Xerardo Moscoso
Xerardo Moscoso Caamaño, nado o 24 de febreiro de 1945 na Cidade de México e finado en Torreón (Coahuila) o 23 de maio de 2021[1][2], foi un cantautor galego, vencellado nos seus inicios ao colectivo Voces Ceibes, médico de profesión, que exercería tamén diversos oficios vencellados á interpretación dramática, tanto no cinema como no teatro.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 24 de febreiro de 1945 Cidade de México |
Morte | 23 de maio de 2021 (76 anos) Torreón, México |
Actividade | |
Ocupación | cantautor, médico, dramaturgo |
Instrumento | Voz |
Traxectoria
editarFillo de galegos na emigración, estudou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, onde participou das mobilizacións estudantis do ano 1968. Nesa mesma época entrou en relación con diversos integrantes da canción, participando no recital do 26 de abril de 1968, na Facultade de Medicina, xunto con Benedicto, Xavier del Valle, Guillermo Rojo e Vicente Araguas. Nesea ocasión cantou as cancións Deuda cumprida e Réquiem Nº II. Ese recital foi un dos antecedentes da fundación do colectivo Voces Ceibes, ese mesmo ano.
Voces Ceibes
editarDentro das actividades do colectivo Voces Ceibes, Xerardo Moscoso, viaxou a Barcelona, onde gravou dous EP's de catro cancións titulados co seu nome. Tamén participou no recital dado o 1 de decembro do mesmo 1968 no cinema Capitol de Compostela, e tamén das primeiras xiras fóra de Galiza, visitando en xaneiro de 1969, Oviedo e Xixón. Tamén estivo presente, xunto con Benedicto e Bibiano en representación de Galiza na Exposición de Arte Contemporánea de Milán. O acto, organizado pola resistencia antifranquista no exilio, xuntaba a poesía e a canción ás artes plásticas, verdadeiras protagonistas. A exposición comezou o 10 de marzo de 1972, polo que coincidiu co asasinato en Ferrol de Daniel Niebla e Amador Rey, do que tiveron coñecemento unha vez alí.
En 1973, mentres paseaba por Pontevedra o cantautor foi ameazado de morte por un falanxista que chegou a apuntalo cunha arma e tivo que ser apartado por un grupo de testemuñas. No momento de ir denunciar o feito, foi intimidado pola policía a causa da súa militancia política, e decidiu, xunto cun compañeiro, marchar esa mesma noite para Suíza. Pasou os seguintes anos entre ese país e Francia, mentres no ano 1974 Voces Ceibes desapareceu como proxecto colectivo.
Xerardo Moscoso retornou do exilio en 1976, pasando a atoparse, malia a caída do réxime, nunha situación problemática. Por unha banda seguíuselle a prohibir as actuacións e comezou a ter problemas burocráticos, non se lle recoñeceu a dobre nacionalidade e debido a isto tampouco a validación do seu título universitario. Distintas presións impediron tamén que atopara traballo. Tras un concerto con Paco Ibáñez en Vigo, as autoridades déronlle trinta días para abandonar o país. Nese ano decidiu volver a México. En 1977 saeu á luz o que foi o seu primeiro e último LP Acción Galega, parte del gravado durante a estadía en Suíza, case sen medios nin asistencia profesional.
Relación co cinema
editarEn México pasou a traballar como extra cinematográfico, participando en diversos filmes. O azar fixo que nunha ocasión se ofrecese a atender como médico a Cantinflas durante unha rodaxe, quen lle abriu as portas a traballar como médico de rodaxe, oficio que realizou en máis de 100 filmes.
Teatro
editarDespois dunha longa traxectoria como médico, decidiu pasarse ao mundo do teatro, primeiro na interpretación, e anos despois, na dirección.
Durante o ano 2002 traballou como profesor de teatro do instituto Coahuilense de Cultura, e promoveu a creación do grupo de teatro La Gaviota. O grupo formouse con estudantes e obreiros dos concellos de San Pedro de las Colonias, Fc. Madero e Torreón Coahuila, nunha das zonas máis deprimidas e con maior problemática social de México. Como director de La Gaviota volveu a Galiza no ano 2007, nunha xira por diversas vilas e cidades, representando a obra La antología rota, sobre textos do poeta León Felipe.
Notas
editar- ↑ Redacción (24 de maio de 2021). "Pesar polo falecemento de Xerardo Moscoso, cofundador de Voces Ceibes, actor e director teatral". Nós Diario.
- ↑ X. R. Moscoso (23 de maio de 2021). "Fallece en México Xerardo Moscoso, cofundador de ‘Voces Ceibes’ y director y actor de teatro". Economía Digital.