Xuntas Militares de Defensa

Organización militar na Restauración
(Redirixido desde "Xuntas de Defensa")

As Xuntas Militares de Defensa foron unhas organizacións militares, corporativas, de carácter pretoriano, legalizadas en España en xuño de 1917 durante o reinado de Afonso XIII. Amparadas polo rei exerceron como grupo de presión militar sobre o poder civil, intervindo activamente na vida política e contribuíndo así á crise do réxime da Restauración. Reconvertidas en comisións informativas polo ministro de Guerra, o xeneral José Villalba Riquelme, foron abolidas en novembro de 1922, dez meses antes do golpe de estado de Primo de Rivera que puxo fin ao período constitucional do reinado de Afonso XIII.

Nadas en 1916 agrupaban aos xefes e oficiais con destino na península que reclamaban o aumento dos seus salarios (o seu poder adquisitivo diminuíra por mor da inflación provocada pola Gran Guerra) e que tamén protestaban polos rápidos ascensos por "méritos de guerra" que obtiñan os seus compañeiros destinados en Marrocos, que lles permitían aumentar os seus ingresos e progresar na escala.[1]

HistoriaEditar

OrixeEditar

 
Xeneral Ramón Echagüe e Méndez Vigo, ministro da Guerra entre 1913 e 1915.

A orixe das Xuntas de Defensa remóntase ao descontento provocado entre certos sectores do Exército polos intentos de reforma militar emprendidos polos gobernos do conservador Eduardo Dato e do liberal conde de Romanones. O xeneral Ramón Echagüe e Méndez Vigo, ministro de Guerra con Dato, presentou en novembro de 1915 un plan de redución do excesivo número de oficiais, un dos grandes problemas do exército español, mediante retiros anticipados, pero non logrou que se aprobase pois o goberno caeu ao mes seguinte. O plan foi retomado polo seu sucesor á fronte do Ministerio de Guerra, o xeneral Agustín Luque e Coca, que incluía a amortización dun bo número de vacantes co que uns 4.800 xefes e oficiais quedarían sen destino. Ademais establecía unha fórmula de compromiso sobre o polémico tema dos ascensos: manter os ascensos por antigüidade en tempos de paz, aínda que introducindo exames para valorar a aptitude dos candidatos, e deixando aberta a posibilidade de que se puidesen conceder ascensos por méritos no futuro, que serían supervisados polo Consello Supremo de Guerra e Mariña.[2]

O plan provocou o rexeitamento dos xefes e oficiais de grao inferior a coronel con destino na península ibérica que eran os máis afectados pola reforma e que ademais defendían a escala pechada nos ascensos —é dicir, por estrita antigüidade, sen exames polo medio—.[3] En 1916 formouse en Barcelona unha Xunta de defensa da arma de Enxeñeiros que ademais reclamaba poder compatibilizar os seus destinos coa práctica civil da profesión. No outono seguiron o seu exemplo, tamén en Barcelona, a oficiais da arma de Infantaría que crearon a súa propia Xunta, que non só se opuña á reforma do xeneral Luque, senón tamén aos ascensos por méritos e ao favoritismo na súa concesión, e ademais reclamaba o aumento dos seus soldos cuxo poder adquisitivo vírase reducido pola inflación provocada pola Gran Guerra. O movemento «xunteiro» estendeuse por toda a península formando unha rede de xuntas locais e rexionais que culminaba nunha Xunta Central de Defensa, con sede en Barcelona, e a cuxo fronte estaba o coronel do rexemento de Vergara, Benito Márquez Martínez.[4]

Recoñecemento e apoxeoEditar

As Xuntas esixían o seu recoñecemento legal contra a oposición do goberno. En abril de 1917, caeu Romanones sendo substituído por un goberno presidido polo tamén liberal Manuel García Prieto, cuxo ministro de Guerra, o xeneral Francisco Aguilera y Egea ordenou a disolución das Xuntas. A tensión entre o goberno e as Xuntas chegou ao seu clímax na última semana de maio.[5] O 1 de xuño, a Xunta de Defensa de Barcelona presentou un escrito ao capitán xeral de Cataluña no que esixía a posta en liberdade dos oficiais detidos por pertencer ás Xuntas e o recoñecemento das mesmas e ameazaba con romper a disciplina se non se aceptaban as súas demandas.[6]

 
O coronel Márquez cara a 1914

O rei, que seguira o conflito con gran preocupación, buscando, segundo o historiador Manuel Suárez Cortina, "unha solución que non lle restase prestixio no interior do Exército", púxose ao lado das Xuntas por mor da "necesidade de manter unido o Exército" e "ante a inminente ameaza dun golpe de estado", "aínda que para iso tivese que desautorizar ao seu ministro de Guerra e cambiar o goberno liberal por un conservador, nun último intento de normaliza-la situación".[5]

Segundo o historiador Javier Moreno Luzón, "o rei, que ao comezo apoiara aos seus ministros,... posto na tesitura de elixir entre a afirmación do poder civil e a simpatía dos estratos intermedios do exército, inclinou a balanza a prol destes últimos, aos que cubriu de eloxios polo seu encomiable patriotismo". Caeu o goberno de García Prieto e formouse outro conservador, baixo a presidencia de Dato, que se apresurou a claudicar mediante a aprobación do regulamento xunteiro".[6][7] "Quizais as autoridades cresen que as concesións axudarían a domeñar a indisciplina, pero desde ese instante as Xuntas víronse lexitimadas para interferir na vida política do país como efectivamente fixeron en anos sucesivos".[8]

Así pois, o ocorrido en 1905-1906 en relación cos feitos do Cu-Cut! e a posterior Lei de Xurisdicións volveu repetirse en 1917: os militares apelaron ao rei e este púxose de novo da súa parte; obrigou ao goberno a dimitir, substituíndoo por outro presidido polo conservador Eduardo Dato, o cal suspendeu as garantías constitucionais, censurou a prensa e aceptou o regulamento das Xuntas de Defensa.[9] Ademais pechou as Cortes aos poucos días.[10]

Coa caída do goberno liberal de García Prieto e a súa substitución por Dato, como resultado da presión conxunta dos militares e da Coroa, demostrábase que agora non eran os partidos os que determinaban a quenda senón que os centros de decisión política estaban a desprazarse cara aos cuarteis e o Palacio Real. "Xuño de 1917 significou unha especie de punto de non retorno nese esvaramento, pois dende ese momento até setembro de 1923, cando o golpe de estado de Primo de Rivera puxo fin á monarquía constitucional, producíronse en España 14 crises totais de goberno, convocáronse catro eleccións xerais e até tres presidentes do Consello de Ministros caeron por directa presión militar.[…] Á vez que os gobernos caían por unha combinación de falta de apoio entre todas as faccións do mesmo signo con presenza no Congreso e por presións dende fóra, producíronse os dous fenómenos que acabarán empuxando ao sistema liberal na dirección contraria aos reiterados propósitos de rexeneración. Ante todo, o Rei incrementou as posibilidades e as ocasións de intervir no xogo político co encargo de formar goberno a un ou outro xefe de facción, reservándose a capacidade de decidir sobre a oportunidade da convocatoria de eleccións. [...] O segundo foi a cesión da iniciativa política aos militares e, ante o crecemento da protesta social, a militarización da orde pública. Era, renacido, o problema militar, a política pretoriana, evidente nesa vontade dos militares de actuar como un grupo de presión corporativo e de presentarse como unha alternativa política: non son xa os espadones, como no século XIX, senón o Exército como corporación".[11]

Durante a folga xeral revolucionaria de 1917 as Xuntas de Defensa, das que os socialistas pensaban que mantiñan con elas «esenciais coincidencias», puxéronse de parte da orde establecida, e non só non encabezaron ningunha revolución senón que se empregaron a fondo na represión —"tampouco os soldados formaron sóviets cos obreiros, ao modo ruso, senón que en xeral obedeceron aos seus xefes", sinala Moreno Luzón—.[12] Como comentou un oficial de gornición en Barcelona, as tropas «tiveron que castigar de duro desde un principio e grazas a isto terminouse pronto pois os revolucionarios críanse que o exército estaba con eles».[13] Trala folga de agosto, as Xuntas de Defensa meteron presión ao goberno conservador de Eduardo Dato conseguindo que dimitise en outubro, o que, segundo Ángeles Barrio, "confirmaba, en todo caso, a dependencia política con respecto ao exército para formar ou manter ao goberno, xa fose liberal ou conservador".[14]

O "goberno de concentración" presidido polo liberal Manuel García Prieto, que substituíu ao goberno de Dato, durou moi poucos meses a causa, entre outras razóns, das presións das Xuntas de Defensa e das diverxencias xurdidas no seu seo respecto da política a seguir con elas. O ministro da Guerra, o conservador Juan de la Cierva Peñafiel, apoiou pola súa conta as reivindicacións das Xuntas, o que provocou que García Prieto perdese o apoio do resto das faccións liberais, pero cando presentou a dimisión as Xuntas obrigárono a continuar. Finalmente foi a folga de funcionarios, quen estimulados polo exemplo dos militares formaron as súas propias Xuntas, a que acabou co goberno. García Prieto decretou a disolución do corpo de Correos e Telégrafos, que era o que iniciara a folga, mentres os militares ameazaban coa formación dun goberno presidido por De la Cierva. Entón o rei encargou ao conde de Romanones que reunise a todos os xefes de facción liberais e conservadores para que buscasen unha saída. De aí xurdiu un novo goberno de concentración, chamado «Goberno Nacional», presidido polo conservador Antonio Maura.[15]

Decadencia e disoluciónEditar

Tres anos despois, tralo desastre de Annual de xullo de 1921, formouse un novo goberno de concentración presidido tamén por Antonio Maura.[16] Este goberno volveu ocuparse das Xuntas de Defensa. En xaneiro de 1922, o ministro de Guerra, de novo Juan de la Cierva, transformounas en meras «comisións informativas» integradas no seu ministerio, aínda que para conseguir que o rei asinase o decreto o goberno tivo que empregarse a fondo, presentando incluso a dimisión —o rei manifestara as súas "dúbidas" sobre a oportunidade da medida e mantivera contactos cos coroneis xefes das Xuntas—.[17] O goberno de Maura aguilloado pola «cuestión das responsabilidades» do desastre de Annual durou só oito meses e en marzo de 1922 foi substituído por un goberno conservador presidido por José Sánchez Guerra.[16]

 
Retrato do rei Afonso XIII con uniforme de húsar (1927).

O goberno de Sánchez Guerra intentou facer fronte ao crecente intervencionismo militar e propúxose someter as Xuntas de Defensa, chamadas, daquela, comisións informativas, contando esta vez coa colaboración do rei. En xuño de 1922, nunha reunión cos militares da gornición de Barcelona, Afonso XIII criticou as Xuntas, polo que pasou de ser considerado por elas coma un opoñente, en troques dun aliado, como era considerado até entón —a cambio recibiu sinais de apoio por parte dos militares "africanistas" destinados no Protectorado—. O rei, dixera:[18]

Actualmente, asusta notar no noso exército agrupacións que, aínda que as motivara un desexo tal vez nobilísimo, están francamente, fóra do que aconsella a obediencia máis elemental e a disciplina fundamental. O oficila non pode se meter en política.

O goberno manifestou nas Cortes que apoiaba as palabras do monarca. Ante a petición formulada polo deputado independente Augusto Barcia de que fosen disoltas as Xuntas, o presidente contestou que «xamais aplaudín nin atopei acertado, no que tivo de ilexítima, a actuación desas chamadas Xuntas; nin antes, nin despois, nin agora», asegurando a continuación que de situarse á marxe da lei, o goberno actuaría. Os deputados reformistas, republicanos e socialistas criticaron a intervención do rei por excederse do seu papel constitucional, lembrando ademais o apoio que dera ás Xuntas no pasado, e tamén reprocharon ao goberno que se amparase no monarca para expresar a súa opinión sobre o tema.[19]

Finalmente as Cortes aprobaron en novembro de 1922 unha lei que establecía a disolución das comisións informativas (novo nome das Xuntas de Defensa) e as normas que se debían seguir para os ascensos por méritos de guerra, atendendo así unha das súas reivindicacións. Desta xeito, restableceuse a unidade do oficiais Exército de África e os Xunteiros do Exército español.[20]

NotasEditar

  1. Suárez Cortina (2006), p. 193
  2. Suárez Cortina (2006), pp. 193-194
  3. Moreno Luzón (2009), p. 446
  4. Suárez Cortina (2006), pp. 194-195
  5. 5,0 5,1 Suárez Cortina (2006), p. 195
  6. 6,0 6,1 Moreno Luzón (2009), p. 444
  7. Moreno Luzón (2009), pp. 446-447
  8. Moreno Luzón (2009), p. 447
  9. Juliá (1999), p. 42
  10. Barrio Alonso (2004), p. 15
  11. Juliá (1999), pp. 42-43
  12. Moreno Luzón (2009), p. 450
  13. Tusell & García Queipo de Llano (2002), pp. 297-298
  14. Barrio Alonso (2004), pp. 16-17
  15. Barrio Alonso (2004), p. 21
  16. 16,0 16,1 Barrio Alonso (2004), p. 59
  17. Tusell & García Queipo de Llano (2002), pp. 375-376
  18. Tusell & García Queipo de Llano (2002), pp. 377-378
  19. Tusell & García Queipo de Llano (2002), pp. 378-379
  20. Boyd (2003), p. 234

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Alonso Ibáñez, Ana Isabel (2004). Las Juntas Militares de Defensa (1917-1922) (en castelán). Madrid: Ministerio de Defensa. 
  • Barrio Alonso, Ángeles (2004). La modernización de España (1917-1939). Política y sociedad (en castelán). Madrid: Síntesis. ISBN 84-9756-223-2. 
  • Boyd, Carolyn P. (2003). "El rey-soldado". En Moreno Luzón, Javier. Alfonso XIII. Un político en el trono. Madrid: Marcial Pons. ISBN 84-95379-59-7. 
  • Juliá, Santos (1999). Un siglo de España. Política y sociedad (en castelán). Madrid: Marcial Pons. ISBN 84-9537903-1. 
  • Moreno Luzón, Javier (2009). "Alfonso XIII, 1902-1931". En Fontana, Josep; Villares, Ramón. Historia de España. Vol 7: Restauración y Dictadura (en castelán). Barcelona / Madrid: Crítica/Marcial Pons. ISBN 9788474239218. 
  • Suárez Cortina, Manuel (2006). La España Liberal (1868-1917). Política y sociedad (en castelán). Madrid: Síntesis. 
  • Tusell, Javier; García Queipo de Llano, Genoveva (2002 [2001]). Alfonso XIII. El rey polémico (en castelán) (2ª ed.). Madrid: Taurus. ISBN 84-306-0449-9. 

Outros artigosEditar