Crise dos Sudetes

A Crise dos Sudetes (en alemán Sudetenkrise) é o nome dado aos sucesos que tiveron lugar do 1 ao 10 de outubro de 1938 en relación aos "Sudetendeutsche", unha minoría étnica en Europa Central formada por alemáns que por entón vivían en determinadas zonas de Bohemia, Moravia e Silesia oriental, dentro de Checoslovaquia (hoxe na República Checa). Checoslovaquia, que formara parte durante moito tempo do Imperio Austrohúngaro até a súa desaparición tras a primeira guerra mundial, creouse a partir de Bohemia e Moravia, que eran centros industriais baixo dominio austríaco, e Eslovaquia, unha rexión agraria desenvolvida que formaba parte de Hungría.

Precedentes

editar
 
Mapa de maioría xermana en 1938 (en negro) popularmente estes territorios denomináronse Sudetenland entre 1938 e o final da segunda guerra mundial.

Desde a creación de Checoslovaquia en 1918, creouse a expresión alemá Sudeten (Os Sudetes) para designar á minoría xermanófona que habitaba Moravia e, sobre todo, a fronteira de Bohemia coa Silesia alemá e Saxonia. Dita minoría, que representaba máis do 30% da poboación total destes territorios (dunha poboación total duns 3,5 millóns de habitantes) conservaba a cultura e as tradicións alemás. Eran descendentes de colonos alemáns invitados polos reis de Bohemia a poboar a rexión a partir do século XIII.

Os primeiros conflitos cos checos xurdiron a partir da creación de Checoslovaquia.

O 1 de outubro de 1933 créase o Partido Alemán dos Sudetes, que acabou reclamando a adhesión da rexión ao Terceiro Reich. Dirixido por Konrad Henlein e o seu lugartenente Karl Hermann Frank, o partido pactou secretamente co partido nazi alemán, que acababa de chegar ao poder, a pesar de que nas súas orixes este partido non estaba vinculado á ideoloxía nazi e só recorreu a el como un recurso para desbloquear a situación con Checoslovaquia. Tras a súa vitoria electoral en 1935 (ao redor do 80% do voto alemán) reclamaron a formación dun Estado federal checo que foi rexeitado polo goberno central.

Desencadeamento da crise

editar
 
Chegada do primeiro ministro británico Neville Chamberlain a Múnic (29 de setembro de 1938 1938). Chamberlain xa accedera a desmembrar Checoslovaquia dúas semanas antes.

Hitler aumenta a presión

editar

Trala anexión de Austria en marzo de 1938, Hitler eríxese como defensor dos alemáns de Checoslovaquia desatando a crise. O Partido Alemán dos Sudetes promulga os decretos de Carlsbad o 24 de abril de 1938, nos que esixe autonomía e liberdade para profesar a ideoloxía nazi. O Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte envía a Lord Runciman para negociar un acordo co goberno checo, liderado polo presidente Edvard Beneš, que fracasou pola decisión de Hitler de ordenar a Henlein que realizase demandas imposibles de aceptar polo goberno checo.

Posturas francesa, soviética e británica

editar

Francia e a Unión Soviética apoiaron a Checoslovaquia sen moito entusiasmo, mentres que o Reino Unido tentaba mostrarse conciliadora a través dos xestos de Lord Runciman e as entrevistas do primeiro ministro Neville Chamberlain con Hitler en Berchtesgaden (16 de setembro de 1938), onde se acordou a cesión de amplos territorios fronteirizos a Alemaña.

A situación máis incómoda era a francesa, xa que este país tiña un tratado de alianza con Checoslovaquia que obrigaba a cada parte a acudir en axuda da outra en caso de ser agredida.[1] A Unión Soviética, pola súa banda, tamén tiña un tratado defensivo cos checoslovacos, pero só estaban obrigados a prestarlles auxilio se antes o facía Francia, que parecía cada vez máis reticente a cumprir coas súas obrigas.[1] Os soviéticos, con todo, declararon até o final da crise estar dispostos a ir máis aló do que estaban obrigados, e prestar apoio unilateral a Checoslovaquia, mesmo se Francia faltaba ao seu compromiso.

O día 21, Hitler engade ás súas reivindicacións territorios de Polonia (Cieszyn checoslovaco) e Hungría. En Godesberg (22-24 de setembro) volve entrevistarse con Chamberlain e reclama non só a súa anexión a Alemaña, senón a completa ocupación militar. Benito Mussolini intervén como mediador e propón unha reunión de potencias en Múnic. O mesmo día, o embaixador soviético en Praga confirma ao presidente checoslovaco, a requirimento deste, a disposición do seu país para axudar a Checoslovaquia simplemente con que esta acuda á Sociedade de Nacións para pedir amparo ante a agresión alemá, sen necesidade de esperar o veredicto da organización.[1]

A pesar de certas concesións feitas por Praga, Checoslovaquia mobilizou as súas tropas o 23 de setembro. Con todo, a pesar de contar co apoio teórico da Unión Soviética (que, estritamente, dependía da intervención francesa), e tamén cun exército moderno e preparado, así como cunhas defensas fronteirizas moi poderosas, terminou abandonando toda resistencia á invasión alemá, ante a falta de apoio das potencias occidentais.

A situación militar

editar
 
Hitler despide a Mussolini tras a conclusión do acordo con Francia e Gran Bretaña.

