Chlamyphorus truncatus

Chlamyphorus truncatus, coñecido vulgarmente na literatura internacional como pichiciego menor ou pichiciego pampeano, é unha especie de mamífero placentario da orde dos cingulados, familia dos dasipódidos e subfamilia dos eufractinos,[2] a única incluída no xénero Chlamyphorus.[3]

Chlamyphorus truncatus
Pichiciego menor,
pichiciego pampeano
Estado de conservación
Datos insuficientes[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Placentalia
Orde: Cingulata
Familia: Dasypodidae
Subfamilia: Euphractinae
Xénero: Chlamyphorus
Harlan, 1825
Especie: C. truncatus
Nome binomial
C. truncatus
Harlan, 1825
Distribución de Chlamyphorus truncatus
Distribución de Chlamyphorus truncatus

Distribución de Chlamyphorus truncatus

Características físicas e comportamento editar

 
Chlamyphorus truncatus naturalizado.

É o máis pequeno dos armadillos. Mide tan só de 12 a 15 cm de lonxitude, excluíndo a cola, que ten forma de espátula e mide de 2 a 3 cm; o seu peso rolda os 120 g.

Os seus ollos son moi pequenos, e non ten pavillón auditivo externo.

A coiraza, de cor rosada pálida, está formada por de 23 a 25 filas de placas óeas cubertas por unha capa córnea. A rexión ventral está cuberta por longos pelos brancos (ten así mesmo algúns pelos na armadura).

As catro patas rematan en cinco dedos equipados con garras.

É un animal nocturno. Escava os seus tobos na terra, xeralmente cerca de formigueiros. Cando se sente ameazado, escava na terra a gran velocidade até enterrarse por completo.

Nutrición editar

Aliméntase principalmente de formigas e das súas larvas, e ás veces tamén doutros insectos (e as súas larvas), de vermes, caracois, algunhas plantas e raíces.

Hábitat e distribución editar

É un animal endémico da Arxentina, onde habita na rexión central, en zonas de pastos duros e chairas areosas con arbustos e cactos. Está presente no sur da provincia de Buenos Aires e nas de Catamarca, Córdoba, La Pampa, A Rioxa, Mendoza, Neuquén, Río Negro, San Juan e San Luis. Pode aparecer desde o nivel do mar até os 1.500 m de altitude.[1]

Taxonomía editar

 
Parella de C. truncatus nunha lámina antiga.
 
Pichiciego menor, nunha lámina de Josefina Wolf, ilustradora arxentina nada en 1975.

Descricións editar

Tanto o xénero como a especie foron descritos en 1825 polo médico, zoólogo e paleontólogo estadounidense Richard Harlan, en Ann. Lyc. Nat. Hist., 1: 235.[3][4]

Sinonimia editar

Xénero

Ao longo do tempo, o xénero coñeceuse tamén, ademais de polo nome cuñado por Harlan, e actualmente válido polos seguintes sinónimos:[3]

  • Chlamydophorus Wagler, 1830
  • Chlamiphorus Contreras, 1973
  • Chlamydephorus Lenz, 1831
  • Chlamydiphorus Bonaparte, 1831
Especie

Pola súa parte, a especie tamén se coñece polos sinónimos seguintes:[4]

  • Chlamyphorus minor (Lahille, 1895)
  • Chlamyphorus ornatus (Lahille, 1895)
  • Chlamyphorus patquiensis Yepes, 1931
  • Chlamyphorus typicus (Lahille, 1895)

Etimoloxías editar

 
Nesta foto vese ben a clámide truncada.

O nome científico do xénero, Chlamyphorus, está formado polos elementos do latín científico chlamy-, tirado do latín clásico chlamys, -ydis, "clámide" (certa capa grega, capa ou manto sen mangas, especialmente dos guerreiros das cabalarías), que á súa vez deriva do grego antigo χλαμύς chlamýs (co mesmo significado), e -phorus, calco da grega -φορος -phoros, que significa "portador", "o que leva", derivada do verbo φορέω phorĕō, "levar dun lado a outro", "transportar·, "levar sobre si", "usar", "gastar".
O específico, truncatus, "truncado", é o participio do verbo truncare, "truncar", "cortar pola punta", "amputar", "mutilar".
Polo tanto o nome da especie significa, literalmente, "o que leva a clámide truncada" (aludindo á coiraza cortada na súa parte posterior).

En canto ao nome vulgar do castelán da Arxentina, pichiciego, empregado na literatura internacional, deriva do mapuche ou araucano pichi, "pequeno", e o castelán ciego, "cego".

Estado de conservación editar

Desde 1970 o pichiciego menor está na lista de especies en risco de extinción. A causa principal é a destrución do seu hábitat polo avance dos cultivos. Por esta razón, e polos seus hábitos nocturnos, estes animais son raros de ver. Non hai esforzos serios por preservar a especie.

Desde 2008, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) cualifica o status desta especie como DD (datos insuficientes) porque hai pouca información sobre o estado da súa poboación, e a súa bioloxía e ecoloxía son pouco coñecidas. En toda a súa área de dispersión estase a producir unha importante degradación do seu hábitat, especialmente debido á explotación do gando (especialmente o caprino, aínda que o efecto real sobre a poboación deste armadillo non se coñece ben.[1]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Superina, M.; Abba, A. M. & Roig, V. G. (2014): Chlamyphorus truncatus na Lista vermella da UICN. Versión 2015-4. Consultada o 25.001-2016.
  2. Euphractinae en MSW.
  3. 3,0 3,1 3,2 Chlamyphorus en MSW.
  4. 4,0 4,1 Chlamyphorus truncatus en MSW.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • McKenna, Malcolm C. & Bell, Susan K. (1997): Classification of Mammals Above the Species Level. Nova York: Columbia University Press. ISBN 0-231-11013-8.
  • Nowak, Ronald M. (1999): Walker's Mammals of the World. 6ª ed. Baltimore, Maryland, EE. UU.: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-5789-8.
  • VV. AA. (1968): "Dasipódios" en Enciclopedia Salvat de las ciencias. Tomo 6. Animales vertebrados. Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, pp. 86–88.
  • Wilson, D. E. & Reeder, D. M., eds. (2005): Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference, 3rd ed. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-0.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar