Benigno Fraga Pita
Benigno Fraga Pita, coñecido como Alejandro, nado nas Somozas en 1892 e finado en Chandrexa de Queixa o 28 de abril de 1949, foi un guerrilleiro antifranquista galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1892 As Somozas, España |
Morte | 28 de abril de 1949 (56/57 anos) O Candedo, España |
Causa da morte | morte en combate, ferida por arma de fogo |
Lugar de sepultura | Ferrol (2021–) Celeiros (1949–2021) |
Outros nomes | Alejandro |
Actividade | |
Ocupación | maquis, armeiro |
Partido político | Partido Comunista de España |
Membro de | |
Carreira militar | |
Conflito | guerra civil española |
Traxectoria
editarAfiliado ao Partido Comunista de Cuba, país do que foi expulsado pola ditadura de Gerardo Machado. Traballou como mestre armeiro nos arsenais ferroláns. Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido, pasando algún tempo no cárcere. Depurado, foi expulsado do seu traballo no Arsenal véndose na necesidade de traballar como mosaísta.
En 1946 era membro do Comité provincial coruñés do Partido Comunista de España, exerceu de secretario de Organización en Ferrol, pero viuse forzado a fuxir ao monte ao ser descuberta pola policía a súa pertenza ao PCE logo da detención de Alejandro Gama Casalderrey. Ao incorporarse á guerrilla foi enviado a Ourense en agosto de 1946, como delegado do PCE para crear a II Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia e reorganizar a loita contra o Réxime franquista, acompañado por Samuel Mayo Méndez (coñecido como "Saúl das Olas", "Pelayo" e "Raúl") e José María Saavedra Díaz (coñecido por "Pepe"). Benigno permaneceu en Ourense desempeñando o cargo de comisario político da recentemente creada II Agrupación. Foi reclamado polo xuíz militar da Coruña en setembro de 1948 encartado na causa 36/46 xunto con Diego Romero Jiménez, Segundo Vilaboy Martínez, Carlos Allegue Caruncho, Antonio Tenreiro Leira, Adolfo Allegue Allegue e Jesús Calvo García.[1]
O 28 de abril de 1949 caeu baixo as balas das forzas da Garda Civil no Candedo (Chandrexa de Queixa). Foi soterrado no cemiterio de Celeiros.
Os seus restos foron recuperados pola ARMH e soterrados en Ferrol o 12 de novembro de 2021.[2]
Vida persoal
editarCasou con Ramona López Guerreiro e foi pai de Beatriz e Conrado Fraga López.
Notas
editarVéxase tamén
editarBibliografía
editar- Domínguez González, José (2016). A Edreira, el último bastión de la resistencia en Ourense (18 en el balneario). Círculo Rojo. pp. 155–162. ISBN 978-84-9126-680-8.
- Lamela García, Luis (2003). "Aspectos desconocidos de la guerrilla del Llano" (PDF). Anuario Brigantino (26): 281–294. Consultado o 30 de agosto de 2012.