de comunicación, na que sempre se falaba dos mesmos asuntos e dos mesmos países, encarga outro informe: un só mundo, voces múltiples, coñecido habitualmente como Informe McBride. O devandito informe foi realizado en 1980 polo irlandés Sena Mcbride quen, ao igual que Hutchins, se rodeou dunha serie de expertos no mundo da comunicación para elaborar un traballo titulado Un só mundo, voces múltiples, onde se recollen todos os delitos de poder que atentan contra o xornalismo e inclúen un aspecto novo: os dereitos e deberes do xornalista. Distintos países participaron na elaboración deste informe que supuxo unha radiografía da comunicación mundial nos anos 70.

Entre os deberes, hai 3 puntos que coinciden nos dous informes (Hutchins-McBride):

a) Responsabilidade social dos profesionais que implica unha serie de obrigas cara a opinión pública. Xa o informe Hutchins estabelecía que cumpría diferenciar o que é información do que é opinión; é aquí onde se instaura esa responsabilidade social. b) O xornalismo ha de respectar as leis para non vulnerar os dereitos dos cidadáns. c) Necesidade de asumir a responsabilidade contractual coa nosa empresa.

Ambos os informes marcan así un antes e un despois no labor xornalístico desde o punto de vista deontolóxico, e tratábase de impor unha nova orde no mundo da comunicación internacional.

Desde a perspectiva do Informe MacBride, a liberdade de expresión carente de responsabilidade é un paso á distorsión da realidade, pero é tamén inconcibíbel un xornalismo ausente de liberdade. Para o Informe:

A liberdade con responsabilidade inclúe relación coa ética profesional, acercamento os feitos, situacións ou procesos coa debida atención aos seus aspectos diversos.

Nos últimos anos editar

As consecuencias do informe MacBride afectaron a todos os países. Esas consecuencias observáronse na reflexión que se fixo no ámbito europeo onde se vinculou a praxe profesional ao servizo público. Tanto as empresas xornalísticas privadas como públicas comezaron a asumir a responsabilidade como profesionais da comunicación que deben funcionar coma un servizo público.

Nos anos 80 alcánzase un período de relativa estabilidade nas relacións internacionais favorábel á consagración de novos valores que motivaron unha revisión dos códigos existentes. Durante a década dos 90 xorde unha preocupación en torno aos problemas sociais e polas novas ameazas para a democracia como corrupción, racismo, terrorismo etc. Isto motivou unha renovación dos códigos que segue aberta debido aos problemas vixentes que suscitan a excesiva concentración de medios nas corporacións internacionais, a competencia agresiva etc.

Dado o auxe de Internet nos últimos anos cabe esperar a aparición de novos códigos que regulen este ámbito: relacións, maneira de proceder etc.

Unha forma de regular a profesión editar

Aqueles que desempeñan a función xornalística están suxeitos a responderen ante a sociedade con elevados niveis de competencia técnica, que os leven a poñer todo o seu saber e dilixencia nas súas accións. Para isto, o xornalista ten que asentar previamente as bases da súa profesión, esixindo medios e condicións laborais que lle permitan desenvolverse cara ao xornalismo de maneira libre e responsábel.

A ética xornalística proporciona unha axuda mediante a cal os erros e excesos individuais se corrixan sen pór en perigo o obxectivo final dos medios de comunicación libres: prover ao público coñecemento e comprensión. Os xornalistas, polo tanto, deben guiar o seu labor profesional por unhas normas sistemáticas, dado que soamente dese modo, servirán á sociedade dunha maneira eticamente responsábel e construtiva.

Porén, o exercicio profesional do xornalismo supón, en ocasións, un campo de problemas e de dilemas éticos. Son frecuentes as situacións nas que entran en colisión as crenzas e valores persoais, é dicir o código moral individual, cos requirimentos doutras ordes normativas que regulamentan, asemade, esas mesmas situacións. Para xerarquizar a escala de prioridades, na elección sempre han de primar os criterios morais propios e persoais. Aquí, entran en xogo os valores individuais, xa que o profesional, ademais de xornalista, é persoa.

Co tempo foise abrindo paso no ámbito profesional, en xeral, e no xornalístico, en particular, a idea de que xunto ás normas xurídicas e as morais era conveniente o desenvolvemento dunha certa operativa de autocontrol por parte dos propios profesionais, unha deontoloxía profesional. Esta é unha das claves que explica a existencia de códigos deontolóxicos no mundo profesional. Aínda que os devanditos códigos e patróns de conduta profesional tampouco resolven, na práctica, todas as posíbeis situacións problemáticas desde un punto de vista ético.

A regulación simultánea da materia xornalística por parte de diversas ordes normativas xera na práctica a posibilidade de colisión. Unicamente pode falarse de conflito cando o profesional non pode axustar ao seu comportamento, simultaneamente, os mandatos ou esixencias de diferentes ordenamentos que regulan de facto unha materia dada. A simple regulación da mesma materia por diversas ordes normativas non se traduce, necesariamente, nunha situación conflitiva. Ao falarmos de distintas ordes que regulamentan a profesión xornalística e que poidan entrar en conflito, referímonos ao dereito, á deontoloxía e á moral. Estas tres ordes normativas poden solaparse e en ocasións cabe a posibilidade de que haxa contradicións. Para que exista un conflito entre estas ordes ten que ser imposíbel cumprir cos mandatos dunha delas, ou coas tres ordes á vez. Débese evitar que estes conflitos se produzan.

En todo caso, os profesionais están sometidos a certos controis, en canto ao cumprimento dos códigos éticos propios da súa actividade, por parte dos colexios profesionais. En España, por exemplo, o do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o do Colexio de xornalistas de Cataluña, o Colexio de xornalistas de Valencia.

Para algúns autores, a ética e o cumprimento das normas deontolóxicas ás que se adscriba cada profesional son básicas para o xornalismo. No entanto, a ética para estes expertos non é algo externo á formación senón que o exercicio da profesión xornalística require unha base educativa específica, xa que a ética non ten por obxecto suplantar a liberdade, sen que intente fomentar o exercicio responsábel. Este conxunto de normas éticas que o xornalista debe cumprir como base para a elaboración dun produto xornalístico de calidade informativa e moral, precisa fundamentarse nunha formación deontolóxica que sería difícil que outro profesional poida desempeñar. Nestas premisas sustentan algunhas das voces favorábeis á colexiación e á esixencia do estudo da licenciatura de xornalismo para exercer como tal.

Agora ben, estas normas son só aplicábeis á actividade xornalística. As diferenzas entre os distintos oficios e o papel que desempeñan os seus colexios profesionais, afecta ao grado de coercibilidade das súas normas deontolóxicas e ao contido das mesmas.

O código deontolóxico aplicado ao ámbito da comunicación é un fenómeno da Modernidade. Nos inicios, estes xa recoñecían uns principios básicos de veracidade e exactitude que implican certo compromiso profesional coa actividade. Presentouse como unha necesidade de estruturar a actividade xornalística e dotala de certas normas que a regulamentasen.

O xurdimento do concepto de código deontolóxico xornalístico, como tal, apareceu nun período no que os trazos máis característicos no xornalismo eran a inexistencia dunha identidade profesional que estabelecese unhas normas do xogo, e a ausencia duns valores comúns.

Na practica xornalística destacaremos os seguintes:

  1. Código Deontolóxico da Fape.
  2. Comisión de Queixas e Deontoloxía: é un órgano de autocontrol relativo á deontoloxía xornalística que pretende favorecer o entendemento e maila arbitraxe entre profesionais do xornalismo. Actúa como autoridade moral garantindo así o cumprimento do Código Deontolóxico das asociacións de prensa españolas e mailos seus afiliados, que voluntariamente a aceptan.
  3. Código Europeo de Deontoloxía do xornalismo.

Colexiación editar

Os colexios profesionais son corporacións de Dereito Público compostas por persoas con intereses comúns ás que se encomendan funcións de proveito social. Xa que logo, a existencia de intereses probados de profesionais non lexitiman o uso desta figura. Só a protección de intereses públicos relevantes poden ser obxecto da actividade dos Colexios Profesionais. Polo tanto, só as profesións que requiren titulación e que cumpren funcións de transcendencia social poden crear un Colexio profesional.

No caso do xornalismo, a colexiación non resulta obrigatoria para o exercicio da profesión. Deste xeito, as normas deontolóxicas recollidas nos diversos códigos ordenan o exercicio da profesión en termos admonitorios, pero sen posibilidade de sanción institucionalizada en caso de incumprimento. Non son normas con carácter coercitivo (entendido desde o Dereito). As sancións ás que se pode enfrontar un xornalista que incumpra coas normas deontolóxicas da profesión son de tipo social: desprestixio, perda de credibilidade, exclusión do grupo…

A falta de colexiación e adopción dun código deontolóxico común provoca o exercicio libre dos xornalistas, que actúan so os ditados da súa propia moral. A regularización da profesión implicaría eliminar situacións de conflito social, como é o caso das faltas cometidas ante a incorrecta utilización do dereito á liberdade de expresión, segredo en relación ás fontes utilizadas

A existencia de varios códigos deontolóxicos xornalísticos deixa entrever a falta de unanimidade de criterio á hora de elaboralo. Se ben é certo que todos atenden aos mesmos aspectos, tamén o é que non o fan da mesma forma. Todo isto é unha mostra da capacidade de atopar unha solución única e valida que satisfaga tanto aos xornalistas como á sociedade. A profesión xornalística, e polo tanto os seus códigos deontolóxicos, implica unha especial dificultade á hora de confirmar unha serie de normas a seguir, xa que os xornalistas, ao realizaren o seu traballo, están desempeñando un labor social.

Por outra banda, existen aspectos comúns que recordan que é posíbel estabelecer unhas normas universais. Por exemplo, todos os códigos deontolóxicos defenden o dereito á información veraz e á necesaria rectificación de informacións erróneas, á vez que condenan as inxurias e calumnias. Por isto, os principios considerados básicos do xornalismo encóntranse recollidos de maneira unánime nos diferentes códigos da profesión.

A liberdade é o contexto privilexiado no que afloran e se desenvolven máis eficientemente a vida social e profesional. Agora ben, dado que sería impensábel conciliar o exercicio da liberdade individual e extrema cos requirimentos do ben común ou incluso coa propia viabilidade da vida social, ten que haber algunha instancia que organice, favoreza e limite o devandito exercicio, mediante a promulgación dunhas leis que marquen e garantan as normas do xogo, un código deontolóxico. Sobre este particular, non parecen existir controversias entre os profesionais. Tampouco parece suscitar controversias a creación de colexios profesionais no ámbito da actividade xornalística, que velen pola ética e maila dignidade profesional e polo respecto debido aos dereitos dos particulares e que exerza a facultade disciplinaria na orde profesional colexial (lei de colexios profesionais). Agora ben, tema ben distinto é o da colexiación obrigatoria.

