David Rochela

futbolista español

David Rochela Calvo, nado nas Pontes o 19 de febreiro de 1990, é un exfutbolista galego que xogaba de defensa central.

David Rochela
Información persoal
Nome David Rochela Calvo
Nacemento 19 de febreiro de 1990 (34 anos)
Lugar de nacemento As Pontes de García Rodríguez
Altura 1,82 m.
Posición Defensa
Carreira xuvenil
1996–2003 As Pontes
2003–2007 Deportivo da Coruña
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
2007–2011 Fabril 89 (0)
2010–2013 Deportivo da Coruña 9 (0)
2012Racing de Santander (cedido) 12 (0)
2013Hapoel Tel Aviv (cedido) 13 (0)
2014–2015 Buriram United 37 (5)
2015Port (cedido) 15 (3)
2016–2023 Port 116+ (22+)
Total 291+ (30+)
Selección nacional
2005 España sub-16 1 (0)
2007 España sub-17 15 (0)
2008–2009 España sub-19 13 (1)
Na rede
FIFA: 269869 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Despois de destacar nas categorías inferiores do Deportivo da Coruña e da selección española, coa que se proclamou campión de Europa sub-17, debutou co primeiro equipo do Deportivo na Primeira División en 2010. Na tempada 2012/13, ante a falta de minutos no club coruñés, saíu cedido ao Racing de Santander e ao Hapoel Tel Aviv, e a continuación desvencellouse do Deportivo para probar sorte no fútbol tailandés.

Pasou primeiro polo Buriram United, co que se proclamou campión da liga tailandesa e da Copa Kor Royal, e co que debutou na Liga de Campións da AFC. En 2015 pasou ao Port FC, converténdose pouco despois no capitán e no buque insignia do club, no que militou durante oito anos ata a súa retirada en 2023. Con Rochela como capitán o Port gañou a Copa da FA en 2019 e rexistrou as primeiras participacións da súa historia na Liga de Campións.

Traxectoria editar

Comezos e Fabril editar

Despois de xogar varios anos na canteira do As Pontes, da súa vila natal, entrou en 2003 no equipo infantil do Deportivo da Coruña, con 13 anos. Subiu polas distintas categorías do club, e en abril de 2008 debutou co Fabril da man de Tito Ramallo na Segunda División B, nun partido contra o Fuerteventura, no que caeu lesionado pouco despois de comezar.[1] Na tempada 2008/09 foi titular en case todos os partidos do filial, acompañado na defensa por Diego Seoane, Del Castillo e Juanan. Con todo, o equipo acabou descendendo a Terceira División.

Deportivo da Coruña editar

Desde finais de 2009 comezou a contar nas convocatorias do primeiro equipo do Deportivo para o adestrador Miguel Ángel Lotina.[2], e en xaneiro de 2010 fixo o seu debut no partido de volta dos cuartos de final da Copa do Rei 2009/10 nun partido contra o Sevilla no Sánchez Pizjuán, onde entrou na segunda parte como substituto de Juca.[3] Tres meses despois debutou na Primeira División, nun encontro fronte o Valencia en Mestalla, no que substituíu no descanso a Piscu.[4]

Esa tempada logrou o ascenso a Segunda B co Fabril, mentres que co primeiro equipo disputou un total de 5 partidos, 3 deles como titular. Na tempada 2010/11 continuou alternando convocatorias do filial e do primeiro equipo, xogando 6 partidos con este último. Na seguinte campaña subiu definitivamente ao primeiro equipo, que con Oltra no banco, logrou o ascenso a Primeira División con récord histórico de puntos.[5]

Cesións ao Racing e o Hapoel editar

Con todo, xogou só 7 partidos na tempada do ascenso, e na 2012–13 marchou cedido ao Racing de Santander, de Segunda División.[6] No equipo cántabro conseguiu máis regularidade, disputando 14 partidos ata xaneiro, 13 deles como titular. O 30 de xaneiro de 2013 anunciouse que deixaba o club de Santander, para marchar cedido ao Hapoel Tel Aviv israelí até o final da tempada.[7]

Buriram editar

En setembro de 2013 rescindiu o seu contrato co Deportivo para fichar polo Buriram United, de Tailandia, onde coincidiu co tamén galego Andrés Túñez.[8] Titular indiscutible no equipo, disputou un total de 45 partidos durante a tempada, 6 deles na Liga de Campións da AFC, competición na que debutou nun partido contra o Shandong Taishan no Estadio Olímpico de Jinan.[9] En febreiro de 2014 proclamouse campión da Copa Kor Royal e en novembro un gol seu deulle o título de liga ao seu equipo.[10]

Port editar

 
David Rochela co brazalete de capitán do Port en 2018.

