Abrir o menú principal

Xenreira foi un grupo musical galego xurdido a mediados dos 90 dentro do movemento cultural e musical contemporáneo ao rock bravú. A pesar da súas múltiples coincidencias con este fenómeno, onde algúns críticos non dubidan en clasificalos, os seus integrantes consideráronse representantes do rock irmandiño, unha música moito máis comprometida politicamente e con raíces en distintos estilos musicais, entre os que se conta o rock radical vasco, o ska, e tamén a canción protesta galega, especialmente o grupo Fuxan os Ventos.

Xenreira
OrixeA Estrada, Galiza Flag of Galicia.svg
Xénero(s)Rock
Selo(s) discográfico(s)Edicións do Cumio

TraxectoriaEditar

A carreira discográfica en solitario de Xenreira resúmese nun único disco: Érguete!!, de 1997, que supuxo unha forte influencia noutros proxectos musicais galegos, tanto da época como posteriores. As súas letras estiveron marcadas por un forte compromiso político independentista, e nelas aludíase á memoria da guerra civil española ("Mil Nove 36"), as mobilizacións dos anos 70 ("Onde a loita se chama Encrobas"), á situación das persoas presas ("Recluso 241"), á desobediencia civil ("Érguete", "Ozono"), ou ao sentimento de internacionalismo solidario coa loita da independencia irlandesa ("Mesmo berce, mesma loita"). Tamén puxeron música ao himno de Acción Gallega, escrito por Ramón Cabanillas. O disco contou coa participación, entre outras persoas, de Ugia Pedreira e Ramom Pinheiro "Chito", (por aquel entón ambos os dous membros de Chouteira), así como do histórico membro de Fuxan Os Ventos, Mini, por aquel entón n'A Quenlla. O disco estaba producido por Kaki Arkarazo, un histórico do rock radical vasco e ex-compoñente de Negu Gorriak e Nación Reixa, entre outros.

Ademais de Érguete!!, Xenreira colaborou en varios discos colectivos. No disco Selección Xa!, promovido pola revista Bravú para reivindicar unha selección nacional galega. Nel interpretaban a canción "Selección ská", xunto co futbolista da S.D. Compostela Nacho. Tamén aparecen en Unión Bravú (1996) co tema "¡Presente!".

Xenreira disolveuse no 1999. Desde entón, Marcos Payno, un dos seus membros, ten colaborado noutros proxectos musicais, como A Matraca Perversa, Galegoz, ou Le Glamour Grotesque.