O mito das Idades xorde do relato do poeta grego Hesíodo[1], e consiste na descrición de xeito mitolóxico da evolución da humanidade desde a aparición do home no mundo.

A idade de ouro

Por un lado, existe a tradición de que Prometeo foi quen creou o home, mentres que Hefesto, por orde de Zeus, creou a primeira muller, Pandora como vinganza contra Prometeo e contra a humanidade. Segundo a mesma, os homes son posteriores ós deuses olímpicos.

Pero existe outra que explica que os homes naceron directamente da Terra[2], polo que reciben o nome de autóctonos, homes que a Terra pariu espontaneamente, polo que estaban vinculados permanentemente con ela.

O primeiro home nacido desta forma foi Alalcomeneo, nacido en Beocia. Foi especialmente famoso porque foi titor da deusa Atenea[3], nacida, como se sabe, sen nai. Homero utiliza este epíteto para identificar á deusa:

"Dúas son as deusas que ten Menelao como valedoras: a arxiva Hera e a alalcomeneide Atenea"
Ilíada IV, 7.

Tamén se di que foi el quen aconsellou a Zeus como calmar a ira da súa esposa Hera: díxolle que construíra unha estatua de madeira, que a vestise de noiva e simulara unha voda con ela, dando deste xeito celos a Hera e que esta recoñecese que amaba ó seu home.

Outros homes nacidos da terra serían os que xurdiron dos dentes de serpe que sementaron Cadmo e Xasón, e tamén os que naceron das pedras que lanzaron Deucalión e Pirra, únicos superviventes do diluvio que devastou a Terra[4].

Hesíodo, antes de desenvolver o Mito das Idades ou das Razas, relata as actuacións de Prometeo e a creación de Pandora, que Zeus fai regalar a Epimeteo, irmán de aquel. O obxectivo de Zeus era dar ós homes "un mal co que todos se folguen no seu corazón ó acariñar o seu mal"[5]. Os homes, daquela, vivían sen doenzas e sen duros traballos, pero Pandora abriu a xerra ou cofre que contiña tódolos males do mundo[6] e estes saíron e se esparexeron pola superficie da terra. Pandora pechou axiña a tapa pero tarde, cando só quedaba dentro a Esperanza. Desde ese momento, os males e as enfermidades provocan o sufrimento e a morte nos homes[7]. A seguir, Hesíodo comeza a describir o mito das Idades como se se tratase dunha tradición diferente.

 
Idade de Ouro (fresco de Pietro da Cortona, Sala della Stufa, Palazzo Pitti, Florencia)

Idade de Ouro

editar

Na Idade de Ouro, gobernada pola vontade de Cronos, os homes vivían cos deuses, ou como deuses. Foi unha época marcada pola paz e a felicidade. Os homes non tiñan preocupacións por nada, non necesitaban traballar para alimentarse, porque a Terra lles daba espontaneamente todo o que precisaban de forma abundante: froitas, grans, mel que gotexaba das árbores e leite de ovella e de cabra. Bailaban e rían continuamente. Eran mortais pero vivían durante moitos anos, sempre cun aspecto novo, sen avellentar, ata a morte con serenidade, que lles resultaba como un sono prolongado[8].

Estes homes terminaron por desaparecer ou converterse en xenios (démones) benefactores dos homes mortais, dispensadores de riqueza e defensores da xustiza.

"Sobre a terra rica en froitos trinta mil son os inmortais, por orde de Zeus, vixiantes dos homes mortais, estes vixían sentenzas e funestas accións cubertos de bruma, corren de acá para alá sobre a terra por todas partes"
Hesíodo: Trabajos y días 253-256

Idade de Prata

editar

Os homes da Idade de Prata foran creados polos deuses pero son unha raza inferior á anterior. Os varóns eran belicosos, vivían durante cen anos de forma moi infantil, subxugados ás súas nais, e cando chegaban á idade de xuventude vivían pouco tempo máis, con sufrimento. Eran comedores de pan e uns ignorantes, e non querían facer sacrificios ós deuses ("como é norma para os homes").

Por este motivo, por non honrar por deuses do Olimpo, foron exterminados por Zeus. Agora, sepultados baixo terra, son os benaventurados mortais, honorables pero inferiores.

Idade de Bronce

editar

Zeus creou unha terceira raza de homes mortais, a raza de Bronce. Naceu dos freixos e non comían pan; eran fortes, robustos e vigorosos. Estaban armados e gustaban da guerra porque eran desapiadados: vivían só para a guerra. Descubriron o bronce, que usaron para fabricar armas, ferramentas e ata as súas casas, pois descoñecían o ferro.

Zeus acordou exterminar esta xeración mediante un diluvio, ó que só sobreviviron Deucalión e Pirra [9].

"Cando Zeus determinou a destrución da raza de bronce, Deucalión, por consello de Prometeo, construíu unha arca e, dispoñendo nela todo o necesario, embarcouse na compaña de Pirra. Zerus fixo caer desde o ceo unha chuvia copiosa e inundou a maior parte da Hélade, de forma que pereceron tódolos homes"
Pseudo-Apolodoro I, 7.2

Idade dos heroes

editar
 
O heroe Teseo mata a Minotauro (Copa de Aison, s. V a. C., Museo Arqueolóxico Nacional, Madrid)

Zeus creou unha cuarta raza de homes. Eran homes nobles e xenerosos ó estar enxendrados polos deuses uníndose a mulleres mortais. Durante este tempo os heroes ou semideuses viviron e realizaron as súas proezas e loitaron con valor na conquista de Tebas, a expedición dos Argonautas e na Guerra de Troia, pero morreron aniquilados pola malvada guerra.

Foi a única raza humana que representou unha mellora con respecto da súa antecesora, entendendo esta mellora nun sentido moral pois a guerra, que tamén eles practicaban, era xusta. A Idade dos Heroes non corresponde con ningún metal, se ben tamén eran de bronce.

Cando morreron os heroes foron felices á Illa dos Benaventurados, nos Campos Elisios.

Idade de Ferro

editar

A Idade de Ferro é o tempo actual, formada por homes que descenden, de forma indigna, dos heroes, unha época na que Hesíodo confesa que prefiriría non vivir: ou morrer antes ou nacer despois, o que expresa con claridade o concepto negativo que tiña desta raza e deste momento. Son homes crueis, inxustos, luxuriosos, miserables, traizoeiros, agobiados día e noite pola fatiga e a miseria. Fabrican armas de ferro e fan a guerra con elas. Son malos fillos e deshonran ós pais, ós que desprezan en canto chegan a vellos, e loitan contra os irmáns. Os pais non semellan ós fillos nin os fillos ós pais. Os tratados de hospitalidade son constantemente violados e non teñen consideración dos que respectan os xuramentos, nin dos xustos nin dos bos. A envexa, que se alegra do mal alleo, imporase en tódolos homes malvados.

Cando se alcance esta situación, as divindades Aidós (a personificación do respecto) e Némese (personificación da vinganza divina e a conciencia pública)[10] abandonarán a terra e ós homes para refuxiarse no Olimpo, e ós mortais só lles quedará o mal e a dor. Hesíodo advirte que Zeus tamén destruirá esta raza, cando ó nacer teñan canas[11].

Outras versións

editar

O poeta romano Ovidio contou un mito similar, pero con só catro idades, no libro I do seu poema Metamorfoses (vv. 89-150). O seu relato é semellante ao de Hesíodo, pero omite a idade dos Heroes.

Na Idade de Ouro cultivábase a lealdade e o ben, sen necesidade de autoridade. Non se temía ós xuíces porque non existía castigo nin táboas de bronce (en alusión a códigos de leis). As cidades non precisaban de foxos que as rodeasen nin había cascos, nin espadas nin cornos de bronce. A terra, sen que fixera falta sacho nin arado, dábao todo por si mesma. A primavera era eterna e unha suave brisa movía as flores. Corrían ríos de leite e de néctar e o mel gotexaba das verdes aciñeiras.

 
Os horrores da Idade de Ferro

Cando Cronos foi botado ó Tártaro por Zeus, este creou a Raza de Prata. A eterna primavera foi substituída polo paso das catro estacións e o home tivo que soportar calores abrasadores e ventos glaciais. As casas eran antros feitas con ramas, mato e cortiza. Os homes tiveron que xunguir bois e arar os campos para comezar a sementar e poder comer.

A Idade de Bronce era cruel e disposta ás armas, pero non de carácter criminal como o foi a Raza de Ferro. Esta trouxo consigo crimes de todo tipo, os enganos, as fraudes, a violencia e a ansia de posuír, á vez que desapareceron a verdade e a lealdade. Os homes comezaron a navegación, baixo uns ventos que descoñecían, e foi necesario marcar os lindes das leiras. Non só se traballaba a terra senón que se escavaron as entrañas da terra para tomar as riquezas. Apareceu o ferro e o ouro e con eles a guerra, que loita cun e co outro. O hóspede non está seguro co seu hospedador, nin o varón coa súa esposa nin esta co seu home.

"Vencida xace a piedade e a virxe Astrea [a Xustiza] abandona, a última dos celestiais, as terras enchoupadas de morte"
Ovidio I, 149
  1. Hesíodo: Trabajos y días, 110-202.
  2. E Platón concreta que en Ática (Graves, px. 44, citando a Platón: Menexenus 6-7).
  3. Pausanias IX, 33.5.
  4. Franco Llopis, px. 157-158.
  5. Hesíodo: Trabajos y días 57-58.
  6. Para Hesíodo, tratábase dunha gran xerra, outras fontes falan dunha caixa (a caixa de Pandora).
  7. Nótese a similitude do mito con Eva, á que tamén se considera a orixe de tódolos males humanos.
  8. Lémbrese que Hipnos, o Soño, era irmán da Morte.
  9. Ós que algúns engaden algúns homes máis que escaparan ós cumes das montañas.
  10. Aidós e Némese son dúas divindades que deteñen a maldade, unha desde dentro do corazón e outra desde fóra.
  11. Trabajos y días 181.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar