Kay Rala Xanana Gusmão, nado como José Alexandre Gusmão o 20 de xullo de 1946 en Manatuto, é un político de Timor Leste. Antigo guerrilleiro, foi o primeiro presidente de Timor Leste, ocupando o cargo dende maio de 2002 até maio de 2007. Despois converteuse no cuarto primeiro ministro de Timor Leste, cargo que ostentou dende o 8 de agosto de 2007[1] até o 16 de febreiro de 2015. Dende marzo de 2015 ocupa o cargo de Ministro de Planificación e Investimento Estratéxico de Timor Leste.

Modelo:BiografíaXanana Gusmão

(2011) Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento20 de xuño de 1946 Editar o valor en Wikidata (78 anos)
Laleia, Timor Leste Editar o valor en Wikidata
Primeiro ministro de Timor Oriental
1 de xullo de 2023 –
← Taur Matan Ruak
Primeiro ministro de Timor Oriental
8 de agosto de 2007 – 16 de febreiro de 2015
← Estanislau da SilvaRui Maria de Araújo →
Presidente de Timor Leste
20 de maio de 2002 – 20 de maio de 2007
← sen valor – José Ramos-Horta → Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico, escritor Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1975 Editar o valor en Wikidata -
Partido políticoCongreso Nacional de Reconstrución de Timor Leste
Fretilin Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeKirsty Sword Gusmão Editar o valor en Wikidata
IrmánsArmandina Maria Gusmão dos Santos Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

IMDB: nm0348904 Editar o valor en Wikidata

Traxectoria

editar

Gusmão naceu en Manatuto, naquel momento pertencente ao Timor portugués, fillo de mestres de escola, con antepasados tanto portugueses como timorenses.[2] Estudou cos xesuítas até os 15 anos, cando tivo que deixalo por cuestións económicas e poñerse a traballar, aínda que seguiu estudando polas noites. Tomou o seu alcume, "Xanana", da banda de rock americana Sha na na, que á súa vez leva ese nome por unha canción do grupo The Silhouettes.

En 1966, Xanana conseguiu un posto de funcionario, o que lle permitiu continuar os seus estudos. Pero tivo que interrompelos cando en 1968, o exército portugués o reclamou para realizar o servizo militar. Serviu durante tres anos, alcanzando o rango de cabo. En 1971 rematou o servizo e involucrouse nunha organización nacionalista liderada por José Ramos-Horta. Durante os seguintes tres anos participou activamente nas protestas pacíficas contra o sistema colonial.

En 1974, coa Revolución dos Caraveis, comezou a descolonización do Timor portugués, e pouco despois o gobernador Mário Lemos Pires, anunciou plans para garantir a independencia da colonia. Os plans contemplaban a realización de eleccións xerais con vistas á independencia en 1978.

Durante 1975, houbo friccións entre dúas faccións rivais no Timor portugués. Gusmão involucrouse profundamente na FRETILIN (Fronte Revolucionaria de Timor Oriental Independente) e posteriormente foi arrestado e encarcerado pola facción rival, a UDT (Unión Democrática Timorense). Tomando vantaxe dos problemas internos e con intencións de absorber a colonia, Indonesia comezou unha campaña de desestabilización con frecuentes incursións no Timor portugués. A finais de 1975 a FRETILIN fíxose co poder do territorio e Gusmão foi liberado. Déronlle o cargo de Secretario de Prensa da organización. O 28 de novembro de 1975, a FRETILIN declarou a independencia do país co nome de "República Democrática de Timor Leste" e Gusmão foi o responsable de filmar a cerimonia. Nove días despois, Indonesia invadiu o novo país. Nese intre, Gusmão estaba visitando uns amigos fóra de Dili e viu a invasión dende as montañas. Os seguintes días dedicounos a buscar á súa familia.

Ocupación indonesia

editar

Despois do nomeamento do "Goberno Provisional de Timor Leste" por parte de Indonesia, Gusmão involucrouse fortemente nas actividades de resistencia. Foi en gran parte responsable do nivel de organización que acadou a resistencia, e que finalmente a levou ao éxito.

Os primeiros días foi camiñando de aldea en aldea buscando apoio e novos membros para a guerrilla. Pero despois de que a FRETILIN sufrise algúns contratempos importantes a principios dos anos oitenta, incluíndo un fracasado golpe en 1984 contra o liderado de Gusmão por parte de catro oficiais das Forzas Armadas de Liberación Nacional de Timor Leste (FALINTIL), entre eles Mauk Moruk,[3] Gusmão deixou a FRETILIN e apoiou varias coalicións centristas, converténdose finalmente nun importante adversario da FRETILIN. A mediados da década de 1980, xa era líder de primeira liña. Durante a década de 1990, participou profundamente na diplomacia e xestión de medios, e foi fundamental para alertar ao mundo do masacre de Santa Cruz que ocorreu en Dili o 12 de novembro de 1991. Gusmão foi entrevistado por moitos grandes medios e obtivo atención mundial.

A figura de Gusmão converteuse nun obxectivo principal para o goberno indonesio. Unha campaña para a súa captura foi finalmente exitosa en novembro de 1992. En maio de 1993, foi procesado, condenado e sentenciado a cadea perpetua polo goberno indonesio. Foi declarado culpable segundo o artigo 108 do Código Penal indonesio (rebelión), a Lei nº 12 de 1951 (posesión ilegal de armas de fogo) e o artigo 106 (intentar separar parte do territorio de Indonesia).[4] Falou na súa propia defensa e adxudicáronlle avogados defensores antes do inicio do xuízo. A sentenza foi conmutada a 20 anos polo presidente indonesio Suharto en agosto de 1993. Aínda que non foi liberado ata finais de 1999, Gusmão liderou con éxito a resistencia dende dentro da cadea coa axuda de Kristy Sword. Na cadea foi visitado regularmente por representantes das Nacións Unidas e persoeiros como Nelson Mandela.

Transición á independencia

editar

O 30 de agosto de 1999 celebrouse un referendo en Timor Leste e unha maioría abafadora votou pola independencia. Entón o exército indonesio comezou unha campaña de terror, con terribles consecuencias.[5] Aínda que o goberno indonesio negou ter ordenado esta ofensiva, foron amplamente condenados por non o evitar. Como consecuencia da enorme presión diplomática das Nacións Unidas, promovida por Portugal desde finais dos anos setenta e tamén por Estados Unidos e Australia nos anos 90, unha forza internacional de paz (INTERFET) liderada pola ONU ingresou en Timor Oriental, e finalmente Gusmão foi liberado. Ao seu regreso ao seu Timor Leste, iniciou unha campaña de reconciliación e reconstrución.

Gusmão tivo un papel importante na administración das Nacións Unidas que gobernou Timor Oriental ata o 20 de maio de 2002. Durante este tempo, continuou a campaña pola unidade e a paz en Timor Leste, e foi considerado o líder de facto da nación emerxente. As eleccións realizáronse a finais de 2001 e Gusmão, respaldado por nove partidos pero non pola FRETILIN, presentouse como independente e saíu vencedor. Como consecuencia, converteuse no primeiro presidente de Timor Leste cando o país se fixo formalmente independente o 20 de maio de 2002.[6]

Timor Leste independente

editar

O 21 de xuño de 2006, Gusmão pediu ao primeiro ministro Mari Alkatiri que dimitise ou senón faríao el, debido ás alegacións de que Alkatiri ordenara a un "escuadrón da morte" que ameazase e matase aos seus opoñentes políticos.[7] Membros importantes da FRETILIN reuníronse o 25 de xuño para discutir o futuro de Alkatiri como primeiro ministro, no medio dunha protesta que involucrou a miles de persoas que pedían a Alkatiri que renunciase no canto de Gusmão.[8] Malia recibir un voto de confianza do seu partido, Alkatiri dimitiu o 26 de xuño de 2006 para acabar coa incerteza. Ao anunciar isto, dixo: "Declaro que estou listo para renunciar á miña posición como primeiro ministro do goberno ... para evitar a renuncia da súa Excelencia o Presidente da República". As acusacións sobre os "escuadróns da morte" contra Alkatiri foron posteriormente rexeitadas por unha Comisión das Nacións Unidas, que tamén criticou a Gusmão por facer declaracións incendiarias durante a crise.[9]

Gusmão rexeitou un novo mandato nas eleccións presidenciais de abril de 2007. En marzo de 2007, dixo que lideraría o novo Congreso Nacional para a Reconstrución Timorense (CNRT) nas eleccións parlamentarias previstas para o ano seguinte e dixo que estaría disposto a ser primeiro ministro se o seu partido gañase as eleccións. Foi sucedido como presidente por José Ramos-Horta o 20 de maio de 2007.[10] O CNRT situouse segundo nas eleccións parlamentarias de xuño de 2007, detrás da FRETILIN, obtendo o 24,10% dos votos e 18 asentos. Gusmão gañou un asento no parlamento como cabeza de lista do CNRT. O CNRT aliouse con outros partidos para formar unha coalición que tería a maioría dos escanos no parlamento. Despois de semanas de disputa entre esta coalición e a FRETILIN sobre quen debería formar o goberno, Ramos-Horta anunciou o 6 de agosto que a coalición liderada polo CNRT formaría o goberno e que Gusmão sería primeiro ministro o 8 de agosto.[11] Gusmão xurou o cargo no palacio presidencial en Dili o 8 de agosto.[1][12]

O 11 de febreiro de 2008, unha caravana de vehículos, nos que viaxaba Gusmão, foi tiroteada unha hora despois de que o presidente José Ramos-Horta recibira un disparo no estómago. A residencia de Gusmão tamén foi ocupada por rebeldes. Tras varios tiroteos, algúns rebeldes morreron e outros fuxiron, descoñecéndose os motivos do ataque.[13]

En xaneiro de 2015, Xanana anunciou que deixaría o cargo de primeiro ministro. A súa renuncia foi confirmada en febreiro de 2015.

En marzo de 2015 converteuse en Ministro de Planificación e Investimento Estratéxico de Timor Leste.

Premios e recoñecementos

editar

En 1999, Gusmão foi galardoado co Premio Sakharov de Liberdade de Pensamento.

