Chumbeira

especie de planta
Para a rede de pesca véxase artigo Chumbeira (pesca) . [1]
Para o instrumento formado por unha pedra atada a un cabo que, ao introducilo no mar, axuda a explorar o fondo polo ruído que produce véxase Chumbeiro.[2]
Chumbeira

Ilustración dunha chumbeira por Eaton en The Cactaceae
Clasificación científica
Reino: Plantae
(sen clasif.) Angiospermae
(sen clasif.): Eudicots
(sen clasif.): Core eudicots
Orde: Caryophyllales
Familia: Cactaceae
Xénero: Opuntia
Subxénero: Opuntia
Especie: ''O. ficus-indica''
Nome binomial
'Opuntia ficus-indica'
(L.) Mill.
Sinonimia[3]
  • Cactus decumanus Willd.
  • Cactus ficus-indica L.
  • Opuntia amyclaea Ten.
  • Opuntia cordobensis Speg.
  • Opuntia decumana (Willd.) Haw.
  • Opuntia gymnocarpa F. A. C. Weber
  • Opuntia hispanica Griffiths
  • Opuntia maxima Mill.
  • Opuntia megacantha Salm-Dyck
  • Opuntia paraguayensis K. Schum.

A chumbeira[4] ou figueira chumba[5] (Opuntia ficus-indica) é unha especie de cacto común en rexións semiáridas de América e naturalizada no mediterráneo. Non aparece nin se cultiva en Galiza. Tamén recibe os nomes galegos de nopal, figueira da India ou opuncia. A froita é comestíbel, recibe o nome de figo chumbo, figo do diaño ou figo indio; posúe alto contido de fibras, vitamina A e ferro.

Flor da chumbeira

Etimoloxía editar

Opuntia (de acordo con Alexander von Humboldt), era unha palabra oriúnda do Haití e absorbida pola lingua española por volta do ano 1500. É tan importante economicamente como o millo e a tequila (ágave) en México na actualidade. Como orixinan híbridos facilmente, a súa orixe é difícil de determinar mais é sabido que o consumo humano remóntase hai polo menos 9000 anos.[6] En Israel e na Palestina é moi común e ten o nome de sabra, sendo de consumo habitual. Por ser un froito áspero e duro por fóra, máis macío e doce por dentro, a palabra "sabra" xeneralizouse para designar os xudeus nacidos en Israel, en oposición aos que viñeran dos países da diáspora.[7]

Descrición editar

Cacto suculento, ramificado, de porte arbustivo, con altura entre 1,5–3 m, ramos clorofilados achatados, de coloración verde cinsenta, máis curtos (30–60 cm) que largos (6–15 cm), coa superficie que pode estar moi provista de espiñas, coma sen elas. As follas son excepcionalmente pequenas, deciduas precoces. As flores son amarelo ou laranxa brillantes, vistosas. Os froitos son amarelos avermellados, suculentos, con aproximadamente 8 cm de longo, con feixes de espiñas miudiñas. A reprodución faise por semente ou vexetativamente.

Especie invasora editar

Estudos do ADN indican que O. ficus-indica foi domesticada a partir de especies de Opuntia do centro de México. A planta espallouse por moitas partes das Américas en tempos precolombianos, e trala chegada dos europeos espallouse a moitas outras partes do mundo, especialmente pola conca mediterránea, onde se naturalizou. Este espallamento viuse favorecido polo transporte das plantas vivas nas embarcacións para evitar o escorbuto.[8] Por mor ao seu potencial colonizador e constituír unha ameaza grave para as especies autóctonas, os hábitats ou os ecosistemas, foi catalogada no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras, aprobado polo Real Decreto 1628/2011, do 14 de novembro, co nome de Opuntia maxima Miller, estando prohibida en España a súa introdución no medio natural, posesión, transporte, tráfico e comercio. Porén, en Galiza as condicións non son favorábeis para o seu desenvolvemento.

Froito editar

O seu froito coñécese como figo chumbo, figo do diaño ou figo indio (en portugués: " tabaibo, figo-da-Índia" ou " tuna". A polpa é suculenta e ten alto contido de fibras, vitamina A e ferro.[9]. Os figos chumbos son moi populares en México, Chile, noroeste da Arxentina, Perú, Sicilia, no sur de Italia, as Illas Canarias, Andalucía, Marrocos e o Levante español (dos que incluso se fai xeado).

Composición editar

Os segmentos frescos deste cacto conteñen arredor dun 90% de auga. Os froitos especificamente un 12% de azucre e 6,75% de materias nitroxenadas, ademais de ácidos orgánicos (arredor do 0,10%), cun característico colorante entre vermello e alaranxado, que ao consumilo provoca que os ouriños se tinxan desta cor.

Usos editar

 
Flor da chumbeira procedente do Parque Güell, Barcelona (Cataluña).

Culinarios editar

En México as paletas novas da planta consómense coma verdura (nopais) e o froito como tal (tuna). En Marrocos e a zona mediterránea onde se cultivan son moi apreciados e aprovéitanse tanto o froito (figo chumbo) coma o cacto en si, este último para forraxe. Apañar os figos ten o seu aquel para evitar as espiñas que defenden o froito dos depredadores. As espiñas poden ser arrastradas polo vento polo que cómpre apañalo de costas a este, e unha vez apañado (cuns tenaces ou trebello caseiro) bótase no chan e se varre cun cepillo ou vasoira para tirar os peliños; despois ponse baixo un chorro de auga, e finalmente se consome fresco coma froita tirando a pela. Tamén é común o consumo en zume, marmelada, licores, ou os toros cubertos de azucre para xerar un xarope doce despois de deixalo repousar unha horas. Na área central de Sicilia, provincia de Enna, na aldea de Gagliano Castelferrato, elabórase co figo chumbo o licor Ficodi, tanto para uso medicinal coma aperitivo. En gran parte da Arxentina coas tunas faise un doce chamado arrope.

Medicinais editar

En medicina natural, os froitos son considerados adstrinxentes, e, as pas frescas, quecidas no forno, empréganse coma emolientes, colocados en forma de cataplasma sobre a zona afectada.[10] A froita, en todas as súas variedades (branca, rubia ou alaranxada) ten propiedades nutricionais: contén vitaminas, tales como tiamina, niacina e riboflavina, ademais de minerais esenciais, coma calcio, fósforo, potasio, ferro, selenio, cobre, cinc, sodio e magnesio.

Outros usos editar

 
A chumbeira aparece no escudo de México.

Ademais utilízase na industria dos cosméticos, densificante e adherentes caseiros

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Gran dicionario Xerais da lingua galega. Vigo, Xerais, 2009
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para chumbeiro.
  3. "Opuntia ficus-indica (L.) Mill.". USDA GRIN. 
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para chumbeira.
  5. Nomes vulgares galegos preferidos pola Real Academia Galega- Gran dicionario Xerais da lingua galega Vigo, Xerais, 2009; Dicionario da Real Academia Galega A Coruña, RAG, 2012
  6. Griffith, 2004
  7. "Morasha" (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 18 de xullo de 2012. 
  8. Griffith, M. P. (2004). "The Origins of an Important Cactus Crop, Opuntia ficus-indica (Cactaceae): New Molecular Evidence" (pdf). American Journal of Botany 91 (11): 1915–1921. 
  9. "Cactus é rico em proteína, nutriente raro entre os vegetais". Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2013. Consultado o 08 de novembro de 2013. 
  10. Font Quer P. Plantas medicinales, el Dioscórides renovado, Editorial Labor, S.A., Barcelona, 1980, p. 162

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Anderson, E. F. 2001. The cactus family. Timber Press, Portland, Oregon, USA.
  • Barclay, L. 2004 Herb Helps Alcohol Hangover. Medscape Medical news
  • Benson, L. H. 1982. The cacti of the United States and Canada. Stanford University Press, Stanford, California, USA.
  • Donkin, R. 1977. Spanish red: an ethnogeographical study of cochineal and the Opuntia cactus. Transactions of the American Philosophical Society 67: 1–77.
  • Griffith, M. P. 2004. The origins of an important cactus crop, Opuntia ficus-indica (Cactaceae): New molecular evidence Arquivado 21 de xuño de 2010 en Wayback Machine.. American Journal of Botany 91: 1915-1921.
  • Kiesling, R. 1998. Origen, domesticación y distribución de Opuntia ficus-indica. Journal of the Professional Association for Cactus Development 3. Available online.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar