Aethelbald de Mercia

rei de Mercia entre 716 e 757

Aethelbald de Mercia, finado en 757, foi rei de Mercia, reino situado no que hoxe constitúen as actuais Midlands inglesas, entre 716 e 757[1]. Durante o seu longo mandato, Mercia converteuse no reino dominante entre os anglosaxóns e recobrou a posición preeminente da que xa gozara no século VII, baixo os reinados de Penda e Wulfhere; o dominio de Mercia en Inglaterra prolongouse até o final do século VIII.

Aethelbald de Mercia
Nacementoséculo VIIxuliano e século VIIIxuliano
Falecemento757
Lugar de falecementoSeckington
SoterradoRepton Abbey
NacionalidadeMercia
EtniaAnglos
RelixiónIgrexa católica
Ocupaciónmonarca
PaiAlweo
IrmánsHeardberht
Na rede
Find a Grave: 6531617 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Aethelbald ascendeu ao trono tras a morte do seu primo, o rei Ceolred. Naquel tempo, tanto Wessex como Kent estaban gobernados por reis poderosos, pero transcorridos quince anos, o cronista contemporáneo Beda describiu a Aethelbald como gobernante de toda a parte de Inglaterra situada ao sur do río Humber. A Crónica anglosaxoa non enumera a Aethelbald como bretwalda, ou «Soberano de Britania», aínda que isto pode deberse a que a Crónica era orixinaria de Wessex.

San Bonifacio escribiu a Aethelbald sobre o ano 745 reprochándolle varios actos disolutos e irrelixiosos. O posterior concilio de Clovesho de 747 e unha carta aprobada por Aethelbald en Gumley en 749, na que liberaba á igrexa dalgunhas das súas obrigacións, poderían ser froito da carta de Bonifacio. Aethelbald foi asasinado en 757 polo seu garda persoal. Beornrad, de quen se coñece moi pouco, que o sucedeu brevemente no trono, pero ao cabo dun ano xa fora deposto por Offa. Este último, que era neto dun curmán de Aethelbald chamado Eanwulf, reinou durante 39 anos.

Mocidade e ascenso editar

Aínda que o pai de Aethelbald, Alweo, nunca foi rei, Aethelbald proviña da liña de sucesión real de Mercia. O pai de Alweo, Eowa, compartiu o trono durante algún tempo co seu irmán Penda. Aínda que a Crónica anglosaxoa non fai mención de Eowa, sitúa cronoloxicamente o reinado de Penda nos trinta anos que se estenden desde 626 até 656, ano no que morreu na batalla de Winwaed. Con todo, hai dúas fontes posteriores que si que citan a Eowa como rei: a Historia Brittonum e os Annales Cambriae. Os Annales Cambriae sitúan a morte de Eowa en 644, na batalla de Maserfelth, onde Penda derrotou a Oswald de Northumbria. Os detalles sobre o reinado de Penda son escasos e especúlase sobre se Eowa era un rei vasalo que rendía pleitesía a Penda, ou se pola contra Eowa e Penda se repartiron Mercia entre os dous. Se partiron o reino, probabelmente Eowa reinou no norte de Mercia, mentres que posteriormente Peada foi designado rei do sur de Mercia por Oswiu de Northumbria, quen derrotou aos mercios e matou a Penda, o pai de Peada, no ano 656. É posíbel que Eowa loitase contra Penda en Maserfelth[2].

Durante a mocidade de Aethelbald, a dinastía de Penda gobernou Mercia; Ceolred, neto de Penda e por tanto curmán segundo de Aethelbald, foi rei de Mercia entre 709 e 716[3]. Unha antiga fonte, a Vita sancti Guthlaci, escrita polo monxe saxón occidental Félix, revela que foi Ceolred quen enviou a Aethelbald ao exilio[2]. San Guthlac era un nobre mercio que abandonou a súa carreira no exército de Aethelred para converterse primeiro en monxe e instalarse en Repton e posteriormente vivir como un ermitán nun túmulo de Crowland, nas zonas pantanosas de Anglia Oriental[4]. Durante o seu exilio, Aethelbald e os seus homes refuxiáronse na mesma zona pantanosa, polo que visitaron a Guthlac, quen simpatizaba coa causa de Aethelbald, se cadra debido á opresión que Ceolred exercía sobre os mosteiros[2][5]. Guthlac tamén recibía visitas doutras personalidades, como o bispo Haedde de Lichfield, un merciano influente, e poida que a Aethelbald lle fose politicamente útil o apoio do monxe para lograr acceder ao trono. Tras a morte de Guthlac, Aethelbald tivo un soño no que este lle vaticinaba grandeza; posteriormente, cando Aethelbald xa ocupara o trono, construíu un santuario dedicado a Guthlac[2][4].

Cando Ceolred morreu repentinamente, de causas naturais, durante un banquete, Aethelbald regresou a Mercia e obtivo o poder, aínda que é posíbel que un rei chamado Ceolwald, talvez irmán de Ceolred, reinase durante un breve período entre os reinados de Ceolred e Aethelbald[2][6][7]. A ascensión ao trono de Aethelbald terminou coa liña de descendentes de Penda; o reinado de Aethelbald foi seguido, tras un breve intervalo, polo reinado de Offa, outro descendente de Eowa[3].

Dominio de Mercia editar

 
Os reinos de Gran Bretaña no século VII, cando naceu Aethelbald.

O reinado de Aethelbald marcou un rexurdimento do poder de Mercia, o cal perduraría até o final do século VIII. Coa excepción do curto reinado de Beornrad, que sucedeu a Aethelbald durante menos dun ano, Mercia foi gobernada durante oitenta anos por dous dos reis anglosaxóns máis poderosos, Aethelbald e Offa[8]. Estes longos reinados eran infrecuentes naqueles tempos; por exemplo, durante o mesmo período Northumbria tivo once reis e moitos deles morreron de forma violenta[9].

Cara ao ano 731, Aethelbald dominaba toda a zona de Inglaterra situada ao sur do río Humber. Hai poucas evidencias directas da relación existente entre Aethelbald e os reis que dependían del[5]. Xeralmente, un rei vasalo suxeito a un señor como Aethelbald aínda debería ser considerado como rei, aínda que a súa independencia se viu recortada en varios aspectos. As cartas ou foros son fontes que ofrecen importantes evidencias desta relación: tratábase de documentos que outorgaban terras aos vasalos ou ao clero nas que aparecía como testemuña o rei, con poder para outorgar esas terras[4][9]. Unha carta que concedía terras no territorio dun dos reis vasalos debía ter rexistrados os nomes do rei, así como o do rei ao que este debía pleitesía na lista de testemuñas; por exemplo, unha lista de testemuñas pode verse no Diploma de Ismere. Os títulos dados aos reis nas cartas tamén podían ser reveladores: un rei podía aparecer descrito como un subregulus (termo que implicaría un rei de categoría inferior ou rei vasalo)[10].

Desde aquela época, conserváronse suficientes fontes que verificasen o progreso da influencia de Aethelbald sobre dous dos reinos do sur, Wessex e Kent. Ao comezo do reinado de Aethelbald, tanto Kent como Wessex estaban gobernados por dous poderosos reis, Wihtred e Ine respectivamente. Wihtred de Kent morreu en 725 e Ine de Wessex, un dos reis máis formidábeis do seu tempo, abdicou en 726 para peregrinar a Roma. Segundo a Crónica anglosaxoa, o sucesor de Ine, Aethelheard de Wessex, loitou ese ano cun ealdorman chamado Oswald, a quen a Crónica anglosaxoa mostra como descendente de Ceawlin, un dos primeiros reis de Wessex[11]. Finalmente Aethelheard triunfou na súa loita polo trono e hai indicios posteriores de que gobernou suxeito á autoridade de Mercia. Por conseguinte, podería ser que Aethelbald axudase a establecerse no trono tanto a Aethelheard como ao seu irmán, Cuthred, quen sucedeu a Aethelheard en 739[2]. Tamén hai probas de que o territorio de Sussex se desprendeu do dominio de Wessex a principios dos anos 720, o que parece podería indicar a crecente influencia de Aethelbald na zona, aínda que tamén podería ser a influencia de Kent, en lugar da de Mercia, a que debilitase o control de Wessex[2].

No relativo a Kent, hai probas no cartulario de Kent que mostran que Aethelbald foi mecenas das igrexas da dita zona[4]. Non hai probas nas cartas, con todo, que mostren que Aethelbald debese dar o seu consentimento á hora de outorgar terras; ademais sobreviviron cartas de Aethelberht II e Eadberht I, ambos os reis de Kent, nas que estes reis outorgan terras sen o consentimento de Aethelbald[2]. Podería ser que as cartas que mostrasen o señorío de Aethelbald non sobrevivisen pero, en calquera caso, o resultado é que non hai probas directas da extensión da influencia de Aethelbald sobre Kent.

Tense menos información do que ocorreu en Essex durante este período, pero foi aproximadamente nese tempo cando Londres pasou a depender de Mercia no canto de Essex. Tres dos predecesores de Aethelbald -Aethelred, Coenred e Ceolred- confirmaron unha carta saxoa oriental na que se outorgaba Twickenham a Waldhere, o bispo de Londres. Grazas a cartas de Kent sábese que Londres estivo baixo o control de Aethelbald e, a partir do reinado deste monarca parece que a transcisión cara ao control se completara xa. Unha carta de principios do reinado de Offa, na que se outorgan terras preto de Harrow, nin sequera inclúe ao rei de Essex na lista de testemuñas[4][5]. Respecto de Sussex, hai moi poucas probas nas cartas, pero como no caso de Kent, non se mostra que fixese falta o consentimento de Aethelbald para outorgar terras[2]. A falta de probas non debe escurecer o feito de que Beda, quen á fin e ao cabo era un cronista contemporáneo, resumiu a situación de Inglaterra en 731 listando os bispos activos no sur de Inglaterra, e engadindo que

todas esas provincias, xunto ás outras ao sur do río Humber e os seus reis, están suxeitas a Aethelbald, rei dos mercios

Si que existen probas que demostran que Aethelbald tivo que ir á guerra para manter o seu dominio. En 733 emprendeu unha expedición contra Wessex e capturou o señorío de Somerton. A Crónica anglosaxoa tamén relata que cando Cuthred sucedeu a Aethelheard no trono de Wessex en 740, este

fixo guerra valientemente contra Aethelbald, rei de Mercia[11].

Tres anos despois, Cuthred e Aethelbald aparecen loitando contra os galeses. Isto podería ser unha obrigación imposta por Mercia sobre Cuthred, visto que os reis anteriores axudaran de forma similar a Penda e Wulfhere, dous poderosos gobernantes mercios do século VII[2]. En 752, Aethelbald e Cuthred atopáronse de novo enfrontados nun conflito, e segundo unha versión do manuscrito, Cuthred

puxo en fuga [a Aethelbald]

en Burford[11]. Parece ser que Aethelbald reafirmaría a súa autoridade sobre os saxóns occidentais nos seus últimos anos de vida, xa que está documentado que Cynewulf, un posterior rei de Wessex, foi testemuña nunha carta de Aethelbald a principios do seu reinado, en 757[12].

En 740 rexístrase nas crónicas unha guerra entre os pictos e os northumbrios. Aethelbald, quen debía ser aliado de Óengus I, rei dos pictos, tirou proveito da ausencia de Eadberht de Northumbria para devastar as súas terras, e se cadra, incendiar York[4][13].

Títulos editar

 
O Diploma de Ismere, unha carta do rei Aethelbald ao seu cabaleiro, ou ealdorman, Cyneberht en 736.

