Benedicto García Villar

cantante, mestre e sindicalista vinculado a Voces Ceibes

Benedicto García Villar, nado en Santiago de Compostela o 7 de maio de 1947 e finado ibídem o 4 de xuño de 2018,[1] foi un cantante, mestre e sindicalista galego que practicou a canción de autor de intervención política. Nos seus inicios estivo vencellado ao colectivo Voces Ceibes.[2]

Benedicto García Villar
Nacemento7 de maio de 1947
Lugar de nacementoSantiago de Compostela
Falecemento4 de xuño de 2018
Lugar de falecementoSantiago de Compostela
NacionalidadeEspaña
Ocupacióncantante
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Inicios editar

A mediados dos anos 60 comeza a carreira de Telecomunicacións en Santiago de Compostela carreira que continuará en Madrid entre os anos 1965 e 1967. Na capital do Estado ten a oportunidade de asistir, a principios do ano 1967, aos recitais que Raimon e Joan Manuel Serrat estaban a dar polas residencias de estudantes da capital. Inspirado pola experiencia, compón a súa primeira canción: "Un home" e comeza a relacionarse con Xavier Alcalá, que tamén estudaba na cidade. Xuntos acordan facer un grupo chamado "Os Novos Xoglares Galegos", que nunca tivo existencia alén do proxecto.

A finais do mesmo 1967, e xa de volta en Galiza, onde vai cursar estudos de Económicas, comeza a cantar para círculos de amigos, así como a entrar en contacto coa obra da poesía social de Celso Emilio Ferreiro, do que musica "Carta a Fuco Buxán". O seu primeiro concerto público ten lugar na Facultade de Filosofía e Letras de Santiago de Compostela. Nesa época tamén comeza a ter relación co cantautor Xavier del Valle, co que participará en varios recitais.

A Nova Canción Galega e Voces Ceibes editar

No ano 1968 vivirá as revoltas estudantís de Compostela, e comeza a relacionarse con figuras como Xesús Alonso Montero, Manuel María ou Lois Diéguez. Dos dous últimos vai musicar varios poemas. Tamén nese ano comeza a dar recitais por todo o país, sorteando os problemas coa censura política. Especialmente importante foi o acontecido na Facultade de Medicina de Santiago, e que serviu como punto final das mobilizacións estudantís do abril compostelán. Acompañado por Xavier del Valle, Xerardo Moscoso, Vicente Araguas e Guillermo Rojo, participa do que sería lembrado como acto fundacional da Nova Canción Galega. O recital aglutina a unhas 2000 persoas que o converterán nun acto simbolicamente político.

En maio de 1968 participa da fundación do colectivo Voces Ceibes, grupo inspirado nas experiencias de Els Setze Jutges e dos vascos Ez dok amairu. Os seus principios eran o monolingüísmo en galego, a temática social e o rexeitamento do folclore galego, naquel momento vencellado aos fastos franquistas. Tamén compartían coas experiencias vasca e catalá o seu sentido da comunidade, por riba dos individualismos persoais.

Represión política editar

En xullo dese ano, é chamado ao Silos Club de Pontevedra, para facer de xurado e tamén actuar no Festival Galego da Canción Moderna. Durante a súa actuación, no momento no que interpreta a canción "Carta a Fuco Buxán", vai ser impelido dende bambolinas por dous membros das forzas de seguridade para que pare de cantar. Benedicto remata a canción e despois informa ao público da situación, momento no que os membros das forzas de seguridade entran no escenario e detéñeno. Por este feito pasará a noite nunha cela e recibirá unha multa por interpretar canciones prohibidas y dirigir frases subversivas a los asistentes.[2] Tamén se presionará á organización dun acto relixioso no que ía participar ao día seguinte en Ribadumia para que o retirase do programa, cousa que finalmente acontece.[Cómpre referencia]

Ese mesmo verán as autoridades deterán tamén un concerto de Benedicto, Xavier del Valle e Vicente Araguas na Sociedade Cultural e Deportiva "Bertón" en Caranza, Ferrol, por consideralo subversivo.[Cómpre referencia]

Primeiro traballo e concertos internacionais editar

A mediados de 1968, unha parte do colectivo Voces Ceibes viaxará a Barcelona, para gravar os seus primeiros traballos. xorde así, gravado nos estudios Gema, o EP Benedicto, máis coñecido como No Vietnam, un dos catro temas dos que constaba, primeiro traballo editado polo autor.

O 1 de decembro de 1968 participará, xunto co resto dos membros de Voces Ceibes nun concerto no cine Capitol de Compostela. En xaneiro de 1969 visitará con outros membros do colectivo, as cidades de Oviedo e Xixón, dando por primeira vez un recital fóra das fronteiras de Galiza.

No ano 1970, ingresa no PCG, co que comeza a colaborar até que, a consecuencia da súa militancia é expulsado da Universidade[Cómpre referencia] e chamado a filas a Madrid, algo que sumado á falta de autorización da maior parte dos recitais, suporá un parón na súa carreira musical. Durante ese ano participará na capital do Estado español dos actos de protesta contra o Proceso de Burgos, colaborando co colectivo Canción del Pueblo. Tamén en Madrid escoita por primeira vez un disco do portugués José Afonso. O requirimento do colectivo Voces Ceibes fará que retorne a Galiza en xullo de 1971. Non será readmitido na Universidade de Santiago de Compostela.

Co seu retorno, o colectivo comeza os primeiros recitais fóra do Estado español, con actuacións en Tolosa para os exiliados e tamén nos Países Baixos. Benedicto Xerardo Moscoso e Bibiano serán chamados para representar a Galiza dentro da Exposición de Arte Contemporánea de Milán, un acto da resistencia antifranquista no exilio, que xuntaba a poesía e a canción ás artes plásticas, verdadeiras protagonistas. A exposición comezaba o 10 de marzo de 1972, polo que coincidirá co asasinato en Ferrol de Daniel Niebla e Amador Rey, do que terán coñecemento unha vez alí. Á súa volta, Benedicto é visitado e intimidado pola policía.[Cómpre referencia]

No ano 1972, Benedicto e Bibiano participan nunha serie de festivais internacionais, visitando Asturias, París, Bruxelas e Suíza.

Relación con José Afonso editar

En abril de 1972 viaxará a Portugal para coñecer a José Afonso, co que fai unha grande amizade, dándolle a coñecer o universo cultural galego. José Afonso actuaría en Santiago de Compostela o 10 de maio dese mesmo ano a instancias de Benedicto. Entre 1972 e 1974 Benedicto acompáñao de xira por Galiza, Asturias, Portugal, Francia e Bélxica e participa en 1973 na gravación do disco Eu vou ser como a toupeira. Animado polo cantautor portugués comezará tamén a colaborar con Amnistía Internacional, en apoio dos presos políticos.[Cómpre referencia]

Froito desta relación foi a coincidencia da canción Nosa Señora da Guía (no disco Pola Unión de Benedicto) e a canción Chula da Póvoa (do disco Com as minhas tamanquinhas de José Afonso) que en realidade son dúas versións da mesma canción raiana, que ambos coñecerían xuntos nunhas vacacións.

Benedicto actuaría tamén no concerto homenaxe ao portugués Galiza a José Afonso, celebrado en Vigo o 31 de agosto de 1985, no que interpretou a canción Cantigas do Maio. En 1987, tras a morte do Zeca, Benedicto sería o impulsor dunha serie de conferencias, homenaxes e recitais sobre o cantor portugués, nos que reuniu e implicou a importantes figuras da música galega (Emilio Cao, Milladoiro...), e internacional (Luís Pastor, María del Mar Bonet ou Pi de la Serra).

Xa no 2006, Benedicto colaborará activamente na iniciativa Unha rúa para o Zeca Afonso, que reivindicaba que se lle dese o nome do cantautor portugués a unha rúa de Santiago de Compostela. Despois de que a iniciativa reunise case tres mil sinaturas, e conseguise numerosas adhesións o concello da cidade aproba a petición o 29 de novembro de 2006.

Final de Voces Ceibes editar

A finais do ano 1974 o grupo decide finalizar o proxecto colectivo Voces Ceibes e dar comezo ao Movemento Popular da Canción Galega onde, cunha perspectiva ampla, teñen cabida múltiples artistas de distintos estilos. O novo colectivo consegue reunir o 2 de marzo de 1975 no seu único concerto a máis de 5000 persoas no Pavillón do Obradoiro, en Santiago de Compostela.

Actividade tras a morte de Franco editar

Coa morte do ditador, as actividades relacionadas coa música protesta aumentan notabelmente.[Cómpre referencia] Así, Benedicto tivo a ocasión de participar no I Festival dos Pobos Ibéricos, celebrado en Madrid, e noutros eventos similares, marcados pola vixilancia policial, e en ocasións, pola represión.[Cómpre referencia] Tamén continúan durante estes anos as prohibicións de actuar para boa parte dos recitais solicitados.[Cómpre referencia]

Foi especialmente famoso o concerto que deu xunto con Bibiano o 25 de xuño de 1976 no Pavillón dos Deportes da Coruña.[3] O concerto, en solidariedade co dirixente comunista Santiago Álvarez, preso no penal de Carabanchel, converteuse nun acto de reivindicación galeguista e nun dos fitos culturais máis importantes da transición en Galiza.[3]

No ano 1976, Benedicto gravou o seu primeiro LP, Pola Unión. Parodoxicamente o novo estadio político supón tamén a decadencia dos movementos de resistencia cultural en Galiza. Entre 1975 e 1980 a actividade musical aínda será intensa, pero pouco despois prodúcese o declive da canción protesta. Benedicto só sacou un traballo máis en solitario: Os nomes das cousas, en 1979, abandonando pouco despois, e salvo actuacións esporádicas, a súa actividade na canción. En 1980 abandonou tamén a súa militancia no PCG, non así a súa actividade como sindicalista, que traslada do mundo do espectáculo ao eido da escola pública cando comeza a súa actividade como mestre no 1982. Vinculado a Comisións Obreiras, entre 1985 e 1995 traballará en exclusiva en labores sindicais, con distintos cargos, pasando a partir dese ano, a traballar de novo como mestre.

Benedicto colaborou con Amnistía Internacional,[Cómpre referencia] ademais de participar na dirección da organización Pola Esquerda e con outros movementos sociais. Colaborou tamén en distintos medios galegos con artigos de opinión ata que unha enfermidade dexenerativa, Corea de Huntington, o foi apartando de todo tipo de actividade.

Recoñecementos editar

En 1977 rodouse en Santiago de Compostela un documental titulado Benedicto, producido para a serie Yo canto, de TVE, dirixido por Manuel Garrido Palacios.

O 26 de xuño de 2014 fíxoselle unha homenaxe no Teatro Principal de Santiago de Compostela, "Polo mar da liberdade" organizado pola Fundación 10 de Marzo, conducido por Carlos Blanco e coa actuación de artistas como Uxía Senlle, João Afonso, Narf, Sérgio Tannus, Francisco Fanhais, Manuel Freire, Labregos do tempo dos Sputniks e a Orchestra Valdeorras.

O 28 de febreiro de 2015 fíxoselle outra homenaxe na Illa de Arousa, "Unha aperta a Benedicto dende a Arousa", debido á gran relación que sempre tivo coa súa xente, coa actuación da Orchestra Valdeorras, María Manuela, Couple Coffe, Narf, Uxía e conducido por Carlos Blanco.

O 19 de xullo de 2018 foille concedido o título póstumo de fillo predilecto de Santiago de Compostela.[Cómpre referencia]

Discografía editar

Discos en solitario editar

Gravacións non oficiais ou non editadas editar

Recompilatorios e discos colectivos editar

  • Galicia canta (LP colectivo, Pobovox, Caracas, Venezuela, 1970)
  • Cerca de mañana, canciones del País Vasco, Cataluña, Galicia y España (LP colectivo, 1972. Gravado e editado clandestinamente por CC.OO., Madrid) (Reeditado en edición facsímile pola Fundación Cipriano García, Barcelona, en 1997)
  • El nacimiento de una leyenda (Benedicto, Bibiano e Emilio Cao) (triplo LP, CFE-Guimbarda, Madrid, 1977)
  • 7 anos de canción galega (LP colectivo, Ruada, A Coruña, 1979)
  • A Gran Escolma da Música Galega (6 CD's colectivos, Fonomusic, Madrid, 1993)
  • Noticia da Nova Canción Galega (Duplo CD recompilatorio que inclúe as catro cancións do EP Benedicto, tamén coñecido como No Vietnam; 1996).
  • Galiza a José Afonso (concerto ao vivo de 1985, editado en 2000)

Colaboracións editar

Obra escrita editar

Notas editar

  1. Redacción (4 de xuño de 2018). "Morre Benedicto, fundador de Voces Ceibes". Sermos Galiza. Arquivado dende o orixinal o 03 de decembro de 2018. Consultado o 4 de xuño de 2018. 
  2. 2,0 2,1 Pérez Pena, Marcos (4 de xuño de 2018). "Morre Benedicto, a voz que cantou á liberdade". Praza Pública. Consultado o 4 de xuño de 2018. 
  3. 3,0 3,1 Pérez Pena, Marcos (25 de xuño de 2014). "Moitas voces para homenaxear a voz de Benedicto". Praza Pública. Consultado o 4 de xuño de 2018. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar