Ángel Herrera Oria
Ángel Herrera Oria, nado en Santander o 19 de decembro de 1886 e finado en Madrid o 28 de xullo de 1968,[1][2] foi un xornalista, xurista, político e sacerdote español, nomeado cardeal da Igrexa católica. Xunto con Ángel Ayala, fundou a Asociación Católica Nacional de Propagandistas. Dirixiu o xornal El Debate e adoptou unha postura accidentalista ante a Segunda República Española. Foi un dos representantes do que se coñeceu como "doutrina social da Igrexa".[3]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 19 de decembro de 1886 Santander, España |
Morte | 28 de xullo de 1968 (81 anos) Madrid, España |
Cardeal | |
22 de febreiro de 1965 – | |
Bishop of Malaga (en) | |
24 de abril de 1947 – 27 de agosto de 1966 ← Balbino Santos Olivera (pt) – Emilio Benavent Escuín → Diocese: diocese de Málaga | |
Datos persoais | |
Relixión | Igrexa católica |
Educación | Universidade de Salamanca Universidade de Deusto |
Actividade | |
Ocupación | bispo católico (1947–), sacerdote católico (1940–), diácono (1940–), avogado, xornalista, político |
Partido político | Acción Popular |
Membro de | |
Consagración | Gaetano Cicognani |
Premios | |
Traxectoria
editarCursou o bacharelato no colexio xesuíta de Valladolid e estudou Dereito na Universidade de Deusto.[4] En 1907 aprobou a oposición ao corpo de Avogados do Estado e foi destinado a Burgos. Aos sete meses pediu unha excedencia e trasladouse a Madrid para facer o doutoramento en Dereito en 1908.
En 1910 fundou, xunto co sacerdote Ángel Ayala, a Asociación Católica Nacional de Propagandistas (ACNP). En 1911 creou a Editorial Católica,[4] editora dalgúns diarios rexionais e mais da segunda época do xornal El Debate, do que foi director durante 22 anos (1911-1933).[4]
Durante os anos 20 desenvolveu un labor de proselitismo e organización das xuventudes católicas. En 1926 creou a Escola de Xornalismo de El Debate.
Cando se proclamou a II República adoptou como táctica ante o novo réxime a súa teoría do accidentalismo, unha adaptación prudente ante unhas circunstancias adversas. Afirmaba que o importante era o contido e a orientación do réxime, non a forma de goberno. Esta postura creou polémica con outros medios, como o diario ABC, defensor radical da institución monárquica.
Cando se creou Acción Nacional, intentou formar unha poderosa forza de dereitas. Foi renomeada como Acción Popular, por non estar autorizado o emprego do termo nacional para designar institucións ou organismos non estatais. Foi designado o primeiro presidente da súa xunta directiva. Presentouse como candidato ás eleccións a Cortes Constituíntes por Madrid, mais non resultou elixido. Tamén creou a Biblioteca de Autores Cristianos (BAC).[4][5]
Carreira eclesiástica
editarSeminario e presbiterado
editarEn 1933 abandonou a dirección de El Debate e foi nomeado presidente da Xunta Central de Acción Católica. Fundou tamén o Centro de Estudos Universitarios (CEU)[5] e o Instituto Social Obrero. En 1935 dimitiu da presidencia da Asociación de Propagandistas e da dirección da Escola de Xornalismo de El Debate. En 1936, antes do Golpe de Estado do 18 de xullo, marchou a Friburgo, Suíza.[4] Alí comezou a carreira eclesiástica no seminario de San Carlos, e foi ordenado sacerdote o 28 de xullo de 1940.