En setembro de 1938, Alemaña contaba con 45 divisións, sen ningunha división de reserva. Delas, só 37 podían utilizarse contra Checoslovaquia, deixando con iso o resto das fronteiras practicamente indefensas.[2] A estas forzas podíanse engadir un máximo de 4 rexementos motorizados das SS.[2] Por outra banda, as fortificacións alemás occidentais contra unha posible invasión francesa non estaban listas.[3]

Pola súa banda, Checoslovaquia contaba con 17 divisións de infantaría e 4 divisións móbiles en tempo de paz, e outras 17 divisións tras a mobilización xeral, ademais de 4 formacións do mesmo tamaño ocupando as fortificacións fronteirizas e uns 138 batallóns de persoal militarizado (gardas de fronteira, ferrocarrís, aduanas...), equiparables a outras 14-15 divisións, sumando unhas 57 divisións en total. Checoslovaquia podía mobilizar, incluíndo unicamente á primeira reserva e parte da segunda, preto de 1.250.000 homes con formación militar, fronte a uns 1.100.000 de Alemaña.[2]

A Luftwaffe dispuña duns 2.900-3.200 aparellos, pero unicamente dispuña de persoal para manter operativos uns 1.080 para cubrir todas as fronteiras.[2] Fronte a eles, Checoslovaquia contaba cuns 1.200-1.600 avións, dos que uns 520 podían estar operativos. Os pilotos checoslovacos eran considerados máis experimentados que os alemáns. Ademais, as condicións meteorolóxicas do inverno de 1938 impedisen á aviación intervir a maior parte do tempo.[2]

Os checoslovacos posuían certas vantaxes adicionais: a posición central que permitiría o traslado de tropas dunha parte a outra da fronte, a condición escarpada e boscosa da fronteira e as fortes defensas (campos minados, fortes, niños de metralladoras e abundante artillaría).[2] Pola súa banda, as existencias de municións alemás só permitían seis semanas seguidas de combates.[2]

Checoslovaquia contaba co apoio soviético fose cal fose a postura francesa (confirmado o 20 de setembro de 1938 21 de setembro de 1938 , tras a consulta checoslovaca). O día 21 ordenouse pola parte soviética a mobilización parcial en Ucraína: mobilizouse o equivalente a máis de 90 divisións, pero este feito só se comunicou aos posibles aliados o día 25, cando xa se aceptou a cesión territorial (de 1938). Romanía non tiña capacidade para impedir o paso dos avións soviéticos cara a Checoslovaquia, e mesmo declarou a Francia estar disposta a ignorar a violación do espazo aéreo se os avións voaban a suficiente altura.[3] Á súa vez, Polonia recibiu aviso de que a Unión Soviética rescindiría o pacto de non agresión de 1932 se invadía Teschen, e consideraría o ataque como unha agresión sen provocación previa.[3]

Checoslovaquia ordenou a mobilización xeral o 22 de setembro de 1938 e Francia a parcial o 24. Francia podía chegar a mobilizar unhas 70 divisións e o Reino Unido tiña previsto enviar 5 ao continente en caso necesario.[3]

O xefe do Estado Maior checoslovaco calculaba poder resistir 3 semanas o ataque alemán, e o servizo secreto francés estimaba que podía aguantar un mes. O plan alemán requiría o éxito da invasión nuns poucos días para evitar o contraataque do exército francés, que necesitaba só 4 días para a mobilización parcial e 17 para a xeral.[3]

 
Diferentes reaccións á ocupación alemá dos Sudetes. Cheb, outubro de 1938.

Ultimato alemán e cesión occidental

editar

Hitler deu un ultimato o 26 de setembro de 1938 e impuxo a súa posición nos acordos de Múnic o 30 de setembro de 1938 asinados por Hitler, Mussolini, Chamberlain e Daladier, primeiro ministro francés, prometendo Alemaña un plebiscito, que Chamberlain aceptou nun esforzo por evitar a guerra. Estes acordos indignaron a Checoslovaquia, que non fora convidada a participar neles, e á que só se lle comunicou o resultado.

Anexión alemá

editar

A ocupación alemá realizouse do 1 ao 10 de outubro de 1938, restándolle con iso preto de 30.000 km² a Checoslovaquia, sen que as outras potencias europeas reaccionasen. Tras iso, a maior parte da poboación checa foi expulsada da rexión. A finais de 1938 desaparece o Partido Alemán dos Sudetes e fusiónase co Partido Nazi Alemán. En marzo de 1939 Alemaña ocupou o resto de Checoslovaquia.

Tras a derrota sufrida por Alemaña na segunda guerra mundial, os Sudetes volveron formar parte de Checoslovaquia e a poboación de orixe alemá foi masivamente expulsada.

  1. 1,0 1,1 1,2 Cohen,Barry Mendel: "Moscow at Munich: did the Soviet Union offer unilateral aid to Czechoslovakia?", East European Quarterly, 12:3 (1978)
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Katriel Ben-Arie, "Czechoslovakia at the Time of 'Munich': The Military Situation" in [Journal of Contemporary History], Volume 25, Issue 4, October 1990, pp. 431-446
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Jukes G[eoffrey]. "The Red Army and the Munich Crisis." Journal of Contemporary History 26, no. 2 (April 1991): 195-214.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar