Ögödei
Ögödei, tamén chamado Ugedei, Ogedei ou Ogotai, nado en 1186 e finado no 1241, foi o sucesor e terceiro fillo de Xenxis Kan. Con el o Imperio Mongol coñeceu a máxima expansión como unidade política.
Ögödei | |
---|---|
![]() | |
Nome completo | ᠣᠭᠡᠳᠡᠢ e Өгөдэй |
Nacemento | c. 7 de novembro de 1186 |
Lugar de nacemento | Camague Mongol |
Falecemento | 11 de decembro de 1241 |
Lugar de falecemento | Imperio Mongol |
Causa | doenza e Alcoholismo |
Nacionalidade | Imperio Mongol |
Etnia | Pobo mongol |
Relixión | Tengrismo |
Ocupación | Khan (título) |
Pai | Genghis Khan |
Nai | Börte |
Cónxuxe | Borakchin Khatun, Alqui Khatun, Hutieni e Töregene Khatun |
Fillos | Güyük, Godan Khan, Khochu, Khorachar, Khashi, Khadan, Mieli e Sürkhakhan |
Irmáns | Checheyikhen, Alahaibieji, Tümelün, Aletalun, Huochenbieji, Yeli'andun, Jochi, Djaghatai Khan, Wuluchi, Kuoliejian, Chawuer, Shuerche e Tolui |
[ editar datos en Wikidata ] | |
De personalidade carismática, intelixente e estable de carácter, foi o fillo predilecto de Xenxis Kan. Pragmático e consciente de que carecía da xenialidade do seu pai, soubo concitar a fidelidade de familiares, xenerais e conselleiros capaces de continuar a obra daquel. Foi elixido khan en 1229, polo kuriltai, que non fixo outra cousa que adherirse á designación feita por Xenxis Kan.
CampañasEditar
Tras a toma de Kaifeng e a execución de todos os homes chin, destruíu o Imperio Chin en 1234, ameazando o Imperio Song. En 1235 iniciouse unha longa guerra, onde concentraría especialmente o súa presenza máis directa e que foi poñendo nas súas mans a case a totalidade da actual China. Lanzou tres campañas contra Corea, que atoparon unha feroz resistencia civil. Acabou facendo deste país un estado vasalo.
En 1230, enviou a un dos grandes xenerais do seu pai Chormaqan a completar a conquista de Persia. O fillo do sha de Samarcanda, Jala al Din, tentaba reconstruír en Irán o imperio do seu pai (Corasmia). Un exército mongol de preto de 50.000 homes saíu de Bukhara, cruzou o río Amu Dayra e derrotou a Jala al Din. Seguidamente fíxose con Acerbaixán, boa parte de Xeorxia e Armenia e, tras tomar Cabul, puxo a Afganistán baixo o seu dominio.
En 1235, enviou a un exército de 150.000 homes cara occidente. O fillo do seu irmán máis vello Batu Kan co mítico xeneral mongol Subedei avanzou cara o Volga esmagando a búlgaros e polovtsi. En 1237 cruzaba o gran río e avanzaba polas estepas rusas derrotando ao Gran Duque Vladimir, facendo vasala a cidade de Novgodod e internándose vitorioso en Europa; Ucraína (toma de Kíiv) Lituania e Polonia (destrución de Cracovia) caían vencidas ante un exército descoñecido capaz de facer 650 quilómetros nun mes ata o río Oder, xa ás portas do Sacro Imperio Romano Xermánico. O duque Henrique o Piadoso reuniu un poderoso exército con alemáns, checos e grandes ordes militares (templarios, hospitalarios e teutóns) que foi literalmente aniquilado. A cabeza do duque foi paseada ante as murallas de Leignitz que deu nome á batalla. O rei Venceslau de Chequia retirouse detrás dos Cárpatos.
En Hungría, o rei Bela IV, a súa vez, agardaba o ataque organizando o seu exército en Pest. En tres días, as primeiros destacamentos mongois atravesaban os Cárpatos tomando dirección cara o Danubio. Bela IV, un día despois da derrota xermano-polaca de Leignitz, caía na trampa de Mohi onde morrerían decenas de miles de guerreiros europeos, incluídos catro bispos e tres arcebispos. Ögödei sería coñecedor de que os seus exércitos arrasaban Pest, acadaban o Adriático entrementres o seu seu fillo Güyuk campaba a través de Transilvania.
A facilidade con que caíron os primeiros reinos e principados centroeuropeos animouno a ordenar a invasión de Europa Occidental ata o Gran Océano (o Atlántico). Cando os seus exércitos estaban preto dunha inerme Viena, a morte sobreveulle de xeito providencial e salvou occidente de converterse nunha provincia mongol.
GobernoEditar
Aconsellado polo sabio Ieh-lü Chu-tsai, moderou o xenocidio do norte da China, mantendo á masa campesiña con vida co fin de facer dela unha clase produtora a cal cobrarlle impostos. Suplantou a autoridade militar pola civil, dividindo o país en dez distritos. As cidades e os sacerdotes taoístas tamén foron suxeitos de exancións impositivas. Rescatou da catividade a varios sabios e creou un centro de formación para oficiais chineses e mongois
En Europa estableceu unha rudimentaria administración onde se chegou a acuñar moeda, pero as matanzas foron a tónica xeral.
En Persia puxéronse as bases dun novo estado mongol que afiaba as súas gadoupas sobre o califato de Bagdad.
Afeccionado ao alcohol, foi minando a súa saúde. Morreu dunha borracheira tras unha cacería.
O seu Imperio de dimensión planetaria restableceu a Rota da Seda, eixe comercial e cultural primordial entre o Leste e o Oeste.
Sucedeulle o seu fillo Güyük, tras cinco anos de rexencia dunha das súas viúvas Töregene Khatun, quen soubo concitar o consenso suficiente ao seu redor, malia os expresos desexos do propio Ögëdei, que designara o fillo doutra súa muller. Güyuk khan non foi recoñecido por Batu que creou o Khanato Kipchak en Rusia.