Boeing AH-64 Apache
O Boeing AH-64 Apache é un helicóptero de ataque estadounidense con dous motores turboeixo, un tren de aterraxe convencional e unha cabina en tándem para dous tripulantes. Conta cun conxunto de sensores montados no nariz para os sistemas de adquisición de obxectivos e de visión nocturna. Está armado cun canón M230 de 30 mm situado entre o tren de aterraxe principal, baixo a parte dianteira da fuselaxe, e conta con catro puntos de ancoraxe en píos para armamento, normalmente cunha mestura de mísiles AGM-114 Hellfire e foguetes Hydra 70. O AH-64 ten unha gran cantidade de redundancia de sistemas para mellorar a súa supervivencia en combate.
Boeing AH-64 Apache | |
---|---|
Tipo | helicóptero de ataque |
Primeiro voo | 30 de setembro de 1975 |
Introducido | abril de 1986 |
Produción | 1983-presente |
Unidades construídas | 2 000 en xuño de 2013[1] |
Variantes | AgustaWestland Apache |
O Apache orixinalmente comezou como o Model 77 desenvolvido por Hughes Helicopters para o programa "Advanced Attack Helicopter" do Exército dos Estados Unidos para substituír o AH-1 Cobra. O prototipo YAH-64 voou por primeira vez o 30 de setembro de 1975. O Exército estadounidense seleccionou o YAH-64 sobre o Bell YAH-63 en 1976, e aprobouse a súa produción en 1982. Tras mercar Hughes Helicopters en 1984, McDonnell Douglas continuou a produción e o desenvolvemento do AH-64. O helicóptero foi introducido no servizo en abril de 1986. O primeiro AH-64D Apache Longbow de produción, unha variante mellorada do Apache, foi entregado ao Exército en marzo de 1997. Boeing Defense, Space & Security continuou a produción, chegando a uns 2 000 AH-64 fabricados no ano 2013.[1]
O Exército estadounidense é o principal operador do AH-64; tamén se converteu no principal helicóptero de ataque de múltiples nacións, como Grecia, Xapón, Israel, Países Baixos, Singapur e Emiratos Árabes Unidos; ademais de ser producido baixo licenza no Reino Unido como o AgustaWestland Apache. Os AH-64 estadounidenses serviron en conflitos en Panamá, o golfo Pérsico, Kosovo, Afganistán e Iraq. Israel usou o Apache nos seus conflitos militares no Líbano e na franxa de Gaza; Apaches británicos e neerlandeses tamén foron despregados nas guerras de Afganistán e Iraq.
Desenvolvemento
editarHelicóptero de Ataque Avanzado
editarTras a cancelación do AH-56 Cheyenne en 1972, en favor de proxectos como o A-10 Thunderbolt II da USAF e o Harrier do Corpo de Marines, o Exército dos Estados Unidos buscou unha aeronave para encher o rol de ataque contra unidades blindadas. O Acordo de Key West de 1948 prohibía ao Exército ter aparellos de combate de á fixa. O Exército quería unha aeronave mellor en potencia de fogo, rendemento e alcance que o AH-1 Cobra. Debería ter manioblabilidade para poder voar adaptado ao terreo.[2] Para este fin o Exército publicou unha solicitude de propostas para un Helicóptero de Ataque Avanzado (AAH) o 15 de novembro de 1972.[3] Como sinal da importancia deste proxecto, en setembro de 1973 o Exército designou os seus cinco proxectos máis importantes como os "Cinco Grandes", onde estaba incluído o AAH.
Bell, o equipo Boeing Vertol/Grumman, Hughes, Lockheed e Sikorsky enviaron propostas. En xullo de 1973 o Departamento de Defensa estadounidense seleccionou a Bell e a Hughes Aircraft's Toolco Aircraft Division (posteriormente Hughes Helicopters) como finalistas. Isto comezou a fase 1 da competición.[4] Cada compañía fabricou prototipos que pasaron por un programa de probas. O prototipo do Model 77/YAH-64A de Hughes voou por vez primeira o 30 de setembro de 1975, mentres que o prototipo do Model 409/YAH-63A de Bell voou o 1 de outubro de 1975. Despois de avaliar os resultados das probas o Exército seleccionou ao YAH-64A en 1976. Entre as razóns para escoller o YAH-64A estaban a maior tolerancia do seu rotor de catro palas aos danos e a inestabilidade do tren triciclo do YAH-63.[5][6]
O AH-64A entrou entón na fase 2 do programa AAH na cal se construirían tres aparellos de preprodución, ademais, os dous prototipos de voo do YAH-64A e a unidade de probas no chan foron actualizados ao mesmo stándar.[5] As armas e os sistemas de sensores integráronse e probáronse durante esa época, incluído o mísil guiado por láser AGM-114 Hellfire.[7] O desenvolvemento do mísil Hellfire comezara en 1974, orixinalmente coñecido co nome de Helicopter Launched, Fire and Forget Missile (Hellfire sería un acrónimo),[8] co obxectivo de armar helicópteros cun mísil anti-carro efectivo.[9][10]
Produción
editarEn 1981 tres AH-64A de preprodución foron entregados ao Exército estadounidense para probas operacionais. As probas do Exército foron exitosas, pero despois delas decidiuse actualizar os motores á súa versión máis potente T700-GE-701, de 1 690 CV. O AH-64 foi chamado Apache a finais de 1981, mantendo a tradición do Exército de nomear aos seus helicópteros como tribos nativas americanas, e a súa produción a grande escala foi aprobada en 1982.[11] En 1983 o primeiro helicóptero de produción foi presentado nas instalacións de Hughes Helicopters en Mesa, Arizona. Hughes Helicopters foi mercada por McDonnell Douglas en 1984 por 470 millóns de dólares.[12] Posteriormente o helicóptero pasaría a mans de The Boeing Company coa fusión de Boeing e McDonnell Douglas en agosto de 1997. En 1986 o incremento do custo do AH-64A era de 7 millóns de dólares e o prezo medio de cada aparello era duns 13,9 millóns.[12]
Durante os anos 80 McDonnell Douglas estudou un AH-64B, cunha cabina de mando actualizada, un novo sistema de control de fogo e outras melloras. En 1988 aprobouse o financiamento para un programa de actualización de varias fases para mellorar os sistemas de sensores e armas. Avances tecnolóxicos levaron á cancelación do programa en favor de cambios máis ambiciosos. En agosto de 1990 aprobouse o desenvolvemento do AH-64D Apache Longbow pola Xunta de Adquisición de Defensa. O primeiro prototipo do AH-64D voou o 15 de abril de 1992,[13] e as probas remataron en abril de 1995. Durante as mesmas seis AH-64D enfrontáronse contra un grupo superior de AH-64A; os resultados demostraron que o AH-64D tiña sete veces máis posibilidades de supervivencia e era catro veces máis letal que o AH-64A.[14] O 13 de outubro de 1995 aprobouse a fabricación a grande escala; en agosto de 1996 asinouse un contrato por 1 900 millóns de dólares por cinco anos para converter 232 AH-64A ao AH-64D stándar. O 17 de marzo de 1997 o primeiro AH-64D de produción realizou o seu voo de estrea, sendo entregado o 31 de marzo.[15]
Partes do Apache son fabricadas por distintas compañías aeroespaciais. AgustaWestland fabricou varios compoñentes para o Apache, tanto para o mercado internacional como para o AgustaWestland Apache do Exército británico.[16] Dende o ano 2004 Korea Aerospace Industries vén sendo o único fabricante da fuselaxe do Apache.[17] A produción da fuselaxe anteriormente era realizada por Teledyne Ryan Aeronautical; a transferencia da produción levou a unha prolongada disputa legal entre Teledyne Ryan e Boeing.[18]
O programa AH-64D custou un total de 11 000 millóns de dólares ata 2007.[19] En abril de 2006 Boeing foi premiado cun contrato de 67,6 millóns de dólares para converter varios AH-64A en AH-64D; entre maio de 2009 e xullo de 2011 asináronse cinco contratos máis para reconfigurar grupos de AH-64A na variante actualizada D.[20] Dende 2008 ás nacións que operan o máis vello AH-64A pedíuselles que realizasen programas de modernización para conver os seus helicópteros en AH-64D, xa que Boeing e o Exército estadounidense planean deixar de apoiar a variante A nun futuro próximo.[21]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 "Apache Helicopters Roar Ahead". Boeing. Consultado o 1 de novembro de 2018.
- ↑ Bishop 2005, pp. 5-6
- ↑ OAVCSA 1973, p. 10
- ↑ Bishop 2005, p. 7
- ↑ 5,0 5,1 Richardson e Peacock 1992, p. 8
- ↑ Donald 2004, p. 114
- ↑ Bishop 2005, p. 8.
- ↑ "Boeing: History -- Products - Rockwell International AGM-114 HELLFIRE Missile". 2011-09-14. Archived from the original on 14 de setembro de 2011. Consultado o 2018-11-18.
- ↑ Pike, John. "AGM-114 Hellfire Modular Missile System (HMMS)". www.globalsecurity.org. Consultado o 2018-11-18.
- ↑ Pike, John. "AGM-114 Hellfire Chronology". www.globalsecurity.org. Consultado o 2018-11-18.
- ↑ Bishop 2005, pp. 8-9
- ↑ 12,0 12,1 Donald 2004, p. 119
- ↑ Donald 2004, pp. 150-153
- ↑ "The Deadly Apache". Military Channel. 2013-01-17. Archived from the original on 17 de xaneiro de 2013. Consultado o 2018-11-23.
- ↑ Eden, Paul (2004). Encyclopedia of Modern Military Aircraft. Amber Books. ISBN 1-904687-84-9.
- ↑ "Ensure Israel arms curbs, say MPs" (en inglés). 2010-03-30. Consultado o 2018-11-23.
- ↑ "Boeing: Defense, Space & Security - AH-64 Apache News". 2012-02-20. Archived from the original on 20 de febreiro de 2012. Consultado o 2018-11-23.
- ↑ "Arbitrator will rule on AH-64 fuselage production dispute". Flightglobal.com (en inglés). 1998-04-08. Consultado o 2018-11-23.
- ↑ "AH-64D Apache Longbow". www.deagel.com. Consultado o 2018-11-23.
- ↑ "Boeing Remanufactures AH-64A Apaches to AH-64D Block II". Defense Industry Daily. Consultado o 2018-11-23.
- ↑ "Greece urged to commit to Apache upgrade, as air force eyes new utility model". Flightglobal.com (en inglés). 2008-10-15. Consultado o 2018-11-23.
Bibliografía
editar- Bishop, Chris. Apache AH-64 Boeing (McDonnell Douglas) 1976–2005. Osprey Publishing, 2005. ISBN 1-84176-816-2.
- Donald, David. "AH-64A/D Apache and AH-64D Longbow Apache". Modern Battlefield Warplanes. AIRtime Publishing Inc, 2004. ISBN 1-880588-76-5.
- Office of the Assistant Vice Chief of Staff of the Army (OAVCSA). An Abridged History of the Army Attack Helicopter Program. Washington, D.C.: Department of the Army. 1973.
- Richardson, Doug e Lindsay Peacock. Combat Aircraft: AH-64 Apache. Londres: Salamander Books, 1992. ISBN 0-86101-675-0.