En xullo de 2000, Gusmão foi nomeado Compoñente Honorario da Orde do Mérito de Nova Zelandia (CNZM) polo avance das relacións entre Timor Leste e Nova Zelandia.[14]

En 2000, foi galardoado co Premio da Paz de Sydney por "liderar con valentía e principios a independencia do pobo timorense".

Tamén en 2000 gañou o primeiro Premio Gwangju de Dereitos Humanos creado para honrar "individuos, grupos ou institucións en Corea e no exterior que contribuíron a promover e avanzar nos dereitos humanos, a democracia e a paz a través do seu traballo".[15]

En 2002 foi galardoado co Premio Norte-Sur polo Consello de Europa.

Gusmão é membro eminente da Fundación Sergio Vieira de Mello.

Foi nomeado doutor honoris causa polas universidades de Coímbra, Porto, Madeira, a Universidade Lusíada de Lisboa, a Universidade Charles Darwin de Australia, Victoria (Australia), Suncheon (Corea do Sur) e Takushoku (Xapón).

O 9 de xuño de 1993 foi galardoado coa Gran Cruz da Orde da Liberdade de Portugal mentres estaba en prisión. O 14 de febreiro de 2006 foi agraciado co Grande Colar da Orde do Infante D. Henrique de Portugal. O 3 de marzo de 2011 recibiu a Gran Cruz da Orde de Ipiranga do Brasil.

Vida persoal

editar

En 1965, aos 19 anos, coñeceu a Emilia Batista, quen logo sería a súa muller. Casaron mentres el facía o servizo militar e tamén nese tempo tiveron dous fillos: Eugenio e Zenilda. Máis tarde divorciáronse e no ano 2000, casou coa activista Kirsty Sword, coa que tivo tres fillos: Alexandre, Kay Olok e Daniel.

Gusmão publicou unha autobiografía con escritos seleccionados titulado "To Resist is to Win". Tamén é o principal narrador da película A Hero's Journey / Where the Sun Rises,[16] un documental de 2006 sobre el e Timor Oriental. Segundo o director Grace Phan, é unha "visión íntima sobre a transformación persoal" do home que axudou a formar e liberar Timor Oriental.

  1. 1,0 1,1 "Xanana Gusmão xura como novo primeiro ministro de Timor Leste" (en inglés). 8 de agosto de 2007. Consultado o 22 de xullo de 2018. 
  2. Gunn, Geoffry C. (2003). First Globalization: The Eurasian Exchange, 1500 to 1800 (en inglés). Rowman & Littlefield. ISBN 0-7425-2661-5. 
  3. "Xanana Gusmao-Mauk Moruk: Timor struggles with its past and future". www.lowyinstitute.org (en inglés). 3 de decembro de 2013. Consultado o 23 de xullo de 2018. 
  4. Amnistía Internacional (1 de agosto de 1997). "Xanana Gusmão - A Briefing" (en inglés). Archived from the original on 14 de setembro de 2007. Consultado o 23 de xullo de 2018. 
  5. "El estado de emergencia no consigue frenar los asesinatos en masa y el éxodo de refugiados". El País (en castelán). 8 de setembro de 1999. Consultado o 23 de xullo de 2018. 
  6. "Nace el primer país del siglo XXI". El País (en castelán). 19 de maio de 2002. Consultado o 23 de xullo de 2018. 
  7. "El presidente de Timor Oriental acusa de golpista al primer ministro". El País (en castelán). 23 de junio de 2006. Consultado o 23 de xullo de 2018. 
  8. "East Timor ruling party meets to debate PM's future" (en inglés). Reuters. 25 de xuño de 2006. Arquivado dende o orixinal o 05 de xullo de 2006. Consultado o 23 de xullo de 2018. 
  9. "Informe da Comisión da ONU" (PDF). www.ohchr.org (en inglés). Consultado o 23 de xullo de 2018. 
  10. "Horta xura como novo presidente de Timor Leste" (en inglés). 21 de maio de 2007. Arquivado dende o orixinal o 04 de agosto de 2020. Consultado o 23 de xullo de 2018. 
  11. "Violence Erupts After Gusmao Named East Timor Prime Minister" (en inglés). 6 de agosto de 2007. Archived from the original on 22 de agosto de 2007. Consultado o 23 de xullo de 2018. 
  12. "Xanana Gusmao jura el cargo de primer ministro en medio de las protestas". La Voz de Galicia (en castelán). 8 de agosto de 2007. Consultado o 23 de xullo de 2018. 
  13. "Soldados rebeldes hieren al presidente de Timor Oriental". El País (en castelán). 11 de febreiro de 2008. Consultado o 23 de xullo de 2018. 
  14. "The New Zealand Order of Merit" (en inglés). 6 de xullo de 2000. Consultado o 23 de xullo de 2018. 
  15. "Premio Gwangju de Dereitos Humanos" (en inglés). Archived from the original on 03 de xuño de 2011. Consultado o 23 de xullo de 2018. 
  16. "Páxina oficial do filme" (en inglés). Consultado o 23 de xullo de 2018.