Volveu a España en 1943, cando foi designado coadxutor da parroquia de Santa Lucía en Santander. Nesta cidade creou un centro de estudo para sacerdotes mozos, do que saíron varios futuros bispos. Desde unha posición indirecta e de forma vocacional continuou na política. En 1945 foi enviado a Roma e a Lausana polo ministro de Asuntos Exteriores, Alberto Martín-Artajo, para sondar a actitude da Santa Sé sobre un hipotético acordo entre o ditador Franco e Juan de Borbón. E a partir desa data, múltiples persoeiros da Asociación Católica Nacional de Propagandistas pasaron a colaborar activamente co réxime franquista.[6]
Episcopado
editarEn 1947 foi nomeado bispo de Málaga. Nesta diocese, as súas homilías dominicais reflectían o seu pensamento social, moi influído pola doutrina do papa León XIII. Nesta provincia creou unhas 250 escolas rurais, que alfabetizaron a máis de 25.000 persoas.[3]
Asistiu ao Concilio Vaticano II, en que participou nos debates sobre O esquema da Igrexa e o mundo moderno. Aos 75 anos dimitiu da sé malagueña por petición do papa Paulo VI, quen o nomeou cardeal o 25 de xaneiro de 1965. [4] Tralo seu pasamento, foi soterrado na catedral de Málaga.
Vida persoal
editarEra irmán do escritor e xesuíta Enrique Herrera Oria (1885-1951).
Recoñecementos
editar- Periodista de Honor, pola Escola de Xornalismo da Igrexa (1955)
- A Asociación Católica de Propagandistas (ACdP) dedicoulle a exposición itinerante "Herrera Oria, su tiempo y su obra. Una vida al servicio del bien común", que visitou varios episcopados[5]
- En Madrid levan o seu nome unha avenida e unha estación de metro
- Un dos principais colexios diocesanos de Málaga, adxacente ao seminario, leva o nome de Cardenal Herrera Oria
Notas
editar- ↑ García Colorado (2006), p. 1015
- ↑ Sánchez Jiménez (1986), p. 9
- ↑ 3,0 3,1 García Colorado (2006), p. 1020
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 García Colorado (2006), p. 1016
- ↑ 5,0 5,1 5,2 "Un cardenal en la memoria". diariodejerez.es (en castelán). 15-2-2016. Consultado o 18-10-2019.
- ↑ Barreiro Gordillo (2018), p. 682
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ángel Herrera Oria |
Bibliografía
editar- Barreiro Gordillo, Cristina (2018). "La ACNdeP y su papel político en el primer franquismo". Hispania sacra (en castelán) (Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas, CSIC) 70 (142): 681–689. ISSN 0018-215X. Consultado o 19 de xuño de 2023.
- García Colorado, Concepción (2006). "El cardenal don Ángel Herrera Oria y su obra social". En Campos y Fernández de Sevilla, Francisco Javier (coord.). La Iglesia española y las instituciones de caridad (en castelán). San Lourenzo do Escorial (Madrid): EDES (Ediciones Escurialenses). pp. 1013–1026. ISBN 84-89788-16-2.
- García Escudero, José María (1998). De periodista a cardenal: vida de Ángel Herrera. Madrid: Biblioteca de Autores Cristianos. ISBN 978-8479143886.
- García Escudero, José María (1987). El pensamiento de Ángel Herrera: antología política y social. Madrid: La Editorial Católica. ISBN 84-220-1274-X.
- Gutiérrez García, José Luis (2009). Estudios sobre Ángel Herrera Oria. Colección Centenario, nº 4 (en castelán). Madrid: CEU Ediciones. ISBN 978-84-96860-99-5.
- Herrera Oria, Ángel (2009). Gutiérrez García, José Luis, ed. Obras completas (en castelán). (9 vols.). Madrid: Biblioteca Autores Cristianos. ISBN 978-8479149499.
- Maestre, Agapito (2009). El fracaso de un cristiano. El otro Herrera Oria (en castelán). Madrid: Tecnos. ISBN 978-84-309-5017-1.
- Herrera Oria, Ángel: Obras completas (9 vols., edición de José Luis Gutiérrez García), Madrid: Biblioteca de Autores Cristianos, 2002-2009.
- Sánchez Jiménez, José (1986). El Cardenal Herrera Oria: Pensamiento y acción social (en castelán). Madrid: Encuentro. ISBN 9788474901504.