Na súa Historia ecclesiastica gentis Anglorum, Beda listou sete reis que gobernaron as provincias do sur de Inglaterra, con reinados que van desde finais do século V a finais do século VII. Posteriormente, a Crónica anglosaxoa -outra fonte importante para este período- describe este sete reis como bretwaldas ou brytenwaldas, un título traducido como «Gobernante de Britania» ou «Vasto gobernante»[14]. A Crónica só engade un rei á lista: Ecgberht de Wessex, quen reinou no século IX. A lista resultante de oito bretwaldas omite algúns poderosos reis mercios pero é posíbel que o cronista que escribiu a Crónica anglosaxoa simplemente engadise o nome de Ecgberht á lista orixinal de Beda, sen querer con iso afirmar que ningún outro rei conseguise similares poderes en Inglaterra. Case con toda certeza, o cronista era saxón occidental, e dado que nin Aethelbald nin Offa foron reis de Wessex, é posíbel que o cronista non os mencionase por mor do seu orgullo rexional[9][15]. O significado do termo «bretwalda» e a natureza do poder que exerceron este oito reis foron amplamente examinados polos académicos. Unha das interpretacións que se suxeriron é que, dado que Beda escribiu durante o reinado de Aethelbald, os sete reis orixinais que listou eran esencialmente aqueles reis que poderían ser vistos como prototipos de Aethelbald no seu dominio da parte de Inglaterra ao sur do río Humber[2].

Máis probas do poder de Aethelbald, ou polo menos dos seus títulos, atópanse nunha importante carta de 736, o Diploma de Ismere, do que chegou aos nosos días unha copia contemporánea (posibelmente orixinal). Empeza describindo a Aethelbald como

rei, non só dos mercios, senón tamén de todas as provincias chamadas co nome xenérico de Inglaterra do Sur.

Na lista de testemuñas é chamado adicionalmente Rex Britanniae, «Rei de Britania»[16][17]. Stenton describiu este título como

unha frase que pode ser interpretada soamente como unha tradución latina do título inglés Bretwalda», aínda que tamén podería ser que naquel tempo estes títulos non fosen recoñecidos máis aló de Worcester, onde nos anos 730 se escribiron outros documentos similares a este no que aparecían títulos similares[2][5]

.

Relacións coa Igrexa editar

En 745-746, o líder misioneiro anglosaxón entre os xermanos, San Bonifacio, xunto con outros sete bispos, enviou unha carta a Aethelbald reprochándolle os seus pecados, como o roubo de rendas eclesiásticas, a violación de privilexios da Igrexa, a imposición de traballos forzados ao clero e a fornicación con monxas[17]. A carta suplicaba a Aethelbald que tomase unha esposa e abandonase a súa vida luxuriosa:

Por conseguinte, nós, amado fillo, pregamos á súa Ilustrísima pola graza de Cristo o Fillo de Deus e pola súa vinda e o seu reino, que se é certo que continúa neste vicio, emende a súa vida con penitencia, se purifique, e teña presente como de infame é cambiar, a través da luxuria, a imaxe de Deus creada en vós na imaxe dun demo desapiadado. Recorde que foi feito rei e gobernante sobre moitos non polos seus propios méritos senón pola abundante graza de Deus, e agora está converténdose pola súa propia luxuria no escravo dun espírito maligno.
We therefore, beloved son, beseech Your Grace by Christ the son of God and by His coming and by His kingdom, that if it is true that you are continuing in this vice you will amend your life by penitence, purify yourself, and bear in mind how vile a thing it is through lust to change the image of God created in you into the image and likeness of a vicious demon. Remember that you were made king and ruler over many not by your own merits but by the abounding grace of God, and now you are making yourself by your own lust the slave of an evil spirit.[18]

Primeiro, Bonifacio enviou a carta a Ecgberht, o arcebispo de York, pedíndolle que corrixise calquera inexactitude e insistise no que era correcto; e pediu a Herefrith, un sacerdote ao que Aethelbald escoitara no pasado, que lese e explicase a carta ao rei persoalmente[2]. Aínda que a carta de Bonifacio encomia a fe e a caridade de Aethelbald, as súas críticas embazaron a imaxe deste gobernante durante as épocas posteriores[17]. Tamén contribuíu negativamente á súa reputación unha reclamación feita no século IX nunha lista de doazóns da abadía de Gloucester, na que aparece que Aethelbald apuñalara ou golpeaara até a morte ao parente dunha abadesa mercia[2].

Aethelbald puido exercer a súa influencia para o nomeamento dos sucesivos arcebispos de Canterbury, Tatvino, Notelmo e Cutberto, o último probabelmente era o anterior bispo de Hereford e, a pesar das fortes críticas de Bonifacio, hai probas do positivo interese que o monarca mostrou sobre os asuntos eclesiásticos[2]. Unha carta posterior de Bonifacio a Cuthberht, arcebispo de Canterbury, proporciona bastante información sobre concilios francos, especialmente sobre un levado a cabo en 747, cuxo decreto é incluído por Bonifacio na carta. Bonifacio non suxire explicitamente a Cuthberht que tamén el debería levar a cabo un concilio, pero parece claro que esta era a súa intención[2]. De feito, posteriormente levou a cabo un concilio en Clovesho (cuxa localización non se coñece); Aethelbald asistiu ao mesmo e talvez mesmo o presidiu. O concilio ocupouse das relacións entre a igrexa e o mundo secular, e condenou moitos excesos cometidos por parte do clero[19]. O concilio limitou as relacións entre os monxes e os laicos e ditaminou que as actividades seculares non eran permisíbeis para os monxes: os negocios seculares e as cancións profanas foron prohibidas, especialmente as «cancións absurdas».

Dous anos despois deste, en 749, no concilio de Gumley, Aethelbald promulgou unha carta que eximía ás terras da Igrexa de toda obrigación, excepto os requisitos para construír fortes e pontes, que eran obrigacións que afectaban a todo o mundo, como parte da trinoda necessitas. Esta carta só tivo como testemuñas a bispos mercios, e é posíbel que non tivese efecto fóra de Mercia, pero tamén é posíbel que formase parte esencial dun programa de reformas inspirado por Bonifacio e instigado en Clovesho[4][20].

Morte editar

 
Gravado do século XIX que representa a cripta de Repton onde foi enterrado Aethelbald.

Aethelbald morreu asasinado en Seckington, Warwickshire, no ano 757, preto da sede real de Tamworth, sendo sucedido brevemente por Beornrad. Segundo unha continuación posterior da Historia ecclesiastica gentis Anglorum de Beda,

pola noite foi asasinado a traizón pola súa propia garda persoal

, aínda que o motivo do seu asasinato non está rexistrado[21]. Aethelbald foi enterrado en Repton, nunha cripta que aínda se conserva. Hai constancia de que un contemporáneo afirmou ter unha visión do monarca no inferno, reforzando a impresión de que o rei non gozou de boa fama entre a totalidade dos seus súbditos[2]. A igrexa do mosteiro que había nese lugar foi probabelmente construída polo propio Aethelbald para albergar o mausoleo real, e entre as outras tumbas que se atopan no mesmo lugar, áchase a de Wigstan de Mercia[11][17][17].

En Repton consérvase o fragmento dunha cruz de pedra que nunha das súas caras ten gravada a imaxe dun home, que se suxeriu que podería ser un monumento conmemorativo en honra de Aethelbald. A figura representa a un home levando unha armadura de malla e portando unha espada e un escudo, cun diadema na súa cabeza[22].

Notas editar

  1. A forma
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 2,14 2,15 2,16 Kirby
  3. 3,0 3,1 Earliest English Kings
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Campbell
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Stenton
  6. English Historical Documents v.l. c. 500–1042. Eyre & Spottiswoode. 
  7. Kings and Kingdoms of Early Anglo-Saxon England.
  8. Segundo unha versión da
  9. 9,0 9,1 9,2 Hunter Blair
  10. Para un informe desde a señoría de Offa sobre o territorio dos
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 Swanton
  12. "S 96". Anglo-Saxons.net. 
  13. Anderson
  14. As diferentes versións do título
  15. Alfred the Great: Asser's Life of King Alfred and other contemporary sources, Penguin Classics. pp. 11, 210.
  16. "S 89". Anglo-Saxons.net. 
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 17,4 Fletcher
  18. Emerton, The Letters of St. Boniface, páx. 105.
  19. Richard Fletcher
  20. "S 92". Anglo-Saxons.net. 
  21. Beda. "CHAP. XXIV. Chronological recapitulation of the whole work: also concerning the author himself.". Christian Classics Ethereal Library. 
  22. The Blackwell Encyclopedia of Anglo-Saxon England.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar