David Ethève

músico francés

David Ethève, nado o 16 de setembro de 1966 en Neuilly-sur-Seine, Altos do Sena, Illa de Francia (Francia), e finado o 9 de decembro de 2016 na Coruña, foi un músico, intérprete de violonchelo e director de orquestra, un dos membros fundacionais da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG).

David Ethève
Data nacemento16 de setembro de 1966
Nado enNeuilly-sur-Seine, Altos do Sena, Illa de Francia (Francia) Francia
Falecemento9 de decembro de 2016
 A Coruña
OcupaciónViolonchelista, director de orquestra
XéneroMúsica sinfónica, Música de cámara
Instrumento(s)Violonchelo
Relacionado conOrquestra Sinfónica de Galicia
Tempo en activo1980 - 2016
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

David Ethève comezou a estudar piano aos catro anos e violonchelo aos oito. Tras conseguir os primeiros premios de violonchelo e música de cámara no Conservatorio Nacional de Boulogne-Billancourt, graduouse no Conservatorio Nacional de Música de París, onde recibiu clases de violonchelo de Maurice Gendron e Michel Strauss, e de música de cámara de Geneviève Joy e Christian Ivaldi.[1]

En 1989, foi invitado ao Banff Center of the Arts do Canadá. En 1991, grazas a unha bolsa de estudos da Fundación Franco-Americana estudou con Janos Starker na Universidade de Indiana, nos Estados Unidos.[1]

Ethéve incorporouse á Orquestra Sinfónica de Galicia no ano da súa formación, en 1992, como violoncello principal, onde permaneceu até a súa baixa definitiva por enfermidade uns meses antes da súa morte.[2][3]

Actuou en numerosas ocasións como músico de cámara nos auditorios máis prestixiosos de Francia, así como na Casa da Radio deste país, dentro dos programas "France Musique" e "France Culture". Tamén tocou nos festivais de Barcelona, no Festival Mozart da Coruña e nos ciclos de concertos do Centro Galego de Arte Contemporánea, na Universidade de Santiago de Compostela e no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.[1]

Ademais de violoncello principal da Sinfónica, Ethève fundou e foi membro de varios grupos de cámara, profesor e director, durante dous anos e medio, da Orquestra Xove da Sinfónica, da que anunciou o seu despedinento ao final dun concerto na praza de María Pita en agosto de 2010.[2][4]

En 2004 formou, co violinista Giovanni Fabris e o violista David Quiggle (que fora compañeiro seu na OSG) o Trío de corda Manuel Quiroga.[1]

Foi tamén presidente do Comité de Empresa da OSG.[2]

Ethève tamén traballou coa Joven Orquesta Nacional de España, e foi convidado, nos anos 2006 e 2007, por Alberto Zedda ao Festival Rossini de Pésaro para realizar o violoncello continuo das óperas do festival, entre outras Torvaldo e Dorliska, editada en deuvedé polo selo discográfico Dynamic de Xénova. Ademais, era un invitado habitual do ciclo de música de cámara New Performing Arts dos Estados Unidos e, como solista, destacan no seu currículo as súas actuacións coa Orquestra do Conservatorio de París, a Sinfónica de Galicia e a Sinfónica de Colombia.[4]

Paralelamente ao seu traballo como instrumentista desenvolveu unha notábel actividade de dirección de orquestra, gravado bandas sonoras de películas como Os xirasoles cegos, Manolete ou El club de los suicidas.[4]

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar