A Ponte de Domingos Flórez
A Ponte de Domingos Flórez (en castelán e oficialmente Puente de Domingo Flórez, e tradicionalmente só A Ponte) é un concello da provincia de León que cobre unha superficie de 59,18 km², en que viven 1.458 persoas (INE 2020), cunha densidade de poboación de 24,6 hab./km². É un dos 48 concellos da Galicia estremeira, a área galegofalante situada fóra da comunidade autónoma de Galicia.
Localización | ||||
---|---|---|---|---|
| ||||
Estado | España | |||
Comunidade autónoma | Castela e León | |||
Provincia | provincia de León | |||
Capital | A Ponte | |||
Contén a división administrativa | ||||
Poboación | ||||
Poboación | 1.406 (2023) (23,76 hab./km²) | |||
Xeografía | ||||
Parte de | ||||
Superficie | 59,18 km² | |||
Altitude | 377 m | |||
Comparte fronteira con | ||||
Organización política | ||||
• Alcalde | Julio Arias Escuredo | |||
Identificador descritivo | ||||
Código postal | 24380 | |||
Fuso horario | ||||
Código INE | 24122 | |||
Xeografía
editarA Ponte sitúase ao longo do curso baixo do río Cabreira, que desauga no río Sil á súa chegada á capital municipal. Só na parte oeste do concello se abre unha veiga, sobre socalcos fluviais do Sil, que se estende ata Salas, o que xustificou que antigamente esta zona se chamase A Ribeira.
Segundo a división administrativa actual, A Ponte pertence á comarca de Cabreira e está considerada a capital da Cabreira Baixa. Durante a Idade Media, a Cabreira comprendía exclusivamente o que hoxe se coñece como Cabreira Alta (o actual concello de Truchas), mentres que A Ponte formaba parte, canda os actuais concellos de Castrillo de Cabrera e Benuza, da bisbarra coñecida como a Ribeira, cunha extensión de 289 km².[1][2]
Seguindo a división comarcal tradicional do Reino de León, no ano 1785 o territorio do actual concello da Ponte (bardante a vila de Salas, que tiña xurisdición de seu) conformaba unha comarca administrativa en por si, chamada a Ribeira de Escontra, que tamén incluía a aldea das Médulas, pertencente na actualidade ao concello de Carucedo[3]. A preposición escontra xa era un arcaísmo no século XIX[4], común ás falas castelá, leonesa e galega, que indica movemento de dirección, o que cadra co feito de que esa zona supuxo durante séculos unha pasaxe, especialmente invernal, a Galicia[5]. Cabe supoñer tamén da súa etimoloxía un sentido de oposición, como o que actualmente ten a preposición contra, ben acaído se se repara en que coincide coas terras da marxe esquerda do Sil, situadas fronte ás do lado valdeorrés.
Cómpre non confundir, polo tanto, as denominacións tradicionais da Ribeira e da Ribeira de Escontra, porque se refiren a áreas distintas e só o concello da Ponte pertencería ás dúas. Polo significado da palabra "ribeira", é claro que a razón destes topónimos está vencellada a un río. No caso da Ribeira que abrangue os devanditos tres concellos, o curso fluvial de referencia é o río Cabreira. A antiga xurisdición da Ribeira de Escontra, pola súa parte, coincide practicamente só co termo municipal da Ponte, que ten todo o seu límite occidental demarcado polo máis caudaloso Sil, nunha especie de canón moito máis largo que o encaixado val do río Cabreira, o que dá verdadeiro sentido ao apelido "de Escontra" (tanto na acepción de dirección cara a Galicia como na de oposición a Galicia).
O río Sil forma precisamente o límite coa provincia de Ourense, co concello de Rubiá na beira oposta. A veciñanza da parroquia de Quereño en particular mantivo sempre unha estreita relación coa da Ponte, dada a proximidade entrámbalas localidades, máxime desde a chegada do ferrocarril, coa apertura dunha estación da liña entre O Oural e Toural dos Vaos no lugar, que serve aínda hoxe tamén aos pontaregos.
Para cruzar dunha banda á outra do río, fíxose uso por ben tempo de barcas (as barcas de Quereño), até que nos inicios do século XX, unha familia asentada en Quereño, os López, construíron unha ponte colgante sobre o Sil, cobrando unha portaxe por pasar.
O trazado da antiga estrada entre Ourense e Ponferrada pasaba pola vila, para o que se construíu unha ponte sobre o río Cabreira.
Toponimia
editarPorén, non é ningunha destas pontes a que dá nome ó lugar. O topónimo está documentado desde o século XIII, grazas á construción dunha pequena ponte sobre as augas do río Cabreira, aínda en pé no núcleo máis antigo da vila, e algo afastada da estrada nacional.
As terras do Bierzo e Valdeorras dependían desde o século XI dos Flórez, pertencentes á poderosa familia Froilaz. Un deses señores, Domingos Flórez tiña colleitas e herdades na rexión, polo que precisaba moverse a ambos os lados do río Cabreira. Mandou contruír a ponte, que permitía que o gando dunha beira do río pastase na outra e, por extensión, facilitou a comunicación coa contorna. Como era tradición naquela altura, a vila da Ponte adoptou o nome dun dos seus rexedores.[6][7]
Entidades de poboación
editarO municipio da Ponte de Domingos Flórez está constituído polos seguintes lugares ou núcleos de poboación. Amósanse o nome tradicional en galego e mais o oficial entre parénteses cando non coinciden[8].
Notas
editar- ↑ Sánchez Badiola, Juan José (1999-2000). "El territorio berciano durante la Alta y Plena Edad Media.". Tierras de León: Revista de la Diputación Provincial: 109–110. ISSN 0495-5773.
- ↑ Lozano Alvarez, Ramón (1996). Itinerarios por La Cabrera. Ediciones Lancia. ISBN 84-8177-027-2.
- ↑ "Anexo:División de la Provincia de León (1785)" (en castelán). 2019-10-27.
- ↑ "Dicionario de dicionarios". sli.uvigo.es. Consultado o 2019-11-14.
- ↑ "El Camino de Santiago de invierno, Camino Sur, por el Bierzo". 101 km peregrinos. 24 horas por el Camino de Santiago de invierno. Arquivado dende o orixinal o 08 de agosto de 2020. Consultado o 14 de novembro de 2019.
- ↑ "Puente Domingo Florez: HISTORIA". Puente Domingo Florez. Arquivado dende o orixinal o 26 de maio de 2020. Consultado o 2019-11-14.
- ↑ Arias, J. (2018-03-08). "El topónimo de El Puente de Domingo Flórez, ¿con artículo «el» o sin él?". La fueya cabreiresa (en castelán). Consultado o 2019-11-14.
- ↑ "Toponimia – Instituto de Estudios Cabreireses". estudioscabreireses.es. Consultado o 2021-03-29.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: A Ponte de Domingos Flórez |
Castela e León | Provincia de León | Parroquias da Ponte de Domingos Flórez | |
---|---|
Castro | Eres | A Ponte de Domingos Flórez | Robledo | Salas | San Pedro de Trones | As Veigas |