Alfredo Suárez Ferrín
Alfredo Suárez Ferrín, nado na Coruña en outubro de 1881[1] e fusilado na Coruña o 31 de agosto de 1936, foi un industrial e político galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | outubro de 1881 A Coruña, España |
Morte | 31 de agosto de 1936 (54 anos) A Coruña, España |
Causa da morte | pena de morte, ferida por arma de fogo |
Alcalde da Coruña | |
1936 – 1936 ← José Fandiño Arrojo – José Fuciños → | |
Alcalde da Coruña | |
1934 – 1934 ← Manuel Iglesias Corral – Atanagildo Pardo de Andrade → | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | político , industrial |
Partido político | Unión Republicana |
Lingua | Lingua castelá |
Traxectoria
editarEstudou Químicas e Profesorado Mercantil. Exerceu como industrial, sendo propietario xunto co seu irmán Julio dunha ferraxería na rúa Sánchez Bregua e, posteriormente, dunha fábrica de caldos concentrados.
Destacou desde novo polas súas ideas republicanas. O 12 de abril de 1931, nas eleccións municipais que supuxeron o alzamento da II República, foi elixido concelleiro polo Partido Republicano Radical-Socialista. En maio de 1932 asistiu ao congreso do seu partido, celebrado en Santander, representando á Coruña.
En xaneiro de 1934 foi elixido alcalde da Coruña, substituíndo a Manuel Iglesias Corral. Trala revolución de outubro abandonou o posto por decisión gobernativa. Coa creación de Unión Republicana uniuse ao partido, sendo vogal da liga de Dereitos do Home e socio do Casino Republicano.
Coa vitoria da Fronte Popular en febreiro de 1936, foi elixido de novo alcalde, tomando posesión o día 20 en substitución de Atanagildo Pardo de Andrade. Tralo Alzamento Nacional do 18 de xullo foi detido e axiña liberado, pero o día 21 pola tarde foi detido de novo. Tras realizar o acto de traspaso da alcaldía o 22 pola mañá ao capitán de Intendencia, José Fuciños Gayoso, foi enviado de novo a prisión.
Os días 26 e 27 de agosto foi xulgado no Pazo de Xustiza da Coruña, canda o secretario do concello Joaquín Martín Martínez, o secretario do goberno civil Leovigildo Taboada, o deputado Manuel Guzmán García, os líderes socialistas Ramón Maseda e Francisco Mazariegos Martínez e outros catro acusados. O fiscal pediu para os dez a pena de morte, sendo seis deles condenados. Foi fusilado no Campo da Rata o 31 de agosto de 1936, xunto a Manuel Guzmán, Joaquín Martín, Ramón Maseda, Francisco Mazariegos e Francisco Prego.[2]
Segundo as súas fillas, Elisa e Sofía Suárez Chacón, horas antes do fusilamento chegou da Xunta de Defensa Nacional de Burgos un indulto, que non chegou a ser aplicado. O motivo do indulto puido deberse a que Suárez Ferrín intercedera ante Casares Quiroga cando era ministro da Guerra e presidente do Goberno, a favor do coronel Martín Alonso e do tenente coronel Nevado de Bouza cando estes foron denunciados como golpistas no Ministerio por militantes de esquerdas.
Está soterrado no cemiterio civil da Coruña.
Predecesor: Manuel Iglesias Corral |
Alcalde da Coruña 1934 |
Sucesor: Atanagildo Pardo de Andrade |
Predecesor: José Fandiño Arrojo |
Alcalde da Coruña 1936 |
Sucesor: José Fuciños Gayoso |
Vida persoal
editarCasou con Sofía Chacón Winter en xuño de 1911,[3] e foi pai de Elisa, Sofía e Luis Suárez Chacón.
Recoñecementos
editarO 31 de agosto de 1986 erixiuse un busto na súa memoria nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña. En 2001 inaugurouse no Campo da Rata un monumento deseñado por Isaac Díaz Pardo na lembranza dos fusilados nese lugar. Unha rúa do barrio dos Rosales leva o seu nome.
Suárez Ferrín aparece mencionado nas novela Mazurca para dos muertos (1983) de Camilo José Cela e Os libros arden mal (2006) de Manuel Rivas. O Instituto de Estudos Políticos e Sociais convoca o premio literario Alfredo Suárez Ferrín, un traballo de difusión dos valores cívicos, morais e democráticos.
Notas
editarVéxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Alfredo Suárez Ferrín |
Bibliografía
editar- Fernández Santander, Carlos (1988). La guerra civil en Galicia La Voz de Galicia.
- Lamela García, V. Luis (1998). Estampas de Injusticia: La Guerra Civil del 36 en a Coruña y los documentos originados en la represión. Ediciós do Castro.
- Lamela García, V. Luis (2002). A Coruña, 1936: memoria convulsa de una represión Ediciós do Castro.
- Romero Pérez, Luis (1976). Tres días de julio (18, 19 y 20 de 1936). Ariel.
- "Suárez Ferrín, Alfredo". Dicionario biográfico de Galicia 3. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 256.
- "Suárez Ferrín, Alfredo". Enciclopedia Galega Universal 15. Ir Indo. 1999-2002. p. 410. ISBN 84-7680-288-9.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Fernández Santander, Carlos: "El alcalde que murió fusilado" La Voz de Galicia, 31 de agosto de 2006.