Abrir o menú principal

Wihtred, nado en 670 e finado o 23 de abril de 725, foi rei de Kent desde ao redor do ano 690 ou 691 até a súa morte. Era fillo de Ecgberht I e irmán de Eadric.

Wihtred de Kent
Nacementoc. 670
Falecemento23 de abril de 725
SoterradoAbadia de Santo Agostinho
EtniaXutos
Ocupaciónmonarca
PaiEcgberht I de Kent
FillosAlric de Kent, Eadberht I de Kent e Aethelberht II de Kent
IrmánsEadric de Kent
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria.Editar

Wihtred accedeu ao trono tras un período confuso nos anos 680, nos que Caedwalla de Wessex chegou a conquistar Kent e posteriormente producíronse conflitos dinásticos. O seu predecesor inmediato no trono foi Oswine, quen probabelmente era descendente de Eadbald de Kent, aínda que non seguindo a mesma liñaxe que Wihtred. Pouco despois do comezo do seu reinado, Wihtred promulgou un código de leis que se conservou nun manuscrito coñecido como o Textus Roffensis. As leis prestan moita atención aos dereitos da igrexa, incluíndo castigos por matrimonios irregulares e por cultos pagáns. O longo reinado de Wihtred tivo poucos acontecementos que se rexistrasen nos anais. No ano 725 foi sucedido polos seus fillos Æthelbert II, Eadbert e Aelfric.

Kent a finais do século VIIEditar

 
Reinos existentes en Gran Bretaña a finais do século VII.

Wulfhere de Mercia, quen reinou entre finais dos anos 650 até 675 foi o monarca dominante na política de finais do século VII ao sur do río Humber. Durante a maior parte deste período, Kent estivo gobernado polo rei Ecgberht, quen morreu no ano 673. Probabelmente, os fillos de Ecgberht, Eadric e Wihtred, eran uns infantes de dous ou tres anos cando morreu o seu pai. Wulfhere era tío dos fillos de Ecgberht en virtude do seu matrimonio con Ermenilda, irmá de Ecgberht. O irmán de Ecgberht, Hlothhere, converteuse no rei de Kent no ano 674, un ano despois da morte do seu predecesor; podería ser que Wulfhere se opuxese á ascensión de Hlothhere e que fose o gobernante "de feito" durante aquel ano de interregno[1].

Eadric armou un exército contra o seu tío Hlothhere, quen morreu por mor das feridas sufridas na batalla acontecida en febreiro de 685 ou posibelmente 686[2]. Eadric morreu ao ano seguinte e segundo Beda, cuxa Historia ecclesiastica gentis Anglorum é unha das fontes primarias relativas a este período, o reino se derrubou debido ás desordes acontecidas[3]. No ano 686, Kent foi invadido por Caedwalla de Wessex, quen sentou ao seu irmán Mul no trono; Caedwalla gobernaría Kent de forma directa no período posterior á morte de Mul en 687[4]. Cando Caedwalla partiu para Roma en 688, Oswine, quen probabelmente contaba co apoio de Aethelred de Mercia, tomou o trono durante un tempo. Oswine perdeu o poder no ano 690, pero Swaefheard (fillo de Sebbi, rei de Essex), quen fora rei de Kent durante un ou dous anos, logrou manterse no trono[5]. Hai claras evidencias de que Swaefheard e Oswine reinaron ao mesmo tempo, dado que cada un deles era testemuña nos foros e privilexios outorgados polo outro. Parece ser que Oswine foi rei da parte oriental de Kent, que era xeralmente a posición do rei dominante, mentres que Swaefheard foi rei da parte occidental[6].

Ascensión ao trono e reinadoEditar

 
Árbore familiar que mostra os descendentes de Eadbald. Wihtred, a través do seu pai Ecgberht, pertencía á liñaxe de Eorcenberht. O avoengo de Oswine proviña probabelmente dun dos irmáns de Domne Eafe, pero non se sabe de cal.[5]

Wihtred xurdiu durante este período de desorde e converteuse en rei a principios dos anos 690[5]. Beda describe o seu ascenso afirmando que era o "lexítimo" rei e que "liberou a nación da invasión estranxeira grazas á súa devoción e dilixencia"[3]. Oswine tamén pertencía á familia real e pódese dicir que tiña certo dereito ao trono; por iso é polo que se suxeriu que estes comentarios de Beda sexan bastante parciais. Albino, abade do mosteiro de San Pedro e San Paulo (posteriormente chamado de San Agostiño) en Canterbury, era o equivalente a Beda para os asuntos de Kent e estas opinións case poden atribuírse ao establecemento da igrexa alí[7][8][9].

A data do ascenso ao trono de Wihtred coñécese por dous foros. Un, datado en abril de 697, indica que Wihtred se atopaba no sexto ano do seu mandato, polo que o seu ascenso pode datarse nalgún momento entre abril de 691 e abril de 692[10]. Outro, datado o 17 de xullo de 694, é do seu cuarto ano de reinado, dando como posíbel data da súa subida ao trono entre xullo de 690 e de 691[11]. Se se teñen en conta ambas as posibilidades, pódese afirmar que ascendeu ao trono nalgún momento entre abril e xullo de 691[12]. Outra posíbel data do ascenso ao trono de Wihtred obtense a partir da duración do seu reinado, que segundo Beda foi de trinta e catro anos e medio. Wihtred morreu o 23 de abril de 725, o que implicaría que a súa ascensión ao trono se produciu a finais de 690 [13].

Inicialmente Wihtred gobernou conxuntamente con Swaefheard[5]. O relato de Beda da elección de Berhtwald como arcebispo de Canterbury en xullo de 692 menciona que Swaefheard e Wihtred eran os reis de Kent, pero non se volve a nomear a Swaefheard tras esta data. Ao parecer, en 694 Wihtred gobernaba Kent en solitario, aínda que tamén podería ser que o seu fillo Aethelbert fose rei auxiliar na parte occidental durante o reinado do seu pai[5][6]. Crese que Wihtred tivo tres esposas. A primeira chamábase Cynegyth, pero uns foros de 696 nomean a unha tal Aethelburh como consorte real e parte doante; a esposa anterior podería morrer ou ser repudiada tras un breve período. Preto do final do seu reinado, unha nova compañeira, Waeeburh, asistiu xunto a Wihtred ás sesións do sínodo de Baccanceld sobre o ano 716[14].

No ano 694, Wihtred alcanzou a paz con Ine de Wessex. O predecesor de Ine, Caedwalla, invadira Kent e instalara ao seu irmán Mul no trono, pero como consecuencia disto, os habitantes de Kent rebeláronse e queimaron a Mul. Wihtred accedeu a compensar a Wessex polo asasinato de Mul, pero descoñécese a cantidade pagada a Ine. A maioría dos manuscritos da Crónica anglosaxoa rexistran "trinta mil", e algúns especifican que se trataba de libras. Se as libras eran equivalentes ás sceattas, esta cantidade sería o equivalente ao wergeld dun rei, é dicir, a valoración legal da vida dun home de acordo co seu rango[15][16]. Ao parecer, como parte do acordo Wihtred tamén cedeu algún territorio fronteirizo a Ine[17].

LeisEditar

 
Primeira páxina do manuscrito do século XII coñecido como Textus Roffensis, que contén a copia máis antiga que sobreviviu do código de leis de Wihtred.

O primeiro código de leis anglosaxoas que se conserva é o de Aethelberht de Kent, cuxo reinado terminou no ano 616, e que podería datar do ano 602 ou 603[18]. Nos anos 670 ou 680 promulgouse outro código por parte de Hlothhere e Eadric de Kent. Os seguintes reis en publicar unha colección de leis foron Ine de Wessex e Wihtred de Kent[19].

Non se coñecen as datas de emisión das leis de Wihtred e Ine, pero hai razón para crer que as leis de Wihtred foron promulgadas o 6 de setembro de 695, mentres que as leis de Ine foron escritas en 694 ou pouco antes[20][21]. Recentemente, Ine chegara a un acordo de paz con Wihtred en compensación pola morte de Mul e hai indicacións de que ambos os gobernantes colaboraron en certa forma na produción das súas leis. Ademais da coincidencia temporal, hai unha cláusula que aparece case idéntica en ambos os códigos[22]. Outro signo de colaboración é que as leis de Wihtred usan o termo gesith, un termo de Wessex para referirse a un nobre, en lugar do termo usado en Kent de eorlcund. É posíbel que Ine e Wihtred promulgasen as leis como un acto de prestixio, para restableceren a súa autoridade despois de períodos de disturbios en ambos os reinos[23].

As leis de Wihtred foron emitidas en "Berghamstyde"; non se sabe con certeza onde se atopaba, pero o lugar que conta con máis probabilidades de ser é Bearsted, preto de Maidstone. As leis concernían sobre todo a asuntos relixiosos; só o últimos catro dos vinte e oito capítulos non se ocupan de asuntos eclesiásticos. A primeira cláusula do código outorga á Igrexa liberdade para establecer impostos. As cláusulas posteriores especifican penas para matrimonios irregulares, ritos pagáns, por traballar o shabat e romper o xaxún entre outras cousas; tamén definen como os membros de cada clase da sociedade -como o rei, os bispos, os sacerdotes, ceorls e esnes- podían probar a súa inocencia baixo xuramento[24]. Ademais de centrarse nas leis, a introdución deixa clara a importancia da Igrexa no proceso lexislativo. Bertwald, o arcebispo de Canterbury, estivo presente na asemblea que elaborou os decretos, así como Gefmund, o bispo de Rochester, e "toda orde da Igrexa desta nación falou en unanimidade coa xente leal"[24].

Os privilexios outorgados á Igrexa eran notábeis: ademais da liberdade para pór impostos, o xuramento dun bispo era "incontrovertíbel", situándoo ao mesmo nivel que o dun rei, e a Igrexa recibiu o mesmo nivel de compensación que o rei por actos de violencia cometidos contra subordinados. Isto levou a un historiador a dicir do poder da Igrexa, menos dun século despois de que os misioneiros enviados por Roma chegasen a Kent, que todo estaba coordinado en Kent co mesmo rei, e tamén foi descrito presupondo un espantoso grao de poder real[25][26]. Con todo, a presenza de cláusulas que proporcionaban penas para calquera dos súbditos de Wihtred que "fixese sacrificios aos demos" deixa claro que aínda que o cristianismo era a relixión dominante, as vellas crenzas pagás non desapareceran por completo[24][27].

A cláusula 21 de código especifica que un ceorl debía atopar tres homes da súa propia clase para que avalasen o seu xuramento. Estes homes que avalaban o xuramente doutro debían xurar en favor dun home acusado para probar a inocencia do mesmo no crime do que se lle acusaba. As leis no caso do código de Ine eran máis severas e requiríase que todo acusado debía atopar unha persoa de alto rango para que avalase a súa inocencia, sen importar a clase social do acusado. As dúas leis implicaban un significativo estado inicial no que o parente dun home era responsábel legal del[28].

Morte e sucesiónEditar

Tras a morte de Wihtred, o reino de Kent pasou aos seus fillos Aethelberht, Eadberht e Aelfric[13]. A cronoloxía dos reinados que seguiron ao de Wihtred non é clara, aínda que hai evidencia tanto dun Aethelbert e un Eadberht nos anos seguintes[29]. Tras a morte de Wihtred e a partida de Ine de Wessex a Roma ao ano seguinte, Ethelbald de Mercia converteuse no poder dominante no sur de Inglaterra.[30].

NotasEditar

  1. Kirby, Earliest English Kings, páx. 115.
  2. Kirby, Earliest English Kings, páx. 118.
  3. 3,0 3,1 Beda, Ecclesiastical History, IV. 26, páx. 255.
  4. Kirby, Earliest English Kings, pp. 120–121.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Kirby, Earliest English Kings, pp. 122–123.
  6. 6,0 6,1 Yorke, Kings and Kingdoms, páx. 32.
  7. Kirby, Earliest English Kings, páx. 53.
  8. Stenton, Anglo-Saxon England, páx. 182.
  9. Yorke, Kings and Kingdoms, páx. 25.
  10. Miller, Sean. "S 18" (en inglés/latín). Anglo-Saxons.net. Consultado o 25 de febreiro de 2008. 
  11. Miller, Sean. "S 15" (en inglés/latín). Anglo-Saxons.net. Consultado o 25 de febreiro de 2008. 
  12. Nótese que Kirby usa o documento S 18 na súa determinación do ascenso ao trono de Wihtred, mentres que Whitelock usa o S 15.
  13. 13,0 13,1 Beda, Ecclesiastical History, V. 23, pp. 322–325.
  14. S. E. Kelly, "Wihtred (d. 725)", Dictionary of National Biography (2004).
  15. Swanton, Anglo-Saxon Chronicle, 40–41, note 3.
  16. Lapidge, Michael (ed.
  17. Kirby, Earliest English Kings, páx. 124.
  18. Whitelock, English Historical Documents, páx. 357.
  19. Whitelock, English Historical Documents, pp. 327–337.
  20. Whitelock, English Historical Documents, páx. 361.
  21. Stenton, Anglo-Saxon England, páx. 72.
  22. A lei é a que aparece no capítulo 20 do código de Ine e no 28 do de Wihtred.
  23. Kirby, Earliest English Kings, páx. 125.
  24. 24,0 24,1 24,2 Whitelock, English Historical Documents, pp. 362–364.
  25. Stenton, Anglo-Saxon England, páx. 62.
  26. Wormald, Patrick, "The Age of Bede and Aethelbald", en Campbell, The Anglo-Saxons, páx. 99.
  27. Stenton, Anglo-Saxon England, páx. 128.
  28. Stenton, Anglo-Saxon England, pp. 316–317.
  29. Yorke, Kings and Kingdoms, páx. 30–31.
  30. Kirby, Earliest English Kings, páx. 131.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Fontes primarias
  • Beda (1990). D.H. Farmer, ed. Ecclesiastical History of the English People (tradución de Leo Sherley-Price, revisado por R.E. Latham ed.). Londres: Penguin. ISBN 0-14-044565-X.  (1990). Beda (1990). D.H. Farmer, ed. Ecclesiastical History of the English People (tradución de Leo Sherley-Price, revisado por R.E. Latham ed.). Londres: Penguin. ISBN 0-14-044565-X. 
  • Swanton, Michael (1996). Swanton, Michael (1996). The Anglo-Saxon Chronicle. Nueva York: Routledge. ISBN 0-415-92129-5. 
  • Whitelock, Dorothy (1968). Whitelock, Dorothy (1968). English Historical Documents v.l. c.500–1042. Londres: Eyre & Spottiswoode. 
Fontes secundarias
  • Lapidge, Michael (1999). Lapidge, Michael (1999). The Blackwell Encyclopedia of Anglo-Saxon England. Oxford: Blackwell Publishing. ISBN 0-631-22492-0. 
  • Campbell, John; John, Eric e Wormald, Patrick (1991). Campbell, John; John, Eric e Wormald, Patrick (1991). The Anglo-Saxons. Penguin Books. ISBN 0-14-014395-5. A referencia utiliza parámetros obsoletos (axuda)
  • Kirby, D.P. (1992). Kirby, D.P. (1992). The Earliest English Kings. Londres: Routledge. ISBN 0-415-09086-5. 
  • Stenton, Frank M. (1971). Stenton, Frank M. (1971). Anglo-Saxon England. Oxford: Clarendon Press. ISBN 0-19-821716-1. 
  • Yorke, Barbara (1990). Yorke, Barbara (1990). Kings and Kingdoms of Early Anglo-Saxon England. Londres: Seaby. ISBN 1-85264-027-8. 

Ligazóns externasEditar