Beatrice di Tenda
Beatrice di Tenda é unha ópera seria con música de Vincenzo Bellini e libreto en italiano de Felice Romani baseado na novela homónima de Carlo Tedaldi Fores. Foi a penúltima ópera composta por Bellini, entre Norma (1831) e I puritani (1835). A estrea tivo lugar no Gran Teatro La Fenice de Venecia o 16 de marzo de 1833. Beatrice di Tenda foi a única das óperas de Bellini publicada completa en vida do compositor.
Beatrice di Tenda | |
---|---|
Forma | Ópera seria |
Actos e escenas | 2 actos |
Idioma orixinal do libreto | Italiano |
Libretista | Felice Romani |
Fontes literarias | Carlo Tedaldi Fores: Beatrice Tenda (1825) |
Estrea | 16 de marzo de 1833 |
Teatro da estrea | La Fenice |
Lugar da estrea | Venecia |
Música | |
Compositor | Vincenzo Bellini |
Personaxes | |
Historia
editarA penúltima ópera de Bellini tivo unha xénese conflitiva, xa que o compositor elixiu o tema en discusións con Giuditta Pasta logo de veren xuntos o ballet en Milán, en contra do mellor criterio de Romani e a pesar das similitudes coa ópera Anna Bolena de Donizetti. A composición foi problemática, fíxose en moi pouco tempo entre xaneiro e marzo de 1833, ata o punto de que o finale non se rematou a tempo para a estrea polo atraso co que Romani entregou a segunda parte do libreto, polo que a aria final de Beatrice foi tomada de Bianca e Fernando, negándose o compositor a completar o duetto entre Beatrice e Agnese. Os bosquexos orixinais de Bellini deste duetto foron realizados por Vittorio Gui para unha serie de reposicións a finais dos anos 1960. O descontento de Romani co tema, e a exasperación con Bellini, obrigárono a inserir unha desculpa no libreto impreso, o que conduciu a unha disputa co compositor e o punto e final á súa frutífera relación profesional. Posteriormente, tras I puritani (feita en colaboración con Carlo Pepoli), Bellini recuperou o contacto con Romani, mais o proxecto dunha nova colaboración viuse truncado pola repentina morte do compositor.
Bellini sentiu que contrarrestara o horror da historia coa súa fermosa música e que Beatrice "non era indigna das súas irmás".
A súa estrea tivo lugar o 16 de marzo de 1833 no Gran Teatro La Fenice de Venecia con Giuditta Pasta no papel principal. A estrea non tivo moito éxito malia ser a mellor actuación de Pasta no papel titular, que superou a hostilidade do público cara a obra. Nos anos seguintes, a ópera foi quen de impoñerse, entrando no repertorio dos teatros italianos, mais pouco a pouco as súas representacións foron diminuíndo, entre outras razóns polo gusto cambiante do público, ata que a principios do século XX era unha ópera practicamente esquecida (hai noticias dunha representación en Catania en 1935 con Giannina Arangi-Lombardi no papel principal).
A ópera foi redescuberta en 1961 pola American Opera Society con Joan Sutherland, Enzo Sordello, Marilyn Horne e Richard Cassilly baixo a batuta de Nicola Rescigno, e ese mesmo ano representouse no Teatro alla Scala de Milán con Sutherland e Raina Kabaivanska, e a dirección de Antonino Votto. Dende aquela o papel principal foi interpretado por boa parte das grandes sopranos, entre as que cómpre salientar a Leyla Gencer, Mirella Freni, June Anderson, Edita Gruberová e Mariella Devia.
Esta ópera represéntase moi pouco na actualidade, aparecendo nas estatísticas de Operabase no posto 707 das óperas máis representadas, ocupando o posto 153 en Italia e sendo a 4ª ópera máis representada do compositor.[1]
Perxonaxes
editarPersonaxe[2] | Tesitura | Elenco na estrea, 16 de marzo de 1833 (Director: - ) |
---|---|---|
Beatrice di Tenda, dona de Filippo | soprano | Giuditta Pasta |
Filippo Maria Visconti, Duque de Milán | barítono | Orazio Cartegenova |
Agnese del Maino, namorada de Orombello | mezzosoprano | Anna del Serre |
Orombello, señor de Ventimiglia | tenor | Alberico Curioni |
Anichino, amigo leal de Orombello | tenor | Alessandro Giacchini |
Rizzardo del Maino, irmán de Agnese | tenor |
Argumento
editarA ópera narra un episodio da vida de Beatrice Lascaris, viúva de Facino Cane, casada en segundas nupcias con Filippo Maria Visconti, no Milán del século XV. Filippo cansara da súa dona Beatrice; ela lamenta o seu impetuoso matrimonio con el logo da morte do seu primeiro home, un matrimonio que a someteu a ela e o seu pobo ao poder tiránico do duque.
Acto I
editarFilippo acode a un baile no castelo Binasco (Italia), ensombrecido como é habitual polo sinistro Rizzardo. Está cansado de todo o mundo que rende obediencia á súa dona. Os seus cortesáns dinlle canto simpatizan con el, e suxiren que os serventes de Beatrice están a conspirar contra el.
Óese unha fermosa música de arpa. Agnese, o actual obxecto de desexo de Filippo, canta na distancia que a vida está baleira sen amor. Filippo faise eco dos seus pensamentos e afirma canto a ama; ela non ten igual. Os seus cortesáns simpatizan con el novamente e anímano a aproveitar o momento. Agnese desaparece e marchan todos. Logo reaparece Agnese, desta volta cantando por Orombello. Misteriosamente, ela desexa que o seu corazón o guíe ata os seus brazos e o obxecto do seu desexo aparece. Orombello di que el non sabe onde está ou por que está alí. Reconfortado por Agnese, comeza a relaxarse e está conforme en que el está profundamente namorado e, cando lle preguntan por unha carta, móstralle a ela a que el porta. A carta á que se refire é unha das moitas que el ten escrito a Beatrice e non a que Agnese lle enviou.
Beatrice entra nun dos seus lugares secretos coas súas damas. É feliz, mais axiña perde a súa serenidade e láiase pola equivocación de casar co duque Filippo. Cando todos van marchar, Filippo veos ao lonxe e, crendo que ela o está eludindo, esixe que volva. Os dous acúsanse e rifan entre eles, con Filippo presentando algúns papeis roubados do apartamento de Beatrice.
Noutra escena, os soldados de Filippo discuten sobre o seu silencio. Beatrice entra levando un retrato do seu amado esposo defunto, Facino. Ela laméntase de que todos a abandonaron cando entra Orombello afirmando que el non o fixo. Acaloradamente, fálalle dos seus plans de reunir tropas e axudar a liberala. Ela dille que non é moi experto en asuntos de seguridade. Asombrado, Orombello protesta o seu amor e, mesmo cando llo rogan, non deixará a súa presenza; en lugar diso, axeónllase fronte a ela, momento no que Agnese e Filippo entran e os acusan de teren un idilio. Todo o mundo únese agora con acusación, contraacusación, ataque e defensa. Filippo fai que arresten a parella para xulgalos por adulterio.
Acto II
editarOs cortesáns coñecen a terrible tortura que lle foi aplicada a Orombello. Logo, a corte é reunida e Filippo presenta o caso para a acusación. Traen a Beatrice a rastro, e ela protesta porque o tribunal carece de xurisdición. Logo levan a Orombello e, tras buscar desesperadamente o perdón de Beatrice, proclama a súa inocencia. Beatrice recupera a súa vontade de vivir e algo na súa fala conmove o corazón de Filippo. Anuncia que a sentenza debe demorarse. O tribunal indica que a tortura debe continuar ata que se diga a verdade. Novamente Filippo cambia de idea e, apoiando a decisión do tribunal, considera que é precisa máis tortura. O tribunal disólvese.
Filippo e Agnese, cheos de remordementos, quedan a soas e Agnese, percatándose de que as cousas foron máis lonxe do que ela esperaba, roga a Filippo que retire os cargos; mais Filippo, non desexando parecer feble, rexeita a idea.
Filippo agora pasa por diversos tormentos e está obviamente namorado aínda de Beatrice. Xusto cando decidira retirar os cargos, chegan os homes que aínda son leais ao defunto condotiero Facino para invadir o castelo. Como resultado, Filippo asina a sentenza de morte e tenta xustificarse ante o pobo culpando a Beatrice.
Características xerais
editarBeatrice di Tenda é a única ópera histórica do catálogo de Bellini. Con ela posiblemente tentou rivalizar co seu rival Donizetti no xénero que lle reportara grande éxito con óperas como Anna Bolena ou Maria Stuarda. Porén, as intrigas da corte non inspiraron moito ao compositor, que fora quen de dar forma perfecta coa música sublime de Norma e que semella incómodo ao retratar a figura sinistra do duque Filippo.
Porén, a ópera contén páxinas interesantes, que denotan o inicio da busca que dous anos máis tarde o levou a repensar a forma convencional da ópera italiana en I puritani. Particularmente exitosos foron os dous grandes ensembles, ao final do primeiro acto e á metade do segundo, nos que a forma canónica se prolonga, combinando cun dinamismo dramático que adianta o teatro verdiano.
Beatrice di Tenda é unha desas heroínas románticas que, por razóns sentimentais ou políticas, sofren un castigo inxusto. A súa pureza de ánimo é exaltada polo perdón final e a súa tráxica aventura non remata en tolemia senón na conciencia e aceptación do seu propio destino.
O coro ten un papel mesmo máis importante que nas óperas anteriores de Bellini, non só comentando a acción, senón aconsellando e consolando aos protagonistas, na verdadeira tradición da traxedia grega.
Arias célebres
editar- Ah! non pensar che pieno, romanza de Agnese (acto I)
- Qui di ribelli sudditi, duetto de Filippo e Beatrice (acto I)
- Ah, se m'amasti un giorno, arioso de Beatrice (acto I)
- Al tuo fallo ammenda festi, concertato (acto II)
- Angiol di pace all'anima, terzetto de Orombello, Beatrice e Agnese (acto II)
- Ah! se un'urna è a me concessa, aria de Beatrice (acto II)
Gravacións
editarNotas
editar- ↑ "Estatísticas de Operabase". Arquivado dende o orixinal o 19 de maio de 2012. Consultado o 05 de novembro de 2012.
- ↑ Osborne, p.?
- ↑ Gravacións de Beatrice di Tenda en operadis-opera-discography.org.uk
Véxase tamén
editarA Galipedia ten un portal sobre: Ópera |
Bibliografía
editar- Nicholas Kenyon, Amanda Holden (1993). Viking, ed. The Viking Opera Guide (en inglés). pp. 1305. ISBN 0-670-81292-7.
- Osborne, Charles (1994). Amadeus Press, ed. The Bel Canto Operas of Rossini, Donizetti, and Bellini (en inglés). Portland, Oregon. ISBN 0-931340-71-3.
- Holden, Amanda (2001). Penguin Putnam, ed. The New Penguin Opera Guide (en inglés). Nova York. ISBN 0-14-029312-4.