Na actualidade, o exercicio da profesión xornalística en España non require a colexiación obrigada, como sinalabamos máis arriba. Non obstante, existe a iniciativa de promulgar un Estatuto do xornalista profesional que foi presentado no Congreso dos Deputados no ano 2004 e que aínda se atopa en tramitación. Este ten por finalidade, segundo recoñécese na súa exposición de motivos, a de servir ao dereito da cidadanía a ser informada, garantindo a independencia dos informadores. No artigo 2º deste Estatuto éntrase de cheo na polémica que vimos analizando: a condición de xornalista acredítase mediante o correspondente carné.

Entre as vantaxes derivadas dun sistema de exercicio da profesión que pase pola colexiación obrigatoria se menciona habitualmente, en primeiro lugar, a evitación do intrusismo. As opinións a prol desta opción argumentan que garante a posesión por parte do profesional dos rudimentos técnicos e a formación necesaria para desenvolver a súa función nas mellores condicións. O grao de consecución deste loábel obxectivo dependerá, na práctica, dos termos en que se concrete a colexiación obrigatoria. Así cando a colexiación se traduza nun mero trámite ao obxecto de acreditar a obtención previa dun título universitario, como ocorre entre nós, por exemplo, no que respecta ao exercicio profesional da avogacía, esa garantía será menor que nos casos en que se obrigue á realización dun exame para demostrar que se dispón dun nivel formativo que cumpre cuns estándares mínimos de calidade para o exercicio da actividade profesional. Isto sucede noutros sistemas (países anglosaxóns, ou mesmo, noutros máis próximos á nosa tradición cultural e xurídica, Portugal) e seguindo co exemplo dos avogados.

Pero tamén existen inconvenientes. Os detractores da colexiación obrigatoria adoitan invocar o artigo 19 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos en que se manifesta que

Todo individuo ten dereito á liberdade de opinión, ao de investigar e recibir informacións e opinións, e de difundilas, sen limitación de fronteiras, por calquera medio de expresión.

Así, o Comité Mundial de Liberdade de Prensa (WPFC), que coordina a organismos de defensa da liberdade informativa en todo o mundo, resalta a importancia da Declaración de Santiago de Chile, adoptada pola conferencia latinoamericana da UNESCO no ano 1994. A declaración proclama que:

O acceso ao xornalismo e á súa practica deben ser libres, e non limitados por medio ningún.

Trátase dunha manifestación de decisiva importancia en Latinoamérica, onde a "colexiación obrigatoria" dos xornalistas é común en varios países, pese a que a Corte Interamericana de Dereitos Humanos a condenou en 1985. O susodito ditame estabeleceu de forma tallante que:

A colexiación obrigatoria de xornalistas, en canto impida o acceso de calquera persoa ao uso pleno dos medios de comunicación social como vehículo para expresarse ou para transmitir información, é incompatíbel co artigo 13 da Convención Americana sobre Dereitos Humanos.

Por outra banda, a necesidade do carné estabelecida no proxecto de lei español arriba mencionado pode xerar certa resistencia entre os profesionais do sector polo posíbel parecido co carné que requiría a Asociación Española da Prensa na época franquista para poder traballar.

En resumo, a cuestión é se este sistema de "numerus clausus" que permite controlar quen pode traballar nos medios e quen non xerará vantaxes efectivas para os cidadáns e se se traducirá ou non nun maior nivel de esixencia, de competencia e de calidade no desempeño do traballo por parte dos profesionais.

Comportamentos ilícitos editar

A Declaración de Principios de Conduta dos Xornalistas considera como grave ofensa profesional varios comportamentos ilícitos como son o plaxio, a distorsión maliciosa, a calumnia, inxuria, libelo, acusacións infundadas e a aceptación de subornos en calquera forma de publicar ou suprimir información.

Outro dos exemplos alude á ética da práctica do roubo de informacións por parte do xornalista. En xeral, os españois reiteran a necesidade de conseguir a información por métodos lícitos. Algúns refírense ademais a que eses métodos deben ser honestos ou dignos. Están desta forma intentando cubrir pola vía do moral o que poden ser lagoas importantes nas diferentes lexislacións. Precisamente neste momento, existen non poucos baleiros legais no referido á difusión de datos e obras completas a través das autoestradas da información, e moitas voces alzáronse xa pedindo unha lexislación de aplicación internacional sobre a materia.

Aparece outro problema cando a información difundida se basea en datos que foran ofrecidos pola fonte coa condición de que non se fagan públicos. É dicir, cando se viola o que se recoñece como "off the record". Os códigos deontolóxicos adoitan referirse expresamente a estas informacións e piden sempre que se respecte a confidencialidade, aínda que algúns matizan que o "off the record" fica sen validez se outra fonte dá a mesma información sen impor restrición ningunha. O que a fonte non pode facer nunca é secuestrar a información pola vía "off the record" aos xornalistas. De aí que algunhas veces, cando os xornalistas sospeitan que pode haber algunha intención deste tipo tras unha confidencia, tenten confirmala por outras vías, para poder difundila sen romperen norma deontolóxica ningunha.

O estatuto do diario xeneralista El País refírese tamén a outra materia: a copia de información ou imaxes doutros medios. E faino tamén en termos moi tallantes:

É inmoral apropiarse de noticias de paternidade allea” (art. 1.20).

Apreciación que se completa con esta:

A aparición noutro xornal, antes que no propio, de informacións de importancia non é motivo para deixar de publicalas ou para negarlles a valoración que merecen” (art. 1.19)

Autorregulación xornalística editar

Existen na actualidade moitas formas de autorregulación nas que a ética constitúe o elemento clave que acompaña a cada unha delas. A variedade de mecanismos de autorregulación ofrece os diferentes puntos de vista que cada profesional aporta. Así, a propia Federación Internacional de Xornalistas (FIP) sinala:

Non hai un modelo único de autorregulación que poida ser copiado en todo o mundo. Os xornalistas en cada país deben traballar xuntos para estabeleceren e revisaren estándares comúns de ética e profesionalismo”.

