A rolda nocturna

pintura de Rembrandt
(Redirección desde «A rolda de noite»)

A rolda nocturna ou A rolda de noite (en neerlandés: De Nachtwacht) é unha pintura ao óleo sobre tea do pintor Rembrandt, pintada entre 1639 e 1642. A pintura mide 380 cm de altura e 454 cm de largura e mostra a Garda Cívica de Ámsterdam baixo o mando do capitán Frans Banning Cocq. Xeralmente considerada como a magnum opus de Rembrandt, A rolda nocturna é unha das pinturas máis coñecidas do barroco. A peza é propiedade do municipio de Ámsterdam e forma parte da exposición permanente do Rijksmuseum, principal museo especializado en pintura neerlandesa.

A rolda nocturna
ArtistaRembrandt van Rijn
Data1642
TécnicaÓleo sobre tea
MovementoBarroco
Dimensións363 cm × 437 cm
LocalizaciónRijksmuseum (Ámsterdam)

Título editar

Aínda que A rolda nocturna estea historicamente consolidado como título da tea, orixinalmente foi designada como A Compañía do Capitán Frans Banning Cocq e do tenente Willem van Ruytenburch a prepararse para avanzar, segundo a inscrición que foi encontrada nun esbozo preparatorio:[1]

Esbozo da pintura no cal o mozo Heer van Purmerlandt (Frans Banning Cocq), como capitán, ordena ao seu tenente Heer van Vlaerderdingen (Willem van Ruytenburch), que poña a compañía cívica para marchar.[2]

O cadro foi chamado no século XIX Patrouille de Nuit[3] pola crítica francesa, e Night Watch[4] por Joshua Reynolds, de onde vén o seu nome popular. Dito nome xurdiu dun equívoco de interpretación, debido ao feito de que nesa época o cadro estaba bastante deteriorado e obscurecido pola oxidación do verniz, as súas figuras eran case indistinguíbeis e parecía unha escena nocturna. Despois da súa restauración en 1947, cando ese verniz obscurecido foi eliminado, descubriuse que o título non se axustaba á realidade, xa que a acción se desenvolvía durante o día e non á noite, no interior dun espazo teatral semiescuro no momento en que chega un potente raio de luz que ilumina intensamente as personaxes que figuran no cadro.

Representación editar

 
A compañía do capitán Cocq serviu de garda de honra na visita da raíña nai francesa a Amsterdam. Retrato de María de Médicis. (c. 1622) realizado por Rubens, Museo do Prado (Madrid).

A obra foi unha encomenda da Corporación de Arcabuceiros de Ámsterdam para decorar o gran salón da Kloveniersdoelen, sede da compañía. Por ese motivo, Rembrandt concibiu unha tea de grandes dimensións, con preto de 5 metros de lonxitude e 3,87 metros de altura.

A tea mostra a milicia do capitán Frans Banning Cocq no momento en que este dá a orde para marchar ao alférez Willem van Ruytenburch. Atrás deles aparecen os dezaoito integrantes da Compañía, que pagaron de media cen floríns ao pintor para apareceren no cadro, unha suma máis que considerábel para a época. Os dous oficiais probabelmente pagaron máis, polo lugar privilexiado que ocupan na obra. En total, Rembrandt cobrou 1.600 floríns por este cadro.[5] Polo feito da compañía de arcabuceiros ser unha institución municipal, a tea continúa a ser propiedade do municipio de Amsterdam, que a presta ao Rijksmuseum sen contraprestación económica.

As personaxes aparecen captadas polo pintor neerlandés de tal xeito que é posíbel contemplalas en numerosas ocasións no momento en que diariamente a compañía se preparaba para formar e saír, e percorrer ordenadamente a cidade na súa misión de vixilancia da orde. Alén diso, no cadro aparecen tres nenos correndo e un can que animan a escena.

A obra, que debía concluírse o día do banquete de inauguración da sede da compañía foi, xunto con outros retratos corporativos, parte da conmemoración da chegada a Ámsterdam en 1638 da raíña nai María de Médici, viúva de Henrique IV de Francia, exiliada por orde do seu fillo Lois XIII e do seu aliado, o cardeal Richelieu. Esta visita rexia á capital neerlandesa foi celebrada polas autoridades con gran pompa.[6]

O pagamento polo traballo atrasouse debido ao feito de que a obra non cubriu as expectativas dos membros da milicia e por non estar perfectamente definida a presenza da maioría deles. A pesar da súa calidade, tamén pasou desapercibida pola crítica da época.

A escena da compañía forma parte fundamental da tradición neerlandesa de retratos colectivos que xurdiu na Idade de Ouro da arte dos Países Baixos. Pintores contemporáneos como Frans Hals dedicáronse case exclusivamente a este tipo de retratos ao óleo por encomenda.

Personaxes principais editar

 
A crítica maioritaria considera que a meniña que aparece na Rolda Nocturna é un retrato da súa esposa Saskia, que faleceu o mesmo ano en que a obra foi realizada. A súa morte causoulle unha profunda depresión. Retrato de Saskia como Flora (1634), Museo do Ermitage, San Petersburgo.
  • Capitán Frans Banning Cocq (1605 – 1655?): capitán da compañía e figura central que articula os eixes do cadro. Coa man estendida e a boca aberta dá a orde ao seu tenente. Para a evitar unha orde xerárquica na distribución dos membros da milicia, Rembrandt outorgoulle a posición predominante conforme o seu cargo.
  • Tenente Willem van Ruytenburch: é o tenente da compañía, que recibe a orde de preparar a compañía para avanzar. Ruytenburch era de baixa estatura, e, para que non ficase moi baixo preto do alto capitán Cocq, Rembrandt realzouno empregando no seu uniforme un ton amarelo pálido con brillo dourado e iluminándoo por un raio de sol.
  • A meniña: é unha figura-chave no cadro, por servir de mascota da compañía e por estar focalizada por un raio de luz. A meniña aparenta ter pouco que ver co resto das personaxes. Por causa do misterio sobre a súa identidade, os críticos ven nela un retrato de Saskia van Uylenburgh (1612 - 1642), primeira esposa do pintor, que faleceu prematuramente o ano en que se pintou a tea, posibelmente de tuberculose. Saskia era a modelo habitual de moitos dos retratos do pintor. Viste un traxe amarelo-limón e carga na cintura unha galiña morta branca, pendurada polos pés. Este era o emblema da compañía, que Rembrandt representou desta maneira singular, en substitución do habitual brasón deste tipo de retratos colectivos.

Estrutura editar

 
Representación en bronce das personaxes da Rolda nocturna. Esculturas de Alexander Taratynov e Mikhail Dronov para conmemorar o cuarto centenario de nacemento de Rembrandt (2005).

Rembrandt afastouse do convencional, evitando unha escena estática e formal, e xerando, por outra banda, unha de acción, máis do gusto do estilo barroco que entón imperaba.

Mostra os soldados preparados para iniciar unha misión (que tipo de misión, ou se se trataba dunha patrulla ordinaria é motivo de discusión). Este ordenamento é completamente orixinal e constitúe unha nova maneira de concibir o retrato de grupo. O seu estilo causou a contrariedade dalgúns membros da milicia, polo feito de seren dificilmente distinguíbeis pola súa localización no fondo da tea. Ao contrario doutros cadros da mesma temática, en que a posición das personaxes segue unha orde xerárquica precisa, o pintor baseou a localización das personaxes unicamente en razóns artísticas.

Non obstante, a composición aparentemente desordenada está na realidade construída dun modo racional segundo os dous eixes medios do rectángulo que forma a tea:

  • Eixe horizontal: Determina o grupo de personaxes que serve de apoio ás dúas figuras principais. As catro personaxes con traxes típicos coloridos dominan o centro do cadro, dirixindo o ollar do espectador cara a eles.
  • Eixe vertical: Determina a posición do capitán co seu traxe negro, que se ve apoiado pola figura do tenente ao seu lado, este cun traxe amarelo claro. Estas dúas figuras forman o centro da atención.
  • As diagonais que forman a longa lanza e o mastro da bandeira crúzanse no centro iluminado da escena, enmarcando os tres grupos de personaxes cunha liña imaxinaria, deixándoos ao mando da compañía e na posición preponderante da escena.

Análise editar

O debuxo, só esbozado, fica diminuído pola importancia da cor e da luz, sendo pouco nítidas as contornas das figuras.

Influenciado por Caravaggio, Rembrandt utiliza o chiaroscuro, creando fortes contrastes entre luz e sombra. O raio de luz provén da esquerda, segundo a dirección das sombras proxectadas. Esta luz, a pesar da súa concepción realista, non actúa uniformemente, sendo que ilumina e destaca personaxes concretas, mentres relega outras á sombra. En ocasións parece que nace do interior das figuras, como no caso da meniña que corre. A iluminación é a gran protagonista deste cadro, porque crea unha atmosfera máxica semiescura con sombras envolventes e luces cegadoras.

A cor está aplicada con pinceladas espontáneas. O cromatismo da tea faise presente polos tons cálidos de terra e ocres, con excepción do vermello do pano do capitán e do arcabuceiro á súa dereita, do branco ocre da meniña atrás del e do amarelo do tenente. Emprega tonalidades opostas para contrastar como o uniforme claro e escuro das dúas personaxes centrais, a roupa negra do capitán resaltando coa súa gola branca ou a roupa dourada do tenente en contraste cos rostros iluminados.

Proveniencia editar

 
Copia da obra antes do recorte da tea, na cal se poden observar as súas dimensións orixinais.

O destino orixinal para a tea era o Groote Zaal (Gran Salón) do Kloveniersdoelen, sede municipal da Compañía de Arcabuceiros da capital neerlandesa. Este predio foi demolido e substituído a mediados do século XIX polo hotel Doelen. En 1715, A rolda nocturna foi trasladada á sede do concello de Ámsterdam na praza Dam.[1] As súas grandes dimensións fixeron que fose recortado nesa época, cando se cortou unha faixa no lateral esquerdo e superior, eliminando tres personaxes do cadro. As dimensións orixinais do cadro coñécense debido a que hai varias copias anteriores a 1715, entre as que destaca unha copia do cadro da autoría de Gerrit Lundens que se conserva na National Gallery de Londres.

Cando as tropas napoleónicas ocuparon os Países Baixos e Napoleón entronizou seu irmán Lois como rei de Holanda en 1806, a sede do concello converteuse en Palacio Real (función que aínda mantén) e os maxistrados municipais trasladaron o cadro á Trippenhuis (casa da familia Trip). Inmediatamente, Napoleón ordenou a súa volta ao palacio e mantívoo alí ata a caída do Imperio. Tras diso, A rolda nocturna volveu á Trippenhuis, onde permaneceu ata 1885, ano en que se finalizaron as obras do predio do Rijksmuseum e o cadro foi trasladado para a súa localización actual.

Durante a Segunda guerra mundial, para salvar o patrimonio artístico durante o conflito, as principais obras do Rijksmuseum foron depositados en distintos búnkers denominados "refuxios nacionais" construídos nas dunas de Heemskerk e Zandvoort. En 1942, os cadros foron trasladados a agochos en Steenwijk e Maastricht.

 
Localización da Rolda nocturna no Rijksmuseum, onde é unha das súas máis importantes obras artísticas.

A obra estivo escondida cinco anos, sendo a súa última localizacón un búnker no subsolo da capital de Limburgo. Foi separada do seu cadro e enrolada nun cilindro. O 25 de xuño de 1945, a obra volveu a Ámsterdam, sendo restaurada no taller do Rijksmuseum.[7]

Vandalismo editar

No século XX A rolda nocturna foi albo de actos vandálicos. O 13 de febreiro de 1975, un enfermo mental vandalizou a obra cun coitelo facéndolle numerosos cortes en zigzag.[1] Despois do ataque de 1975, a tea foi restaurada con éxito. Dez anos despois, en 1985, un visitante do museo asperxeu a pintura cun aerosol de ácido que levaba oculto. A rápida intervención dos gardas de seguranza e a auga que lle foi pulverizada neutralizaron o ácido que non chegou a tocar a tea e soamente danou o verniz. De novo, a obra foi restaurada por completo.

Legado editar

 
Esculturas das personaxes da Rolda nocturna expostas na praza de Rembrandt de Ámsterdam.

A obra inspirou numerosas creacións. Un dos exemplos é unha copia do cadro, grazas a cal se coñecen as súas dimensións orixinais.

A comisión do IV centenario do nacemento de Rembrandt colocou estatuas de bronce esculpidas por Alexander Taratynov e Mikhail Dronov, xunto á estatua do pintor na praza Rembrandt de Ámsterdam. As estatuas son réplicas das personaxes que figuran no cadro e ficaron na praza nunha exposición permanente.

De entre as homenaxes ao seu centenario está tamén un filme dedicado ao cadro titulado Nightwatching, protagonizado por Martin Freeman no papel de Rembrandt e Emily Holmes como súa segunda esposa, Hendrickje; foi dirixido polo cineasta británico Peter Greenaway. O filme foi presentado no Festival Internacional de Cinema de Venecia o 6 de setembro de 2007 e tivo a súa estrea comercial nos cinemas dos Países Baixos en xaneiro de 2008.[8]

A música atopou tamén inspiración na tea, como o segundo movemento da Sinfonía n.º 7 de Gustav Mahler e a ópera De Nachtwacht composta polo músico neerlandés Henk Badings en 1942, ademais das cancións "Night Watch" de King Crimson inspirada polo nome da tea ou "The Shooting Company of Captain Frans B. Cocq", con referencias máis explícitas, do grupo Ayreon.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 A Ronda da Noite voltou ao seu lugar dez anos depois. Público, 28 de marzo de 2013
  2. Do orixinal en neerlandés: De jonge heer van Purmerland als Capitein geeft last aan zijnen Lietenant de heer van Vlaerdingen om sijn compaignie Burgers te doen marcheren.
  3. En galego: Patrulla de noite.
  4. En galego: Rolda nocturna.
  5. "O Rijksmuseum explica o valor incalculável desta obra a partir do seu preço original.". Arquivado dende o orixinal o 11 de xaneiro de 2012. Consultado o 2008-06-14. 
  6. A crítica considera, na súa maioría, que probabelmente a escena desta obra represente a saída da compañía para cubrir a visita real de María de Médici, debido aos uniformes de gala dos seus integrantes. Este aconteciemento foi clave na Amsterdam de mediados do século XVII.
  7. J. Baruch e L. van der Horst; Het Rijksmuseum in oorlogstijd (O Rijksmuseum na época de guerra), Rijksmuseum Amsterdam 1985.
  8. Imaxes de Nightwatching de Peter Greenaway

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • ARPINO, Giovanni e LECALDANO, Paolo; La obra pictórica completa de Rembrandt, Barcelona: Noguer, 1971.
  • ROSENBERG, Jacob; Rembrandt. Vida y obra, Madrid: Alianza Editorial, 1987.
  • SCHWARTZ, Gary; A rolda nocturna, Amsterdam: Rijksmuseum Dossiers, 2002.
  • VALDIVIESO, Enrique; Pintura barroca: Rembrandt, Madrid: Sedmay, 1979.
  • V.V.A.A.; Entender el arte: Rembrandt, Barcelona: Edic. Orbis-Fabris, 1989.
  • ZUFFI, Stefano; El retrato: obras mestras entre la historia y la eternidad, Barcelona: Random House Mondadori, 2005.

Ligazóns externas editar