Asemblea Federal da Rexión Galega

asemblea federalista galega

A Asemblea Federal da Rexión Galega foi un cumio formado por representantes do Partido Republicano Democrático Federal para ratificar o Proxecto de Constitución para o futuro Estado Galego, elaborado catro anos antes. A asemblea tivo lugar entre o 2 e o 7 de xullo de 1887 na Escola Normal de Lugo.[1]

Asemblea Federal da Rexión Galega
Tipocongreso
PaísGalicia
editar datos en Wikidata ]

Antecedentes editar

O federalismo, liderado por Pi i Margall, fora a corrente maioritaria do republicanismo español durante o Sexenio Democrático. Con todo, a inestabilidade da I República (1873-1874), en boa parte provocada polas consecuencias da rebelión cantonal, lastrou a implantación do novo réxime e acabaron por abocalo ao fracaso. A I República foi seguida na Restauración borbónica, onde o parlamentarismo foi notablemente alterado polos mecanismos de fraude electoral. Dentro do propio republicanismo, o predominio federal semellaba dar paso a unha nova etapa na que o pensamento de Castelar, unitario, se impuña. Foi así, na década de 1880 o Partido Republicano Federal comezara unha tarefa de reconstrución. Apoiados no pensamento de Pi i Margall, que en 1877 publicara a obra na que sistematizou o seu pensamento, Las Nacionalidades, en xuño de 1883, os federalistas reunidos na Asemblea de Zaragoza elaboraron un proxecto de constitución para unha hipotética federación española no futuro.[2]

Nos meses previos varios grupos republicanos de distintas partes de España elaboraran unhas constitucións para os seus territorios, entre eles o Comité Executivo galego. En decembro de 1886, os federalistas galegos nunha asemblea na Coruña formaron unha comisión para que preparase un informe sobre o proxecto de Constitución do futuro Estado Galego, para que esta Asemblea valorase a ratificación dese proxecto en 1887.

Participantes editar

Participan no encontro os seguintes representantes:[1]

 
Proyecto de Constitución para el futuro estado gallego … definitivamente discutido, votado y sancionado por la Asamblea Federal del territorio.
  • O presidente, representante por Ribadeo, Segundo Moreno Barcia.[3]
  • O vicepresidente, representante por Lugo, Manuel Mosquera Lequerica.
  • O secretario, representante por Viana, José Núñez e Núñez.
  • O secretario, representante por Ribadeo, Manuel Castro López.
  • Os representantes por Becerreá, José Soto e Torre, Juan María Muñoz.
  • Os representantes por Betanzos, José Porto García, Germán Lenzano Monfortín.
  • O representante por Cambados, Braulio Montojo.
  • O representante por Corcubión, Federico Tapia Segade.
  • O representante pola Coruña, Gonzalo Pita da Veiga.
  • O representante por Lugo, Bernardo Abuín e Sal.
  • O representante por Mondoñedo, Manuel Leiras Pulpeiro.
  • O representante por Monforte, Manuel Díaz Losada.
  • Os representantes por Quiroga, Francisco Rebollo Bande, José Rodríguez González.
  • Os representantes por Santiago, Faustino de Orantes e Magallón, Policarpo Nava.
  • Os representantes por Tui, Juan Domínguez Troncoso, Luis Reboredo.
  • Os representantes por Valdeorras, Modesto Moirón, José Fernández Carballo.
  • O representante por Vigo, Joaquín Rey Calvo.
  • O representante por Vilalba, Marcelino Losada Varela.
  • O representante pola prensa federal, Aureliano J.  Pereira.

Debates editar

As sesións transcorreron entre o 2 e o 7 de xullo. Nelas, os representantes, discutiron os diversos capítulos propostos na redacción do Proxecto de Constitución para o futuro Estado Galego de 1883. Unha das cuestións máis polémicas foi o sufraxio feminino que se recoñecía no artigo 23º para as mulleres que contasen con estudos académicos. M. Moyrón, secundado por Domínguez Troncoso, representante de Tui, manifestouse contra a redacción do artigo por diferenciar entre as mulleres alfabetizadas, que poderían votar, e as que non, pois "a conveniencia aconsellaba negárllelo a unhas e a outras" reparando na súa argumentación na falta de precedentes no mundo e en que a Constitución de Zaragoza (a proposta polos republicanos federalistas en 1883) nada establecía sobre o asunto.[1] Pola contra, Aureliano Pereira defendeu a redacción do artigo. Finalmente votaron a favor do voto feminino dezanove representantes, fronte tres en contra e tres abstencións. Leiras Pulpeiro, expresara reparos aínda que se sumou o voto maioritario, rogando que a aplicación do voto da muller chegase tras catro anos de República federal para que "ela puidera apreciar as excelencias" do novo sistema.[1] Os aspectos que máis consensos espertaron foron aqueles referidos os dereitos e liberdades individuais así como as garantías dos mesmos.

Pi i Margall, líder do federalismo, enviou un telegrama que foi recibido e lido na sesión do 6 de xullo: "Galicia quixo xa durante a guerra con Francia establecer o sistema federal. Práceme vela agora ocupada en discutir a súa futura Constitución. Polo unitarismo van perdendo todas as rexións a súa iniciativa, a súa personalidade e a súa vida: só pola federación cabe salvalas, traballaremos todos por realizar esta última esperanza dos pobos. Saúde á Asemblea Federal Galega".

A diferenza das sesións dos días previos, a do día 7 de xullo foi a porta pechada. Nela aprobaron a coalición entre o Partido Republicano Democrático Federal e o Partido Republicano Progresista de Ruíz Zorrilla e renovouse o Comité Executivo quedando integrado por Segundo Moreno, Manuel Mosquera Lequerica, Braulio Montojo, Manuel Leiras Pulpeiro e José Núñez y Núñez. Ademais, os asistentes decidiron custear da súa conta unha tiraxe de 2 000 exemplares do Proyecto de Constitución para el futuro estado gallego que foi impreso na Imprenta José Míguez Peinó y Hermano nese ano. A edición ademais do articulado inclúe as actas das sesións.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Asamblea Federal de la Región Gallega (1887). Proyecto de Constitución para el futuro estado gallego. La Coruña: [s.n.] 
  2. Máiz, Ramón. "Estudio Introductorio". Las Nacionalidades. Akal. ISBN 978-84-460-3096-6. 
  3. Villares, Ramón (2016-03-15). Historia de Galicia (en castelán). Editorial Galaxia. ISBN 978-84-9865-555-1. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazón externa editar