En 2015 deixou Buriram para saír cedido ao Port FC, club ao que se incorporou en propiedade pouco despois. Capitán dende 2016, converteuse no buque insignia do club de Bangkok durante os seguintes anos.[11] Aínda que viviu un descenso á segunda división na súa primeira tempada, o equipo recuperou inmediatamente despois a categoría e conseguiu os mellores resultados da súa historia nas seguintes campañas.[12] No 2019 Rochela capitaneou o equipo ata a final da Copa da FA, onde se enfrontaron ao Ratchaburi Mitr Phol, e acabou levantando o trofeo, grazas a un solitario gol do canario Sergio Suárez.[13]

Ese mesmo ano o club acabou terceiro na liga e logrou clasificarse por primeira vez na súa historia para a fase previa da Liga de Campións da AFC, aínda que finalmente non conseguiu entrar na competición, ao perder co Ceres-Negros filipino. Si o conseguiu na tempada seguinte na que acabou de novo na terceira posición. O primeiro partido de Rochela co Port na competición continental foi o 24 de xuño de 2021, contra o Kitchee do coruñés Dani Cancela, encontro que rematou con vitoria por 2-0 para o club de Hong Kong.[14] Unhas semanas despois marcou o seu único gol continental, nunha histórica goleada por 1-5 sobre o poderoso Guangzhou chinés adestrado por Fabio Cannavaro.[15]

En maio de 2023 anunciou a súa retirada do fútbol, despois de oito anos no Port.[16]

Selección española editar

Foi internacional coas categorías inferiores da selección española. No 2007, e compartindo selección con David de Gea, Iago Falque ou Bojan Krkić entre outros, proclamouse campión de Europa sub-17 no torneo disputado en Bélxica, despois de derrotar na final a Inglaterra.[17]

,

Palmarés editar

Fabril
Deportivo
Buriram United
Port
Selección española

Notas editar

  1. "Tercera derrota consecutiva de un Fabril en el que se lesionó el debutante Rochela". La Voz de Galicia (en castelán). 14 de abril de 2008. Consultado o 12 de xaneiro de 2022. 
  2. Rochela: "Non esperaba subir ao primeiro equipo; é o mellor agasallo de Reis" en www.as.com
  3. Pineda, Rafael (28 de xaneiro de 2010). "El Sevilla cumple el trámite" (en castelán). Consultado o 12 de xaneiro de 2022. 
  4. Rodríguez, Rubén Darío (26 de abril de 2010). "Rochela: "Nunca pensé que iba a debutar en Primera con 20 años"". La Opinión A Coruña (en castelán). Consultado o 12 de xaneiro de 2022. 
  5. Losada, Víctor (3 de xuño de 2012). "Broche de oro para una temporada de récord" (en castelán). Consultado o 12 de xaneiro de 2022. 
  6. "Rochela se marcha cedido al Racing". Marca (en castelán). 20 de xullo de 20152. Consultado o 12 de xaneiro de 2022. 
  7. "El Racing cede a David Rochela al Hapoel Tel Aviv". www.laopinioncoruna.es (en castelán). Consultado o 2020-02-06. 
  8. "Rochela cambia el Deportivo por Tailandia". Marca (en castelán). 4 de setembro de 2013. Consultado o 12 de xaneiro de 2022. 
  9. "Shandong Taishan - Buriram United 2014". Transfermarkt (en inglés). Consultado o 12 de xaneiro de 2022. 
  10. "Defending champions Buriram United win fourth Thai Premier League title" (en inglés). 3 de novembro de 2014. Consultado o 12 de xaneiro de 2022. 
  11. "Siete españoles, en el XI histórico de europeos en Tailandia". As (en castelán). 19 de marzo de 2020. Consultado o 13 de xaneiro de 2022. 
  12. Manchón, Martín (18 de setembro de 2018). "David Rochela, Sergio Suárez y un Port para la historia". As (en castelán). Consultado o 13 de xaneiro de 2022. 
  13. Manchón, Martín (2 de novembro de 2019). "Sergio Suárez, David Rochela y un título para la eternidad" (en castelán). Consultado o 13 de xaneiro de 2022. 
  14. "David Rochela vs Dani Cancela, duelo deportivista en la Liga de Campeones asiática" (en castelán). 18 de xuño de 2021. Consultado o 13 de xaneiro de 2022. 
  15. "Group J: Port FC beat Guangzhou FC to conclude AFC Champions League challenge in style" (en inglés). 9 de xullo de 2021. Consultado o 13 de xaneiro de 2022. 
  16. "David Rochela retírase: O seu último ‘baile’". 9 de maio de 2023. Consultado o 23 de decembro de 2023. 
  17. "Campionato europeo sub-17 de 2007" (PDF). UEFA. Consultado o 13 de xaneiro de 2022. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar