Alejandro Gama Casalderrey
Alejandro Gama Casalderrey, nado en Lérez (Pontevedra) en 1899 e finado na mesma cidade a finais do século XX,[1] foi un loitador antifascista contra a ditadura franquista.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1899 Lérez, España |
Morte | século XX Pontevedra, España |
Actividade | |
Ocupación | maquis |
Carreira militar | |
Conflito | guerra civil española |
Familia | |
Irmáns | Manuel Gama Casalderrey Faustino Gama Casalderrey |
Traxectoria
editarFillo de Faustino Gama. Foi vicepresidente da sociedade deportiva Alfonso XIII FC en 1928.[2] Membro do Socorro Vermello Internacional, presidiu un acto de propaganda no local do Centro Obreiro de Pontevedra en setembro de 1932,[3] participou nos mitins contra a guerra da Casa do Pobo en marzo[4] e do centro obreiro en abril de 1933,[5] e foi un dos oradores no acto do 1 de maio de 1934.[6] Coa folga xeral revolucionaria de 1932 foi reclamado polo xuíz militar de Pontevedra a principios de novembro.[7] Participou como orador en representación do PCE nos mitins da Fronte Popular na campaña das eleccións de 1936. Residía en Lérez en 1936, onde era viaxante de comercio. Durante os días previos á sublevación militar en Pontevedra, co seu irmán Faustino foi designado como compoñentes das milicias antifascistas baixo as ordes de Jacobo Zbarsky co obxectivo de defender o Goberno Civil de Pontevedra dos ataques dos militares sublevados. Cando a cidade caeu en mans dos militares rebeldes, foi acusado de pertencer a unha suposta Tcheka. Como consecuencia o seu irmán Faustino Gama foi fusilado en Pontevedra o 29 de decembro de 1936.
Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fuxiu do seu domicilio, permanecendo escondido durante varios anos. En outubro de 1938 as autoridades sublevadas interesaban a súa busca e captura acusándoo de actividades contrarias ao Réxime e de estar fuxido. Permaneceron fuxidos polos montes de Lérez e proximidades, sendo axudados por veciños desa parroquia, que lles levaban comida e novas dos movementos da Garda Cívica. Máis tarde, tanto el como Manuel Calvo, refúxianse noutros agochos habilitados na casa familiar nos que, en condicións precarias, resistrion. Entregouse ás autoridades militares de Pontevedra o 3 de decembro de 1945. Foi condenado a 20 anos de prisión, condena conmutada a tres anos, acolléndose aos beneficios do indulto promulgado en outubro dese ano; máis tarde foi indultado.
Despois da súa presentación voluntaria ás autoridades, permaneceu lonxe da actividade política para recuperar canto antes a saúde, pois padecía unha tuberculose pulmonar a consecuencia dos sufrimentos padecidos durante o tempo en que estivo agochado. Pero ante a presión da depuración e as dificultades para refacer unha vida normal, cos corpos represores continuamente molestándoo e presionándoo, estableceu contacto en 1946 cun antigo correlixionario chamado Miguel, sendo invitado a formar parte da organización clandestina do Partido Comunista de España. Para a misión encomendada, Miguel recomendoulle trasladarse á Coruña, xa que en Pontevedra, por ser moi coñecido, era imposíbel que realizase ningunha misión.
O obxectivo era reorganizar a estrutura comunista na zona. Contou coa axuda de Emilio Villar Villar, mecánico, con militancia socialista en tempos da República, directivo das JSU, membro do comité do Socorro Vermello Internacional e compañeiro de Gama na directiva da Federación Cultural Deportiva Obrera de España; Rogelio González Suárez, de Salcedo, antigo dirixente do sindicato de carpinteiros e vicepresidente da Federación Obrera en 1936; e Antonio Vidal Vilas, militante socialista de Vilaboa desterrado na Coruña.
Foi detido pola policía xunto con outros compañeiros en xaneiro de 1947, uns días antes dun partido de fútbol internacional en Riazor, para o que tiñan preparada unha acción de lanzamento de panfletos contra o réxime. Sucédese unha caída en cadea de militantes da organización.
Sufriu torturas e caeu polas escaleiras da comisaría na madrugada do 24, a versión oficial dicía que fora un intento de suicidio e outras fontes afirman que o tiraron. Xulgado na causa 36/47 o 30 de xullo de 1947,[8] o fiscal pediu a pena de morte para Gama e outros acusados, sendo condenado a trinta anos de reclusión, cumprindo máis de 13 anos na Prisión Central de Burgos. Cando acadou a liberdade marchou para o estranxeiro. Retornou a Pontevedra e montou un posto de ultramarinos na praza de Pontevedra coa súa irmá Custodia. Vixiado, cando Franco ía pescar a Pontevedra detíñano. Morreu despois da fin da ditadura, pero non deixaron entrar os seus restos pola porta dianteira do cemiterio. Foi soterrado xunto a outros represaliados, e por decisión propia a súa tumba non ten ningunha placa.[1]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 "Adelina Gama Casalderrey" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de maio de 2020. Consultado o 13 de abril de 2020.
- ↑ El Progreso, 12-1-1928, p. 3.
- ↑ La Voz de Galicia, 18-9-1932, p. 6.
- ↑ La Voz de Galicia, 17-3-1933, p. 6.
- ↑ La Voz de Galicia, 12-4-1933, p. 9.
- ↑ La Voz de Galicia, 3-5-1934, p. 9.
- ↑ El Pueblo Gallego, 8-11-1934, 10.
- ↑ La Voz de Galicia, 31-7-1947, p. 4.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Lamela García, Luis (2003). "Aspectos desconocidos de la guerrilla del Llano" (PDF). Anuario Brigantino (26): 281–294. Consultado o 30 de agosto de 2012.