Antonio Barrios Seoane, nado en Getxo o 21 de maio de 1910 e finado en Donostia o 19 de agosto de 2002, foi un futbolista e adestrador español. Como xogador militou no Arenas de Getxo, co que xogou dúas tempadas na Primeira División, no Racing de Ferrol e no Valladolid.

Barrios
Información persoal
Nome Antonio Barrios Seoane
Nacemento 21 de maio de 1910
Lugar de nacemento Getxo
Falecemento 19 de agosto de 2002
Lugar de falecemento Donostia
Posición Dianteiro
Carreira xuvenil
Zugartzarte
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1932–1934 Arenas de Getxo 20 (5)
1932–1933 Racing de Ferrol 14 (1)
1934–1944 Valladolid 99 (12)
Adestrador
1945–1948 Valladolid
1949–1950 Valladolid
1950–1951 Racing de Santander
1951–1952 Málaga
1952–1954 Athletic de Bilbao
1954–1955 Atlético Tetuán
1955–1957 Atlético de Madrid
1957–1959 Betis
1959–1960 Espanyol
1960–1961 Elche
1961–1963 Sevilla
1961 España B
1963–1964 Real Sociedad
1964–1965 Athletic de Bilbao
1965 Valladolid
1967 Betis
1967–1968 Sevilla
1968 Valladolid
1969–1971 Betis
1972–1973 Recreativo de Huelva
1973–1974 Osasuna
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Destacou especialmente como adestrador, dirixindo a numerosos equipos. Adestrou 25 tempadas entre a Primeira e a Segunda División, cifra só superada por Roque Olsen (31) e Luis Aragonés (26). Disputou tres finais da Copa do Xeneralísimo con tres equipos diferentes (Athletic, Atlético de Madrid e Sevilla) e conseguiu cinco ascensos á Primeira División, tres deles co Betis.

Traxectoria

editar

Como futbolista

editar

Fillo de galegos,[1] naceu na localidade biscaíña de Getxo o 21 de maio de 1910. Comezou a xogar ao fútbol no Zugartzarte da súa vila natal, que era viveiro do Arenas Club.[2]

No verán de 1932 foi cedido ao Racing de Ferrol, co que debutou en partido oficial na primeira xornada da tempada 1932/33 do Campionato de Galicia, marcando un dos sete goles do seu equipo contra o Unión Sporting no Inferniño.[3] Disputou todos os encontros do campionato, proclamándose o equipo subcampión por detrás do Deportivo da Coruña,[4] e xogou tamén co equipo verde na Terceira División.

O 5 de febreiro de 1933 debutou na Primeira División co Arenas, marcando un dos dous goles do seu equipo na derrota por 3-2 contra o Espanyol en Sarrià.[5] Xogou 20 partidos na máxima categoría entre as tempadas 1932/33 e 1933/34, anotando cinco goles. En 1934 fichou polo Valladolid, co que xogou durante a seguinte década na Segunda División.

Como adestrador

editar

Tras colgar as botas no Valladolid, comezou a súa carreira de adestrador no mesmo club e en tres anos ascendeuno dende a Terceira ata a Primeira División. Con todo, para o debut na máxima categoría, o club contratou a Helenio Herrera. O equipo salvouse por pouco do descenso, e trala marcha do arxentino, a directiva contratou de novo a Barrios, que levou o equipo ata a novena praza da tempada 1949/50. A continuación adestrou o Racing de Santander en Primeira, antes de regresar a Segunda para dirixir o Málaga, co que gañou o seu segundo título da categoría de prata.

En 1951 colleu as rendas do Athletic de Bilbao, ao que adestrou durante dúas tempadas, dirixindo entre outros a Zarra, Iriondo, Gaínza ou Carmelo Cedrún. Logrou clasificar o equipo para a final da Copa do Xeneralísimo de 1953, onde o título acabou sendo para o FC Barcelona de Ferdinand Daučík grazas a dous goles de Kubala e Manchón.[6]

A continuación adestrou o Atlético Tetuán en Segunda e dous anos o Atlético de Madrid en Primeira, acadando a súa segunda final de Copa, perdendo esta vez contra o seu exequipo, o Athletic de Bilbao, adestrado por Daučík. Na tempada 1957/58 logrou o seu terceiro ascenso a Primeira, no banco do Betis, e durante os seguintes anos dirixiu o Espanyol, Elche e Sevilla, clasificándose con este último para a súa terceira final da Copa do Xeneralísimo. O seu rival na final foi o Real Madrid de Miguel Muñoz, e aínda que se adiantou o Sevilla grazas a un gol de Diéguez, a vitoria foi para o club branco, que remontou con dous tantos de Puskás.

Continuou nos bancos ata 1974, dirixindo entre outros a selección española B, a Real Sociedad, por segunda vez ao Athletic (co que acadou as semifinais da Copa de Feiras 1964/65) ou o Betis, co que ascendeu dúas veces máis a Primeira División (1966/67 e 1970/71).

Faleceu en Donostia o 19 de agosto de 2002, aos 92 anos de idade.[7]

Palmarés

editar
Valladolid
Málaga
Betis
  1. "Antonio Barrios, de paso para Balaídos". La Región (en castelán) (10126). 29 de xaneiro de 1950. p. 8. Consultado o 28 de decembro de 2021. 
  2. "Aires racinguistas". El Correo Gallego (en castelán) (18889). 31 de xullo de 1932. p. 2. Consultado o 28 de decembro de 2021. 
  3. "En la jornada del Campeonato Gallego, el Racing bate al Unión por 7 a 0". El Correo Gallego (en castelán) (18932). 20 de setembro de 1932. p. 2. Consultado o 28 de decembro de 2021. 
  4. "En la jornada del domingo se clasifican el Deportivo campeón y el Racing sub-campeón, el Celta es desplazado al tercer puesto". El Correo Gallego (en castelán) (18979). 15 de novembro de 1932. p. 2. Consultado o 28 de decembro de 2021. 
  5. "Español, 3; Arenas, 2" (en castelán) (2767). 7 de febreiro de 1933. p. 4. Consultado o 28 de decembro de 2021. 
  6. "El Barcelona, campeón de España". El Progreso (en castelán) (14273). 23 de xuño de 1953. p. 4. Consultado o 28 de decembro de 2021. 
  7. "Fallece el ex-entrenador del Athletic Antonio Barrios". As (en castelán). 21 de agosto de 2002. Consultado o 28 de decembro de 2021. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar