A existencia de vilas asolagadas no fondo de lagoas é un tema mitolóxico moi común nas tradicións orais, contos e lendas de diferentes países, incluíndo tamén a mitoloxía galega. Son lugares que foron asolagados baixo as augas como castigo divino ó seu comportamento malvado, pecadento e falto de hospitalidade e caridade, polo que non comprenden aquelas vilas que sufriron a mesma desaparición a consecuencia da construción dun encoro.

Fraguas di que "Son moitas as cidades asolagadas en que se verificou o misterioso afundimento e seguen dando mostras da súa vida no toque das campás, o canto dos galos e a visión de dexerga-las torres do campanario da igrexa", e recolle de Luís Monteagudo [1] a relación de 23 lugares asolagados en Galicia.

Os casos máis coñecidos refírense ás cidades de Antioquía, Valverde, Duio ou a Lagoa de Cospeito, pero na literatura popular pódese atopar unha chea de casos similares con diferentes variantes.

Orixe da lenda

editar

A pesar da ampla distribución xeográfica do mito, cabe observar unha estrutura común que non resulta desvirtuada polas variantes locais introducidas polas fontes ou os colectores. En case tódolos casos se retrotrae a lenda ó momento en que Xesús, San Pedro ou a Virxe andaban polo mundo, se ben hai casos nos que se trata de esmoleiros. Sexa quen fose, chegan a un lugar a pedir polas portas esmola, comida ou cobixo pero tódolos veciños lles pechan as portas sen atendelos. Tódolos veciños menos o máis pobre do lugar, que accede a compartir co visitante o pouco que ten. Como castigo ó comportamento dos lugareños, Deus manda caer sobre a vila unha arroiada que acaba por a asolagar, agás a casa do único veciño que se comportou caritativamente. Os veciños morren todos e a vila queda cuberta polas augas, e só en determinados momentos do ano pode ser advertida a súa existencia, ben porque se escoitan as campás da igrexa, ben porque asoma sobre a superficie da auga o curuto da torre da igrexa.

O mitema do Diluvio Universal como forma de castigo divino contra os humanos repítese desde hai miles de anos. No relato sumerio coñecido como a Epopea de Gilgamesh (2500-2000 aC) xa se describe o diluvio ordenado pola deusa Inanna (ou Ishtar) contra a cidade deste rei mítico e ó que unicamente sobreviven o sabio Utnapishtim e a súa esposa. No libro da Xénese da Biblia, Deus asolaga o mundo durante coarenta días ó ver que o pecado se estendía sobre a Terra.[2]; só se salvaron Noé e a súa familia (ademais dos animais que acolleron na arca).

Tamén na mitoloxía grega se recolle un feito semellante. No principio dos tempos, tras as Idades de ouro e de prata, Zeus creou os homes da Idade de Bronce, pero resultou que só vivían para a guerra, polo que decidiu castigar á humanidade por considerala unha raza viciosa, desapiadada, provocando un gran diluvio, do que só se salvaron a dous xustos: Deucalión e a súa esposa Pirra.[3]

Pero a diferenza destes diluvios universais, o caso das vilas asolagadas presenta sempre unha particularidade substancial: o castigo está localizado a unha vila ou lugar concreto e determinado, culpable dun comportamento egoísta, e non contra un amplo territorio e un alto número de persoas.

Algunhas vilas asolagadas

editar

Valverde

editar

Valverde é un nome común para referirse a diferentes vilas asolagadas, nesta forma ou nas de Vilaverde, Vila Valverde. A tradición xa foi recollida no Libro IV do Códice Calixtino, no século XII, e coñecido como Pseudo-Turpin. No capítulo III o autor nomea as cidades de España que vai conquistando Carlomagno e detense na de Lucerna, situada en Valverde, que non localiza xeograficamente:

"Todas as devanditas cidades, unhas sen loita, outras con grandes batallas e grande habilidade, conquistounas Carlomagno entón, agás a mencionada Lucerna, cidade moi fortificada que está en Valverde e que non puido tomar ata o final. Pero por fin chegou a ela, asediouna e mantivo o sitio por espazo de catro meses, e despois de elevar as súas preces a Deus e a Santiago, caeron as súas murallas e permanece inhabitable hata hoxe en día, pois no medio dela xurdiu un remuíño de auga negra onde nadan grandes peixes negros"
Códice Calixtino, Libro IV, cap. III (información tomada de Xosé López Díaz, px. 463).
  1. Galicia legendaria y arqueológica. Problemas de las ciudades asolagadas, Centro de Estudios de Etnología Peninsular, CSIC, Madrid 1957.
  2. "O ver o Señor que a maldade dos homes medraba na terra e que todos os seus pensamentos eran só para o mal, arrepentiuse de os ter posto sobre a terra, pesoulle no corazón. E decidiu: ‑"Vou borrar da terra o home que creei, e con el tamén o gando, as feras e os paxaros, pois mesmo sinto telos feito (Xénese, 6:5-7 [1]).
  3. "Cando Zeus determinou a destrución da raza de bronce, Deucalión, por consello de Prometeo, construíu unha arca e, dispoñendo nela todo o necesario, embarcouse na compaña de Pirra. Zerus fixo caer desde o ceo unha chuvia copiosa e inundou a maior parte da Hélade, de forma que pereceron tódolos homes" (Pseudo-Apolodoro I, 7.2).

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Xoán R. Cuba, Antonio Reigosa e Xosé Miranda: Dicionario dos seres míticos galegos, Xerais 2004 (4ª ed).
  • FRAGUAS, Antón: "A mitoloxía da auga", en VVAA: As augas de Galicia, Consello da Cultura Galega, 1996.
  • López Díaz, Xosé (tradución e notas): Códice Calixtino. O Liber Sancti Iacobi en galego, Xunta de Galicia, 2013.
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].