A ética xornalística que moldea a autorregulación constrúese a partir do traballo diario e a través dos casos prácticos que en cada momento se presentan ao xornalista. Non se trata, polo tanto, dunhas normas morais inamovíbeis no tempo.

Para a vixilancia do cumprimento dos principios deontolóxicos que aseguren a liberdade de expresión e o dereito a recibir información veraz, os medios de comunicación deben crear organismos ou mecanismos de autocontrol. Estes deben estar integrados por editores, xornalistas, asociacións de cidadáns usuarios da comunicación, representantes da Universidade e dos xuíces.

Segundo Loeffer:

Os organismos de autocontrol da prensa son institucións creadas por e para a prensa, no seo dos cales xornalistas e editores, adoptando libremente as súas decisións, e sendo responsábeis unicamente ante a súa propia conciencia, cooperan a fin de preservar a existencia de relacións equilibradas e leais entre a prensa dun lado e o Estado e a sociedade do outro”.

Funcións básicas da autorregulación xornalística editar

O distintivo da autorregulación é que tanto a súa posta en marcha como o seu funcionamento e efectividade dependen do compromiso voluntario dos suxeitos implicados no proceso de comunicación. Cómpre a creación de normas que sexan quen de guiaren a actividade xornalística e facela efectiva a través dos códigos deontolóxicos. Tenta conseguir na medida do posíbel que se dean as condicións necesarias para o desenvolvemento das normas descritas con anterioridade na práctica.

Alén disto, os defensores do lector ou os consellos de prensa deben dar a coñecer os posíbeis erros acaecidos no seo do medio sen poder rexeitar a responsabilidade que leva a transparencia e seren suxeitos do veredicto público. A autorregulación da prensa implica un desprazamento do axuste normativo do funcionamento dos medios desde o Estado á sociedade civil.

Por isto, a autorregulación xornalística ten repercusión social no momento no que os cidadáns se convertan nos receptores da práctica xornalística e en axentes denunciantes das malas condutas derivadas do traballo. Esta peculiaridade permite que o público confíe na profesión.

Por tratarse dunha iniciativa da sociedade cidadá que se concreta nunha regulación deontolóxica, a única capacidade coactiva da autorregulación descansa no seu eco na opinión pública. O estudo das situacións conflitivas nos medios leva ás prácticas e ao público a estabeleceren canles de aprendizaxe. Asemade, os medios evolucionan progresivamente e o coñecemento dos códigos por parte das persoas tamén se desenvolven paulatinamente.

Fontes da autorregulación editar

Consello de Información editar

O consello de información é un órgano privado e independente destinado ao control do cumprimento dos principios dos códigos Deontolóxicos e das queixas contra os medios. Esixe outro mecanismo autorregulador e a participación dos consumidores. Aínda que está regulado por lei non é o poder político quen o controla, senón que unha vez se formou polo lexislador, funciona de forma autónoma. Atende as queixas dos usuarios dos medios, por exemplo, as queixas respecto á publicidade. Envíase a queixa, estúdase e emítese un veredicto. Trátase do mecanismo de autorregulación máis completo.

Códigos deontolóxicos editar

Os códigos Deontolóxicos son a fonte básica de autocontrol, recollendo os criterios e normas básicas necesarias para manter unha normalidade e profesionalidade dentro do xornalismo. Difunde o coñecemento recollido para velar polos intereses dos profesionais fronte ás inxerencias externas.

Segundo Hugo Aznar, Profesor de Ética da Comunicación na Universidade Cardenal Herrera-CEU:

Cando se asume con autenticidade o código deontolóxico estase a adoptar un compromiso que vai máis alá da letra precisa de cada un dos seus artigos e vincula ao profesional co seu espírito e finalidade última, sendo a razón práctica individual a que aplique o código ás circunstancias de cada paso, por debaixo diso está a conciencia individual do profesional.

Estatutos de Redacción editar

Son documentos que representan os acordos privados e voluntarios levados a cabo pola sociedade editora, a dirección e redacción dun medio de comunicación. Regulamenta as actividades de cada un e estabelece as súas responsabilidades, sen contemplar cuestións de tipo laboral ou sindical. En España teñen estatuto de redacción El País, La Voz de Galicia, El Mundo, El Periódico de Cataluña, RTV Valenciana e Corporació Catalana de Mitjans Audiovisuals. A televisión é un dos campos onde máis está avanzando a fixación de criterios de autocontrol. Proba disto son os exemplos recentes do ditame do Consello do Audiovisual de Cataluña (CAC) o 6 de outubro de 1997 e a proposta de convenio de autorregulación de 1998 subscrita polos directores de Televisión Española, Canal + España, CNN +, Canal Sur, Televisió de Catalunya, Euskal Telebista, Televisión de Galicia, Televisión Valenciana e Telemadrid.

Libros de Estilo editar

Fórmanos todas as normas formais ou técnicas de estilo e redacción do medio que son claramente diferenciábeis dos doutros medios da competencia unificando o seu propio estilo. Os obxectivos dun libro de estilo son lingüísticos, pero tamén, e en gran proporción profesionais e ideolóxicos. Neles pódense atopar principios deontolóxicos que poden deducir normas éticas. E en España é algo moi común nos medios de comunicación, tanto en medios impresos como en audiovisuais teren o seu propio manual de estilo.

Organismos de Autocontrol editar

Consello de prensa editar

O consello de prensa, como mecanismo independente que estuda as queixas dos cidadáns sobre a actuación dos medios, é o mecanismo de autorregulación máis completo. Creados pola propia profesión xornalística e non polo Estado, poden ser de nivel local, rexional ou nacional. Un dos máis representativos é o British Council, creado en Gran Bretaña en 1953.

Para evitar as ameazas dunha intervención lexislativa sobre prensa.

Estes organismos son viábeis grazas ás liberdades públicas recoñecidas e garantidas. Nun consello de prensa segundo Niceto Blázquez, profesor de Ética e Deontoloxía na Universidade Complutense de Madrid, requírese independencia das autoridades públicas e que estea constituído por persoas representativas do público en xeral, dos xornalistas e a empresa informativa. A dirección debería de pasar por unha persoa prestixiosa, imparcial e allea ao mundo da información. A existencia de consellos de prensa non exclúe os outros mecanismos de autorregulación, senón que existe unha relación de complementariedade e mutuo reforzo entre eles.

Ombudsman editar

O ombudsman é a figura que representa e defende os lectores, oíntes ou espectadores nos distintos medios de comunicación. A súa misión é recibir, investigar e dar resposta ás queixas do público, no medio de comunicación no que traballe. É unha figura que provén da cultura escandinava. A principios do século XIX, era a persoa encargada de recibir e tramitar as queixas dos cidadáns á administración pública. Foi nos Estados Unidos, onde un xornal creou esta figura para atender as queixas dos lectores. O seu carácter pode ser interno ou externo. A maioría dos medios, como os diarios La Vanguardia ou El País, optan porque sexa un membro da redacción quen se dedique, en exclusiva, a este contido. Nestes casos, adoita reservar este posto a profesionais veteranos. Malia todo, outros, como The Washington Post ou Diario 16 prefiren contratar maxistrados ou xornalistas, normalmente xa retirados, para exerceren este labor. Os defensores do lector contan, na maioría dos medios, cun espazo propio. Xeralmente, nos medios escritos acostuma ser os domingos na sección de opinión. Algúns adoitan redactar informes con periodicidade mensual ou anual. O exercicio deste cometido semella durar un tempo determinado. En casos como o de La vanguardia non se prolonga máis de dous anos. Na Radiotelevisión Andaluza dura o que a lexislatura do Consello de Administración que nomeou a ese defensor. Os obxectivos desta figura son varios. En primeiro lugar, trátase de ter en conta as queixas dos lectores e garantir os seus dereitos. Ademais trátase de vixiar o traballo dos profesionais do medio. Segundo Hugo Aznar, Profesor de Ética da Comunicación na Universidade Cardenal Herrera- CEU:

O ombusdman favorece unha cultura da maior responsabilidade na redacción e un maior exercicio de rigor e coidado por parte tanto do medio como dos seus profesionais.

Esta tarefa debe apoiarse no libro de estilo e no código deontolóxico para non tomar consideracións erróneas ou arbitrarias. En España, Dentro dos medios impresos, ten ombusdman El País, La Vanguardia, e nas radios e televisión medios como Radiotelevisión Española, Radiotelevisión Andaluza, Antena 3 e a EITB.

Auditorías éticas editar

Esta é unha institución análoga ás dúas anteriores. A súa función é a de estabelecer un diagnóstico ético previo sobre o nivel ético operativo na empresa informativa. O tema sobre o que máis se ocupa é a verdade informativa.

Federación Internacional de Xornalistas editar

A “”Federación Internacional de Xornalistas”” é a confederación de unións profesionais máis grande do mundo. Na actualidade a federación representa a uns 500.000 membros repartidos en 120 países, entre os que figura España. O seu principal labor consiste en regular a práctica profesional, ética e moral do xornalismo no ámbito internacional, así como tratar de resolver os asuntos relacionados co exercicio dos diferentes grupos profesionais. Fundada en 1926, foi relanzada en 1946 e someteuse, de novo, a un lanzamento definitivo en 1952. Desde entón, a forma e o funcionamento da organización non variaron. A FIX pretende garantir o pluralismo democrático e a defensa dos Dereitos Humanos Fundamentais e considérase independente de calquera organismo ideolóxico, político, gobernamental e relixioso.

Obxectivos editar

A Federación Internacional de Xornalistas persegue unha serie de obxectivos que, por unha banda, ateñen, exclusivamente, aos xornalistas e ao seu labor profesional, e xa que logo, repercuten nos membros da Federación para garantir o correcto funcionamento da mesma.

En canto aos primeiros, a FIX insiste na necesidade de protexer os dereitos e liberdades dos xornalistas e apela a promover o papel social destes profesionais e do xornalismo, en tanto que contribúen á liberdade e á democracia. Ao mesmo tempo, a FIX quere fomentar a mellora da profesionalidade e os altos niveis na educación xornalística co fin de que o xornalismo se desenvolva garantindo a liberdade de información, a liberdade dos medios de comunicación e a independencia deste traballo, a través da busca e condena de calquera tipo de violación.

Polo que respecta aos membros da organización, a FIX esfórzase en promover a cooperación en accións tales como a garantía de seguridade para o, ou a asistencia ás unións profesionais de xornalistas que traballen nos territorios dos diferentes membros da organización. Finalmente, a Federación tamén busca estabelecer e manter relacións estreitas de relevancia internacional cos gobernos e organizacións non gobernamentais en beneficio destes obxectivos.

Código Europeo de Deontoloxía do Xornalismo editar

A Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa aprobou por unanimidade en Estrasburgo en 1933 unha resolución que contemplaba algúns principios éticos do xornalismo, que estimou que deberían ser aplicados en Europa.

Nos seus 38 artigos aborda unha serie de cuestións como reforzar o dereito da idea de responsabilidade que teñen os xornalistas ao exerceren a súa profesión, xa que nos momentos actuais esta é importante para crear a responsabilidade dos cidadáns, polo que se debe diferenciar ben entre noticias e opinións para evitarmos confusións. As noticias deben estar rexidas polos principios de veracidade e imparcialidade, diferenciándoas dos rumores e mailas opinións, que aínda sendo obxectivas non poden esixirlle veracidade, si deben facerse desde formulacións honestas e éticas, sen ocultaren ou negaren a realidade de datos ou feitos.

Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE) editar

A Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE) é a maior organización de periodistas de España. Está integrada pola práctica totalidade das Asociacións da Prensa, 45, con 12.500 membros e tres Asociacións sectoriais de xornalistas, que suman outros 3.000 asociados. Actualmente, é a entidade máis representativa do xornalismo español. Está presidida por Fernando González Urbaneja.

A FAPE creouse en Santander en 1922. O 19 de maio dese ano, a Asociación da prensa de Santander convocou unha Asemblea constituínte das federacións das Asociacións existentes en España. Aproveitouse o mes de agosto, cando o Rei Afonso XIII veraneaba no Palacio da Magdalena, e foi el quen presidiu a sesión inaugural da Asemblea, o 6 de agosto de 1922.

Durante o franquismo a asociación era semioficial. O que fixo durante eses anos foi conceder o carné oficial de xornalismo e levar o Rexistro oficial de tódolos xornalistas de España. En 1984, e de novo en Santander, tivo lugar a súa refundación.

As Asociacións federadas hoxe en día son: Albacete, Alacant, Almería, Aragón, Avila, Badaxoz, Burgos, Cáceres, Cádiz, Campo de Xibraltar, Cantabria, Castelló, Ceuta, Cidade Real, Córdoba, Cuenca, Granada, Guadalaxara, Huelva, Xaén, Xerez da Fronteira, A Coruña, A Rioxa, Lanzarote-Fuerteventura, As Palmas, León, Lugo, Madrid, Málaga, Melilla, Mérida, Murcia, Oviedo, País Vasco, Pamplona, Santa Cruz de Tenerife, Santiago de Compostela, Segovia, Sevilla, Soria, Talavera de la Reina, Toledo, Valladolid, Zamora e Unió de Periodistes Valencians.

Na actualidade, esta federación é unha Organización profesional sindical vinculada á Lei 91/1997, lei de Asociacións Profesionais, e legalizada co número 896. Réxese por uns estatutos aprobados na Asemblea Xeral de Burgos en 2006 e ten a súa sede en Madrid.

Consonte aos seus estatutos, poderá asociarse quen posúa un título (licenciatura ou outro superior de carácter oficial para o que se esixa ter unha licenciatura) expedido por unha Facultade de Xornalismo, Ciencias da Información ou denominación equiparábel, de calquera universidade española ou estranxeira e cuxa titulación estea homologada en España.

O Código Deontolóxico da profesión xornalística da FAPE editar

O Código Deontolóxico da profesión xornalística da Federación de Asociaciones de Periodistas Españoles Arquivado 02 de xuño de 2013 en Wayback Machine. (FAPE), aprobado pola súa Asemblea Extraordinaria de Sevilla en 1993, é o documento de deontoloxía xornalística máis importante en España. No seu preámbulo sinálase que no marco das liberdades civís da Constitución, a actividade xornalística é clave no desenvolvemento dos dereitos fundamentais sobre a libre información e expresión de ideas. Con todo, tamén se expresa que se ha de ter en conta que esta actividade está sometida a límites, aqueles que impiden a vulneración doutros dereitos fundamentais. Polo seu modo de aprobación, o Código responde plenamente a trazos propios da chamada autorregulación.

Comisión de Queixas e Deontoloxía da FAPE editar

A Comisión de Queixas e Deontoloxía da Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE), constitúese, segundo esta, como órgano de autocontrol deontolóxico interno da profesión xornalística.

Actúa como autoridade moral, outorgada polos xornalistas da Federación e o seu obxectivo principal é o cumprimento do Código Deontolóxico, así como o de favorecer e promover a arbitraxe, a mediación, o entendemento e a recomendación de petición de desculpas.

O artigo 2.3 dos Estatutos da FAPE, encomendan a esta e ás organizacións federadas o desenvolvemento da deontoloxía, xornalística e informativa; e o artigo 5.c.- enumera como funcións propias da Federación as de velar polo cumprimento dos principios deontolóxicos no exercicio da actividade xornalística e informativa.

A Comisión xorde de xeito paralelo á aprobación do Código o 27 de novembro de 1993 e está formada por 16 membros, entre eles o seu presidente, Antonio Fontán Pérez, Catedrático Emérito da Universidade Complutense de Madrid, xornalista e político.

Asociación Española da Prensa Gratuíta editar

En febreiro do 2001, foi constituída a AEPG, (Asociación Española de la Prensa Gratuita) asociación coa vontade de ser o interlocutor válido dun colectivo que, desde hai moitos anos ten forte organización en España e goza de gran difusión e aprobación por parte de toda a poboación.

Entre os fins da Asociación inclúense, a representación, xestión e defensa dos intereses económico-sociais, empresariais e profesionais colectivos dos asociados.

O código de normas deontolóxicas das publicacións de prensa gratuíta, compilado pola A.E.P.G, é creado co compromiso de adoptalo como norma de traballo no ámbito de todas as prensas asociadas e de todos os que interveñen nestas publicacións (anunciantes, axencias de publicidade, deseñadores, provedores etc.) coa finalidade de:

  • Fomentar unhas boas relacións e unha competencia legal entre as publicacións que se dedican á prensa gratuíta, tanto entre elas mesmas como en relación con outros medios publicitarios e xornalísticos que se presentan.
  • Fomentar un aumento do sentido da responsabilidade cos lectores, en tanto que posíbeis consumidores dos produtos ou servizos que se publiciten e sobre os cales se difunde información.
  • Contrarrestar os posíbeis abusos da publicidade cando esta non estea conforme ás normas ou aos costumes estabelecidos.
  • Dar cohesión ao sector da prensa de balde e potenciar a vía do asociacionismo para conseguirmos os obxectivos deste sector.

En relación coa actividade xornalística editar

Non é un código de xornalistas, porque a AEPG acepta cumprir o contido do seu código deontolóxico, nin de publicistas, porque este sector tamén ten normas específicas. Trátase dun código propio destinado a un tipo de publicacións nas que se harmonicen as tres actividades: editora, xornalística e publicitaria.

Co obxectivo de conseguir unhas habelencias fluídas e evitar conflitos co resto de colectivos deberanse ter en conta os seguintes criterios:

  • A liberdade de expresión e o dereito de información son dereitos fundamentais recollidos na Constitución Española. Estes dereitos prevalecerán sempre que non entren en contradición co respecto á intimidade das persoas.
  • Estas publicacións, e os xornalistas que nelas traballan, gardarán o segredo profesional, respectando as fontes de información e as confidencias. Non revelarán os nomes dos informantes non sendo que haxa autorización xudicial.
  • Están prohibidas as calumnias, as acusacións, as difamacións, as inxurias e os plaxios.
  • Estas publicacións están obrigadas a rectificaren o máis pronto posíbel calquera información errónea ou inexacta, así como conceder o dereito de réplica, rectificación ou resposta a todo o que os solicite.
  • Os xornalistas e editores salvagardarán o dereito natural que ten toda persoa á súa intimidade, vida privada, persoal e familiar.
  • O dereito á liberdade de información e de expresión do xornalista comprende tamén o dereito ao comentario e á crítica.
  • Os xornalistas e as publicacións non mostrarán ningunha discriminación entre persoas por razón de raza, cor, sexo, relixión, opinión pública, orixe nacional etc. Manterase sempre o respecto constitucional á presunción de inocencia.
  • No exercicio da súa profesión, os xornalistas non poderán facer publicidade nin propaganda de ningunha actividade relacionada con intereses persoais ou comerciais.
  • Na redacción de artigos respectarase o dereito de autor e mencionaranse as fontes de información. O xornalista é responsábel moral de todo o que publica.
  • Sempre que sexa posíbel, o xornalista deberá comprobar a veracidade das súas fontes de información. As noticias, informes e rumores sen confirmar han de presentarse claramente como tales. O xornalista debe deixar clara a diferenza entre o que é unha noticia e o que é o seu comentario (opinión ou interpretación) para evitar confusións.

Internet editar

O correcto exercicio da actividade profesional xornalística e as súas limitacións no campo da moral víronse alterados pola entrada en escena da publicación de informacións en Internet. A explosión de contidos no soporte dixital propiciou a consolidación dos usuarios como os novos protagonistas dos medios. Isto provocou a aparición de informacións pouco fiábeis e sen contrastar, que en moitas ocasións incumpren as normas do código deontolóxico que os xornalistas acollen na súa profesión.

Internet é un medio moi polémico porque ao redor del e a súa actividade existen moitas controversias, sobre todo no campo xornalístico. Ao haber tanta cantidade de posibilidades e formas de escribir e poder ser "creador de información"; mediante os blogs, foros, o chamado xornalismo 2.0... os "verdadeiros" xornalistas (ou, polo menos, licenciados) queren reivindicar a súa posición. Xa que no mundo de Internet falta control e unhas normas ou códigos deontolóxicos a seguir, de forma específica neste medio cada vez máis usado e socializado.

Así, mentres que as versións dixitais dos xornais tradicionais seguen utilizando as mesmas normas morais que en papel, os internautas publican todo tipo de textos informativos sen sometérense a ningún tipo de regulación. Non existen na actualidade medios efectivos para ordenar as publicacións en Internet.

O marco tradicional da actividade informativa entrou en crise coa progresiva implantación da Sociedade da Información. Os medios de comunicación tradicionais deixaron de ser o único intermediario informativo entre os organismos públicos, as organizacións privadas e os cidadáns. Polo tanto, os xornalistas deixaron de ser os únicos individuos con posibilidade de informar. Actualmente, as comunicacións estabelécense entre cidadáns de diferentes estados, suxeitos a diferentes xurisdicións legais, a diferentes valores éticos, a diferentes referentes culturais.

Todo isto complica a aplicación real dunhas autorregulacións e uns códigos deontolóxicos que sempre estiveron envolvidos de controversia, ata no seo da profesión xornalística.

A pesar de contar ademais cos xa existentes Código Ético de Protección de Datos en Internet da Asociación Española de Comercio Electrónico (AECE) impulsada en 1998 por trinta empresas españolas como El País, El Mundo, Círculo de Lectores, Grupo Recoletos, Planeta, Retevisión ou a Sociedade Xeral de Autores de España (SXAE), promovido para liquidar problemas como a propiedade intelectual das marcas ou a protección de dereitos de autor entre outros aspectos por diversas entidades españolas coma a Asociación de Autocontrol da Publicidade (AAP) ou a Axencia de Protección de Datos (APD), e o Código Ético da Publicidade en Internet[Ligazón morta] da AAP aprobado o 14 de abril de 1999, englobados ambos os códigos no recente Código Ético de Comercio Electrónico e Publicidade Interactiva presentado en 2002.

Se se considera importante para o desenvolvemento da actividade xornalística no futuro a asunción dun Código Deontolóxico, faise necesario adaptar os actuais aspectos e integralos no novo contexto informativo.

Os códigos deontolóxicos tradicionais da profesión xornalística inciden nos seguintes aspectos:

  1. Aceptación explícita do código deontolóxico: Para que este apartado sexa efectivo é imprescindíbel dispor dunha identidade certificada, unha garantía para o receptor da información que quen asina estes contidos é un suxeito real, identificado e avalado por unha terceira parte. No xornalismo tradicional esta identidade e existencia real vén avalada polo medio que contrata o xornalista e/ou por unha asociación profesional. Na rede son necesarias máis garantías. Da mesma forma que o comercio electrónico require de servidores seguros, posibelmente a comunicación dixital requirirá de informadores seguros e organizacións de certificación xornalística.
  2. O xornalista debe explicar a verdade: O labor convencional dos xornalistas adoita atoparse limitado cando se trata de exercer a súa profesión dunha forma correcta. Contrastar e ampliar información, outorgar dereito de réplica ou acudir a varias fontes son recomendacións xornalísticas que, habitualmente, se atopan con limitacións de espazo e tempo nas redaccións dos medios. O xornalismo electrónico de seu non pode asegurar máis tempo ao xornalista para elaborar as súas informacións, pero si lle permite dispor de todo o espazo que requira para documentalas ademais dun factor temporal máis flexíbel á hora de engadir contidos tales como ampliación de información, comentarios de lectores, réplica de fontes etc.
  3. O xornalista debe respectar ás fontes e os suxeitos da información: A liberdade de información do xornalismo tradicional vese ampliada con respecto ao resto da cidadanía en determinados casos nos que esta entra en conflito con outros dereitos fundamentais (dereito da honra, da intimidade, da propia imaxe, así como dereitos específicos para a infancia e a mocidade). Outro aspecto é o trato especial na relación entre xornalistas e fontes como o dereito ao segredo profesional. A esencia destes dereitos non varía polo feito de estar traballando nun medio dixital, pero a difusión internacional dos contidos informativos pon en xogo multitude de apreciacións éticas e lexislacións sobre a honra, a intimidade e o carácter público das persoas.
  4. O xornalista non debe mesturar información e opinión: Os xornalistas representan unha das canles de información máis importantes cara á cidadanía. A gran maioría dos libros de estilo dos medios marcan unha clara distinción entre información e opinión, ata a lexislación deixa claro que a liberdade de información e a liberdade de expresión non deben confundirse. Se os medios mesturan información obxectiva con información subxectiva están condicionando a veracidade da mesma e, xa que logo, limitando a liberdade dos cidadáns. Pero nun contexto de abundancia de información, un dos papeis do xornalista dixital é precisamente o de seleccionar e dar prioridade á información. Polo que a opinión do informador pasa de ser un elemento secundario ao motivo principal polo cal os lectores acoden a el.
  5. O xornalista non debe mesturar información e publicidade: Partindo da raíz das Ciencias da Comunicación, considérase que a información e a publicidade son elementos diferentes. Os profesionais do sector perciben á publicidade como o factor que fai rendíbel o negocio da comunicación. Na rede esta distinción é moito máis complicada debido a varios factores: Na maioría de publicacións electrónicas os lectores non pagan por obteren a información, polo que os ingresos proveñen completamente da publicidade. Isto afecta aos profesionais dos medios xa que obteñen os seus salarios de anunciantes que poden impor presións sobre o publicado. Os medios en Internet viron crecer unha tendencia a partir da cal os produtos comerciais se converteron en fonte de información. Isto fai, en moitos casos, moi complicado diferenciar información de publicidade.
  6. Os xornalistas deben respectar os dereitos de autor: A facilidade para copiar informacións doutro usuario e a dificultade para pedir responsabilidades provocou a aparición de asociacións como Creative Commons, unha organización sen ánimo de lucro que ofrece un sistema flexíbel para protexer as obras intelectuais dos internautas, desde "todos os dereitos reservados" a "sen ningún dereito reservado".

Ética xornalística en relación coa ética empresarial editar

Con todo as posibilidades de Internet souberon usarse en favor da ética e a deontoloxía xornalística.

So o nome Comunicación e ética na empresa e os medios de comunicación, ADC Dircom, a APM e ESADE, crearon un espazo para analizar os conflitos da moral xornalística en relación coa ética empresarial.

O director do Departamento de Ciencias Sociais de ESADE, Anxo Castiñeira, subliñou que os conflitos éticos no mundo da comunicación están no núcleo da propia actividade pondo en cuestión os valores que defenden os códigos éticos. Para o experto, os novos horizontes éticos da comunicación están facendo que cada vez sexa máis urxente a necesidade de expor certa regulación.

Como principais problemas que impiden o desenvolvemento dun xornalismo moral (entendendo isto como baseado en veracidade, credibilidade, obxectividade etc.) poden destacarse, como indica Fernando González Urbaneja, presidente da APM, é o aliñamento político dos medios de comunicación, que fai moi previsíbel a información e reduce o espazo á información propiamente dita.

Notas editar

  1. Niceto Blázquez "El desafío ético de la información", páxina 17

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Brajnovic, Luka (1978). Deontología periodística. EUNSA. ISBN 978-84-313-0496-6. 
  • Ramos Fernández, Fernando (1998). La profesión periodística en España: estatuto jurídico y deontología profesional. Diputación Provincial de Pontevedra. Servicio de Publicaciones. ISBN 978-84-89690-17-2. 

Outros artigos editar