Alófono (sociolingüística)

En sociolingüística e sociodemografía, un alófono é aquela persoa que, residindo habitualmente nun territorio determinado, ten como primeira lingua unha distinta á lingua ou linguas oficiais. Este termo nunca se aplica ás persoas nativas. No Canadá, por exemplo, unha persoa alófona é unha canadense cuxa lingua materna non é o inglés e o francés, as dúas linguas oficiais.

María Victoria Moreno, exemplo de escritora alófona.

Orixe do termo editar

O termo é inicialmente un termo propio do Quebec (en francés: quebecisme), pero desde entón adoptouse en Bélxica (particularmente en Bruxelas), na administración (ministerios de educación, do interior etc.) e noutros países multilingües de fala francesa.

Etimoloxía editar

Formado por "alo-" (termo de orixe grega que aparece na formación de palabras co significado de "diferente" ou "outro",[1] de distinta natureza) e "-fono" (termo de orixe grega que aparece na formación de palabras relacionadas co son):[2] define a calquera persoa que fale unha lingua diferente á da maioría.

Persoas alófonas en Francia editar

En Francia, o termo alófono utilízase cada vez máis para caracterizar aos migrantes de países non francófonos, que están en situación de aprender francés como lingua estranxeira ou segunda lingua. O ministerio de educación francés adoptou este termo para caracterizar aos nenos e nenas recentemente chegados a Francia e que falan unha ou incluso varias linguas distintas do francés[3]. Así o reflite a creación dos centros académicos para a escolarización dos nenos alófonos recentemente chegados e nenos de familias itinerantes e de persoas viaxeiras (en francés: Centres Académiques pour la Scolarisation des enfants allophones Nouvellement Arrivés et des enfants issus de familles itinérantes et de Voyageurs, CASNAV), que estabelecen dous tipos de medidas para estes nenos e nenas alófonas:

  • UPE2A (Secundaria e Bacharelato): Unidade pedagóxica para alumnado alófono recentemente chegado (en francés: Unité Pédagogique pour Élèves Allophones nouvellement Arrivés).
  • OEPR: Abrindo a escola aos pais e nais para o éxito dos fillos e fillas, dirixíndose ás familias alófonas recentemente chegadas (en francés: Ouvrir l'École aux Parents pour la Réussite des Enfants, s'adressant aux familles allophones nouvellement arrivées).

Persoas alófonas no Canadá editar

 
Mapa lingüístico da provincia de Ontario sen algúns dos municipios do norte (Fonte: Statistics Canada, censo de 2006)

As persoas alófonas representan aproximadamente o 20% da poboación canadense.[4][5]

Quebec editar

As persoas alófonas constitúen unha porcentaxe importante da poboación do Quebec. De feito, as persoas alófonas representan a principal fonte de crecemento da poboación, debido ao aumento da inmigración, a baixada da natalidade entre a poboación anglófona e francófona do Quebec e o desprazamento da migración dos países anglófonos para Asia e América. En 1971, as persoas alófonas representaban 6,6 % da poboación no Quebec e ao redor de 2001, esta porcentaxe aumentara ao 10 %. De 1996 a 2001, os novos inmigrantes cuxa lingua materna era o árabe, o español ou o crioulo haitiano experimentaron o maior crecemento demográfico.

Ademais, aumentou o número de persoas alófonas que falan francés na casa. De feito, informouse de que aproximadamente o 20,4 % das persoas alófonas falaba francés con máis frecuencia na casa en 2001, fronte ao 16,6 % en 1996 e o 15.4 % en 1991. En xeral, pódese dicir que as persoas alófonas do Quebec adoptan principalmente o francés como lingua da vida pública.[6][7] En materia de educación, pódese dicir que a maioría dos estudantes alófonos do Quebec asisten ás escolas francesas.[8]

A maioría das persoas alófonas viven en Montreal, a cidade máis grande do Quebec. Por outra banda, a tendencia foi a de abandonar a provincia do Quebec. Entre 1996 e 2001, máis de 19.170 persoas alófonas saíron do Quebec para estabelecerse noutras provincias, incluíndo 18.810 en Ontario .

Ontario editar

As persoas alófonas representan aproximadamente o 24,2% da poboación de Ontario, o que orienta a provincia cara ao multilingüismo.[9]

Notas editar

  1. González González, M. "alo-". academia.gal. Consultado o 10 de xaneiro de 2023. 
  2. González González, M. "fon-". academia.gal. Consultado o 10 de xaneiro de 2023. 
  3. "Qu’est-ce qu’un élève allophone ? – LE CASNAV de Bordeaux-Aquitaine" (en francés). Arquivado dende o orixinal o 03/07/2019. Consultado o 10/1/2023. 
  4. "Langues". 150.statcan.gc.ca (en francés). 17 de xaneiro de 2018. Consultado o 10 de xaneiro de 2023. 
  5. "Langues". 150.statcan.gc.ca (en francés). 7 de outubro de 2016. Consultado o 10 de xaneiro de 2023. 
  6. Amireault, Valérie (inverno 2004). Les Publications Québec français, ed. "Les immigrants au Québec : le français est de plus en plus parlé à la maison" (PDF). Québec français (en francés) (132): 58–59. ISSN 0316-2052. 
  7. "Ministère de la Langue française". quebec.ca (en francés). 24/112022. Consultado o 10/1/2023. 
  8. Giroux, Simon (31/3/2017). "Les allophones fréquentent les écoles francophones au Québec". lapresse.ca (en francés). Consultado o 10/1/2023. 
  9. "Ontario demographics". ontario.ca (en inglés). 18 de marzo de 2022 [actualizado o 1 de abril de 2022]. Consultado o 10 de xaneiro de 2023. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar